|
O BNG insta ao Alcalde a informar aos veciñ@s sobre a futura estación de gas natural na Guarda
"Dende o BNG instan ao Alcalde a que facilite o expediente e un técnico que resolva as dúbidas aos guardeses e guardesas"
O Bloque Nacionalista Galego presentou un escrito no rexistro do concello instando ao Alcalde da Guarda a facilitar o expediente de concesión dunha infraestrutura gasista para distribución de gas natural canalizado para a Guarda, así como asesoramento técnico para informar aos veciñ@s da Guarda.
Esta concesión administrativa é competencia autonómica, polo que o acceso ao expediente para poder examinalo faise máis dificultoso dado que hai que trasladarse a Pontevedra ou a Santiago de Compostela.
"O Alcalde ten que tratar de facilitar o acceso a documentación sobre a futura instalación de gas natural, aínda que sexa unha concesión autonómica", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Ante isto, o BNG considera que o Alcalde e o goberno municipal teñen que facer todo o posíbel para achegar o expediente a calquera persoa que queira examinar o proxecto para poder presentar alegacións sen que teña que afrontar gastos en desprazamentos.
Aberto ata o 1 de febreiro o prazo para que grupos e artistas da Guarda soliciten a inscrición no programa PONTEGAL
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para presentar as solicitudes de inscrición no programa Pontegal 2017. O prazo estará aberto do 3 de xaneiro ao día 1 de febreiro. Ata esa data, os grupos e artistas poderán solicitar a súa inclusión no programa Pontegal 2017, para o cal deberán entregar o formulario de solicitude cumprimentado e achegar a documentación solicitada de acordo coas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Pontegal é un programa a través do cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e asociacións sen ánimo de lucro da provincia na contratación de grupos, compañías e artistas inscritos no programa. No ano pasado contou con 1.346 grupos, compañías e artistas inscritos e se apoiaron 2.595 actuacións organizadas dende concellos e asociacións. Espérase que o número se incremente xa que este ano a aposta polo programa é meirande, cunha partida que ascende dos 700.000€ da edición do ano pasado aos 800.000€ cos que contará Pontegal 2017.
A principal novidade que presenta o programa este ano está na categoría de Teatro, que establece dúas categorías para compañías profesionais e unha para non profesionais. Entre as novidades destaca tamén o aumento das contías que asume a Deputación nas categorías de "audiovisuais", "bandas de gaitas", "grupos de folk", "orquestras clásicas" e "pop-rock".
Ademais, como sempre, os grupos e artistas que participen neste programa se comprometen a utilizar a lingua galega a unha linguaxe non sexistas nas súas actuacións, así como os propios concellos
Todas as asociacións guardesas que non foran incluídas na pasada edición pero queiran saber máis sobre estas axudas para contratar grupos e artistas poden pasarse polo Departamento de Cultura do concello da Guarda e solicitar información ao respecto.
ENLACE ÁS BASES DO PONTEGAL 2017
Torneo baloncesto 3x3 este sábado en Tomiño
O sábado 7 de xaneiro de 2017 terá lugar un torneo de baloncesto 3x3, organizado polo club de baloncesto Miño Basket coa colaboración do Concello de Tomiño. Será no pavillón municipal de Goián, donde haberá premios en metálico máis trofeos para os tres primeiros, e varios premios.
Deporte, accesibilidade e lecer; intereses comúns nos que traballarán xuntos tomiñeses e cerveirenses
" A votación de proxectos rematou o día 31de decembro, coa participación de máis de 200 electores de ambos concellos limítrofes
Tomiñeses e cerveirenses levarán a cabo de maneira conxunta proxectos relacionados co deporte, a accesibilidade e o lecer. Así o decidiron, no marco do primeiro Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), os máis de 200 votantes de ambos concellos, a través dun proceso de votación telemática, cuxo prazo rematou o día 31 de decembro de 2016.
Cerveirenses e tomiñenses, maiores de 18 anos e electores nos seus respectivos concellos, escolleron de entre seis, tres proxectos que se levarán a cabo de forma conxunta, un por cada categoría de intervención: Cultura, Educación e Acción social.
No eido da Educación, os votantes escolleron por maioría a celebración do "1º Campus Deportivo Cerveira-Tomiño". A proposta que se levará a cabo, logo de que así o proclame o Comité de Xestión Estratéxica (formado polos alcaldes e técnicos), ten coma obxectivo "educar en valores de tolerancia, cooperación, interculturalidade e repecto entre nenos e nenas de ambas vilas; fomentar o coñecemento cultural e social mutuo, o deporte saudable e a competitividade sen violencia". As actividades previstas (torneos entre colexios, fútbol, natación, piragüismo, senderismo, etc.), desenvolveranse entre os meses de xaneiro e xullo de 2017.
No eido da Acción Social, o proxecto máis votado foi o "Programa transfronteirizo para a información, apoio e visibilidade das problemáticas de accesibilidade", co obxectivo de "Concienciar sobre as problemáticas de exclusión motivadas por discapacidades físicas e intelectuais, e aumentar a información e o coñecemento mutuo da problemática en ambos concellos". Entre as accións programadas atópase a realización dun inventario de obras de eliminación de barreiras físicas, sensoriais e cognitivas; xornadas de sensibilización; proxecto roteiro transfronteirizo accesible e punto de información transfronteirizo.
Por último, na área de Cultura, a proposta máis votada foi "Festa da Amizade Tomiño-Cerveira". O proxecto contempla distintas intervencións para a "dinamización artística, cultural e deportiva dos dous concellos e o fomento do intercambio artístico-cultural". Actividades musicais, rutas de remo e canoa; tertulias, arte urbana e celebración do "Aniversario Amizade Cerveira-Tomiño", son algunhas das accións englobadas neste proxecto.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) é unha novidosa experiencia de cooperación, enmarcada dentro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño 2014-2020; un proxecto piloto de "Promoción da participación pública e de Cidadanía Transfronteiriza", que forma parte dunha candidatura conxunta dos dous concellos, á primeira convocatoria de proxectos de cooperación transfronteiriza financiados polo Programa Operativo de Cooperación España Portugal (POCTEP) fondos FEDER.
Corenta nenos e nenas benefícianse de apoio escolar e psicolóxico dentro do programa "É Aprender", que chega a súa 5ª edición
" Son cinco as parroquias nas que se imparte a actividade, en grupos reducidos e con persoal cualificado, contratado polo Concello e Deputación
" As inscricións fixéronse a través dos centros educativos, que colaboraron co Concello
O Concello de Tomiño organiza, un ano máis, o programa de reforzo escolar gratuíto "É aprender". Un proxecto educativo que chega a súa 5ª edición como ferramenta de apoio ao estudo, desenvolvemento do pensamento crítico e habilidades emocionais, para alumnado da ESO e ciclo superior de Primaria. A día de hoxe asisten uns corenta nenos e nenas; 11 deles de Secundaria e o resto de Primaria. As inscricións fixéronse a través dos centros educativos, que colaboraron co Concello.
Coa colaboración do IES de Tomiño, a Concellalía de Educación, que dirixe a alcaldesa Sandra González puxo en marcha o programa o mes pasado, con algunhas novidades coma, por exemplo, a contratación de persoal cualificado que se ocupa de coordinar a actividade, asistindo a cada un dos espazos educativos, en cinco parroquias (Tebra, Barrantes, Currás, Goián e Tomiño) co propósito de achegar todo o posible o servizo ás familias que o necesitan.
Os espazos para o alumnado este ano son Casa Cultural de Santa María de Tebra, Casa da Cultura de Tomiño, a Escola Obradoiro de Goián, Pavillón Multiusos de Barrantes e Local da asociación veciñal de Currás. Os horarios están organizados en función do lugar e os estudantes traballan en grupos separados segundo o nivel. As clases impártense de luns a xoves de 16h00 a 18h20 e de 18.20 a 20.20.
Coma en anos anteriores, neste tamén procedeuse á contratación dunha psicóloga externa, que presta apoio psicopedagóxico, así coma dunha docente (contratada a través da Deputación).
Asemade, o programa conta cun novo grupo de voluntariado, altamente cualificado, que traballa conxuntamente en todos os espazos e utilizando os mesmos criterios.
A iniciativa, pioneira na comarca, destina dúas horas de apoio escolar á semana a cada un dos grupos. Na primeira hora lévanse a cabo tarefas escolares e na segunda, actividades destinadas a traballar aspectos coma a atención, a motivación, a autoestima, a resolución de conflitos, etc.
O "É aprender" ten colleitado diversos éxitos e ten acadada repercusión fora do Concello. No ano 2014 Unicef premiou ao Concello de Tomiño no Certame de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal polo seu traballo a prol da educación.
A alcaldesa de Tomiño e responsable da área de Educación, salienta o esforzo do Concello por garantir unha educación de calidade a todas as familias do municipio, independentemente da súa situación socio económica.
A rexedora lembra tamén a importancia de poder coa axuda dunha psicóloga e terapeuta familiar, que fai intervencións con familias de mozos e mozas do IES e resto de asistentes ao Ë Aprender "facilitando a aquelas familias que requiran atención especializada o acceso gratuíto ao servizo, sen ter que ser derivados ao SERGAS, cando non sexa necesario".
As familias interesadas aínda están a tempo de inscribirse, dirixíndose ao correo electrónico omix@tomino.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Tomiño.
A Área Panorámica acollerá o 14 e 15 de xaneiro a II Mostra da Camelia Cidade de Tui
A inscrición para participar neste evento coma expositor está aberto ata o próximo luns día 9
A Sala de Exposicións Municipal de Tui, no edificio da Área Panorámica, acollerá o sábado 14 e o domingo 15 de xaneiro a II Mostra da Camelia Cidade de Tui organizada polo concello de Tui coa colaboración dun grupo de persoas amantes da camelia coma son Mª José Fernández, Fernando Da Costa, José Carlos Montes e Antonio Luís Montes, así coma da Deputación de Pontevedra e da Sociedade Española da Camelia.
Ata o próximo luns día 9 está aberto o prazo de inscrición para todos aqueles que desexen participar amosando os seus exemplares, flores, ou centros para o que o deben pórse en contacto co 666 837 501, 667 911 477 ou 649 899 544 comunicando os seus datos e tamaño da mesa de exposición que coma máximo será de 4 metros cadrados.
A inauguración da Mostra terá lugar o sábado ás 12.30h e poderá visitarse o sábado de 16.30h a 20.30h e o domingo de 10 a 14h e de 16 a 20h. A I Mostra da Camelia Cidade de Tui celebra hai un ano fora todo un éxito tanto no que se refire á exposición de flores, centros, e produtos relacionados coa camelia coma en asistencia de público.
A Camelia adorna espazos públicos de Tui
Dende hai unhas semanas trinta e cinco exemplares de camelias locen en distintos espazos públicos de Tui tras ser doados por uns particulares, Mª José Fernández Castiñeira e Fernando Da Costa, ao concello. En concreto parte das camelias plantáronse nos novos maceteiros distribuídos polo casco urbano, e outros de maior tamaño na área de autocaravanas na rúa Martínez Padín. Dende o Concello quérese agradecer a este participar a doazón realizada, ao tempo que solicitan a colaboración cidadá no coidado e respecto desta plantas.
|