"Dende o BNG faise un chamamento a toda a cidadanía para que apoie e asista á manifestación do 17 de maio en defensa da lingua galega en Santiago de Compostela"
O portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba, presentou no rexistro do concello unha moción en defensa da Lingua Galega para ser debatida no próximo pleno ordinario de maio.
Para o BNG resulta evidente que o proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua.
Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores -políticos e mediáticos- que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.
Un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego.
Para o BNG resulta preocupante as declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que supoñen un ataque contra do galego e mesmo poden supoñer un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra de acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos de uso.
A formación nacionalista solicita un posicionamento claro e contundente a prol do galego na liña dos acordos adoptados no Parlamento Galego, apoiar o 'Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego'.
Dende o BNG faise un chamamento a toda a cidadanía para que apoie e asista á manifestación que se vai celebrar o próximo domingo 17 de maio en Santiago de Compostela, coincidindo co Día das Letras Galegas, en Defensa do Idioma Galego.