www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional -
Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

O Alcalde da Guarda e o Presidente da Cámara de Comercio de Tui fanse eco das demandas de mellora nas comunicacións das empresas da Pasaxe

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, visitaron este venres 24 de marzo a empresa Mecalia para reunirse con representantes das empresas da zona Pasaxe que demandan melloras nas súas infraestruturas de comunicación.

Neste encontro, no que se reuniron con representantes dos Estaleiros Joaquín Castro, da empresa Suministros Navais Santa Tecla e de Mecalia, expúxose a problemática que teñen debido ás deficiencia nas comunicacións tanto de transmisión de datos como de telefonía, cunha velocidade real na súa conexión que é moito menor á contratada e cunha telefonía móbil que non chega a 3G. É unha situación que xa supón un problema para un particular, canto máis para unhas empresas deste tamaño.

Ante esta situación tanto o Alcalde da Guarda como o Presidente da Cámara de Comercio de Tui amosaron a súa completa disposición para buscar unha solución, o máis rápido posible, a un grave problema que impide que as empresas podan desenvolver con normalidade a súa actividade diaria.

Na reunión decidiuse, a proposta do Presidente da Cámara de Comercio e co total apoio do Alcalde, contratar un técnico experto que a vindeira semana realice un un estudio e diagnóstico completo da problemática e que poda explorar as posibilidades e asesorar na busca de solucións. Tras este diagnóstico, nos próximos días, volveranse a reunir para valorar o informe do técnico, decidir cal é a mellor solución e poñela en marcha canto antes para que estas empresas conten cunhas comunicacións acordes ao seu tamaño e aos tempos que corren.

Municipio de A Guarda


A Guarda acolle unha charla sobre a situación dos refuxiados sirios contada en primeira persoa

O vindeiro xoves 30 de marzo o Centro Cultural da Guarda acollerá, ás 20'30 horas, unha charla sobre a situación dos refuxiados sirios, "A historia de Ahmad contada en primeira persoa".

Ao cargo desta charla estará Ahmad, que contará a súa historia en primeira persoa; a historia dun home de procedencia siria que tivo que deixar o seu traballo, a súa familia, o seu fogar e a súa vida normal ante o estalido dun conflito armado que o levou a vivir en varios campos de refuxiados en Grecia.

A través da súa propia experiencia, do que viviu, o que viu e o que lle contaron nestes campos de refuxiados, Ahmad ofrecerá aos asistentes unha visión única e de primeira man das consecuencias que se derivan do conflito armado que está a acontecer nestes intres en Siria. Nesta charla falará da situación do seu país, as causas da guerra, a situación dos campos de refuxiados en Europa e as condicións de vida nestes; así como sobre a Política da Unión Europea con respecto a este problema humanitario.

Ahmad leva uns meses vivindo na Coruña pero desexa seguir concienciando e centrando a atención no que está a ocorrer no seu país, mediante as súas propias vivencias. Dende o Concello da Guarda convídase a todos os veciños, veciñas e visitantes a achegarse a coñecer a Ahmad, a súa historia e a de milleiros de refuxiados que se ven obrigados a deixar os seus fogares a través da visión persoal dun deles.

Municipio de A Guarda


Deu comezo o obradoiro de cociña sobre a elaboración de chocolates na Guarda

O obradoiro de cociña sobre a elaboración de chocolates que organiza a OMIX da Guarda, dependente da Concellería de Xuventude, dentro da súa programación formativa para 2017 iniciouse a pasada semana.

Os 16 alumnos e alumnas están aprendendo a realizar chocolates con froitos secos, chocolates con crema e froita, pralinés e bombóns ou filigranas e decoracións, entre outras deliciosas creacións.

O obradoiro xa se desenvolveu os días 15 e 22 de marzo cunha gran acollida e satisfacción entre os participantes e rematará a vindeira semana, o mércores 29 de marzo.

Municipio de A Guarda


Prazo para as solicitudes no Programa BENESTAR EN BALNEARIOS

O Departamento de servizos sociais do concello de A Guarda informa que está aberto o prazo para as solicitudes no Programa BENESTAR EN BALNEARIOS da Xunta de Galicia ata o próximo día 17 de abril 2017.

Requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer alteración do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos , nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou, se fose o caso, da parella de feito ou persoa con que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do punto primeiro e con fillo/a con grao de discapacidade que se poida desprazar con autonomía.

Municipio de A Guarda


O Concello da Guarda adhírese un ano máis ás reivindicacións da Hora do Planeta

Dende o ano 2007 a organización WWF ven impulsando a campaña da Hora do Planeta como un gran evento a nivel mundial que busca concienciar sobre a situación do medio ambiente e facer unha chamada á acción na loita contra o cambio climático.

A Hora do Planeta celebrarase este sábado 25 de marzo de 20'30 a 21'30 horas e un ano máis o Concello da Guarda amosa o seu apoio nesta defensa do medio ambiente e súmase ás reivindicacións desta campaña co apagado simbólico das luces da Praza do Reló.

Dende o Concello convídase a todos os veciños e veciñas a apoiar esta iniciativa e achegarse durante esa hora á Praza do Reló para axudar a visibilizar unha problemática que afecta a todos os cidadáns e cidadás e ao futuro conxunto do noso planeta.

Concello de A Guarda



O padroado dálle os parabéns á proposta Porta do Trega

No pleno do padroado celebrado o mércores 22 de marzo debateuse a proposta de remodelación do espazo de recepción de visitantes e caseta de cobro de acceso ao Trega. Esta actuación, que xa recibira os parabéns da Comisión permanente, formada polas Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos e polo Concello, foi aprobada por unanimidade dos membros presentes do pleno do padroado.

Fai uns meses a Comisión permanente decidiu encargar a redacción desta proposta ao arquitecto guardés Mauro Lomba, proposta que el mesmo tivo a oportunidade de presentar a todos os membros do padroado.

Basicamente a proposta do arquitecto consiste na construción dunha nova caseta de cobro cos espazos adecuados para o desenvolvemento do traballo que controlará os tres carrís da estrada que sube ao monte; un para o control de visitantes, un carril de servizo para as persoas que suban a desenvolver o seu traballo e profesionais de reparto e un carril de baixada. Na zona do "atallo" peonil máis próxima á caseta proponse a instalación de dúas pequenas edificacións: unha que sirva de zona de recepción e información ás persoas que soben a pé ao Trega e a outra para servizo do encargado da caseta.

Estas edificacións, que distan algo máis de 100 metros, irán unidas por unha lámina que quedará perfectamente integrada no bosque e que simboliza a porta de entrada a unha das iconas da paisaxe e do patrimonio máis importantes de Galicia. A obra deberá contemplar a rexeneración forestal con especies autóctonas do ámbito de actuación.

A partir de agora comeza a fase de redacción deste proxecto que está financiado pola Dirección Xeral de Turismo que ten unha reserva de 200.000€ para invertir no Trega este ano 2017.

Concello de A Guarda



Vólvese a organizar a 'Ruta do pincho da lamprea do Miño' este ano 2017

A "Ruta do pincho da lamprea do Miño" xurdiu en 2014 da inquietude dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar a Lamprea do Miño entre o público como un pincho a un prezo alcanzable.

Moitos só conciben a lamprea como o prato principal nunha celebración especial polo que esta ruta é unha excelente oportunidade para degustar a lamprea como un aperitivo que acompañe ó viño e á boa compañía. Ademais a ruta tamén facilita que proben a lamprea aqueles interesados en coñecer o seu sabor.

Esta ruta tivo unha excelente acollida nas primeiras edicións polo que este ano volvese a organizar a pesar de que no comezo desta temporada houbo poucas capturas. Por esta razón o viveirista e os pescadores do Miño da Guarda seguen apostando pola promoción da lamprea coa colaboración dos restaurantes e bares.

Antes do peche da temporada da captura da lamprea celebrarase esta ruta durante catro días repartidos durante o próximos fines de semana: o sábado 1 e domingo 2 e o sábado 8 e domingo 9 de abril. Polo que veciños da Guarda, visitantes e turistas poderán degustar do pincho da Lamprea do Miño de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas a un prezo único de 2 €.

Cada restaurador ten liberdade na creación da súa proposta tendo en conta que o sabor da lamprea dominará nun pincho de calidade e para fomentar esta calidade este ano volvese a organizar o Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño entre os restaurantes e bares adheridos. Os responsables de escoller o establecemento co mellor pincho serán os participantes puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais de coñecer as valoracións dos restaurantes, as papeletas permitirán coñecer un número aproximado de pinchos servidos.

Para premiar a fidelidade dos participantes haberá un sorteo de agasallos entre todas as papeletas depositadas nas urnas. Os 8 restaurantes e bares disporán de papeletas e urnas para facilitar a participación na elección do Mellor Pincho de Lamprea do Miño 2017.

Coñecedes a lamprea?

Neste 2017 a novidade foi achegar a pesca da lamprea aos escolares da Guarda. Polo que dende a Concelleria de Turismo organizouse a actividade didáctica de "Coñecedes a lamprea?" dirixida aos alumnos de 6º de primaria. Durante unha hora os nenos atenderon ás explicación de dous expertos pero xoves pescadores do río Miño, Héctor Morais López e Ismael Sousa Alfonso que amosaron aos nenos a pesca no río Miño e, en especial, da lamprea que agora mesmo atópase en temporada. Máis de 50 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe "As Solanas Nicolas Guiterrez Campo, CEIP Manuel Rodríguez Sinde e do CPR San José que pecharon esta xornada asistiron a unha actividade que resultou un éxito debido ao interese mostrado polos escolares. Ademais puideron observar as diferentes redes empregan no Miño, as medidas de seguridade esixidas e para coñecer mellor a lamprea houbo unha réplica de lamprea e unha lamprea viva nun viveiro.

Despois da xornada que tivo lugar no Centro Cultural os nenos elaborarán na aula un debuxo coa temática "Desembocadura do Miño e a lamprea". Estes debuxos exporanse nos restaurantes e cafeterías que participan na Ruta do Pincho da Lamprea do Miño".

Concello de A Guarda



Minuto de silencio na Guarda en memoria das vítimas do atentado de Londres

O mércores día 23 de marzo, ás 12 horas, as autoridades e traballadores do concello da Guarda gardaron un minuto de silencio xunto á Casa do Concello, na Praza do Reló, en memoria das vítimas do atentado que tivo lugar este mércores na cidade de Londres.

Onte pola tarde coñecíase o terrible suceso, o atentado que un terrorista causou na capital inglesa este mércores 22 de marzo pola tarde, e que as forzas de seguridade relacionan con ISIS. Polo de agora as autoridades do país comunican que hai 5 vítimas mortais e 29 feridos de distinta gravidade, como consecuencia da acción do atacante que atropelou a varias persoas e atacou a un policía xunto ao Parlamento británico.

O Concello da Guarda quere mostrar con este xesto a súa solidariedade co pobo británico, coas vítimas do terrorismo en todo o mundo e achegar as súas condolencias ás vítimas e familiares das vítimas nestes duros momentos.

Concello de A Guarda



O Museo do Mar da Guarda reabre as súas portas esta fin de semana

Despois de permanecer pechado durante os pasados meses de inverno por razóns de mantemento, esta semana o Museo do Mar da Guarda volve a abrir as súas portas aos visitantes, coincidindo co final da estación e co comezo da primavera.

O horario no que os veciños, veciñas e turistas poderán acceder ao museo será de 11 a 14 horas pola mañá e de 16 a 19 horas na quenda da tarde tanto os sábados, domingos e festivos. O acceso ao museo ten un prezo de 1€, pero as visitas son de balde o primeiro sábado de cada mes.

Dende o Concello da Guarda anímase aos veciños e visitantes a coñecer e redescubrir este museo situado nunha contorna tan especial e que forma parte da Rede de Museos da localidade, que completa o Museo Arqueolóxico de Santa Trega e o Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Castelo de Santa Cruz.

Concello de A Guarda



Unha vintena de artistas luso galaicos renden tributo á figura do espantallo en Tomiño

A exposición poderase visitar en horario de mañá e tarde (no horario habitual do mercado) até o día 30 de abril

O Mercado de Tomiño acollerá a partir do sábado 1 de abril, a exposición "Os Espantallos ao Vento no Camiño", na que participa unha vintena de artistas luso-galaicos. A mostra forma parte do proxecto "Retorno dos coidadores das hortas ao Camiño de Inverno", do rosaleiro Manuel Estévez , e conta coa colaboración do artista tomiñés Basilio Calzado e do Concello de Tomiño.

A iniciativa pretende conseguir a implicación de artistas ou de xente do rural na instalación de espantallos nos sitios próximos á ruta de peregrinación a Compostela, así coma tamén en salas de exposicións no mesmo itinerario.

"Queremos dar a coñecer os pobos polos que transcorre o Camiño de Inverno, e tamén é un xeito de espallar a creatividade e dar a coñecer o desenvolvemento hortícola, histórico, cultural e etnográfico estendido pola ruta", explican os organizadores.

Pensan que os espantallos son máis que unha ferramenta para aledar aos paxaros e queren que volvan a formar parte da paisaxe rural nas hortas que abeiran a ruta'.

Na mostra tomiñesa participarán máis de 20 artistas galegos e portugueses; entre eles, tres tomiñeses (Emilio Cabezas, Luis Oliveira e Basilio Calzado) e tamén persoas do rural que levarán á exposición algún espantallo de palla feito por elas.

Entre os máis destacados do panorama artístico nacional, atópanse o cubano Nelson Villalobos e o vigués Xavier Lemos.

A exposición poderase visitar en horario de mañá e tarde (no horario habitual do mercado) até o día 30 de abril.

Concello de Tomiño



Acto de Difusión do Programa LEADER 2014-2020 do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14

Os alcaldes e alcaldesas dos trece concellos que forman parte do territorio xunto con representantes da Deputación de Pontevedra deron a coñecer de primeira man as peculiaridades do novo Programa LEADER 2014-2020.

A Presidenta do GDR14, Dna. Sandra González Alvarez manifestou as novas posibilidades do LEADER no territorio.

O Sala de Plenos do concello de Nigrán acolleu esta mañá unha reunión dos máximos representantes das entidades locais do territorio xunto con membros da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a convocatoria de axudas do novo período do LEADER 2014-2020.

O alcalde de Nigrán, D. Juan A. González Pérez, como anfitrión, foi o encargado de iniciar o acto de difusión do novo Programa LEADER.

Pola súa banda, a Presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14 e alcaldesa de Tomiño, Dna. Sandra González Alvarez, resaltou as características desta nova etapa onde o grupo xestionará mais de 3 millóns de euros atá o 2020, importe que poderíase ampliar con vistas ao ano 2023.

Nesta presentación o equipo técnico do grupo, salientou as peculiaridades e as diferentes liñas de actuación, facendo fincapé tanto nas actuacións de proxectos produtivos coma non produtivos.

Neste acto tamén se presentou a nova imaxe corporativa da asociación, tendo como relevancia o cambio da denominación social da entidade que foi aprobado a semana pasada pola súa Asemblea Xeral de socios, a cal pasará a denominarse a partir de agora ASOCIACIÓN DE DESENVOLVEMENTO RURAL GALICIA SUROESTE EURURAL.

A difusión do novo Programa LEADER xa está en marcha por todo o territorio do GDR14 formado polos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Garda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño, e Tui.

Concello de Tomiño



Unha perruquería de Goián fai un calendario solidario, e entrega ao Concello un talón de 1.573 euros, para axudar ás familias con menos recursos

-Seguen á venda nos mesmos puntos, outros 500 exemplares ao prezo de 3€ cada un

-O promotor da campaña, salientou a xenerosidade da xente que fixo doacións, independentemente da compra do calendario

Manel Riveiro, propietario dunha perruquería de Goián (Tomiño), foi o impulsor dun calendario solidario, no que participou de forma altruísta máis dunha vintena de clientes, que fixeron as veces de modelos nas sesións fotográficas.

O custe correspondente á venda dos 500 primeiros calendarios (fixeron 1000) foi entregado onte ao Concello de Tomiño, para que este o reparta entre as familias máis necesitadas do municipio. A alcaldesa, Sandra González, acompañada pola concelleira de Servizos Sociais, Cristina Martínez, recibiu a doación, por importe de 1.573,00 euros, e agradeceu a labor de todas as persoas que fixeron posible esta axuda tan importante, que se dedicará a gastos de primeira necesidade, segundo explicou a rexedora.

Manel Riveiro Peluquer@s & Estética contou con moitos colaboradores; fotógrafos, estilistas, deseñadores gráficos e patrocinador. As fotos foron realizadas por Phototeca B&N de A Guarda; Cocktail de Ideas, de Vigo, tivo ao seu cargo o deseño gráfico, e o propietario de Procabelo, Manuel Ferreira, foi o patrocinador da fabricación dos calendarios.

Manel Rivero, indicou que seguen á venda nos mesmos puntos (1) outros 500 exemplares ao prezo de 3 euros cada un. Asemade, o promotor da campaña, salientou a xenerosidade e espontaneidade da xente que fixo doacións, independentemente da compra do calendario.

(1) Puntos de venda:
PHOTOTECA B&N. Rúa Tomiño. A Guarda.
DON BRICO. A Guarda.
MANEL RIVEIRO PELUQUER@S & ESTETICA. Avda. Ordoñez (Goian. Tomiño).
CONFECCIONES ISABEL. Rúa Gondomar. Tomiño .
ADETO. (Oficina en Tomiño).
YOAPEL. Rúa Maristas. Tui.
COKTAIL DE IDEAS. Rúa Hispanidad. Vigo.
ACADEMIA ARTURO. Rúa Oporto. Vigo.
GASTON TATOORTLE. Rúa Manuel Lemos. Ramallosa.

Concello de Tomiño



Tomiño celebra este sábado a súa terceira Gala do Deporte

Entre as novidades desta 3ª gala, figura un premio relacionado cos valores do deporte, o afán de superación deportiva, e o galardón "unha vida adicada o deporte".

O vindeiro sábado, 25 de marzo, celebrarase a III Gala do Deporte en Tomiño. No acto, que terá lugar no Auditorio de Goián, ás 20.30 horas, farase entrega de diferentes premios aos deportistas destacados durante o último ano.

Entre estes galardóns están, coma vén sendo habitual, os de mellor deportista masculino e feminino, e mellor evento deportivo ou deportista con maior proxección de Tomiño.

Entre as novidades desta 3ª gala, figura un premio relacionado cos valores do deporte, o afán de superación deportiva, e o galardón "unha vida adicada o deporte".

Coma nas edicións anteriores, o encargado de presentar a gala, será Terio Carrera, nesta oportunidade, acompañado polo actor "Pepo os Suevos".

Concello de Tomiño



A escritora Montse Fajardo presentou o seu libro "Un cesto de mazás", nun emotivo acto ao que asistiu numeroso público

Os actos, organizados pola Oficina da Igualdade con motivo do Día da Muller, continúan esta semana con actividades e obradoiros para alumnado de primaria e secundaria

Dentro das actividades programadas pola Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño con motivo do Día Internacional da Muller, a xornalista e escritora Montse Fajardo, presentou na noite do pasado venres, nun emotivo acto celebrado no Mercado Municipal, os seus libros "Un cesto de mazás" e "Matriarcas", nas que relata varios casos de mulleres represaliadas no '36 e anos sucesivos.

Acompañaron á escritora, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos; Luis Bará, autor de "Non des a esquecemento".

Segundo as palabras da autora "Un cesto de mazás é unha homenaxe imprescindibel ás vítimas silenciadas da nosa recente historia". A autora reuniu as historias de varias mulleres e nenas que tiveron que seguir adiante, logo de perder a súa familia nos anos da ditadura franquista. "A historia verdadeira empeza cando lles matan aos seus familiares e teñen que sobrevivir e convivir co terror", explicou a escritora.

Por outra banda e continuando co programa de actos organizados por Igualdade, o sábado 18 de marzo, tamén ás 20.30h, no Auditorio de Goián, proxectouse a película "Sicixia", do director Ignacio Vilar, director da exitosa "A Esmorga".

A programación continúa esta semana con actividades e obradoiros dirixidos ao alumnado dos colexios de Primaria e Secundaria do municipio.

Concello de Tomiño



O Concello de Tomiño sae á rúa para escoitar aos veciños e veciñas

A iniciativa "O Concello Escoita" pretende, ademais de informar sobre proxectos que se están a executar, coñecer mellor as necesidades de cada parroquia e tomar nota das propostas veciñais

Continuando coa política de participación cidadá e implicación social promovida dende o Concello de Tomiño, e tras o éxito de participación obtido nas anteriores edicións, o goberno local retoma, a actividade "O Concello Escoita", unha rolda intensiva de xuntanzas informativas polas parroquias do municipio, que comeza mañá, martes 21 de marzo, e na que os representantes do goberno local escoitarán as necesidades e propostas dos cidadáns, informando sobre as obras e proxectos levados a cabo no presente ano.

Logo da presentación da iniciativa e a exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, tal coma as partidas dos orzamentos municipais (gastos e ingresos, proxectos e investimentos previstos, etc.), os responsables do goberno, escoitarán as dúbidas e consultas dos veciños e veciñas, sobre aspectos relativos á parroquia e ao municipio en xeral.

"O goberno local entende que a participación política é unha das prioridades. Queremos un concello dinámico e vivo onde todos e todas esteamos implicados no seu funcionamento, aportemos solucións e coñezamos a súa realidade como administración máis próxima á veciñanza", explica a alcaldesa, quen agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos.

Segundo o calendario de visitas, estas comezan mañá martes, 21 de marzo, en Piñeiro (Casa Cultural, 20.00 hs.) e Sobrada (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.).

Seguirán o mércores 22 de marzo en Estás (Centro Social, 20.00 hs.) e Figueiró (Centro Cultural, 21.30 hs.); xoves 23 de marzo, en Vilameán (Centro Social, 20.00 hs.) e Santa M.ª de Tebra (Centro Cultural, 21.30 hs.); luns 27 de marzo, en Amorín (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Currás (Casa da Comunidade de Montes. 21.30 hs.); martes 28 de marzo, en San Salvador de Tebra (Centro Social. 20.00 hs.) e Taborda (Unión del Porvenir. 21.30 hs.); mércores 29 de marzo, en Forcadela (Casa dos Mestres. 20.00 hs.); xoves 30 de marzo, en Pinzás (Centro Social. 20.00 hs.) e Barrantes (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.); luns 3 de abril, en Tomiño (Casa da Cultura. 20.00 hs.) e martes 4 de abril, en Goián (Centro Goianés. 20.00 hs.).

Concello de Tomiño



O Consorcio de Augas do Louro constrúe un novo depósito de auga potable no barrio do monte en Caldelas

O Consorcio de Augas do Louro vén de poñer en funcionamento recentemente un novo depósito de auga potable en Caldelas, Tui. O investimento, realizado con fondos propios do Consorcio, resolve unha demanda dos veciños do Barrio do Monte que se remonta a 2011 e que non puido ser executada ata agora por falta de dispoñibilidade dos terreos e da correspondente partida orzamentaria.

Concello de Tui



Por quinto ano consecutivo Tui súmase á Hora do Planeta

O sábado 25 de 20.30h a 21.30h apagarase a iluminación da Catedral

O Concello de Tui súmase por quinto ano consecutivo á Hora do Planeta que este ano se celebra baixo o tela "O planeta primeiro, que ninguén te pare". Trátase dunha iniciativa da ONG WWF coa que se pretende concienciar sobre o cambio climático e amosar o compromiso coa defensa do medio ambiente.

Como acto simbólico este sábado, 25 de marzo, de 20.30h a 21.30h apagarase a iluminación da Catedral de Santa María, como o monumento máis emblemático da cidade. Dende o Concello de Tui faise un chamamento á cidadanía a sumarse a esta campaña e apagar tamén as luces este sábado de 20.30h a 21.30h.

Tui é unha das 350 cidades que se teñen sumado en España a esta campaña neste 2017 apagando os seus edificios ou monumento máis emblemáticos.

Concello de Tui



A dixitalización do rexistro primeiro paso cara a implantación da administración electrónica

Toda a documentación que se presente por rexistro de entrada será dixitalizada

Dende 22 de marzo, toda a documentación que se presente por rexistro de entrada no Concello de Tui pasará a estar dixitalizada. Co posta en marcha do rexistro electrónico dáse o primeiro paso de cara a implantación da administración electrónica no concello tudense. O seguinte proceso será o inicio do xestor de expedientes, o mércores 29 deste mes, proseguindo nas próximas semanas nos distintos servizos ata completarse o cento por cento dos departamentos.

A implantación da administración electrónica, que se realiza a través da plataforma Xestiona desenvolvida pola empresa esPublico, permitirá axilizar os trámites coa administración municipal sen ter que desprazarse fisicamente ata a casa do concello, ao tempo que supón un gran cambio na organización interna, conlevará unha mellor comunicación entre departamentos, e maior transparencia.

O pasado venres responsables de esPublico fixeron a presentación pública da ferramenta a empregar aos traballadores municipais e membros do equipo de goberno, e dende este luns están a realizar consultorías con cada departamento para coñecer os procesos que realizan e as necesidades que teñen de cara a implantación da nova tramitación. Tamén se realizarán posteriormente xornadas de formación para os empregados municipais no uso de Xestiona.

Unha vez a administración electrónica estea completamente implantada os cidadáns poderán dirixirse de forma telemática ao Concello e recibir a información solicitada do mesmo xeito. Para iso será preciso que conten co DNI electrónico ou un certificado electrónico para poder acreditar a súa identidade. De feito as empresas, asociacións e cidadáns autónomos colexiados deberán empregar, unha vez estea en funcionamento, a vía telemática na comunicación coa entidade municipal.

Concello de Tui



Tui contará cunha das seis unidades de atención ao alzheimer de Galicia

É froito da colaboración entre Concello, Xunta e Afaga, e incluirá tamén un programa de prevención

Tui contará cunha das seis unidades de atención ao Alzheimer que haberá en Galicia. Será na antiga Escola de Chans, en Randufe, onde xa viña prestando atención a estes doentes AFAGA, a Asociación de Familiares de Alzheimer. Grazas á ampliación do convenio asinado co Concello de Tui, que incrementa a cinco anos o tempo de cesión das instalacións e abrangue o edificio ao completo, é posible realizar este novo servizo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Servizos Sociais, Laureano Alonso, a xefa de territorial de Política Social, Marta Iglesias, Carmen Calviño, subdirectora xeral de recursos residencias, e Ignacio Martínez xefe de servizo, e Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro destacou que o de hoxe é un día importancia porque se fai público o anuncio de que un servizo básico e esencial que se presta as persoas con alzheimer se vai a ver mellorado no Concello de Tui. Avanzou amais que co obxectivo de seguir mellorando, sobre todo en instalacións, ao pleno deste mes levarán un expediente de crédito con cargo ao remanente de tesourería por importe de 480 mil euros para urbanizar inicialmente a finca Lagarteira, co obxectivo de pór os terreos a dispor da Xunta para a construción dun centro de día e tamén dun novo colexio. Mentres o concelleiro de Servizos Sociais, Laureano Alonso, fixo fincapé na importancia do convenio que agora se amplía e que forma parte do proceso de mellora dos servizos sociais no municipio iniciado en 2015.

Marta Iglesias, xefa territorial de Política Social, salientou que Tui contará cunha das 6 novas unidades de Estimulación Precoz que se poñen en marcha en Galicia na que se ofertarán 10 prazas cunha atención de 45 horas ao mes. Destacou que se trata dun servizo moi importante para os doentes que están na fase inicial da enfermidade que reciben unha atención individualizada.

O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, agradeceu á Xunta e o ao Concello a colaboración para poder prestar máis recursos para mellorar a calidade de vida dos enfermos e das súas familias. Salientou amais que Tui é un lugar estratéxico polo amplo ámbito territorial que abrangue así coma pola oportunidade que supón o proxecto de Eurocidade. O obxectivo é continuar co traballo que realizaban xa de atención nas fases iniciais do Alzheimer e facelo agora tamén na prevención.

Deste xeito AFAGA ampliará os servizos que realiza en Tui pasando dos dez usuarios actuais, a un total de 20, e de dous días a semana a cinco días. Amais porán en marcha un programa de atención da primeira fase do Alzheimer e amais un programa de prevención titulado "Activa a túa mente".

Concello de Tui



Este mércores comezou Play-Doc cunha trintena de proxección e actividades paralelas

O alcalde de Tui salientou que Play-Doc é unha marcha que nos internacionaliza

O mércores, 22 de marzo, ás 20.30h, no Teatro Municipal de Tui foi inaugurada de xeito oficial a décimo terceira edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui. Un festival de referencia a nivel galego, nacional e internacional que foi presentado esta mañá na sala de prensa da Área Panorámica polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o deputado de Cultura, Xosé Leal, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e os directores do festival Sara García e Ángel Sánchez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou que Play-Doc é un dos eventos destacados que se realizan dentro da ampla e variada programación cultural da cidade. Estamos a falar, dicía o mandatario tudense, dun "festival que converte a Tui durante uns días na capital do audiovisual galego, o que para nós é todo un orgullo". Enrique Cabaleiro explicaba amais que Play-Doc é "unha marca que nos internacionalizada" o que significa moito pola repercusión que ten a nivel nacional e internacional.

Jacobo Sutil, director da AGADIC, na súa intervención aludiu á completa programación que ofrece Play-Doc dende as proxeccións, ás actividades paralelas coma os concertos ou a película colaborativa, referíndose tamén aos doce documentais galegos que se van proxectar e a presenza das obras de Dominic Gagnon - a quen Play-Doc dedica a súa restrospectiva este ano - na programación do CGAI. Ao tempo indicaba que este é un dos festivais que apoia a Xunta de Galicia. Mentres o deputado de Cultura, Xosé Leal, resaltou que Play-Doc é un referente no eido audiovisual pola súa especificidade, destacando o seu espírito crítico, cun cinema comprometido.

Sara García, directora de Play-Doc xunto a Ángel Sánchez, manifestou que están especialmente orgullosos desta edición de 2017 porque contan con colaboración externas que teñen enriquecido o festival. Ofrecerán unha trintena de sesións cunha programación que cualificou de "diversa e coherente" que conforma un festival a "escala humana" con moita enerxía, vitalidade e moi libre. Salientou amais o feito de realizar a primeira retrospectiva en España de Dominic Gagnon, xunto as estreas mundiais que realizarán, presentacións de óperas primas e mesmo proxeccións de películas inéditas. Mentres Ángel Sánchez sinalaba que falamos "dunha programación incrible, propia dun gran festival, pero cunhas dimensións reducidas". Ao tempo salientaba que queren "chamar a atención ao mundo enteiro de que aquí en Galicia hai unha sede para este tipo de cinema, para un proxecto cultural alternativo, e que o fai con éxito, rigor e coa ambición de lograr un espazo importante en Galicia para un xénero que ten en Galicia unha capacidade e unha vitalidade enorme" concluíndo que "todo isto non sería posible sen un esforzo colectivo".

Play-Doc comezou ás 20.30h coa sesión inaugural na que se proxectou "On the Bowery" de Lionel Rogosin realizada en 1956, contando en Tui coa presenza do fillo do realizador. Amais haberá un espectáculo de danza "Commutatio" a cargo de Javier Martín, protagonista do documental galego "Quiasma" que se proxectará durante o festival. A partir de aí nas dúas salas do festival, na Área Panorámica, poderemos disfrutar das distintas proxeccións, ás que se suman os concertos previstos para venres e sábado, así coma das catro actividades formativas que este ano se levan a cabo.

A programación completa pódese consultar en www.play-doc.com.

Concello de Tui




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais