|
Resumo do Nadal 2016
Pasado o Nadal, o Fin de Ano e o Día de Reis, é hora de despedir as festas das últimas semanas tras días cheos de agasallos, comidas familiares, música e espírito navideño. Na Guarda este Nadal foi moi especial e intenso, cheo de actividades e un dos anos no que os veciños e veciñas máis participaron no embelecemento das rúas e prazas da vila.
Nesta participación destacou a realización de varios obradoiros de decoración navideña. O primeiro deles, "Un adorno para o Nadal guardés", tivo lugar na derradeira fin de semana de novembro e estivo dirixido aos comerciantes da Guarda e nel unhas trinta persoas realizaron un adorno coa axuda da interiorista Maite Lomba. Ademais, para todos aqueles que non puideron asistir a esta cita, dende o concello realizouse un video titorial explicando como realizalo que se colgou en Redes Sociais e na web do concello para que todo o que quixese puidese facer o adorno na súa casa.
No mes de decembro foron os nenos e nenas da vila os que axudaron na decoración navideña, con tres obradoiros organizados dende a Concellería de Cultura. En cada un destes axudaron a decorar un lugar destacado da vila. No primeiro decoraron as escaleiras do edificio do concello; no segundo, a Praza de Abastos da vila e no último prepararon a Casa dos Alonsos para a Recepción dos Reis Magos do pasado 5 de xaneiro. Neste pasado mes tamén houbo unha sesión de Contos Contados especialmente adicada ao Nadal, que contou cun obradoiro para decorar a árbore de Nadal que estivo durante todas as festas na Biblioteca Municipal.
No caso das principais prazas da vila, o concello convidou ás asociacións a ser tamén protagonistas do nadal guardés e, como en anos anteriores, lanzou a campaña "Decora o teu Nadal". Xamaraina, San Xerome, Sporting Guardés, Vento Mareiro, Sopa de Sobre e Avelaíña foron as seis asociacións que decoraron as prazas da vila con destacadas creacións inspiradas pola música, as tradicións navideñas e a temática da actividade de cada asociación.
Outras das actividades que amenizaron o Nadal guardés foron a caravana do Mercado do Reló que percorreu as rúas durante o mes de decembro, os concertos de Nadal do Conservatorio, de Pandereteiras e de Panxoliñas; as chocolatadas gratuítas que se celebraron os días 22 e 29 de decembro na Praza de Abastos ou a Música nas rúas da man do Coro Fuscalheiro. Tamén houbo cinema, tanto para adultos como filmes familiares e representouse o espectáculo infantil do Mago Rafa e a obra de teatro "O que hai que ver" no Centro Cultural, con gran éxito de público. Ademais destacou como novidade o Chapuzón Navideño que reuniu a familias guardesas na Piscina Municipal a mañá do 31 de decembro para despedir o ano dun xeito divertido e orixinal.
Cabalgata de Reis e Recepción Real
Un dos días máis especiais do Nadal na Guarda e que marcou o final destas festas foi a Cabalgata e a Recepción Real do xoves 5 de xaneiro. Arredor das 18 horas, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente saíron dende a Alameda para percorrer, na tradicional Cabalgata de Reis, as rúas guardesas acompañados de nenos, nenas e familias enteiras que ateigaban as beirrarúas nunha tarde na que acompañou o bo tempo e no que se repartiron arredor de 400 quilos de caramelos, ata chegar á Recepción na Casa dos Alonsos.
Unha vez alí, Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron aos cativos da vila, recolleron as cartas que escribiron e escoitaron os seus desexos.
O Concello da Guarda agradece a todos os veciños e veciñas da localidade a súa participación neste Nadal e desexa a todos os habitantes da vila un próspero ano 2017.
O Concello da Guarda acolle a exposición dos gañadores do X Certame Viaxando ata o 31 de xaneiro
A OMIX da Guarda informa que dende esta segunda semana de xaneiro o edificio do Concello da Guarda alberga a exposición formada polas fotografías participantes no 10º certame fotográfico Viaxando. Este é un concurso organizado polas OMIX da Guarda, O Rosal, Tomiño, Baiona, Gondomar, Salceda de Caselas, Porriño e pola Casa de Xuventude de Tui no que participan mozos e mozas de distintos puntos da xeografía galega e do que este ano resultou gañadora unha moza da Guarda.
A exposición poderá ser visitada no concello ata o 31 de xaneiro de 2017, polo que se anima a tódolos veciños e veciñas a desfrutar destas impresionantes obras e en especial da fotografía gañadora: "La frontera entre el cielo y la tierra", da guardesa Cristina Araujo Acevedo.
Linguaxe de signos e obradoiro de reciclaxe de bixutería, primeiras actividades da OMIX da Guarda para o comezo de 2017
A OMIX do Concello da Guarda, dependente da Concellería de Xuventude, lanza xa a súa primeira proposta de accións formativas e lúdicas para o ano 2017. Os cursos ofertados para estes dous primeiros meses de ano son: linguaxe de signos, curso que repetimos tendo en conta a boa acollida da pasada edición e un obradoiro, dentro da corrente do faino ti mesmo/a, de bixutería de reciclaxe (elaboración de complementos orixinais, diferentes e renovados).
O curso de linguaxe de signos terá unha cota por participante de 25€ e o obradoiro de bixutería será gratuíto. Toda a información e inscricións poderase atopar na OMIX, a través do teléfono 986614546, no mail informacion@aguarda.es ou no perfil de FACEBOOK, a partir do día 9 de xaneiro de 2017.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entregou os premios do concurso Imaxes con Fondo III
O martes 10 de xaneiro, tivo lugar na Federación Galega de Municipios e Provincias a entrega de premios ós gañadores do Certame Imaxes con Fondo III, terceira edición do concurso de fotografía organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este fondo está integrado por 88 concellos, entre os que está A Guarda, e polas deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
O primeiro premio desta edición foi parar ás mans do fotoxornalista vigués Adrián Irago, pola instantánea 'Arribando en Lesbos' que amosa a chegada dun grupo de refuxiados ás costas gregas, convidando a reflexionar sobre o que a diario acontece no Mediterráneo e a corresponsabilidade de Europa na busca dunha solución. Os lucenses Evaristo Pardeiro e María Luz Arias fixéronse co segundo e terceiro posto retratando a cultura hindú e un campo de refuxiados, respectivamente.
Adrián Irago obtén así, como premio, unha viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados pola entidade organizadora. A súa obra foi elixida entre as 84 fotografías presentadas por 35 participantes que concorreron ao concurso Imaxes con Fondo, que nesta edición convidaba a reflexionar sobre a interculturalidade. As obras presentadas foron votadas no Facebook do Fondo Galego e, as quince mellor valoradas foron logo avaliadas polo xurado, conformado por Daniel Fernández, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cartelle; Conchi Pernas, técnica do Concello de Burela; Natalia Monje, da ONGD Ecos do Sur, e o fotoxornalista Felipe Carnotto, gañador de Imaxes con Fondo II.
A Escola Infantil Municipal abre o 11 de xaneiro un proceso extraordinario para cubrir unha praza vacante
O DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DA GUARDA INFORMA:
Que a Escola Infantil Municipal abre o próximo día 11 de xaneiro 2017 un proceso EXTRAORDINARIO para cubrir 1 praza vacante a ½ xornada de tarde na aula de 2-3 anos de idade.
Os pais/nais ou titores dos nenos/as interesados deberán presentar a solicitude do 11 ao 17 de xaneiro.
Para maior información dirixirse o Departamento de servizos sociais do concello da Guarda en horario de 9.00 a 14.00 h.
Os Reis Magos visitaron a Residencia Monte Santa Tecla
O pasado mércores 4 de xaneiro Melchor, Gaspar e Baltasar aproveitaron a súa chegada á vila da Guarda para visitar a Residencia para a Terceira Idade Monte Santa Tecla no día anterior á Cabalgata de Reis.
Cara ás 17'30 horas as Súas Maxestades de Oriente, que foran recibidas previamente polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Servizos Sociais, Tere Vicente, acudiron á residencia para levar uns agasallos e para visitar e escoitar aos homes e mulleres que quixeron intercambiar unhas palabras con eles.
Ademais, a tarde estivo amenizada polo Coro Fuscalheiro e a Charanga os Zanfonos, que acompañaron aos Reis Magos durante a súa visita e animaron a tódolos presentes a unirse a Melchor, Gaspar e Baltasar bailando e desfrutando da música nunha tarde chea de ilusión, diversión e alegría.
Esgotadas as citas dispoñibles para a renovación do DNI nos meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2017 na Guarda
O pasado 20 de decembro de 2016 abriuse o prazo para que os veciños e veciñas da vila solicitasen cita para a renovación do DNI nos meses de xaneiro, febreiro e marzo deste ano 2017.
Debido á alta demanda, dende o concello da Guarda infórmase que as citas que había dispoñibles para renovar o DNI nos tres primeiros meses do ano na Guarda esgotáronse este luns 9 de xaneiro.
Cando se coñezan as vindeiras datas de apertura do prazo para solicitar as citas para renovar o DNI nos seguintes meses comunicarase a través da páxina web do concello ww.aguarda.es .
Unha trintena de tomiñeses busca emprego, despois de rematar estudos de xestión administrativa e mantemento de xardíns
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, fixo entrega este mediodía no Concello, dos certificados de asistencia aos cursos
Trinta persoas desempregadas de Tomiño recolleron hoxe o seu diploma dos cursos do plan AFD, organizados polo Concello durante o último semestre de 2016, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, fixo entrega no Concello dos certificados que habilitan ás persoas a exercer coma empregados en xestión administrativa ou en instalacións de mantemento de xardíns; materias nas que se formaron durante 898 e 508 horas, respectivamente.
Na oportunidade, ademais de entregar os diplomas ás persoas que superaron os cursos, se lles explicou o trámite para a obtención do certificado de profesionalidade, ao que tamén da dereito esta acción formativa.
O Departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Tomiño, informou que algunhas das persoas que fixeron os cursos, xa están contratadas en empresas da zona. As demais, comezarán agora un período de busca intensiva de traballo polas empresas do municipio e comarca.
A alcaldesa de Tomiño, salientou a importancia da preparación adquirida durante os cursos e desexou moita sorte a todas e todos os presentes na súa busca e incorporación ao mercado laboral, ofrecendo ao mesmo tempo o apoio dos servicios municipais de emprego.
Dúas novas medallas de bronce para o judo tomiñés na Copa de España Cadete
Unha vez máis os judokas tomiñeses conseguen medallas a nivel nacional. Nesta ocasión os mozos Yohanna Dá Cuña e Adrián Romeu, do club de judo Baixo Miño da Guarda, alzáronse coa medalla de bronce na COPA DE ESPAÑA CADETE que se celebrou este domingo (8 de xaneiro) en Burgos .
Dá Cuña competiu na categoría de -48 kg, gañando todos os seus combates até meterse en semifinais, proba que perdeu pola mínima penalización, ante a número un do ranking nacional, pero gañando despois o seu combate pola medalla de bronce.
Romeu competiu na categoría de -60kg. Este mozo judoka leva varias copas de España quedándose ás portas das medallas, pero esta vez gañou todos os seus combates até meterse en semifinais, que perdeu do mesmo xeito que a súa compañeira, pola mínima puntuación ante o segundo clasificado do ranking nacional, pero superando un duro combate de medalla de bronce.
Agora ambos os deportistas continúan os seus adestramentos para a súa próxima cita, o 21 de xaneiro, noutra Copa de España en Hondarribia. Desde o club de judo Baixo Miño e mesmo desde o Concello de Tomiño, dáse o parabén a estes dous mozos polo resultado e polo traballo que fan día a día.
Tomiño acada financiación autonómica e europea para controlar a flora exótica invasora na ribeira do Miño
" Nun estudo previo detectáronse 35 especies de plantas exóticas invasoras e 13 potencialmente invasoras, concentradas sobre terreos agrícolas pero tamén no medio natural
" No 2017 continuarán as actuacións con máis intensidade, para o cal se procederá á contratación de persoal desempregado do municipio
Desde hai varios anos, o goberno municipal de Tomiño ten adoptado unha política de recuperación e posta en valor da ribeira do Miño, exemplarizada tanto na restauración e recuperación da Fortaleza de San Lourenzo en Goián, coma na habilitación de sendas peonís, na dotación de paneis e sinalización de carácter interpretativo, ou mesmo na realización dun estudo da biodiversidade de boa parte da área protexida.
Debido ó risco que as plantas invasoras representan para os ecosistemas naturais, no ano 2016 a Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Tomiño presentou un proxecto de inicio de erradicación e control de invasoras dentro dunha convocatoria para Concellos con Zonas de Especial Conservación (ZEC) dentro da Rede Natura 2000. O proxecto foi finalmente aprobado, e financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
O obxectivo é intervir nunha zona de 9 km ó longo do río Miño entre o Espazo Fortaleza e Carregal, o 60% do espazo de ribeira do Miño do Concello, pois trátase do segundo espazo natural de Galicia con maior número de invasoras.
Concretamente, nun estudo previo sobre caracterización e valoración da biodiversidade neste tramo, detectáronse 35 especies de plantas exóticas invasoras e 13 potencialmente invasoras, concentradas sobre terreos agrícolas pero tamén no medio natural.
A finais do ano 2016, realizouse a primeira fase de eliminación de flora exótica invasora na ribeira do Miño. As actuacións consistiron fundamentalmente na eliminación de exemplares de diversos tipos de acacias e robinias. No ano 2017 continuarán as actuacións con máis intensidade, para o cal se procederá á contratación de persoal desempregado de Tomiño.
Máis de 54 mil persoas pasaron durante 2016 pola Oficina Municipal de Turismo de Tui
Do total 42.500 eran turistas e case 12 mil peregrinos. Duplícanse as cifras de 2015
Durante o ano 2016 un total de 54.466 persoas demandaron información turística na Oficina Municipal de Turismo de Tui, situada na praza de San Fernando, e no Punto de Información Turística, na praza da Inmaculada. O balance é moi positivo xa que case duplica a cifra rexistrada en 2015 con 28.082 consultas, cando o período de cómputo foi menor abrindo a oficina só de abril a decembro.
Do total de 54.466 persoas que se achegaron ata estes puntos de información 42.534 foron turistas e 11.932 foron peregrinos. Os meses de maior afluencia foron agosto con 16.019 consultas, xullo con 14.033 e setembro con 9.529. Estas cifras duplican as rexistradas no mesmo período de 2015 cando en agosto houbo 8.121 consultas, 6.902 en xullo e 3.556 en setembro. En canto a procedencia no turismo nacional rexístranse visitas de todas as comunidades autónomas, así coma de Ceuta e Melilla, destacando sobre todo a presenza de madrileños, barceloneses, valencianos e sevillanos. Mentres no internacional houbo turistas de máis de 40 nacionalidades de todos os continentes, pero principalmente de Portugal, Alemaña, Francia e Italia, aínda que tamén doutros lugares coma Tailandia, Xapón, Lituania, ou Sudáfrica.
Cómpre destacar que en 2016 á Oficina Municipal de Turismo situada na praza de San Fernando, que abriu os doce meses do ano. E á mesma sumouse durante os meses estivais o Punto de Información Turística na praza da Inmaculada onde tanto turistas coma peregrinos demandan información sobre aloxamentos, qué visitar, lugares de interese...
No eido turístico cabe mencionar tamén a posta en marcha, xunto con Valença, do tren turístico da Eurocidade que realizou visitas entre as dúas cidades tanto no verán como no Nadal cunha moi boa acollida. Outra das iniciativas desenvolvidas foron as visitas guiadas gratuítas realizadas, por segundo ano consecutivo, entre xuño e decembro ao Tui Xudeu, coa visita por vez primeira á casa de Salomón, e ao Tui Medieval, con rotas específicas tamén ao Tui Fidalgo, Escolar ou polas Cárceres do conxunto histórico. Nestas visitas participaron 4.090 persoas durante os 7 meses en que se celebraron.
Para levar a cabo a promoción da cidade xunto co Obradoiro de Emprego "Descubre Tui" editouse unha guía turística e varios folletos temáticos, e amais a cidade xunto Valença promocionouse nas feiras internacionais de FITUR en Madrid e BTL en Lisboa e na Feira Ibérica de Guarda.
O Camiño Portugués de Santiago rexistrou tamén un importante auxe ao longo de 2016, en concreto segundo os datos feitos públicos pola Oficina de Acollida do Peregrino, nos últimos doce meses 15.159 persoas que obtiveron a Compostela iniciaron o seu camiño en Tui, son 1.360 máis que en 2015. O maior número de peregrinos, 4.027, saíron de Tui en agosto, 3.108 en xullo e 2.501 en setembro. Os meses con menor partida de camiñantes dende Tui foron xaneiro con 61, febreiro con 77 e decembro con 129.
Dende o Concello de Tui nestes 2017 mantense a aposta polo Turismo coma un dos principais polos de atracción da cidade quen de captar non so turistas nacionais senón tamén internacionais. Neste ano o contacto mantido a finais de 2016 cos consignatarios dos cruceiros de Vigo frutificará na presenza na cidade cruceiristas que recalan na cidade olívica ofrecéndolles a visita ao patrimonio arquitectónico, natural e cultural que atesoura a cidade. Manterase a aposta polas visitas guiadas xunto a novas iniciativas das que se irá dando conta.
|