www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional -
Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

O Concello convida aos centros educativos a celebrar o Día Universal dos Dereitos na Infancia

Co lema "Os nenos e nenas tamén temos dereitos" o Concello da Guarda convida a todos os centros escolares do municipio a conmemorar o "Día Universal dos Dereitos na Infancia", que se celebra o venres 20 de novembro.

Nesta campaña de sensibilización o Concello busca que os máis cativos se impliquen e que sexan eles os que reivindiquen os seus dereitos. Así, a proposta da Concellería de Educación é que en cada un dos centros educativos da Guarda os alumnos e as alumnas de dous cursos diferentes creen un mural referente ao tema.

Todas estas creacións serán expostas o propio Día Universal dos Dereitos na Infancia en diferentes espazos da localidade.

A finalidade desta campaña é concienciar a cidadanía sobre a importancia dos dereitos na infancia facendo que eles mesmos sexan os principais protagonistas.

Concello de A Guarda


XORNADA DE MICOLOXÍA A TRAVÉS DA OMIX DO CONCELLO DA GUARDA

A Concellería de Xuventude do Concello da Guarda organiza, coa colaboración da asociación "A Jalleira", unha Xornada Micolóxica o próximo sábado, día 7 de novembro.

Esta xornada estará dividida en dúas partes. A primeira delas desenvolverase a partir das 10 horas e durará ata as 12 horas. Nesta haberá unha parte expositiva na que se falará, por exemplo, da normativa, dos bos usos e costumes no monte ou dos diferentes tipos de cogomelos.

Pola tarde, a partir das 16 horas, levarase a cabo unha saída explicativa.

Para poder participar, as persoas interesadas terán que pasar pola OMIX do Concello ou chamar ao 986614546 para inscribirse, xa que as prazas son limitadas.

Concello de A Guarda


O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez revisan as obras do Codesal

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, xunto co Concelleiro de Medio Ambiente, Paulino Rodríguez, revisaron na mañá de hoxe os traballos que se están levando a cabo na zona do Codesal. Estas obras, forman parte do proxecto "Recuperación da escollera da pista entre a Armona e O Codesal". Esta primeira fase é unha actuación que busca a rehabilitación medioambiental do campo do Codesal.

Nesta visita tamén estiveron responsables de Costas, entre o que se atopaba o técnico Antonio Iglesias.

Neste encontro tanto o alcalde coma o Concelleiro puideron ver in situ os traballos que xa se están levando a cabo, por exemplo, para a ampliación da senda para o paso dos peóns.

Outros proxectos

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, aproveitou esta visita para falar cos responsables de Costas sobre o proxecto de "Acondicionamento da área da Lamiña-Armona".

Neste punto o rexedor guardés volveu a reafirmar a súa proposta de ampliar o areal, crear unha zona de esparcemento e un novo aparcamento na zona da fábrica de Rego.

Antonio Iglesias, atendeu ó alcalde da Guarda e explicou que Costas podería realizar este proxecto por fases.

Así, a primeira das actuacións, sería unha recuperación medioambiental da praia que consistiría nunha retirada de escombros e o recheo coa area dragada do río.

Concello de A Guarda


O concello da Guarda demanda de portos de Galicia actuacións no porto e na pasaxe

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a segunda tenente de alcalde Montserrat Magallanes, tiveron a semana pasada unha reunión en Santiago co presidente de portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, para trasladarlle unha serie de demandas e facelo partícipe de varios proxectos que o concello da Guarda ten a intención de promover na zona portuaria.

En primeiro lugar, o alcalde reclamou unha solución para evitar a libre circulación de vehículos e aparcamento na rúa peonil do porto. Neste punto entregoulle ao presidente un proxecto valorado da instalación dun bolardo retráctil como posible solución. José Durán pospuxo a decisión á valoración por parte dos técnicos comentando que este tema se volvería a tratar, xunto con outros, nunha reunión co xefe da zona sur.

A continuación o alcalde expúxolle o problema da regulación de aparcamentos na rúa do porto no nivel inferior indicando, que en fins de semana e períodos de vacacións, moitos coches aparcan en zonas prohibidas e impiden a fluidez do tráfico. Neste punto non chegaron a unha solución. Diante da suxestión do concello de reforzar a vixilancia José Durán indicou que era imposible dispoñer de máis persoal para o porto da Guarda.

Despois de tratar os problemas de tráfico e aparcamento o alcalde achegoulle o plano de reforma dos contedores soterrados do inicio da rúa do porto que contemplan o xiro das bocas, a recollida do lixo dende a zona rodada, e un muro de illamento coa zona peonil. O alcalde pediulle autorización e colaboración para a mencionada actuación sen conseguir ningún compromiso.

Acto seguido os responsables municipais demandaron a reparación da instalación de alumeado público do paseo marítimo que leva ata o museo do mar. Indicando que este alumeado está fallando continuamente.

O segundo bloque de demandas foron sobre a pasaxe. Solicitaron a revisión e reparación do peirao e da rampla de acceso ao Ferry. E tamén a autorización para volver a utilizar os tiraviras para as embarcacións que o ente portuario mandara retirar. Unha demanda que lle trasladaron os mariñeiros do río que pronto empezarán coa campaña da lamprea.

Por último, o alcalde trasladoulle a intención do concello de redactar un proxecto para ordenar o entorno da atalaia e de acometer o pintado do espigón. Para ambas actuacións pediulle autorización e colaboración. De momento non se comprometeu coa colaboración e respecto as autorizacións, pediulles aos responsables municipais que achegaran un anteproxecto da actuación no entorno da atalaia, antes de tomar unha decisión.

Ao remate da reunión quedaron en que portos organizaría unha xuntanza co xefe da zona sur, Mateo Ruibal, para concretar as actuacións e compromisos do ente público co porto e o concello da Guarda.

Concello de A Guarda


Contos con Miró, da compañía Tarabelos, na Biblioteca Municipal de Tui o vindeiro mércores 18 de novembro

O prazo de inscrición abre mañá sábado 31 de outubro, debido ó número de prazas limitadas

O próximo mércores, 18 de novembro, ás 18h a Biblioteca Pública de Tui organiza unha nova sesión de contacontos, esta vez da man da compañía Tarabelos. O contacontos céntrase na figura e na arte do pintor Joan Miró, polo que a narración virá acompañada da composición dun gran mural inspirado nos debuxos do célebre artista.

A actividade é de balde e está orientada para un máximo de 25 nenos e nenas maiores de 6 anos. Debido ó axustado do aforo, para participar na actividade é necesaria a inscrición previa que pode facerse na propia biblioteca e por correo electrónico en biblioteca@concellotui.com, dende mañá sábado día 31 de outubro.

Concello de Tui


O Concello de Tui informa das axudas a centros deportivos convocadas pola Xunta de Galicia

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 28 de novembro

Poderán beneficiarse das axudas os clubs deportivos ou agrupacións escolares inscritos no Rexistros da Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral para o Deporte aproba as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas.

Poderán ser beneficiarios das subvencións os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e agrupacións deportivas escolares de Galicia, inscritos, en todos os casos, no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas da Secretaría Xeral para o Deporte.

De igual forma, para ser beneficiario destas axudas, é necesario que a entidade estea dada de alta como nas aplicacións tecnolóxicas de "promoción dunha vida activa e saudable" vinculadas co Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia: Galicia Activa: aplicación de recursos, servizos e instalacións deportivas en Galicia (www.galiciactiva.xunta.es) e Plataforma de xestión de plans, programas, actividades e eventos de Galicia saudable (https://galiciasaudable.xunta.es/actividades/).

As subvencións contemplan, no caso dos clubs e sociedades anónimas deportivas, os gastos derivados da súa participación en competicións de carácter oficial, e no caso das agrupacións deportivas escolares, os gastos acometidos pola participación na campaña do deporte escolar da Secretaría Xeral para o Deporte -programa Xogade-.

Os interesados deberán presentar as súas solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), e na Secretaría Xeral para o Deporte (http://deporte.xunta.es/) . Poderase cubrir e imprimir e deberase enviar posteriormente ós servizos provinciais de deportes, no prazo establecido para a súa presentación. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, ata o 28 de novembro.

Concello de Tui


O grupo de Goberno do Concello explica que a renuncia á cesión do Edificio da Aduana foi decisión exclusiva do PP

Esta resolución foi tomada na Xunta de Goberno Local en sesión ordinaria o 2 de outubro de 2014 cos únicos votos do PP

O grupo de Goberno do Concello de Tui informa que a renuncia á cesión do Edificio da Aduana foi decisión exclusiva do PP, tomada na Xunta de Goberno Local o pasado 2 de outubro de 2014. Este comunicado xorde para corrixir a información aparecida en diversos medios de comunicación, nos que se afirma que a renuncia á cesión que facilitou a compra do Edificio da Aduana por parte da Cámara de Comercio de Tui foi apoiada por todas as forzas políticas con representación na corporación municipal no pleno de marzo deste ano.

A resolución tomada polo anterior goberno implica, ademais da cesión do Edificio da Aduana, a renuncia por parte do Concello de Tui a exercer o seu dereito de adquisición preferente.

Sen entrar en valoracións sobre a conveniencia ou non de que sexa a Cámara de Comercio de Tui a que se faga coa propiedade deste edificio, e considerando que pode ser moi positivo para a Cámara, dende o grupo de goberno explican que de manterse a cesión do Ministerio de Fomento ó Concello de Tui, ou de ter mercado o edificio, este local teríase dedicado a acoller diferentes servizos municipais, xa que actualmente existe unha falta de espazo. Engaden ademais que no momento de asinarse a renuncia á cesión por parte do Concello, se lle solicitou ó anterior equipo de goberno formado polo PP que se fixera coa propiedade do terreo da antiga Aduana.

Concello de Tui


O Concello de Tui recomenda cortar e enterrar ou queimar as palmeiras afectadas con picudo vermello

Ó igual que as palmeiras situadas diante do Xulgado, no municipio hai moitas árbores nesta situación

A concellería de Medio Ambiente do Concello de Tui, da man do seu concelleiro, José Martínez Tato, queren alertar ó conxunto da poboación tudense da proliferación da praga do picudo vermello, polo tanto, recomendan que todas as palmeiras afectadas do municipio sexan cortadas, para posteriormente enterralas ou queimalas.

O picudo vermello é un insecto que se alimenta das palmeiras. As femias poñen os ovos agochados en feridas non seladas da árbore, ou entre as bases das follas. Se non se realiza ningún tipo de tratamento ou control, en todos os casos os danos ocasionados pola praga conducen á morte da palmeira afectada dada a elevada poboación que a coloniza. Os síntomas que se poden apreciar nunha árbore enferma son a perda de cor das follas ou o seu decaemento.

Dende a concellería de Medio Ambiente dan conta que hai moitos exemplares afectados no municipio, ó igual que as palmeiras situadas diante do Edificio de Xustiza. Para frear a praga, hai dous tratamentos dispoñibles. O primeiro deles é de elevado custe, e consiste en cortar a árbore e logo queimala. O segundo remedio, cun prezo máis módico, consiste en enterrar a palmeira.

En Tui hai unha empresa especializada que se encarga de cortar a árbore do xardín, e logo trasládaa a un sitio seguro para enterrala finalmente. Para máis información, poden chamar ó teléfono do Concello de Tui, o 986 60 36 25.

Concello de Tui


Novo período de inscricións para a Escola Deportiva de patinaxe da Deputación de Pontevedra

Dado que a Escola Deportiva de patinaxe da Deputación de Pontevedra en Tui dispón de varias prazas dispoñibles nos seus diferentes grupos, o Concello de Tui abrirá un novo prazo de inscrición os días 3, 4 e 5 de novembro. Desta forma, todos os interesados en participar nesta actividade gratuíta terán de novo unha oportunidade para apuntarse nunha Escola que nesta tempada vense realizando no pavillón do CEIP de Rebordáns, impartida polos adestradores do CPA Ribex de Tui.

Para facer a inscrición hai que presentar na secretaría do Concello de Tui, dende ás 09.00 ata as 14.00 horas, a folla de solicitude, debidamente cumplimentada, que poden recoller na mesma secretaría ou descargala na páxina web http://www.depo.es/web/edepo/218.

As prazas outorgaranse por rigoroso orde de inscrición, sendo os niveis, idades e as prazas dispoñibles as seguintes:

o Luns 18.00 a 19.00 horas - 5/6/7 anos - iniciación - 3 prazas
o Luns 19.00 a 20.00 horas - 8/9/10 anos - básico - 5 prazas
o Luns 20.00 a 21.00 horas - 11 a 15 anos - medio - 6 prazas

o Mércores 16.00 a 17.00 horas - 5/6 anos - iniciación - 11 prazas
o Mércores 17.00 a 18.00 horas - 7/8 anos - básico - 4 prazas
o Mércores 18.00 a 19.00 horas - 9/10/11 anos - medio - 8 prazas
o Mércores 19.00 a 20.00 horas - 12/13 anos - medio alto - 5 prazas

Concello de Tui


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais