www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional -
Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

COMBATER O ESTRÉS E A ANSIEDADE"

Ábrese o prazo de inscrición para participar no obradoiro sobre "Técnicas de relaxación, combater o estrés e a ansiedade" que organiza a Asociación Érguete Baixo Miño xunto coa colaboración da Consellería de Sanidade e a Deputación de Pontevedra dentro do Programa "Pensa en ti 2015".

A duración do obradoiro é de 30 horas que abarcarán dende o 27 de maio ao 29 de xullo, en horario de 19:00 a 22:00 h.tarde todos os mércores.

A actividade realizarase no local social da Asociación Érguete Baixo Miño cun custe total de 6 euros.

As persoas interesadas poderán solicitar máis información na r/Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda (Pontevedra), no teléfono 986 614 407 ou no e-mail info@erguete.org

Érguete Baixo Miño


PRESENTACIÓN DO LIBRO “LAS GUARDIAS DE ESPAÑA Y PORTUGAL” DO FOTÓGRAFO LAUREANO GÓMEZ

Este viernes, no Concello da Guarda, tivo lugar a presentación do libro “Las Guardias de España y Portugal”, do fotógrafo Laureano Gómez.

Este libro, a través de moitas imaxes e textos, presenta unha ruta dos cinco municipios españois e portugueses máis destacados que se chaman “La Guardia”. Así, o libro recorre A Guarda, en Pontevedra, Guarda en Portugal, La Guardia en Álava, en Toledo e a quinta en Jaén. Gómez mostra a través das súas imaxes todos os encantos dos distintos pobos e invita a coñecer cada un deles.

Na presentación estiveron presentes tanto o autor do libro coma a súa colaboradora Toñi Hermosilla, e o alcalde da Guarda José Manuel Domínguez Freitas, a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes e a Técnico de Turismo, Rosalía Verde. Neste acto, que se repetiu nos distintos municipios con igual topónimo, Gómez quixo dar as gracias pola colaboración ó Concello da Guarda por toda a axuda recibida para que o libro puidese ver a luz. “Estamos falando dun libro moi personalizado, feito con moito cariño e que espero que serva para que moitas persoas coñezan estas localidades tan interesantes”, afirmou o autor.

Pola súa banda, o alcalde, felicitou a Gómez polo seu traballo e agradeceu moito a súa publicación. “Este servirá coma un libro de presentación, un exemplar que axude a coñecer unha ruta moi peculiar”, declarou Freitas. Así mesmo, o alcalde a título persoal, que está interesado en facer a ruta. “É un libro con moito encanto e cunhas fotografías magníficas”, afirmou.

O alcalde non quixo rematar sen destacar ás palabras que Antón Ferreira escribiu no prólogo deste libro. “A Guarda [...] donde el mar y el río, atalayados por el monte de Santa Trega [...], observan a los peregrinos del Camiño Portugués pola Costa”, reza unha das frases escritas por Ferreira.

Pola súa banda a Concelleira de Turismo admitiu que o libro lle agradou “moitísimo” e que espera que teña moito éxito. Magallanes afirmou que esta publicación pode ser o primeiro paso para que todos estes concellos que comparten topónimo podan chegar un día a irmandarse.

Os libros estarán a venta nas librerías e quioscos.

Concello de A Guarda


A actividade “A casa nostra: familia e poder no Trega” inicia os eventos do Día Internacional dos Museos

Este sábado o Concello da Guarda, coa colaboración do Padroado Municipal do Monte Santa Trega, celebra o Día Internacional dos Museos con diferentes actividades gratuítas dirixidas tanto a nenos coma a adultos.

A primeira delas, que leva por nome “A casa nostra: familia e poder no Trega”, comezará as 12,30 no monte Santa Trega. Esta actividade consiste en unha visita guiada que ten por obxectivo mostrar a todos os presentes como se artellaban e se manifestaban as relacións de poder no castro, a través dun percorrido por diferentes unidades familiares. O punto de encontro para comezar a inmersión na historia é a casa reconstruída. Esta visita contará coa colaboración da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim.

Pola tarde, a partir das 17 horas, no Museo do Mar comezará o “Obradoiro de cordas artesanais de cánamo”. Nesta actividade, Enrique Gómez Maya, mostrará a todos os presentes a maneira de fabricalas e tamén os usos que se lle daban e se lle seguen danto a este tipo de cordas.

O programa pechará coa visita “Flora e Fauna no Castelo de Santa Cruz”, a cargo de Manuel Álvarez Vicente e diferentes membros da asociación “A Jalleira”. Nesta actividade, que dará comezo ás 19 horas, os guías explicarán a todos aqueles interesados a historia da fortaleza, o seu importante patrimonio cultural, e a cantidade e moi diferente flora e fauna que convive neste espazo.

Os interesados non precisan ningunha inscrición para participar en cada unha destas actividades, o único que teñen que facer é estar presentes no lugar indicado a hora das visitas.

O Concello espera que moitos veciños e veciñas da localidade e tamén visitantes da Guarda participen no programa preparado para conmemorar o Día Internacional dos Museos.

Concello de A Guarda


UN ANO MÁIS AS PRAIAS DE “O MUÍÑO” E “AREA GRANDE” DA GUARDA CONTARÁN CON BANDEIRA AZUL

Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público hoxe o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.

A praia “Area Grande” luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e dende esa data, todas as tempadas o conseguiu. Pola súa banda, o areal “O Muíño”, renovou a bandeira azul no 2010. Ademais deste diferenciador, este ano, esta praia fluvial, tamén contará co distintivo “Ecoplayas”.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013.

A finais do mes de decembro o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias conseguisen este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente hoxe, publicouse o resultado.

Concello de A Guarda


ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NA ESCOLA DE FAMILIAS “PAIS E NAIS EFICACES”

Ábrese o prazo de inscrición para todos aqueles interesados en participar na “Escola de Familias 2015. Solución de conflitos na infancia e adolescencia”.

As clases estarán impartidas polo psicólogo Esteban Figueirido e terán lugar o 18 e 25 de maio, e 1, 8, 15 e 22 de xuño, en horario de 20,30 a 22 horas, no espazo do CIM.

Todos aqueles que queiran facer a súa inscrición poden dirixirse ó IES “A Sangriña” ou o CIM ata o 15 de maio. As persoas que queiran máis información poden chamar o número 986 61 46 48.

Concello de A Guarda


O CONCELLO REPARTIRÁ LIBROS ENTRE OS NENOS QUE ACUDAN A SESIÓN DE CONTOS TRADICIONAIS QUE TERÁ LUGAR NA FEIRA DO LIBRO

O Concello da Guarda ultima os preparativos para a “Feira do Libro” que terá lugar este domingo, coincidindo co Día das Letras Galegas.

Un atractivo máis para que os veciños e veciñas da localidade e tamén os visitantes, se animen a participar nesta actividade cultural, é o reparto de libros que terá lugar durante a sesión de contos tradicionais a cargo de Andrea Bayer.

Esta actividade, como o resto das programadas para a “Feira do Libro”, celebrarase na Praza do Reló, a partir das 12,30 horas. A todos os nenos que acudan a escoitar os contos na voz de Bayer, o Concello, lles entregará un libro, para animar, unha vez máis, á lectura ós máis pequenos. En total repartiranse 100 exemplares.

Esta é unha das iniciativas programadas, pero hai moitas máis. Así, durante toda a xornada, dende as 11 da mañá, estarán abertos os postos de venta de libros. En total haberá seis librerías, un posto exclusivo do Concello e outro de intercambio. Neste último, todos os interesados poderán cambiar un exemplar seu que estea en boas condicións por outro en igual estado.

Todos os exemplares que se poñan á venda durante este día terán un 20% de desconto.

A partir das 17 horas, comezará un obradoiro infantil, no que os rapaces e rapazas farán manualidades nas que recordarán á figura de Filgueira Valverde. Unha hora máis tarde, comezará a firma de libros a cargo de Elena Gallego, coñecida como J.K. Rowlling galega, por ser a autora da trioloxía de “Dragal”.

Ás 19 horas, comezará o monólogo a cargo de Oswaldo Digon, lugués que recorreu España subido ós escenarios dos teatros e participou no programa televisivo “El club de la comedia”. Ó finalizar este espectáculo, entre as 20 e as 20,30 horas, comezará o sorteo de varios lotes de libros entre aquelas persoas que mercasen libros nos postos colocados na Praza do Reló.

Concello de A Guarda


A HISTORIA DA PARROQUIA DE CAMPOSANCOS ATRAE A DECENAS DE PERSONAS NA TERCEIRA “BARRIOFERENCIA”

A historia da Entidade Local Menor de Camposancos, na Guarda, foi o tema a tratar na terceira “Barrioferencia” organizada polo Concello. Nesta charla, que naceu baixo o nome “O Coto de Camposancos”, falouse da historia e as moitas peculiaridades desta parroquia.

O encargado de abrir a conferencia, que celebrouse na Sociedade “Los Amigos de Camposancos”, foi Antonio Lomba, o Concelleiro de Cultura. Lomba recordou ós presentes -máis de corenta persoas- o porqué destas charlas, recalcando que teñen por obxectivo mostrar os veciños e veciñas da Guarda, as historias e os lugares máis descoñecidos da localidade.

O seguinte en tomar a palabra foi Antonio Rodríguez Portela, veciño de Camposancos, o que tras ler o libro “Crónicas de Camposancos” escrito polo sacerdote García Lago, naceulle a curiosidade pola historia destas terras.

Comezou explicando ós presentes, ademais da situación xeográfica da parroquia, o porqué do seu nome. Rodríguez contou que chámase Camposancos, pola cantidade de campos agrícolas e pola palabra “Ancos” que significa cóbado, e é a forma á que se parece a parroquia.

Rodríguez comezou a relatar a historia dende o ano 1145, ano no que as terras de Camposancos formaban parte da Comunidade Relixiosa de Barrantes. Nestas datas as terras eran arrendadas e usadas polos veciños como foros, de ai que nacese o que se coñece polo couto de Camposancos. As terras, afirmou, pasaron despois a ser propiedade do cabildo de Tui, momento no que as terras convertéronse en zonas de aluguer, aínda que os veciños continuaron empregando comunmente algúns espazos.

Os veciños e veciñas de Camposancos, afirmou, loitaron, durante toda a historia polo recoñecemento das súas terras. Primeiro con Barrantes, despois con Tui, tamén coa parroquia de Salcidos e por último co Concello da Guarda, ata conseguir no ano 1925, o título de “Entidade Local Menor”.

Pola súa banda, Manuel Ángel Álvarez Pérez, tamén veciño de Camposancos e licenciado en arte, centrou a súa exposición na Igrexa da parroquia, de estilo neoclásico.

Esta edificación, contou, comezou a construírse no ano 1816, e non foi ata o 1856, cando remataron os traballos. Álvarez quixo facer fincapé na cantidade de cruceiros dispersos pola parroquia, centrando a súa charla no cruceiro do Couto Saa, no do Viso e no de Salgueiró. Como remate, Álvarez, falou da cantidade de tradicións, lendas e supersticións que existen ó redor dos cruceiros.

Concello de A Guarda


ÉXITO DE ASISTENCIA NO OBRADOIRO DE COCIÑA PARA NENOS ORGANIZADO POLO CONCELLO DA GUARDA E CELEBRADO NA PRAZA DE ABASTOS

O obradoiro de cociña para nenos, organizado polo Concello da Guarda e celebrado o pasado sábado (9) na Praza de Abastos, foi un éxito de asistencia. Na actividade, enmarcada dentro da programación do “Maio gastronómico e cultural” baixo o nome de “Día do Mercado”, participaron máis de oitenta rapaces e rapazas, de idades comprendidas entre os seis e os doce anos.

A actividade, que tiña como obxectivo mostrar os rapaces a importancia da alimentación sa e saudable, estaba formada por dous talleres diferentes, un no que os nenos e nenas facían unha macedonia e outro no que aprendían a reencher, decorar e presentar unha filloa. Por quendas de media hora, os rapaces foron pasando por un destes obradoiros.

No primeiro dos talleres os nenos e nenas comezaron pelando a froita. Coas instrucións da monitora, un a un, os participantes conseguiron pelar mazá, pera, plátano, uvas ou mandarina. Unha vez peladas tiveron que cortar pedazos de cada unha das pezas e botalas nun vaso. Cando xa todos as porcións estaban colocadas por colores, o seguinte paso foi botarlle zume de laranxa. O último paso foi a decoración da macedonia con pinchos cós que poder coller cada un dos pedazos de froita.

Mentres uns nenos traballaban na macedonia outros agudizaban a súa orixinalidade decorando as filloas. Primeiro os nenos e nenas, ataviados con mandís para non mancharse, botáronlle caramelo á filloa e a dobraron en catro. Máis tarde coa nata facían un debuxo na esquina do prato para, finalmente, acabar decorando a súa receita con pedazos de froita anteriormente pelada por eles mesmos.

Tras terminar os seus pratos, cada un dos participantes levaba orgulloso a súa receita feita cen por cen por el, para casa.

Concello de A Guarda


O Concello de Tui organiza os Campamentos de Verán para as dúas quincenas de xullo e a primeira de agosto

As inscricións realizaranse dende o 26 de maio ao 2 de xuño

O Concello de Tui, ao través da concellería de Deportes, organiza os Campamentos de Verán 2015, que se levarán a cabo durante o mes de xullo e a primeira quincena do mes de agosto.

Estes campamentos van destinados aos nenos/as e mozos/as de Tui con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (idades cumpridas ao inicio de cada quenda), co fin de ofrecer unha alternativa lúdica-deportiva-educativa aos cativos/as do noso municipio. Ademais, co desenvolvemento destes campamentos, preténdese ofrecer unha alternativa aos pais e nais que traballan durante ese período, para que podan conciliar así a vida familiar e laboral.

As inscricións realizaranse na secretaría do Concello de Tui, dende o martes 26 de maio ata o martes 2 de xuño, no horario de 09.00 a 14.00 horas, entregando cumprimentado o formulario de solicitude xunto á documentación requirida nas bases, que poden consultarse na páxina web do Concello de Tui www.concellotui.org ou na secretaría do Concello.

Municipio de Tui


O Concello de Tui entrega a AFAGA un local na planta baixa da Antiga Escola de Chans

O Concello de Tui fixo entrega a 15/5 das chaves dun local na planta baixa da antiga Escola de Chans en Randufe, para a AFAGA, Asociación de Familiares do Alzheimer de Galicia. Nela a asociación levará a cabo unha serie de accións que redundan na mellora da calidade de vida dos enfermos e as súas familias.

A AFAGA poderá facer uso da planta baixa, de 110 metros cadrados de superficie útil, mentres este espazo se atope sen uso.

No acto de entrega das chaves estiveron presentes o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apuntou que hoxe é un día especial porque se materializa un feito no que levaban tempo traballando. Sinalou que o edificio, que foi escola, se converterá nun fogar tanto para enfermos de Alzheimer como para as súas familias. Finalmente felicitou a AFAGA xa que os seus profesionais prestan un labor moi importante e ao equipo de Servizos Sociais do Concello.

A concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, explicou que Tui dende o ano 2012 é cidade de axuda solidaria co Alzheimer. Relatou que actualmente o colectivo traballa na Área Panorámica, pero o local queda pequeno para acoller aos enfermos e ás súas familias polo que a planta baixa da Antiga Escola de Chans é o sitio máis axeitado para continuar con esta actividade.

Para rematar o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, agradeceu o traballo do Concello de Tui, xa que levan máis de dous anos con programas de estimulación na Área Panorámica. Destacou que a planta baixa da Antiga Escola de Chans reúne as condicións óptimas para a realización de talleres, o que supón un paso máis para a atención destes enfermos.

Municipio de Tui


Tui celebra a XVIII Feira do Libro co gallo do Día das Letras Galegas

As tres librarías tudenses participantes ofrecerán descontos dun 10% en todos os seus libros

Este domingo, 17 de maio, celebrarase a XVIII Feira do Libro Galego, no Paseo da Corredoira, con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Esta actividade está organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías tudenses Espazo Lector, Iris e Valverde que ofrecerán un 10 % de desconto, e de ACITUI..

Esta mañá na sala de reunións do Concello de Tui tivo lugar a presentación da Feira do Libro de Tui, coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto aos representantes das librarías tudenses Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel, Rosa Alonso de Iris e Maruchi Valverde de Valverde, e a presidenta de ACITUI, Pilar Besada.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, quixo pór de manifesto o labor das librarías, xa que sen o seu traballo non se podería organizar a Feira. Tamén deu a benvida a un novo establecemento que vai abrir en Tui, o Espazo lector Nobel.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou que haberá unha véntena de postos de venda de libros a cargo das librarías tudenses explicando a ampla programación que se poderá disfrutar ao longo do día con poesía, música tradicional, xogos populares e maxia.

Os libreiros que participan na Feira do Libro de Tui agardan que este ano as vendas crezan, agardando que o bo tempo previsto favoreza a asistencia de público. Salientaron que festexarán o Día das Letras Galegas tendo coma protagonista o libro na nosa lingua.

A programación prevista comezará o domingo ás 12h coa inauguración a cargo de Xosé Manuel López, profesor do IES Indalecio Pérez Tizón e autor de varios libros sobre xoguetes populares. A continuación a Asociación de Amigos da Poesía do Baixo Miño ofrecerá un recital poético. Ás 12.20h está prevista a actuación do grupo folclórico Arume de Malvas, e ás 13h será a quenda do grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro.

A partir das 16h no mesmo Paseo da Corredoira haberá inchables para os máis cativos. A Ludoteca Xiramundos fará xogos populares de 16.30h a 18.30h. Ás 17.30h actuará a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos e por último ás 20h o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro estará no Paseo da Corredoira. Os postos das librarías tudenses permanecerán abertos ata ás 22h ofrecendo un amplo catálogo de libros escritos en galego, onde estarán as obras do Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado este ano, pero tamén de autores clásicos das nosas letras, as últimas novidade editoriais e as obras de escritores tudenses.

XVIII Feira do Libro Galego
Domingo, 17 de maio, de 12 a 22h
No Paseo da Corredoira de Tui
22 postos das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde. Colabora: ACITUI

Programación
" Ás 12:00h Inauguración a cargo de Xosé López, profesor e escritor
" Ás 12:10h Recital de poesía a cargo da Asociación Amigos da Poesía do Baixo Miño
" Ás 12:20h Actuación do Grupo de Música Tradicional Arume de Malvas
" Ás 13:00h Actuación do Grupo Folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
" De 16:00h a 20:00h Inchables
" De 16:30h a 18:30h Xogos Populares Coa"Ludoteca Xiramundo"
" De 17:00h a 20:00h "A Feira Máxica Do Mago Teto", carpa de maxia con pases de 10 min para 10 persoas
" Ás 17:30h Actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
" Ás 20:00h Actuación do Grupo Folclórico Santa Columba de Ribadelouro

Municipio de Tui


O Concello de Tui contrata a 62 persoas para cubrir distintos postos vacantes en servizos municipais

Un total de 62 persoas incorporaranse a traballar no Concello de Tui en distintos postos coma resultados dos procesos selectivos convocados dende comezos de ano.

Dunha banda ao través do Plan de Cooperación da Deputación de Pontevedra comezaron a traballar no Concello de Tui 26 peóns, e outros 10 farano ao través do Plan de Contratación de Perceptores da RISCA da Xunta nos próximos días.

O Concello contará tamén con dez novos auxiliares administrativos. Catro deles foron contratados a finais de marzo ao través do Plan de Cooperación da Deputación, 5 máis se incorporarán nos próximos días logo de que esta semana se realizaran as probas de seleccións, e proximamente será convocado o exame para a selección doutro auxiliar administrativo a tempo parcial. Foi contratado tamén un operario para o cemiterio e tres profesores, de clarinete, violín e piano, para o Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Nos próximos días, pendentes do remate do proceso de selección, incorporaranse ao Concello de Tui dous auxiliares de policía local, un encargado de redes informáticas, un operario electricista, un traballador/a social, un encargado de mantemento do pavillón e un encargado do Punto Limpo. Tamén en breve serán convocadas a ofertas de emprego para cubrir os postos dun operario de mantemento e dous operarios de mantemento a tempo participar nas piscinas, así coma dous socorristas a tempo parcial para este servizo.

Municipio de Tui


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais