|
I Trail Camiños do Trega

Un total de 165 corredores desafiaron os 15 km de percorrido do I Trail Camiños do Trega. O vencedor absoluto foi o ultramaratoniano portugués Carlos Sa quen empregou un tempo de 1:04:41. Na categoría de féminas Conchi Adrover, da Guarda foi a primeira clasificada cun tempo de 1:27:42. Desde o Concello da Guarda agradecemos a colaboración prestada polas comunidades de montes da Guarda e de Camposancos, polo Padroado Municipal Monte Trega, a Entidade Local Menor de Camposancos e Inmobiliaria Sta. Tecla así como a colaboración desinteresada de numerosos voluntarios sen os cales sería imposible a organización dun evento destas características.

Tapearte premiados
Tivo lugar no Concello da Guarda o sorteo da ruta "Tapearte". O primeiro premio foi para Milagros Martínez Cividanes, natural de A Guarda, sendo gañadora dunha fin de semana para dúas persoas no Parador de Tui. O segundo premio, que resultou para a viguesa Mari Camen Fernández, consiste nunha fin de semana para dúas persoas no Hotel El Molino da Guarda. Están incluidas a noites de hotel e o almorzo.
1º PREMIO: MILAGROS MARTÍNEZ CIVIDANES
2º PREMIO: MARI CARMEN FERNÁNDEZ
XIX TRAVESÍA A NADO. PORTO DA GUARDA
Esta fin de semana o porto da Guarda está de festa coa Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira que nesta edición contará coa celebración da TRAVESÍA A NADO. PORTO DA GUARDA na súa XIX edición en xornada de mañán, ás 12h. Os máis pequenos deberán percorrer unha distancia de 400 metros e 1500 os maiores. Os participantes terán que recoller o seu gorro nas inmediacións da carpa instalada na explanada do Porto con motivo da Festa da Langosta.
O Concello de Tui recibiu ao campión de Europa sub 23 de k1 Roi Rodríguez

O padeeiro Roi Rodríguez Huertas, membro do Club Kaiak Tudense, foi recibido este mediodía no Concello de Tui tras proclamarse na fin de semana Campión de Europa Sub 23 de k1 en 1000 metros. Na recepción estiveron presentes o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes Nicolás Lorenzo, os edís José Ángel Villaverde e Telmo Rodríguez, o presidente do Kaiak Tudense, José Luís García, así coma compañeiros de club do homenaxeado e os seus pais.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicitou a Roi Rodríguez por este éxito deportivo salientando o esforzo que supón compaxinar os estudios cos seus adestramentos deportivos. Fíxolle entrega dun agasallo tras este importante título a nivel europeo.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, deu os parabéns a Roi Rodríguez por levar o nome do Kaiak Tudense ao máis alto do podio, sinalando que detrás deste título hai moita xente coma os seus adestradores ou a súa familia. Aproveitou tamén para desexarlles sorte aos padeeiros do Kaiak Tudense que nas próximas semanas van competir tanto en campionatos de Europa coma do Mundo.
O Concello de Tui recibiu no dia três o grupo de persoas que elaborou as alfombras florais do Corpus

No dia 3 de xullo foi recibido no Concello de Tui o grupo de persoas que se encargou da realización de alfombras florais na Praza do Concello e na de San Fernando coa gallo da celebración do Corpus. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, deron á benvida a estes "alfombristas tudenses" nun acto no que estiveron tamén presentes o coengo D. Ricardo García, e os concelleiros Nicolás Lorenzo e Vanesa Rodríguez.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, cualificou o traballo realizado de "extraordinario" agradecendo a este colectivo o seu traballo, entrega, dedicación e cariño a Tui. Sinalou que aínda que esta foi unha obra efémera froito de moitas horas de traballo quedou na retina dos tudenses e visitantes nos que causou gran sorpresa pola súa fermosura. Felicitou por último o rexedor tanto as persoas que se encargaron da elaboración das alfombras coma as responsables do deseño.
Olga Montes agradeceu a este grupo de persoas o entusiasmo e dedicación que puxeron na realización das alfombras florais convidándoas a seguir con este traballo o próximo ano.
Trinta e unha persoas comezaron a traballar no Concello de Tui nos últimos días
Un total de trinta e unha persoas se incorporaron coma traballadores no últimos días ao Concello de Tui en distintos postos.
Por unha banda dezasete persoas comezaron a traballar onte, 1 de xullo,no Concello de Tui coma operarios, peóns e axudantes graza a concesión dunha axuda de 71.091,96 euros por parte da Deputación no marco do Plan de Conservación e Funcionamento de bens e servizos municipais de 2014.
Os Servizos Públicos de Emprego foron os responsables de realizar a selección do persoal entre as persoas desempregadas non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia.
Por outra parte tamén rematou nos últimos días o proceso de contratación de tres auxiliares administrativos, un operario de mantemento electricista, un peón operario para o punto limpo, un encargado de mantemento do pavillón municipal e tres para as piscinas municipais, dous socorristas, un peón do cemiterio municipal, e un traballador social. Asemade onte comezou a traballar o novo arquitecto técnico municipal. Dende o Concello de Tui anuncian amais a próxima convocatoria do proceso de selección de catro auxiliares da Policía Local.
Tamén en materia de formación informan dende o Concello de Tui do comezo a finais de xullo de dous cursos de formación, un de "Montaxe mobles e elementos de carpintería" e outro de "Instalación de elementos de carpintería" con quince alumnos cada un. Os interesados en realizar estes cursos débense inscribir na Oficina de Emprego.
Abren as piscinas municipais mantendo os prezos e ampliando horario

Están xa abertas as piscinas municipais de Tui que manteñen os seus prezo con respecto ao ano pasado e amplían o seu horario.
Os usuarios poderán disfrutar destas instalacións de luns a venres de 13 a 21h e os sábados, domingos e festivos de 12 a 21h. Tras as suxestións dirixidas ao Concello do servizo de 2013, este año ampliouse nunha hora a apertura diraia ata ás 21h, e as fins de semana abrirán as piscinas ás 12h.
Os prezos establecidos para este 2014, mantéñense iguais que o ano pasado, e son os seguintes:
- Entrada individual adulto - 2€
- Entrada individual infantil - 1,5€
- Bono 30 baños adulto - 40€
- Bono 30 baños infantil - 35€
Catrocentos deportistas participarán o domingo no I Campionato Ibérico de Kung Fu Tradicional e Kung Fu Moderno da Eurocidade
 |
O novo pavillón municipal de Tui acollerá este domingo, 6 de xuño, dende ás 10.30h o I Campionato Ibérico de Kung-Fu tradicional e moderno da Eurocidade no que van participar catrocentos deportistas tanto españois coma portugueses.
Esta cita deportiva foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, o presidente da Federación Galega de Kung-Fu, Carlos Alonso, o director do comité organizador, Eduardo Méndez Sanjurjo, e o responsable do departamento de Kung-Fu Moderno, José Antonio Parada.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez amosou o seu convencemento no novo éxito desta actividade deportiva da Eurocidade, que lembraba segue apostando por prácticas de vida saudables con diversas actividades ao longo do ano. Animaba o rexedor a acudir o domingo ao pavillón tudense a presenciar esta espectacular competición na que agardan se dean cita como público 1.500 persoas.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, sinalou coma os mellores deportistas de kung-fu se darán cita esta fin de semana en Tui, nun deporte que conta con longa tradición na cidade. Deste xeito continúase coa aposta realizada pola Eurocidade de acoller cada fin de semana un evento deportivo que suma un atractivo máis para os dous municipios e se converten tamén nun reclamou para achegarse ata Tui e Valença.
O vereador de Desporto de Valença, José Monte, insistía nese aspecto turístico que as probas deportivas que se celebran teñen atraendo visitantes á Eurocidade.
O presidente da Federación Galega de Kung-Fu, Carlos Alonso, explicou que o sur de Galicia e Tui en concreto ten un peso específico neste deporte, contando cun gran viveiro de deportistas desta disciplina. Amosaba amais que celebrar na cidade unha proba é garantía de éxito pola colaboración atopada, as instalacións e pola implicación de Eduardo Méndez Sanjurjo, Por último salientaba coma este Campionato Ibérico suporá abrirse a outras federacións ao participar deportistas de Madrid, Córdoba, Asturias ou Portugal.
Eduardo Méndez Sanjurjo, do Comité Organizador, afirmou que este primeiro Campionato Ibérico camiña para que sexa no futuro un campionato internacional, agradecendo á Federación Galega permitir unir nun mesmo evento o kung fu tradicional e moderno. Esta será unha proba de alto nivel na que os trofeos, afirmaba, van estar moi disputados.
Jose Antonio Parada, do departamento de Kung-Fu moderno explicou que haberá catro modalidades dúas con puños e dúas armas curtas e longas contando coa presenza de competidores de alto nivel. Tamén puxo o aceno en que este primeiro Campionato Ibérico, abrirá as portas a futuras colaboracións entre as federacións galega e portuguesa.
Máis de 200 candidatos presentáronse ás 45 ofertas de emprego presentadas no Job Day celebrado hoxe en Tui

Máis de duascentas persoas presentaron o seu currículo no Job Day da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para optar ao proceso de selección para ocupar un dos corenta e cinco postos de traballo que se ofertaban nesta xornada por parte de quince empresas do sector do metal. Moitos deles presentaron o currículo previamente coa ficha de inscrición ao través da páxina web da Axencia Europea de Cooperación Territorial e outros fixérono hoxe mesmo no edificio da Área Panorámica de Tui. Dende ás 10.30h os responsables das oito empresas galegas e sete portuguesas que ofertaban un emprego realizaron ás entrevistas aos candidatos.
A Sala de Exposición Municipal foi acondicionada para converterse por un día nunha feira de emprego á que acudiron desempregados con distinto perfil profesional que buscaban na oferta presentada neste Job Day a súa incorporación ao mundo laboral. O proceso selectivo terá coma resultado a contratación de 45 persoas.
Este foi un dos aspectos sinalados esta mañá na inauguración deste Job Day da Eurorrexión que tivo coma escenario a Eurocidade Tui-Valença. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembrou na súa intervención coma na carta fundacional da Eurocidade se sinalaba que o principal obxectivo era mellorar a calidade de vida de tudenses e valencianos, engadindo que "a promoción do emprego é un dos principais obxectivos". Aludiu tamén ao traballo que neste ámbito se realiza dende o Concello de Tui cos obradoiros de emprego, plans de emprego, programas de cooperación, ou coa próxima posta en marcha dun viveiro de empresas. O seu homólogo de Valença, Jorge Salgueiro, facía referencia tamén á outros dos obxectivos sinalados que é a atracción de investimentos para a Eurocidade.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que as cuestións de carácter laboral supoñen un dos principais eixos de colaboracións tranfronteiriza, pondo de relevo o importante papel do Eures Transfronteirizo que en 2013 atendeu a 2.200 persoas. Nesta materia destacou tamén outras actuacións realizadas coma a formación profesional.transfronteriza, os primeiros encontros luso-galaicos de economía oscial, ou o estudo que están a realizar para homologar os títulos de Formación Profesional, entre outros. Beatriz Mato afirmaba que "queremos seguir dando pasos para contribuír á mobilidade coma ferramenta do emprego" salientando a importancia do traballo conxunto que se está levando a cabo na Eurorrexión. Valoraba de xeito moi positivo a celebración deste Job Day, e o feito de que teña lugar na Eurocidade, que dicía "é un exemplo de entendemento, cooperación e eficiencia".
O Campamento Urbano e Deportivo de Tui 2014 inicia a primeira quenda con máis de 190 participantes

Hoxe deu comezo a primeira quenda do Campamento Urbano e Deportivo que o Concello de Tui organiza por terceiro ano consecutivo. Máis de 190 participantes realizarán actividades deportivas e de ocio e tempo libre nas instalacións deportivas municipais tudenses, así como no río Miño e nas inmediacións do Monte Aloia.
Este ano será a empresa Actividades Lúdicas Galicia a que coordine este campamento, empresa galega especializada na realización de campamentos por toda a autonomía, que organizará os diferentes talleres e actividades multideportivas ao longo das tres quendas.
Para o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o incremento no número de inscricións deste ano indica o bo traballo que se ven realizando nas últimas edicións dos campamentos de verán, e na confianza que os pais e nais tudenses depositan no concello para a realización desta actividade. Así, o concelleiro de Deportes, entende que con estes campamentos se pretende ofrecer unha alternativa aos pais e nais que traballan durante ese período, para que poidan conciliar deste xeito a vida familiar e laboral.
O tren Celta que une Vigo e Porto realizou a súa primeira parada comercial na Eurocidade

O tren CELTA que une as cidades de Vigo e Porto fixo a 1 de xullo, a súa primeira parada comercial na Eurocidade Tui-Valença. En concreto o tren chegaba ás 9.32 hora española á Estación de Valença onde puideron subir aos vagóns novos pasaxeiros ou rematar o seu traxecto algúns dos que viñan dende Vigo. No último cumio hispano-lugo acordouse a realización desta parada comercial en Valença, así coma en Viana do Castelo e Nine.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosou a súa satisfacción por esta primeira parada do tren CELTA na Eurocidade, tal e coma viñan reclamando tanto Tui coma Valença. Os rexedores das dúas cidades explican que a posibilidade de coller o tren en Valença cara Vigo ou Porto é un elemento máis a favor da Eurocidade neste caso no que se refire ao transporte público.
Tanto o alcalde de Tui coma o presidente da Cámara de Valença amosan o seu agradecemento as todas aquelas persoas que contribuíron a facer realidade este proxecto, destacando a ministra de Fomento, Ana Pastor, e ao secretario de Estado dos Transportes, Sérgio Silva Monteiro.
|