www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional - - Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

O BNG presenta unha moción para a mellora do saneamento no Barrio de Salgueiró en Camposancos

"O BNG denuncia que os veciños e veciñas de Salgueiró levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas totalmente deficitarias"

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha moción para que o pleno da Guarda aprobe a mellora do saneamento do Barrio de Salgueiró en Camposancos.

O BNG denuncia que os veciños e veciñas de Salgueiró en Camposancos levan anos sufrindo as consecuencias dunhas infraestruturas totalmente deficitarias. Como consecuencia do actual estado das rúas, cada vez que chove os diferentes camiños do barrio inúndanse debido a falta ou ausencia de canalización das augas da chuvia.

As consecuencias son desastrosas tanto para a veciñanza como para calquera que circule por estes vieiros, casas inundadas, móbeis, enseres e electrodomésticos deteriorados, as rúas imprácticábeis.

"Os veciños e veciñas teñen auténticas dificultades para entrar e saír das súas casas co nivel que chega a ter a auga na rúa", Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.

Para o BNG a situación chega a ser de tal calibre que chegan a saltar as tapas dos sumidoiros co perigo que xera para a poboación, chegando a producirse danos nalgúns vehículos.

O alcalde da Guarda desoe á veciñanza de Salgueiró

Mentres o BNG se reúne cos veciños e veciñas do barrio para coñecer de primeira man a problemática, o alcalde da Guarda, natural de Camposancos, e o seu grupo de goberno desoen á veciñanza de Salgueiró que non é a primeira vez que pon en coñecemento do concello da situación que están a vivir.

Ante a magnitude dos feitos, o BNG presentou unha moción para que se adopten as medidas necesarias e solucionar este problema buscando orzamento baixo un plan da Xunta, da deputación, etc...

BNG


O BNG entregou na Xunta as sinaturas recollidas para a mellora das urxencias na Guarda

"O BNG recolleu máis de 2.500 sinaturas solicitando melloras no servizo de urxencias no Centro de Saúde da Guarda"

Este sábado unha delegación do BNG presentou na Xunta de Galiza todas as sinaturas que se foron recollendo ao longo da campaña que está a desenvolver para a mellora dos servizos sanitarios no P.A.C. da Guarda. O acto realizouse no rexistro que ten a Xunta de Galiza no Concello da Guarda.

O Bloque Nacionalista Galego quere agradecer a todas as persoas que colaboraron coa súa sinatura amosando a súa preocupación pola situación que están a sufrir os habitantes de Oia, O Rosal e a Guarda cun servizo de urxencias con claras deficiencias en canto a persoal.

Esta recollida de sinaturas está inserida dentro da compaña de denuncia do deterioro da sanidade pública galega. "Ter un servizo de urxencias sen persoal suficiente a máis de 50 kms de distancia do hospital é unha barbaridade que non temos por que soportar" comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG na Guarda.

O BNG traballa pola mellora do Centro de Saúde

O BNG leva anos traballando na mellora de servizos do Centro de Saúde. "Seguimos pendente do Servizo de Radioloxía para A Guarda solicitado polo BNG. O PP da Guarda apoiou a nosa proposta pero non fai nada por demandalo á Xunta", sinalou Hortensia García, concelleira do BNG na Guarda.

O BNG seguirá a loitar por unha sanidade pública, de calidade que garanta unha atención sanitaria con garantías independentemente do lugar onde se viva na Galiza.

BNG


CONCURSO DE AVIÓNS DE PAPEL NA GUARDA

Esta semana tivo lugar no instituto da Sangriña na Guarda o I CONCURSO DE AVIÓNS DE PAPEL IES A SANGRIÑA. Na competición podían participar os alumnos/as matriculados no centro e os profesores. O concurso contemplaba dúas modalidades. "Distancia máis longa" e "maior tempo de voo". A maioría dos participantes inscribíronse nas dúas modalidades. Cada participante dispoñía de 3 lanzamentos por modalidade.

A participación foi moi numerosa, o número de inscritos ascendeu a 46. A competición celebrouse no pavillón do centro e tivo unha duración de 3 días durante os tempos de recreo. A coordinación do concurso for realizada por Antonio Lomba do departamento de Tecnoloxía. A organización do evento correu a cargo dun grupo de alumnos de 2º de bacharelato que ademais foron os xuíces da competición. Dado o carácter educativo da actividade foron tamén alumnos os encargados e elaborar cartelería, formularios de inscrición, difusión en internet, etc.

Os gañadores foron Jorge Piedra Dorado, de 2º de bacharelato, na modalidade de "maior tempo de voo", quen conseguiu que o seu avión estivera no aire durante 7,59 segundos, e Víctor Núñez Quintela, alumno de 1º de bacharelato vencedor na modalidade de "distancia máis longa", que conseguiu que o seu avión percorrera unha lonxitude de 24 metros.

O evento resultou un éxito tamén a nivel de público, a medida que transcorrían os días de competición era maior o número de asistentes que acudía a animar aos seus favoritos, superando, nos momentos de maior afluencia, os 200 asistentes. O concurso rompeu a monotonía da vida académica e fixo disfrutar a moitos alumnos e alumnas dunha actividade moi habitual para os seus proxenitores pero moi novidosa para eles.

Municipio de A Guarda


O CIM da Guarda presenta "Tacóns na Corda"

O sábado 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller representarase no Centro Cultural da Guarda ás 20:30h un espectáculo de teatro con música en vivo.

Con este traballo verdeverás expresións artísticas proponse dar voz aos que normalmente non a teñen. Mulleres etiquetadas e estereotipadas, mostran o seu lado menos coñecido, ábrennos o seu mundo coa chave da música para que poidamos rir, reflectirnos e pensar unha vez máis sobre os nosos prexuízos...

Letra e música das cancións: Tato Lòpez
Textos e interpretación: Marìa Angeles Iglesias.

Municipio de A Guarda


Aprázase o Desfile-Concurso de Entroido

O Concello da Guarda informou que o Desfile-Concurso de Entroido da Guarda, programado para a tarde do Martes 4 de marzo quedou aprazado, ante a previsión desfavorable de choiva, para o Domingo 9 de marzo ás 17.30h, tal como rexen as bases que regulan a convocatoria.

Municipio de A Guarda


Tui despide o Entroido este domingo co Enterro do Bacallau

Tui despide este domingo o Entroido coa celebración do Enterro do Bacallau. A cita será ás 19.30h con saída dende a Praza de San Fernando, para pasar polas rúas Seixas, Porta da Pía e Ordóñez ata o Paseo da Corredoira, onde a comitiva fará un alto no Palco da Música para dar lectura ao testamento do Bacallau e ás coplas. O percorrido continuará pola Praza da Inmaculada, rúa Augusto González Besada e enlace coa rúa Ourense, ata o aparcamento municipal, na traseira da Área Panorámica, onde se procederá a súa incineración.

Todas as comparsas que o pasado martes participaron no Desfile-Concurso de Entroido deberá acudir o domingo ao Enterro do Bacallau.

Co gallo da celebración do Enterro do Bacallau o domingo estará pechado o aparcamento municipal, e por tanto non se poderá estacionar, de 14h e ata ás 24h.

Amais tampouco se poderá estacionar nas rúa Seixas dende ás 17.30h ata ás 20.30h e se pechará á circulación dende ás 18.30h.

Municipio de Tui


A Confederación Hidrográfica Miño-Sil está acometendo a limpeza dos cauces dos regatos Martiño e Rebordáns

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comezou esta semana os traballos de restauración hidrolóxica-forestal nos cauces dos regatos San Martiño, en Areas, e Rebordáns, en Montiño. As obras van ser realizadas por catro operarios ao longo de tres semanas cun orzamento de 37.656 euros.

Previo ao inicio destes traballo técnicos da Confederación procederon a realizar unha inspección da zona de actuación, comprobando a existencia dunha acumulación excesiva de vexetación arbustiva e arbórea, coa presenza de árbores secos e ramas caídas ao cauce destes regatos. En total vanse limpar 2.730 metros de cauce eliminando o exceso de maleza e matorral acumulado para mellorar a capacidade de desaugüe dos cauces e acondicionar a banda de vexetación. Os restos vexetais serán triturados ou se ofrecerán para leña, amais os residuos de lixo ou sólidos urbanos que se atopen serán entregados a un xestor autorizado.

Municipio de Tui


Tui celebra o día Internacional da Muller con actividades durante todo o mes de marzo baixo o lema "Mira o traballo feminino"

Co gallo do Día Internacional da Muller o Concello de Tui pon en marcha unha serie de actividades durante todo o mes de marzo para resaltar o labor das mulleres na sociedade a través do seu traballo profesional.

Con tal motivo o Concello de Tui repartirá aos locais comerciais paneis nos que cada establecemento porá o nome das traballadoras da súa empresa e colgará nun sitio visible baixo o slogan: "Mira o traballo feminino" .

Á súa vez desde a Concellaría da Muller e en colaboración cos locais do casco vello, organízanse diversas exposicións de traballos feitos por mulleres tales coma óleos, fotografías, documentais, ilustracións ou cerámica.

Neste círculo expositivo participan a Porta da Pía coa exposición de debuxo de Inés Gontad, Caprichos de Muffy con fotografías de Gore, Amadeus con pintura ao óleo de Inés Gontad, O Central co documental de Diana Gonçalves, Cabalo Vello con óleos de Nuria Figueirido, a Viñoteca con Puri e palilleiras, a Adega con deseño de María Rodríguez, o Monumental con óleos de Gemma Marqués, Tapas e Viños con cerámica de Conchi Garrido, a Muralla con óleos de María Rodríguez, o Cabalo Novo con acrílico de Kristina Krize , o Jaqueivi con plumilla de Vila, a Fototeca con obras gráficas de Nuria Vila e Dimarco con ilustracións de Kristina Krize.

Por outra banda, a Radio Municipal de Tui entrevistará cada venres a dúas mulleres pioneiras no desempeño de traballos nos que a muller tiña con anterioridade un difícil acceso coma no sector da política ou empresarial. As entrevistas terán lugar ás 11h onde as protagonistas relatarán a súa experiencia en sectores laborais antigamente restrinxidos ao mundo masculino.

Desde a Concellaría da Muller do Concello de Tui quérese así salientar a importancia das mulleres no desenvolvemento e progreso da sociedade escollendo o seu desempeño laboral coma eixe central do discurso para que a igualdade entre mulleres e homes sexa un obxectivo cumprido a corto prazo e unha realidade indiscutible para o conxunto das sociedades.

Municipio de Tui


0 alumnos reciben o diploma de "Monitor de Fútbol Base" do curso federativo impartido en Tui

O 5 Março tivo lugar a entrega de diplomas do curso federativo de "Monitor de Fútbol Base" que se impartiu no Telecentro da Área Panorámica de Tui desde o mes de decembro.

No acto de entrega estivo presente o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o concelleiro de Formación, José Ángel Villaverde, o director da Escola Galega de Adestradores Manuel Mosquera, o responsable da Escola na zona de Vigo e coordinador do curso Jose Luis Mosquera e os adestradores Ramón Rodríguez, Jorge Carril, Rubén Crespo e David Iglesias.

O curso, organizado pola Federación Galega de Fútbol, a través da Escola Galega de Adestradores e en colaboración co Concello de Tui, formou a un total de trinta persoas que, durante 3 meses, recibiron formación centrada na táctica, técnica, regulamento, menciña do deporte, psicoloxía aplicada e metodoloxía, repartidas nun total de 65 horas.

O Concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, afirmou que o desenvolvemento do curso foi todo un éxito e que o Concello fará o posible para nun futuro poder repetir e seguir formando adestradores para os equipos da zona, e fomentar así un deporte de calidade .

Municipio de Tui


Esta fin de semana comezan as actividades deportivas da Eurocidade para este 2014

A actividade deportiva da Eurocidade comeza esta fin de semana con dobre proposta. Por unha banda o sábado inícianse as Andainas Saudables e o domingo celébrase o I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade.

Estas citas foron presentadas esta mañá na Casa do Concello de Tui polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o vereador de Desporto de Valença, José Monte, xunto a Mercedes Martín de Verdeazul Aventuras e Marina Carvalho de Montañeiros Celtas do Minho, encargados das Andainas da Eurocidade, e Miguel Abreu da Academia de Baile Pasos, organizadores do I Torneo de Baile Deportivo.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apuntou que hai que valorar o traballo que se está a realizar dende a Eurocidade, do que dicía que ten efecto multiplicador. Afirmou que o premio de Galicia Saudable concedido en 2013 pola Xunta "é unha motivación para seguir traballando". Felicitou o rexedor tudense aos organizadores destas actividades tanto pola participación lograda como pola fidelidade por parte do público.

O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, sinalou que en 2013 participaron nas Andainas Saudables 1.700 persoas. Lembraba coma as andainas foron o comezo da relación entre os dous municipios con actividades baixo organización conxunta. O seu homólogo de Valença, José Monte, apuntou que este é un proxecto polo que teñen apostado con forza e o reto agora é atraer cada vez a máis público.

Mercedes Martín de Verdeazul Aventuras, deu conta que as andainas teñen carácter transversal xa que non son só unha actividade deportiva senón tamén de coñecemento de lugares e do patrimonio natural e cultural. Explicou coma o público que participa é moi variado tanto en idade como en condición física. As andainas que se realizarán en territorio galego estarán este ano tematizadas de xeito que darán a coñecer distintos aspectos das parroquias. Dende Montañeiros Celtas do Minho, Marina Carvalho explicou que apostaron por amosar o patrimonio cultural, natural e paisaxístico. Entre as novidades deste ano está unha andaina con dous días de duración e un percorrido de 60 quilómetros para fomentar a convivencia entre os participantes.

En canto ao torneo de Baile Deportivo da Eurocidade, que se celebra o domingo dende ás 12h no novo pavillón de deportes de Tui, Miguel Abreu, director da Academia de Baile Pasos, apuntou que contarán coa presenza dun centenar de parellas galegas e portuguesas con idades entre os 5 e os 55 anos, entre as que estarán os Campións de España e de Portugal. Precisamente a proba será puntuable para o ranking do norte de Portugal.

Dezasete Andainas Saudables

En 2014 se van celebrar dezasete Andainas Saudables. A cita será cada segundo sábado de mes de mes en Valença e os últimos sábados de mes en Tui. A primeira delas terá lugar este sábado, o Trilho da Veiga da Mira" cun percorrido de 8 quilómetros á beira do Miño con dificultade doada. O punto de partida será ás 9.45 horas española no aparcamento do Lidl en Valença, ou ás 10 hora española en Nosa Señor da Cabeça. Mentres o sábado 30 de marzo, ás 10h sairá, das piscinas de Valença, a Ruta pola Volta do Matute cun percorrido, tamén á beira do río, nas parroquias de Randufe e Areas. Na mesma coñecerase o camiño e as dificultades que hai décadas tiñan os veciños de Tui para intercambiar produtos de primeira necesidade con Portugual. Esta andaina coincidirá coa celebración da Eurocidade BTT e terá carácter solidario de tal xeito que os participantes terán que aportar un quilo de alimentos que será doados á Acção Social de Valença.

I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade

Este domingo, 9 de marzo, de 12 a 20h celebrarase no novo pavillón municipal de Tui o I Torneo de Baile Deportivo da Eurocidade. Participarán un centenar de parellas tanto galegas como portuguesas en categorías por idade e por nivel, nas modalidades de estándar e latino.

Municipio de Tui


A Citania Tudense de Cantos Somos impúxose no Entroido de Tui

Deuses e Mitos na Antiga Grecia de Matamá levou o segundo premio xeral e de acompañamento musical. E Regreso á Idade de Xeo de Pexegueiro fíxose co primeiro premio en carrozas

Tui desafiou á choiva e celebrou esta tarde o Desfile-Concurso de Entroido. Debido ao mal tempo reduciuse o circuíto de desfile á rúa Compostela onde, paraugas en man, se deron cinta de novo miles de persoas para presenciar o paso das once comparsas participantes.

A representación dunha "Citania tudense" co Castro do Alto dos Cubos por parte da comparsa Cantos Somos fíxose co premio xeral do desfile, levándose o primeiro premio en acompañamento musical, e o segundo en carrozas.

Deuses e Mitos na Antiga Grecia da Sociedade Cultural e Deportiva de Matamá de Vigo levouse o segundo premio na categoría xeral, así como en carrozas e acompañamento musical.

A película de animación Ice Age representada pola Asociación Cultural O Mosteiro de Pexegueiro cun Mamut levouse o primeiro premio en comparsas. Tamén se fixo co terceiro premio en acompañamento musical e na categoría xeral.

Por último na categoría de Fantasía o premio foi para a Asociación Cultural "Vrixe da Fonte da Franqueira" da Cañiza que participaba por primeira vez en Tui

A choiva desluciu o desfile aínda que os membros das distintas comparsas, fixeron gala de bo humor realizando as coreografías e lucindo o traballo que levan elaborando ao longo dos últimos meses. A Cañiza, Salceda, Gondomar, Vigo, Tomiño e Tui foron o lugar dende o que chegaron os participantes con alegorías da Grecia Antiga, dunha tribo africana, dos peliqueiros de Lazo, de repostería e gominolas, o do vello Oeste.

Todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 9 de marzo, ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.

Premio Xeral
1. Cantos Somos...Citania Tudense
2. Deuses e Mitos na Antiga Grecia da Sociedade Cultural Atlántida de Matamá
3. Regreso á Idade de Xeo de Pexegueiro
4. "Gominolandia" do Borralliño de Soutelo de Salceda
5. .Os Pelimcanudos
6. .Luces de Tomiño
7. .Lembranzas do vello oeste

Premio Carroza
1. Regreso á Idade de Xeo
2. Deuses e Mitos na Antiga Grecia da Sociedade Cultural Atlántida de Matamá
3. Cantos Somos...Citania Tudense
4. "Gominolandia" do Borralliño de Soutelo de Salceda
5. Top Repostería Malvas
6. Lembranzas do Vello Oeste da Asociación Cultural Lembranzas de Guillarei
7. Luces de Tomiño

Premio Acompañamento Musical
1. .Cantos somos....Citania Tudense
2. .Deuses e mitos na antiga Grecia

Premio Fantasía
1. .Fantasía do Carnaval

Municipio de Tui


PLAY-DOC ORGANIZA UNHA RETROSPECTIVA DO GRAN RETRATISTA DE MÉXICO NICOLÁS PEREDA

• O novo director, premiado en festivais como Venecia, é coñecido por mesturar ficción e documental en relatos que reflexionan sobre a situación social e a historia do seu país

• Ofrecerá unha clase maxistral o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, na que explicará cales son os seus métodos de traballo e o que intenta conseguir a través deles

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui dedica unha retrospectiva integral ao realizador mexicano Nicolás Pereda, na súa próxima edición, que se celebrará do 2 ao 6 de abril. Este novo director, con só algo máis de 30 anos, conta xa no seu haber con nove películas e é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia; onde resultou premiado na sección Orizzonti en 2010 polo seu filme Verano de Goliat. O seu persoal estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”. O contraste entre o campo e a cidade, o mundo do traballo, as diferenzas entre ricos e pobres, a intimidación do exército, as relacións de parella... En definitiva, o cotián, é o que tenta captar en cada película Nicolás Pereda.

Outro dos aspectos máis destacables no seu cinema é o modo no que os seus actores fetiche, Teresa Sánchez e Gabino Rodríguez, van medrando en cada filme, desde a súa ópera prima ¿Dónde están sus historias? (2007) ata o máis recente El palacio (2013), interpretándose a si mesmos, en papeis con sutís variacións, nos que o proceso de construción do personaxe, cos seus ensaios e repeticións, móstrase ao espectador, a modo de reflexión sobre como se representa un relato.

O propio Pereda explícao moi ben, ao falar do seu maior éxito ata o momento, Lo mejores temas (2012): “Logo de facer algúns filmes cos mesmos actores interpretando papeis similares, decidín facer unha película sobre o proceso de representación. Isto abriu un mundo de novas posibilidades, incluíndo os ensaios, as repeticións e as interaccións entre personaxes de ficción e os actores que interpretan a eses personaxes. Seguín esta procura mediante a substitución dun dos actores co meu tío, á metade de rodaxe. O meu tío entra na película como un obxecto documental que ten que relacionarse cos personaxes de ficción que actúan coma se el fose un deles”. Esta inxerencia do documental na ficción, ou viceversa, e a reflexión e a deconstrución do relato cinematográfico, xunto cun particular sentido do humor, son aspectos comúns a toda a súa filmografía.

A obra deste xenial cineasta supón un punto de inflexión nos dez anos de traxectoria do certame galego, marcada por grandes nomes, relevantes expoñentes de diversas tendencias coma o cinema de metraxe atopada, o ensaio audiovisual, o cinema directo ou o observacional, entre outros. A retrospectiva de Nicolás Pereda afianza esta liña editorial, mentres abre á súa vez novos territorios que explorar para o festival.

O director mexicano personifica o futuro, pero tamén a tradición de Play-Doc que, sen esquecerse do seu aniversario, recuperará algúns títulos dos seus cineastas máis emblemáticos, nunha sección para conmemorar os dez anos de andaina. Ademais de presentar todas as súas películas, Pereda ofrecerá amais unha clase maxistral, o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, aberta tanto a profesionais como a público en xeral. Algúns dos filmes do cineasta poderán verse posteriormente no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en réxime de colaboración coa filmoteca galega.

PLAY-DOC


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais