O SÁBADO 22 DE XUÑO, QUINTA ANDAINA SO 2013:
CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA ENTRE A GUARDA - OIA

A Concellería de Deporte da Guarda e ACAMO, Asociación Cultural Amigos do Mosteiro de Oia, organizan para este sábado 22 de xuño unha andaina cun percorrido guiado duns 15 km. Deste xeito, pretendese conmemorar os 82 anos da declaración do Castro de Santa Trega e o Mosteiro de Oia como Bens de Interese Cultural (BIC).
Os participantes nesta andaina percorrerán o tramo do Camiño Portugués da Costa que une estes dous BICs e grazas as explicacións de ACAMO poderán coñecer mellor estes emblemas do Baixo Miño e doutros lugares de interese da Guarda, do Rosal e de Oia: A ermida da Guía, a pequena igrexa de San Xián, a de San Sebastián e por suposto, ó mosteiro cisterciense de Oia.
A ruta dará comezo ás 9,30 horas da Alameda e recordase que nesta ocasión non hai traslado en autocar de regreso polo que haberá que desandar o Camiño da Costa para volver A Guarda polo que aqueles que desexen dar por concluída a etapa en Oia deben de organizar o regreso pola súa conta.
Nesta ocasión a participación é gratuíta (non hai traslado incluídos) aínda que se recomenda informar no Concello (tel. 986.614.546 ou turismo@aguarda.es) do interese en participar na Andaina. Deste xeito, terase coñecemento do número aproximado de participantes e así facilitar a organización dos guías de ACAMO.
Recomendase levar:
- Mochila con menos de 5 kg.
- Sempre provisto de auga.
- Bocadillo ou comida.
- Chocolate, froitos secos,...
- Bastón.
- Calzado cómodo e elástico (recomendable non utilizar un calzado novo)
- Gafas de sol, crema protectora.
- Impermeable (en previsión de mal tempo).
O SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE VISITA AS INSTALACIÓNS NAS QUE SE DESENVOLVE "XUÑO ACTIVO" E AS VALORACIÓNS DA CONDICIÓN FÍSICA
Estas accións forman parte do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)
Programa de actividades para a vindeira semana

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo Montes, visitou esta mañá as instalacións deportivas municipais nas que se están a desenvolver as valoracións da condición física no programa "Eurocidade Tui-Valença: Xuño Activo". Estas accións enmárcanse dentro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia e do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), en colaboración co Centro Deportivo DiSom Tui.
José Ramón Lete Lasa pasou polo Pavillón Deportivo Municipal coa fin de coñecer de primeira man como se están a desenvolver as valoracións deste proxecto piloto no que se prescribe exercicio físico recomendado para casa persoa. Para o secretario xeral para o Deporte, este proxecto piloto "dá as ferramentas e os instrumentos para que calquera galego e galega saiba en que condición física se atopa para abordar unha actividade física, prescribindo a actividade adaptada a cada un". "O sedentarismo é unha pandemia do século XXI e por iso é tan importante que a Unión Europea destine unha partida a este programa conscientes da súa importancia", comentou.
O secretario xeral para o Deporte asistiu ás probas que se están a realizar na Eurocidade Tui-Valença e conversou cos técnicos deportivos sobre os parámetros que se están a seguir. "É fundamental saber transmitir os beneficios da actividade física a todo o mundo, e vemos como pouco a pouco a xente vai tomando conciencia. A falta de tempo, a mala climatoloxía ou a idade non son escusas", aseguraba Lete Lasa.
O principal obxectivo do Plan Galicia saudable é crear as condicións necesarias para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida e previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.
O nivel de práctica de actividade física en Galicia é baixo e desigual. O 57,6% da poboación de dez ou máis anos de idade practica actividade físico-deportiva, non obstante, tan só un 36,3% desta realiza toda a actividade física desexable necesaria para manter un bo estado de saúde e só un 16% dos galegos afirma facer actividade física a diario.
"EUROCIDADE TUI-VALENÇA XUÑO ACTIVO"
Luns 17:
- 09.25-14.00h: no Pavillón Deportivo Municipal novo, valoracións da condición física a escolares.
- 18.00-20.00h: na Casa Cultural de Randufe, valoracións da condición física.
Martes 18:
- 10.00-13.00h: no Pavillón Deportivo Municipal novo, valoracións da condición física.
- 18.00-20.00h: no Centro Cultural vello de Guillarei, valoracións da condición física.
- 19.00h: na Aula da UNED de Tui, conferencia "Beneficios da Actividade Física Saudable e o funcionamento cerebral", a cargo da neuropsicóloga Mónica Villar.
Mércores 19:
- 10.00-13.00h: en Valença, valoracións da condición física.
- 18.00-20.00h: no Centro Cultural de Ribadelouro, valoracións da condición física.
Xoves 20:
- 16.00-20.00h: no Campo de Fútbol Álvarez Durán, valoracións da condición física.
- 19.00h: desde o Centro Interfederado de Tui, andaina de dinamización de parques saudables.
Venres 21:
- 10.00-13.00h: no Pavillón Deportivo Municipal vello, valoracións da condición física.
- 17.00-20.00h: no Centro Cultural de Paramos, valoracións da condición física.
Sábado 22:
- 20.00h: no Pavillón Deportivo Municipal novo, Noites Saudables (aerobic e ritmos latinos).

"O Concello da Guarda, primeiro concello de Galicia en implantar a figura dos Tesouros Vivos da UNESCO"

O Concello da Guarda traballa dende o pasado mes de decembro de 2012 no desenvolvemento dun proxecto de recuperación e salvagarda do patrimonio inmaterial referido á cultura marítima no concello.
Oficios aínda vixentes como os de apaño de argazo, mariñeiros, patróns de baixura e altura, marisqueo e redeiras quedarán inventariados neste traballo divulgativo.
O proxecto tamén recuperará os saberes dos oficios desaparecidos como os de veleiros e cordoeiros, así como outros oficios a piques de desaparecer na Guarda como é o de carpintaría de ribeira.
O proxecto culminará coa realización dun vídeo documental, a edición dun libro coas recollas e conclusións, diversas exposicións e actos de divulgación nos centros escolares da Guarda, e a elaboración dunha páxina web que será o punto de partida inicial para a difusión de todo o patrimonio do concello guardés.
O desenvolvemento do plan, encargado á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas ondas!, segue as recomendacións que establece a Unesco na Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial contando coa participación das comunidades,os grupos e os individuos que crean, manteñen e transmiten este patrimonio vivo.
O proxecto contempla a posta en valor dos denominados Tesouros Humanos Vivos, cualificación coa que Unesco recoñece a aquelas persoas que son portadores dun saber ou unhas habilidades excepcionais para a comunidade na que conviven e que se transmiten ou transmitiron por relevo xeracional de forma oral.
Este proxecto foi presentado polo Concello de A Guarda ante o GAC 7- Grupo de Acción Costeira da Ría de Vigo - A Guarda para a súa selección dentro das liñas de financiamento conxunta para proxectos non produtivos orientados á conservación do patrimonio marítimo.
O plan conta coa colaboración e o apoio doutros colectivos relacionados directamente coa actividade económica do mar como son a Confraría de Pescadores e Mariscadores da Guarda, a Asociación de mulleres redeiras Atalaia e a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), que participaron activamente na identificación dos "tesouros vivos" e na mediación para facilitar o labor técnico das recollidas.
Entre as medidas que se inclúen neste proxecto contémplanse a identificación, a documentación, e o rexistro audiovisual deste patrimonio nos seus distintos aspectos que quedarán recollidos nunha publicación, nunha páxina web e formará parte da exposición permanente do Museo do Mar da Guarda.
A Guarda, o primeiro concello de Galicia en implantar a figura dos Tesouros Vivos da UNESCO.
A Guarda é o primeiro concello de Galicia en establecer o recoñecemento dos portadores do patrimonio inmaterial a través da posta en valor do seus traballos e saberes. Este sistema de recoñecemento e posta en valor recomendado pola UNESCO xa está implantado en países como Francia, Brasil ou Corea.
A Asociación Pedagóxica Ponte nas ondas!, que leva anos traballando na recolla do patrimonio inmaterial galego-portugués e na difusión e importancia da figura dos "Tesouros vivos", propuxo ao Concello a elaboración dun sistema regulamentado sobre os Tesouros Humanos Vivos onde se contemplen todas as áreas do patrimonio inmaterial e aplicado a todas as parroquias do Concello. Así, ademais da área do patrimonio marítimo, tamén se poderán abordar as festas e as celebracións anuais, os saberes tradicionais, as tradicións orais e a cultura agraria.
Modelo de referencia en Europa
O Tesouros Vivos do Patrimonio Marítimo de A Guarda pasan a ser una referencia europea documentada e preservada. O pasado 22 de marzo de 2013, Ponte nas Ondas amosou en Estonia, os avances do proxecto guardés durante as xornadas de traballo do grupo europeo Grundtvig Grand Treasures, do que forma parte dende hai dous anos. O grupo europeo está formado por entidades de Polonia, Grecia, Letonia, Estonia, España e Portugal que se centran en traballar co patrimonio cultural inmaterial nos seus países.

220 corredores participan esta fin de semana no Big Ride Tui

42 quilómetros, 5 tramos, 210 corredores, son algunhas das cifras do II Big Ride que esta fin de semana se vai celebrar en Tui. Esta proba deportiva está organizada por Sherpa Project coa colaboración do Concello de Tui e o patrocinio de Cannodale.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Parador de Turismo de Tui a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o responsable de Sherpa Project, Guti Martín, e o campión do Mundo da especialidade, Jerome Clementz.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, destacou que con esta actividade deporte "damos un salto moi importante de calidade e nivel deportivo". Anunciou amais que están traballando nun proxecto para no futuro poder acoller en Tui unha Copa do Mundo desta modalidade.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, fixo referencia á importancia da celebración de probas deportivas coma esta en Tui que "trasladan a imaxe da cidade a nivel nacional e internacional". Explicaba que a Eurocidade conta cos sitios axeitados, como o Monte Aloia e o Monte Faro, para estes eventos, que engadía "teñen a súa repercusión tamén no turismo".
Pola súa parte o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comezou lembrando o premio do Deporte Galego recibido pola Eurocidade, felicitando ao Concello pola "súa aposta decidida polo deporte". Apuntaba que Tui reúne a "grandes deportista e grandes organizadores". Concluía manifestando que "quero testemuñar coa miña presenza todo o noso apoio".
Guti Martin, de Sherpa Project, daba os pormenores desta proba deportiva de bicicleta de montaña que será Open de España de enduro. Explicaba que o Big Ride Tui constará de 42 quilómetros en 5 tramos e 1.800 metros de desnivel. Engadía que nesta segunda edición recuperaron circuítos que non se empregaban dende os anos 90. Van participar 210 corredores, entre eles o campión do mundo Jerome Clementz, o californiano Ben Cruz, a francesa Pauline Dieffenthaler, o inglés Aidan Bishop ou o campión nacional Tony Pérez.
A oficina do Big Ride está situada na Área Panorámica, onde o público poderá consultar o mapa da carreira, onde poderá ver os lugares desde os que disfrutar desta espectacular proba.
Jerome Clementz, presente tamén na rolda de prensa, amosouse moi contento de estar de novo no Big Ride Tui, que apuntaba será para el un bo test de cara á segunda proba da World Series.
O ALCALDE VISITOU O "SUMMER TRAINING SCHOOL" NA QUE PARTICIPAN VINTE INVESTIGADORES NOVOS

Participaron investigadores de Polonia, Reino Unido, Grecia, Italia, Holanda, España e Portugal.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, realizou unha vista na mañá de onte xoves 13 de xuño aos estudantes e investigadores participantes no "Summer Training School" que reuniu na Eurocidade ao longo desta semana a máis dunha véntena de investigadores de sete países europeos para traballar en temas de planificación territorial e accesibilidade. Este encontro foi clausurada está mañá na Cámara Municipal de Valença.
O proxecto de investigación interuniversitario denominado "Acción COST TU1002: Recollida de instrumentos de accesibilidade e mellora da súa capacidade de uso das prácticas de planificación", financiada pola Unión Europea. Este proxecto pretende avaliar a aplicabilidade de instrumentos de apoio á decisión que enfocan cuestións de accesibilidade en todas as súas vertentes nos procesos de planeamento. O proxecto engloba a participación de investigadores de mais de 20 países europeos, tendo tamén unha rede de novos investigadores (Junior Researchers Network, JRN). O site do proxecto é http://www.accessibilityplanning.eu/.
Un dos directores do proxecto Enrique J. Calderón presentou ao Alcalde aos participantes sinalando que a elección da Eurocidade Tui - Valença para este traballo responde ao interese paradigmático desta iniciativa de cooperación territorial pois eb moi escasos lugares de Europa existe unha cohesión e intercambio social como entre tudenses e valencianos.
O rexedor local agradeceu a escolla da Eurocidade para este traballo, congratulándose póla investigación que realizan e desexando coñecer as súas conclusións e recomendacións para considerar a súa viabilidade.
Esta JRN ten todos os anos un encontro propio denominado "Summer Trainng School" (STS), que pretende ser unha semana de traballo intensivo dos membros da JRN sobre o estudo dun caso específico, utilizando as metodoloxías desenvolvidas e aplicadas no proxecto. Participaran nesta STS investigadores novos de Polonia, Reino Unido, Grecia, Italia, Holanda, España e Portugal.
Ao longo destas xornada participaron nun encontro do director da AECTGNP, Juan Lirón, os técnicos municipais de Tui e Valença en materia de planeamento,a si como diversos profesores universitarios de España e Portugal.
ENCONTRO DO ALCALDE CO PRESIDENTE DA CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO - SIL

Acordaron un convenio para realizar unha pasarela peonil sobre a desembocadura do río Louro
Na maña de onte, xoves 13 de xuño, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Perez, mantivo unha xuntanza co Presidente da Confederación hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, para analizar diversos temas relacionados coas competencias daquel organismo no municipio tudense.
Acordaron, entre outros asuntos, a sinatura dun convenio para a construción dunha pasarela na desembocadura do río Louro. Trátase de comunicar a zona tudense da Metralla limpando e ampliando o sendeiro existente coa zona da praia de Areeiros, en Guillarei, creando un sendeiro peonil na ribeira do Miño.
Abordaron tamén outras cuestións coma unha próxima actuación da Confederación na limpeza e labores de conservación medioambiental nas ribeiras do río Louro no termino municipal tudense.
No decurso da conserva o rexedor tudense e o Presidente da Confederación analizaron outros temas de interese como o funcionamento da EDAR e a creación do Consorcio para xestión do ciclo urbana da auga do río Louro recentemente constituído, etc.
Moisés Rodríguez Pérez agradeceu a cordial entrevista e os acordos acadados que supoñen o primeiro investimento que a Confederación Hidrográfica realiza no noso municipio evidenciando o amplo grado de colaboración establecido entre ambas institucións.
MÁIS DE 200 NENOS E NENAS PARTICIPARÁN NOS CAMPAMENTOS URBANOS E DEPORTIVOS DE VERÁN DE TUI
Os campamentos urbanos e deportivos de verán 2013 que organiza a Concellería de Deportes de Tui durante o mes de xullo e a primeira quincena de agosto, contarán con máis de 200 nenos e nenas.
Dende o día 3 ata o 11 de xuño fixéronse as inscricións para estes campamentos, tendo 127 solicitudes para a primeira quincena, 138 solicitudes para a segunda e 83 para a terceira quincena, o que fai un total de 348 prazas solicitadas.
Dado que o número de prazas é superior ás solicitudes, todos os nenos e nenas quedan admitidos nas quendas solicitadas, á espera de facer o ingreso do importe de cada quenda, que poderá realizarse unicamente na tesourería do Concello de Tui, ata o día 20 de xuño. Aqueles que non fixeran nesta data o ingreso dos 30,56€/quenda, serán dados de baixa e non poderán asistir ao campamento.
Para o Concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o aumento dos participantes nestes campamentos é indicativo do bo traballo realizado o pasado ano, e seguirase traballando para ofrecer unha alternativa aos pais e nais tudenses que traballan durante o período estival, para que poidan conciliar deste xeito a vida familiar e laboral.
Para o Concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, os campamentos urbanos e deportivos de verán son unha oportunidade para crear espazos de convivencia e socialización para os nenos e nenas de Tui. Nas actividades previstas pretendese o fomento de hábitos de vida saudables, a educación en valores, o respecto a un mesmo e aos demais así como ao noso entorno, artellados en torno á practica deportiva e de xogos.
Os listados de inscricións en cada unha das quendas pódense consultar no Concello de Tui ou na web www.concellotui.org.
O DOMINGO CONCERTO DE SOLISTAS DA BANDA DE MÚSICA TUDENSE NO ADRO DA CATEDRAL
Este domingo, 16 de xuño, a partir das 20,00 horas terá lugar no Adro da Catedral de Tui (na Praza da Concello) un concerto de solistas da Banda de Música Popular de Tui.
Con esta actividade a Banda de Música tudense pretende difundir a súa actividade e a capacidade interpretativa dos seus integrantes ao tempo que divulgar o importante papel que esta agrupación desenvolve a prol da actividade cultural da nosa cidade e a súa contorna.
SANIDADE ADXUDICA O CENTRO DE SAUDE DE TUI
Xunto a outros 14 Centros de Saúde e a ampliación do Hospital do Salnés
No caso de Tui abrangue a revisión do proxecto, dirección de obra, mantemento e subministro enerxético
O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu a principios de semana a mesa de adxudicación do concurso para a redacción e revisión de proxectos, dirección facultativa de obras, mantemento e subministración enerxética de 15 centros de saúde, entre eles o de Tui, e da ampliación do Hospital do Salnés, o que supón a última fase do proceso administrativo de adxudicación deste contrato.
A proposta de adxudicación, por un importe de 10.909.284 euros, correspondeu á empresa COFELY ESPAÑA, que presentou o mellor proxecto técnico e a mellor oferta económica. Dito contrato inclúe a redacción e revisión dos proxectos dos centros de saúde de Arteixo, Galeras (Santiago), Malpica, A Capela, O Couto (Ourense), A Valenzá (Barbadás), Nigrán, Oia, Tui, Ares, Cambre, Pontedeva, Gondomar, Marín e Culleredo; así como a ampliación do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.
A partir da sinatura do contrato, que se agarda para a segunda quincena deste mes, a adxudicataria ten un máximo de seis meses para entregar os proxectos arquitectónicos de cada un dos centros, que se irán licitando a medida que se vaian entregando.
Para o Alcalde de Tui esta é unha magnifica noticia pois testemuña o importante compromiso da Xunta de Galicia e especialmente o seu Presidente coa nosa cidade, ao impulsar a obra de construcción do novo Centro de Saúde, tal como xa lle manifestara o responsable da Xunta de Galicia na xuntanza celebrada o pasado luns. Moisés Rodríguez sinala que esta obra será un importante fito nos equipamentos públicos tudenses. Xunto coa Escola Infantil a piques de rematar, o Consorcio da Auga do Río Louro, a Vía de Altas Prestacións Tui - A Guarda, etc. testemuñan a implicación da Xunta de Galicia no desenvolvemento e na mellora da calidade de vida da nosa cidade e municipio.
ATA
O 25 DE XUÑO ESTÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA DIÚRNO DE BALNEARIOS 2013-COIDARTE (DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA)
O Programa Diúrno de Balnearios ten por obxecto proporcionar, as persoas nadas con anterioridade a 1963, pensionistas ou con necesidades de respiro familiar que residan na nosa localidade, actividades encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida. O Programa consiste en pasar cinco tardes seguidas (de luns a venres) nos Balnearios, Talasos e Spas da provincia de Pontevedra. O Concello de Tui dispón de ata 100 prazas subvencionadas para participar neste programa.
O Concello de Tui ofrece a través do seu Departamento de Servizos Sociais o asesoramento preciso para realizar as correspondentes solicitudes daquelas persoas que cumpran o seguintes requirimentos:
" Persoas nadas antes de 1963
" Pensionistas da Seguridade Social.
" Aquelas persoas que, mediante informe da traballadora social do concello, se estime necesario ofrecerlle situación de respiro familiar.
" É requisito indispensable non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa, así como estar en condicións de total autonomía.
O prazo de solicitude é do 7 ao 25 de xuño e formalizarase no Departamento de Servizos Sociais na Casa do Concello de Tui.
Amais os usuarios no momento de iniciala actividade deberán achegar as seguintes cantidades segundo o centro escollido:
" Balneario Termas de Cuntis: 70 euros
" Balneario de Mondariz: 66 euros
" Balneario Hesperia Isla de la Toja: 68 euros
" Thalaso Atlántico de Oia: 63 euros
" Spa Oca Galatea de Sanxenxo: 45 euros
" Spa Norat Marina do Grove: 32 euros
" Spa Torre do Deza de Lalín: 20 euros
A EUROCIDADE TUI-VALENÇA COMEZA AS PROBAS DE VALORACIÓN DA CONDICIÓN FÍSICA NO PROGRAMA "XUÑO ACTIVO"

Profesionais da actividade física e do deporte estudan a flexibilidade, resistencia, forza, equilibrio e axilidade da poboación
A Eurocidade Tui-Valença comezou o luns a realizar as probas de valoración da condición física da poboación no denominado "Xuño Activo". Enmarcado no Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia, en colaboración do centro deportivo DiSom Tui e dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), este programa ten como principal obxectivo analizar o estado físico da poboación coa fin de fomentar a actividade física e prescribir o exercicio físico recomendado para cada persoa. Na primeira xornada realizáronse un total de 41 valoracións.
As probas, realizadas por profesionais de ciencias da actividade física e o deporte, constan de cinco partes (flexibilidade, axilidade, equilibrio, forza e resistencia cardiorespiratoria) e están adaptadas á idade e condición física dos examinados. Estas probas realizaranse desde onte e ata o vindeiro 21 de xuño tanto en Tui como en Valença. Os técnicos deportivos percorrerán diferentes parroquias tudenses e freguesías valencianas coa fin de facilitar o acceso da poboación á valoración da súa condición física.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, sumáronse a esta iniciativa e realizaron as probas. Nicolás Lorenzo considera que esta é "unha boa oportunidade para saber en que condición física nos atopamos a través de valoracións gratuítas feitas por profesionais". "Ser escollidos para este proxecto piloto é un premio a estes dous anos de traballo conxunto con Valença no ámbito do deporte, contando cunha ampla participación de probas deportivas accesibles para toda a poboación", asegura. "Tanto as entidades públicas, como as privadas ou os clubs deportivos debemos axuntar esforzos para concienciar á cidadanía da necesidade de implantar hábitos saudables para mellorar en calidade de vida", engade.
"Xuño Activo" conta con diferentes accións encamiñadas a fomentar os hábitos de vida saudables entre a poboación. O programa conta con conferencias, andainas de dinamización de parques saudables e noites saudables, entre outras actividades. Estas accións forman parte dun proxecto piloto ligado ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) no Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.
Estas son as actividades que se realizarán esta semana:
Mércores 12 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física en Valença. Ás 19.00h, andaina de dinamización de parques saudables, con saída do Parking do Centro Interfederado de Tui.
Xoves 13 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón Deportivo Municipal Vello de Tui.
Venres 14 de xuño: De 10.00 a 13.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón Deportivo Municipal Vello de Tui. De 16.00 a 20.00h, probas de valoración da condición física no Pavillón IES San Paio.
Sábado 15 de xuño: Ás 19.00h, noites saudables "Zumba" no Pavillón Deportivo Municipal Novo de Tui.
O CLUB REMO DO MIÑO DOMINA A COPA IBÉRICA DE REMO
A pasada fin de semana disputouse no Parque Náutico de Castrelo do Miño, a Copa Luso-Galaica Cabreiroá para clubs, na que o Club Remo do Miño acadou nove medallas de ouro e catro de prata.
Os remeiros/as tudenses dominaron en case todas as categorías, aínda que algúns deles disputaron ata 12 regatas en dous días.
A Copa disputouse nas distancias de 500 e 1.000 metros, obtendo os seguintes resultados:
" Dobre Scull absoluto masculino - David Prada / Óscar Alonso
o 1.000 metros - Ouro
o 500 metros - Ouro
" Dos sen temoeiro absoluto masculino - Alejandro Lomba / Yago Izquierdo
o 1.000 metros - 4º
o 500 metros - Prata
" Skiff absoluto masculino - Jorge André Correia
o 500 metros - Prata
" Catro Scull absoluto masculino - Jorge André Correia / David Prada / Óscar Alonso / Cristián Fernández
o 1.000 metros - Ouro
o 500 metros - Ouro
" Catro sen temoeiro absoluto masculino - Alejandro Lomba / Francisco Izquierdo / Miguel Martínez / Yago Izquierdo
o 1.000 metros - Ouro
o 500 metros - Prata
" Catro Scull absoluto feminino - Lucía Saborido / Uxia Saborido / Laura Corgo / Anna Yuchenko
o 1.000 metros - Ouro
o 500 metros - Prata
" Oito con temoeiro absoluto masculino
o 1.000 metros - Ouro
o 500 metros - Ouro
En definitiva, un campionato espectacular para os remeiros e remeiras do Club Remo do Miño, como preparación para o Campionato Galego de Remo que disputarase na próxima fin de semana.
O Concello de Tui desexa felicitar ao Club Remo do Miño, aos seus deportistas e aos adestradores polos magníficos resultados acadados na Copa Luso-Galaica.
CONVOCATORIA DE PLAZAS DE FORMACIÓN EN VERSMOLD E A SÚA COMARCA PARA MOZOS TUDENSES
Dende a cidade de Versmold (Alemania), recentemente irmanada con Tui, e, en concreto, dende o Christliches Jugenddorfwerk Deutschlands (CJD) se promove unha convocatoria de accións formativas para un total de quince mozos tudenses ao abeiro dos acordos de cooperación establecidos naquel acordo de irmandade.
As persoas interesadas en participar nestas accións formativas, previas para o acceso a postos de traballo, cómpre reúnan os seguintes requirimentos:
- idade mínima: 18 anos, idade máxima: 35 años
- homes ou mulleres
- coa ESO aprobada
- desexable coñecementos de alemán
- presentación de "curriculum vitae" e solicitude en alemán ou no seu defecto en inglés
- compromiso de participar en clases de aprendizaxe de alemán
Dende este centro CJD de Versmold informan que existen xa ofertas concretas para aprendizaxe e posterior traballo no sector farmacéutico e no sector da loxística.
En consecuencia, o Concello de Tui abre un período ata o vindeiro 25 de xuño para que os mozos e mozas interesados en acceder a estas accións formativas en Versmold presenten (exclusivamente en alemán ou en inglés) as súas solicitudes xunto cun pequeno "curriculum vitae" no Centro de Formación do Concello de Tui ( A Gándara - Guillarei).
O Centro de Formación tudense enviará as solicitudes presentadas ao Christliches Jugenddorfwerk Deutschlands (CJD) que será o encargado de facer a valoración e selección dos candidatos.
Para os responsables do Concello de Tui esta oferta é posible gracias ao acordo de irmandade asinado con esta localidade que propicia a aparición de ofertas como a presente promovidas por organizacións sociais daquela cidade xermana e que contribuirán a afondar nas relacións mutuas entre ambos municipios.
O ALCALDE DE TUI FOI RECIBIDO POLO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

Analizaron diversos aspectos da vida tudense: Novo Centro Saúde, Pepch, Vac, etc.
Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, foi recibido no dia 11 polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, no seu despacho nos Edificios Administrativos de San Caetano e no decurso da entrevista repasaron os diversos temas de interese común entre ambas administracións publicas, evidenciando o amplo grao de colaboración existente entre a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
A inmediata apertura da escola infantil, a creación do Consorcio das Augas do Río Louro, a próxima clausura do Obradoiro de Emprego, o funcionamento da Eurocidade... son algunhas das realidades que xorden desta positiva cooperación entre as administracións local e autonómica e que repercuten positivamente no benestar dos veciños de Tui.
Aproveitaron tamén para analizar a situación da tramitación administrativa da adxudicación das obras do novo Centro de Saúde de Tui, informando o presidente da Xunta da súa vontade de licitar, posiblemente neste mesmo de xuño, esta obra e o seu firme compromiso neste tema.
Foron estudados outros asuntos como a necesidade de mellorar as condicións da zona da fronteira tudense, as comunicación ferroviarias, o proceso de aprobación do Plan Especial do Conxunto Histórico tudense, as obras no Vial de Alta Capacidade Tui - A Guarda, a situación económica do Concello, etc.
Tamén o alcalde amosoulle ao presidente da Xunta a súa satisfacción polo traballo que se desenvolve no tema das arbitraxes das "preferentes" e que está posibilitando que numerosos pequenos aforradores de Tui poidan recuperar os seus cartos. Xa son máis de trescentos os tudenses acollidos a arbitraxe e que teñen recuperado a totalidade dos seus aforros.
Segundo o alcalde tudense a reunión desenvolveuse nun clima de gran cordialidade, quedando patente o compromiso do presidente Feijoo para continuar impulsando o progreso do municipio tudense e o benestar dos seus veciños, garantindo a calidade dos servizos públicos.
749 PEREGRINOS COMEZARON EN TUI NO PASADO MES DE MAIO O CAMIÑO DE SANTIAGO
Xunto con Valença a Eurocidade acolleu a saída de 1.197 persoas
Ata 749 foron os peregrinos que iniciaron na cidade de Tui o seu camiño de peregrinación a Santiago, que sumándolle os que iniciaron a súa peregrinaxe en Valeça, 446, temos que da Eurocidade saíron cara a Compostela 1197 peregrinos.
Neste mesmo mes de maio foron 3.441 os peregrinos que realizaron o itinerario do camiño portugués que se consolida cada día como o segundo camiño de peregrinación, como alternativa ao Camiño Francés, segundo os datos fornecidos pola Oficina de Atención ao Peregrino da Arquidiocese de Santiago.
Cada mes se comproba como a Eurocidade Tui - Valença é a porta de entrada en Galicia dos peregrinos que percorren o Camiño portugués. Tui é a localidade do camiño portugués con maior número de peregrinos que inician aquí a súa peregrinación. Os peregrinos que preparan o seu itinerario escollen a Tui como lugar de inicio do seu camiño tanto polos seus recursos turísticos e patrimoniais, coa Catedral como gran atractivo, como polos servizos de atención aos peregrinos que oferta este municipio.
Para os responsables municipais estes datos testemuñan como a peregrinación xacobea é un recurso turístico e cultural de primeiro orde na nosa cidade pois aporta un importante número de visitantes que percorren as rúas do noso conxunto histórico.
Con estes datos facilitados pola Oficina de Estatística do Arcebispado de Santiago evidénciase, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe a nosa cidade nos itinerarios xacobeos e como o Camiño portugués segue gozando dun alto atractivo para os peregrinos que percorren esta ruta histórica de peregrinación que ten en Valença e Tui o seu lugar de entrada en Galicia.
COMEZOU O TRABALLO DO ENCONTRO "SUMMER TRAINING SCHOOL" NA QUE PARTICIPAN VINTE NOVOS INVESTIGADORES DE VARIOS PAISES EUROPEOS

Participaran investigadores de Polonia, Reino Unido, Grecia, Italia, Holanda, España e Portugal.
Esta maña (10 de xuño de 2013) tivo lugar o acto de inauguración do "Summer Training School" que reúne na Eurocidade ao longo desta semana a máis dunha véntena de investigadores de sete países europeos para traballar en temas de planificación territorial e accesibilidade.
No acto de inauguración celebrado esta mañá no edificio Área Panorámica de Tui -sede dos traballos deste encontro- contouse coa presenza do concelleiro tudense, José Ángel Villaverde Rocha, xunto ao Director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal (AECTGNP), Juan José Lirón Lago, xunto aos responsables deste proxecto os profesores Enrique J. Calderón, da universidade Politécnica de Madrid, e Nuno Norte Pinto, da Universidade de Coimbra.
O proxecto de investigación interuniversitario denominado "Acción COST TU1002: Recollida de instrumentos de accesibilidade e mellora da súa capacidade de uso das prácticas de planificación", financiada pola Unión Europea. Este proxecto pretende avaliar a aplicabilidade de instrumentos de apoio á decisión que enfocan cuestións de acessibilidade en todas as súas vertentes nos procesos de planeamento. O proxecto engloba a participación de investigadores de mais de 20 países europeos, tendo tamén unha rede de novos investigadores (Junior Researchers Network, JRN). O site do proxecto é http://www.accessibilityplanning.eu/.
Esta JRN ten todos os anos un encontro propio denominado "Summer Trainng School" (STS), que pretende ser unha semana de traballo intensivo dos membros da JRN sobre o estudo dun caso específico, utilizando as metodoloxías desenvolvidas e aplicadas no proxecto. Participaran nesta STS investigadores novos de Polonia, Reino Unido, Grecia, Italia, Holanda, España e Portugal.
Ao longo desta xornada participaron nun encontro do director da AECTGNP, Juan Lirón, e na sesión de maña participaran os técnicos municipais de Tui e Valença. Na tarde de hoxe realizarán unha visita de estudo á cidade de Tui que repetirán na tarde de mañá en Valença.
O ALCALDE DE TUI PRESENTOU A OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA ONTE NA CATEDRAL DE LUGO
Nove autobuses con máis de 450 tudense acompañaron á Corporación Municipal
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentou onte, como delegado rexio, a Ofrenda que anualmente realizan os representes das sete capitais do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo. Cerca de cincocentos veciños de Tui, así como a súa banda de música, un grupo ataviados co traxe tradicional tudense e axentes do seu Policía Local, con uniforme de gala, conformaron a embaixada tudense en Lugo. Este amplo grupo desprazouse ata Lugo en nove autobuses facilitados polo Concello de Tui.
Participaron este ano nos actos o Alcalde de Lugo, xunto aos rexedores de Santiago e Ourense e os representantes dos concello de A Coruña, Betanzos e Mondoñedo, xunto a numerosas autoridades de Galicia.
O rexedor tudense quere expresar o seu agradecemento a todos os veciños de Tui que quixeron acompañalo e participar nesta celebración festiva, pois evidencia a súa sensibilidade e capacidade participativa.
Moisés Rodríguez, na ofrenda, lembrou como este acto que se realiza ininterrompidamente dende 1669 é exemplo sobranceiro da nosa condición que os galegos soubemos conservar, e que hoxe nos honramos en continuar, pois expresa a nosa continuidade histórica como pobo. Conservar esta tradición é tamén reivindicar a nosa propia identidade que non é posible entender sen as raíces da fe cristiá (...)Cómpre non esquecer esta dimensión da nosa historia, pois unicamente dende estes valores auténticos, herdados dos nosos antepasados, podemos construír o noso presente e cimentar solidamente o futuro
Tamén fixo referencia aos graves problemas persoais e sociais que provoca a crise económica. Avogou por unha nova orde social e por unha cultura da solidariedade. Danos folgos, Señor, para neste tempo de recesión atender aos que padecen as súas consecuencias. Suplicamos que nos ilumines especialmente para promover un novo orde, a nivel global e local, a nivel colectivo e persoal, para pasar dunha cultura deshumanizada a unha cultura da solidariedade. Porque esta crise que hoxe vivimos non é só de carácter económico e financeiro, senón que fai agromar outra crise mais profunda.
Rematou a súa ofrenda con estas palabras: A Vos confiamos o futuro de Galicia e imploramos a intercesión da Vosa Nai, na advocación dos Ollos Grandes, xunto a noso patrón San Pedro González Telmo para que continuedes guiando á nosa terra e as nosas xentes no camiño da esperanza e da solidariedade. Posteriormente o bispo da diocese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza,
Anualmente, o domingo seguinte ao do Corpus Christi ten lugar en Lugo este acto institucional e relixioso centenario no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aquelas autoridades cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior onde está exposto permanentemente o Santísimo Sacramento. Ata os nosos días celébrase ininterrompidamente este rito da Ofrenda do mesmo xeito nunha misa solemne: por quendas rotatorias anuais, os mandatarios municipais das sete cidades do Antigo Reino de Galicia (o alcalde de cada cidade ou un delegado ou representante seu) presenta a Ofrenda. É a tradición institucional mais antiga que se conserva en Galicia como símbolo da nosa identidade e condición colectiva do noso país. Correspondíalle á cidade de Tui exercer a súa quenda no pasado ano 2012 pero cedeuna tras unha petición formulada polo rexedor de Lugo para poder inaugurar as obras de restauración da Capela Maior do templo catedralicio lucense.
IVAN ALONSO DOBRE CAMPIÓN DE EUROPA E MANUEL GARRIDO SUBCAMPIÓN DE EUROPA

O Concello recibirá aos medallistas europeos este mércores ás 19h
A pasada fin de semana Vila Verde (Braga) acolleu o Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo onde os padeeiros do Club Kaiak Tudense acadaron 3 medallas de ouro e unha de prata.
O primeiro en competir foi Manu Garrido, que na súa categoría C1 conquistou o Subcampionato de Europa, tras o Campión do Mundo Tono Campos. Manu fixo unha regata espectacular, aínda que tras o cuarto porteo, non puido seguir o ritmo do campión, mantendo a segunda posición na liña de meta.
Iván Alonso, que viña como favorito tras acadar o Campionato do Mundo en Roma en K1, tivo unha competición moi disputada, na que o portugués Ramalho e o húngaro Petrovics puxéronlle as cousas difíciles, pero tras o último porteo, Iván demostrou que nestes momentos é o número un, acadando o Campionato de Europa.
Iván acadou a segunda medalla de ouro na xornada do domingo, na categoría K2, xunto ao seu compañeiro Emilio Merchán, demostrando que nestes momentos non teñen rivais.
E na categoría C2, os actuais Campións do Mundo, Óscar Graña e Ramón Ferro, padeeiros do Club Kayak Tudense, acadaron tamén o Campionato de Europa.
En definitiva, espectaculares resultados dos padeeiros do Club Kayak Tudense, que trouxeron para Tui catro medallas neste campionato, demostrando unha vez máis que son o mellor club do Mundo.
O Concello de Tui felicita a Iván, Manu, Óscar e Ramón, e aos adestradores do Club Kayak Tudense polos éxitos acadados nestes Campionatos de Europa. Tamén agradece a tódolos amigos, familiares e seguidores que acompañaron aos padeeiros en Vila Verde, que lles animaron nas súas competicións.
O concello de Tui recibirá a Iván Alonso, Manu Garrido, Ramón Ferro e Óscar Graña, este mércores, ás 19h no salón de sesión da Casa do Concello.
Por último, o Concello de Tui tamén desexa felicitar aos deportistas do Club Remo Tui que participaron no Campionato de Europa de Remo, que se disputou na Illa da Cartuxa, en Sevilla, onde Jesús González, Sergio Pérez, Nuria Domínguez e Esmeralda Santos tiveron unha destacada actuación, aínda que non puideron acadar unha medalla.
|