ELEVADA PARTICIPACIÓN NOS ACTOS DA XORNADA EUROPEA DA CULTURA XUDÍA EN TUI
Máis de 400 persoas participaron nas diversas visitas guiadas

Esta pasada fin de semana a cidade de Tui foi escenario das actividades programadas arredor da celebración da Xornada Europea da Cultura Xudía pola Concellería de Cultura tudense para divulgar e poñer en valor á achega da cultura xudía á historia e o patrimonio de Tui.
De novo as visitas guiadas celebradas acadaron un grande éxito de participación, especialmente a visita nocturna celebrada o venres, 31 de agosto, a partires das 22,00 horas e que contou coa participación de arredor de 300 persoas que percorreron as rúas do conxunto histórico tudense apreciando os vestixios da presenza da comunidade xudía na nosa cidade, con especial mención aos lugares que serviron de cárcere ao longo dos séculos. Dirixida polo historiador Suso Vila este itinerario abriu o programa das Xornadas da Cultura Xudía de Tui.
Este programa completouse o sábado, 1 de setembro, cunha visita guiada polo historiador Rafael Sánchez Bargiela, á colección de "sambenitos" da Catedral tudense e conservados no Museo Diocesano. Estas pezas son un testemuño excepcional da presenza dos conversos ou "cristiáns novos" no territorio tudense. Finalmente o domingo, 2 de setembro, José Ramón Fernández Fernández dirixiu á visita aos elementos de orixe xudía existentes na Catedral de Santa María de Tui, especialmente diversas pezas de ourivería no Museo Catedralicio e o gravado da "menorah" ou candeeiro de sete brazos existente no Claustro catedralicio. Nesta visitas participaron arredor de 50 persoas en cada unha.
Estas actividades, segundo a concelleira de cultura Vanesa Rodríguez Pérez, demostran o interese por achegarse ao coñecemento da vida dos habitantes da cidade na Idade Media e en especial dos xudíos que conviviron con tudenses naquela época. Para os responsables municipais tudenses a celebración por sexto ano desta Xornada Europea da Cultura Xudía en Tui posibilita ofrecer a veciños e visitantes o coñecemento de aspectos ata agora escasamente divulgados, como é neste caso o patrimonio vencellado á presenza dos xudíos en Tui, e que redundará nunha maior valorización do noso conxunto histórico. O Concello de Tui a través da concelleira de cultura agradece a colaboración de persoas e entidades que teñen cooperado no éxito desta Xornada que congregou a mais persoas que en anteriores edicións, consolidando esta celebración como unha referencia do programa cultural tudense.
Como complemento a estas Xornadas a Sala Municipal de Exposicións acolle ata o vindeiro 8 de setembro unha mostra titulada "25 años de Relaciones Diplomáticas España - Israel, vistos con humor por la prensa israelí y española". Esta mostra está organizada pola Embaixada de Israel en España coa colaboración do Centro Sefarad Israel e a Asociación de la Prensa de Madrid.
INICIO DAS OBRAS DE ACONDICIONAMIENTO DA PISTA PARA PRACTICA DE ACTIVIDADES DEPORTIVAS DO PENEDO
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, acompañado polo concelleiro de deportes, Nicolás Lorenzo Montes, visitaron esta mañá as primeiras intervención das obras de acondicionamento da pista para a práctica de actividades deportivas do Penedo que promove o Concello de Tui.
As obras programadas consisten na reparación do pavimento e do peche así como un reemprazamento das gradas existentes, xunto á instalación dun novo mobiliario deportivo con catro canastras e dúas porteirías en material antivándalico xunto ao repintado da propia pista.
O orzamento desta obra acada os 22.027,74 euros que son financiados integramente con fondos propios do Concello de Tui.
Para o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, esta obra era unha prioridade da concellería pois é unha pista para a práctica deportiva nunha zona de esparexemento da cidadanía que se atopaba en malas condicións para o seu uso. Así indica que "con esta intervención contaremos cunha pista axeitada para práctica de deportes como o baloncesto, fútbol, etc".
A concellería de Deportes traballa arreo para dotar de equipamentos axeitados aos diversos clubs deportivos (a última medida foi a instalación da antiga caseta de Turismo para o club de tenis nas pistas do Parque Empresarial de Areas) ou de lugares para a práctica deportiva de carácter afeccionado como é neste caso da pista deportiva do Parque do Penedo. Tamén está previsto, nesta mesma liña, iniciar en breve prazo a construcción dunha pista de skate para os afeccionados tudenses a esta práctica deportiva.
A PRAZA DA INMACULADA E INMEDIACIÓNS DISPÓN XA DE CONEXIÓN WIFI DE CARACTER PÚBLICO
O Concello de Tui informa que dende onte está operativa unha conexión a internet sen fíos ou rede wifi na céntrica Praza da Inmaculada da nosa cidade cun radio cen metros que posibilitará que os cidadáns poidan acceder a este servizo de modo libre e gratuíto.
O procedemento de conexión é sinxelo. Ao conectar o aparato cómpre seleccionar na listaxe de redes inalámbricas dispoñibles a rede denominada "Iberbanda". O iniciar o explorador de internet aparecerá unha sinxela web que indica, de ser a primeira conexión os pasos para o rexistro, pedindo unha serie de datos; completado o rexistro recibirase unha mensaxe de texto no número de móbil indicado, na que figura o nome de usuario e contrasinal para conectarse a internet. Este rexistro cómpre unicamente realizalo na primeira vez que se conecte pois nas seguintes veces serán validos o usuario e contrasinal enviados.
Subliñar que segundo a normativa establecida para a prestación de servicios de comunicacións electrónicas polas Administracións Públicas a taxa de transferencia de datos estará limitada a 256 kbps de baixada.
Esta iniciativa forma parte das actuacións do proxecto Wimax Rural Pontevedra, cofinanciado con fondos europeos (FEDER) e promovido pola Deputación de Pontevedra, que ademais do desenvolvemento da rede Repoblar (Rede Pontevedra Banda Larga Rural), con tecnoloxía Wimax que dá cobertura ós 55 concellos que participan no proxecto, entre eles o Concello de Tui, inclúese este servizo de acceso a internet gratuíto mediante tecnoloxía Wifi nunha praza ou edificio de cada un destes concellos, seguindo en todo momento os condicionantes marcados pola Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones para este tipo de servizo.
Tui acolle 12º Simposio Internacional de Pseudokarst no que estarán representados 10 países
É a primeira vez que se celebra en España.
A próxima semana, do luns 10 ao sábado 15, vaise celebrar en Tui o 12º Simposio Internacional de Pseudokarst organizado pola Comisión do Pseudokarst da Unión Internacional de Espeleoloxía, o Club Espeleolóxico Maúxo de Vigo e o Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña.
Foi presentado esta mañá no Concello polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e Marcos Vaqueiro, comisario do congreso, Tereixa Otero, Ángel de Prado e Xabier Groba, voceiros e membros do Club Maúxo.
Xabier Groba foi o primeiro en tomar a palabra dando ás grazas ao Concello de Tui polo apoio institucional e a axuda prestada para a celebración deste simposio en Tui, un agradecemento que fixo extensivo tamén á Cámara Municipal de Valença do Minho. Destacou amais que é a primeira vez que este Simposio Internacional se celebra en España, no que se dan cita especialistas no estudo das covas en granito e noutras rochas non solubles, é dicir pseudocásticas.
Pola súa parte Marcos Vaqueiro, comisario do Congreso, deu conta de que neste simposio van estar representados 10 países, a meirande parte europeos pero tamén Brasil, pertencentes a oito universidades e centros de investigación. A día de hoxe contan con 42 preinscritos e exporanse un total de 16 comunicacións científicas. O motivo para elixir Tui como sede deste congreso está por unha banda pola existencia na cidade da Cova da Trapa, a segunda máis grande de Europa en rochas graníticas, pero tamén por existir na contorna outra covas que serán visitadas polos especialistas como a do Folón en Vigo que é a cuarta máis grande de Europa, ou a da Furna en Boivao en Valença.
O programa previsto comezará o próximo luns día 10 coa visita por parte dos especialistas ás furnas da costa da illa de Ons. O martes 11 achegaranse ás covas arqueolóxicas de Cacheiras na Serra do Galiñeiro onde visitarán a Cova da Moura que ten un xacemento prehistórico, e outra cova con xénese parecida á da Trapa. O mércores o día estará centrado na presentación das comunicacións técnicas que xirarán entorno á datación, espeleotemas, ADN fósil, xénese e evolución das covas e nos valores asociados ás propias covas tanto no patrimonio arqueolóxico, natural, biodiversidade e patrimonio inmaterial. Tamén terán un taller sobre espeleotemas, para o que terán microscópicos estereoscopicos, no que os participantes coñecerán as últimas innovacións no proceso de análise. O xoves 13 visitarán as covas do Folón con 904 metros de galerías e da ría de Vigo e Costa Atlántica, Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño onde falarán da evolución da paisaxe.
O venres o simposio centrarase na Cova da Trapa aquí en Tui que ten gran valor tanto polo seu tamaño, teñen topografados máis de 1.500 metros, como polas formacións e biodiversidade asociada á mesma. A súa evolución comezou hai máis de 37 millóns de anos.
Pecharán as xornadas en Boivao en Valença na cova do Castelo das Furnas que conta con 30 metros de desenvolvemento vertical. O Simposio contempla tamén visitas ao conxunto histórico de Tui, a Valença, ou a unha adega.
Explicaba Marcos Vaqueiro, que estas covas forman parte de dous estudos. Un é un proxecto de detección de vida noutros planetas e a instalación de bases, para o que xa estiveron na Trapa científicos da Nasa e de Eslovaquia, e o outro céntrase na evolución do cuaternario a nivel climático para coñecer como evolucionaron as paisaxes o clima para saber cómo vai evolucionar no futuro.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosaba o seu agradecemento porque Tui se vai converter no epicentro do simposio. Ao tempo que puña de relevancia os elementos comúns que tamén neste tipo de cova ten a Eurocidade.Destacaba amais que Tui ten moitos tesouros á vista, pero tamén outros para a comunidade científica internacional.
Na rolda de prensa expúxose tamén a perigosidade que pode revestir ao acceso á Cova da Trapa para aquelas persoas que non teñan coñecemento en espeleoloxía, polo que non recomendan a súa visita aos afecionados polo risco que pode supor. Se alguén está moi interesado aconsellan pórse en contacto cos clubs espeleolóxicos da zona para aprender cando menos unhas nocións básicas de espeleoloxía.
A XUNTA CONECTARÁ O POLÍGONO DE AREAS E A VAP TUI- A GUARDA A TRAVÉS DUN ENLACE DIRECTO COA EXECUCIÓN DE DÚAS GLORIETAS SEGUNDO ANUNCIOU HOXE O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE

O Conselleiro de Medio Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia anunciou esta mañá nunha xuntaza celebrada na sede da Cámara de Comercio de Tui a súa aposta por unha alternativa de conexión directa entre o polígono de Areas, en Tui, e a Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui- A Guarda mediante dúas glorietas. Nesta xuntanza participaron xunto ao conselleiro, o alcalde de Tui e membros do goberno municipal, o Presidente da Cámara tudense e empresarios e industriais da comarca e nomeadamente do Parque Empresarial de Areas.
Agustín Hernández xa se reunira recentemente con representantes do municipio e colectivos afectados polo citado proxecto co fin de considerar as diferentes propostas de empresarios e veciños. Esta mostra de diálogo e cooperación entre administracións permite ofrecer unha opción de conexión viable e eficaz aos beneficiarios desta actuación.
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Perez, congratulouse por esta decisión, froito dun amplo e arduo traballo,tantas veces calado pero constante, promovido polo Concello entre todas as partes afectadas, e que evidencia como o goberno municipal tudense apostou sempre por recoller o sentir dos veciños de Areas e procurar unha solución axeitada a este enlace. Ese fora o compromiso tantas veces manifestado e agora anunciado publicamente polo Conselleiro de Medio Ambiente, a quen o Alcalde de Tui expresa o seu agradecemento por esta decisión. Este acceso resulta satisfactorio tanto para os veciños como para os empresarios do Parque Empresarial de Areas
A solución elixida conecta o polígono a través da VAP Tui - A Guarda, mediante ramais de entrada e saída en dirección ao enlace coa A-55. Á saída destes ramais e en ambas marxes do tronco sitúanse dúas glorietas de 30 metros que se unen mediante un ramal bidireccional que discorre baixo o tronco da VAP, aproveitando o paso inferior previsto en proxecto no PK 0+630.
En relación ás vantaxes da opción escollida, Hernández indicou que a alternativa conecta coa A-55 en calquera dirección, permitindo a entrada e a saída entre o polígono e o enlace da autovía. En sentido Tui, permite a comunicación coa VAP e en dirección A Guarda, deberanse realizar os movementos a través da glorieta do enlace coa A-55.
Hernández indicou que esta alternativa é a máis óptima dende o punto de vista funcional, xa que é posible unha redución da pendente, mellorando así a accesibilidade do tráfico pesado.
O titular de Medio Ambiente tamén adiantou que se licitarán nas vindeiras semanas as obras de 13 novas conexións coa EDAR de Guillarei. Estes puntos de conexión están localizados nos núcleos de Areas, Baldráns, Caldelas, Paramos, Randufe, Rebordáns e Tui.
A Consellería de Medio Ambiente achega un importe económico de máis de 630.000 euros para a execución destas actuacións hidráulicas.
O proxecto inclúe 3 bombeos en Rebordáns, no Atrio e no Regueiro e a execución de aliviadoiros en 4 pozos da rede municipal previa á súa conexión co colector do Río Miño.
Co explicado proxecto hidráulico, que se licitará en breve, dotarase aos veciños das citadas parroquias dun sistema de saneamento axeitado, do que carecen na actualidade, eliminando as insalubres fosas sépticas. En total, darase servizo a unha poboación de 5.397 habitantes deste municipio pontevedrés.
A actuación de conexións coa EDAR de Guillarei está enmarcada nun proxecto a través do que a Consellería de Medio Ambiente pretende mellorar o sistema de colectores do Louro e para o que se destina un orzamento de preto de 14 millóns de euros nun total de 25 actuacións. Trátase dunha serie de obras hidráulicas para optimizar o servizo de saneamento dos concellos do Porriño, Salceda de Caselas, Mos e Tui.
O responsable de Infraestruturas lembrou que o seu departamento está a investir dende finais do 2009 e ata finais do 2013, 6,8 millóns de euros na explotación da depuradora de Guillarei e do sistema de saneamento do río Louro.
CONCENTRACIÓN EN TUI DA SELECCIÓN GALEGA CADETE MASCULINA DE BALONCESTO
Ao longo desta semana, en concreto o 8 e 9 de setembro, realizará unha concentración na nosa cidade a selección galega cadete masculina de baloncesto, dando continuidade ao acordo asinado, no se día, entre este Concello de Tui e a Federación Galega de Baloncesto polo que se estableceu que a nosa cidade é a sede oficial de concentración das selección galegas de baloncesto.
Este grupo de deportistas utilizan as instalacións do Centro Interfederado e realizan os seus adestramentos no Pavillón de Deportes diariamente de 12,00 a 14,00 e de 18,00 a 20,00 horas.
Para o concelleiro de deportes do Concello de Tui a presenza do combinado galego reflicte o importante compromiso asumido polo goberno municipal pola promoción do deporte e testemuña o alto nivel dos equipamentos deportivos que posúe este Concello ao servizo dos deportistas e afeccionados tudenses. Engade o edil tudense que estas actividades deportivas contribúen a promoción da nosa cidade e á dinamización do seu sector turístico pois xunto aos deportistas achéganse, en moitos casos, as súas familias que visitan e consumen na nosa cidade.
CASI ONCE MIL VISITAS Á OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO DE TUI NO PASADO MES DE AGOSTO
Cúmprese un mes do seu novo emprazamento na Praza de San Fernando
A Oficina Municipal de Turismo de Tui vén de facer públicas as súas estatísticas de visitantes que foron atendidos nestas dependencias de información turística e que no pasado mes de agosto acadaron a cifra de 10.934 consultas, o que significa un incremento de un 17% en relación ao mesmo mes do pasado ano no que foron atendidas 9.294 consultas.
Destas estatísticas podemos salientar os seguintes datos:
- 9.206 consultas foron efectuadas por visitantes procedentes de todas as comunidades autónomas, salientando 2.186 de Madrid, 1.311 de Cataluña, 1.201 de Andalucía ou os 860 procedentes da Comunidade Valenciana. De Galicia, nun posto medio, procedían 599 consultas.
- 1.728 consultas efectuadas por turistas estranxeiros, onde destacan 635 procedentes de Portugal, 266 de Francia e 233 de Italia e ata de 40 nacionalidades distintas dos cinco continentes.
Destes números cómpre reseñar que ata 1.304 destas consultas procedían de peregrinos: 673 españois (especialmente andaluces, madrileños e cataláns) e 631 estranxeiros (portugueses, italianos e alemáns). Este número de consultas de peregrinos contrasta coa cifra do pasado ano onde unicamente se atendera a 211 persoas que percorrían o Camiño de Santiago. A nova localización da Oficina inmediata á Catedral favorece este substancial incremento.
Outro dato especialmente significativo foi que 701 destas consultas efectuadas na Oficina de Turismo procedían de turistas aloxados nos diversos establecementos da hostalería tudense, o que indica unha tendencia a realizar unha visita máis de vagar á nosa cidade.
Para a concelleira responsable de turismo de Tui, Raquel Lorenzo Pimentel, este incremento do número de consultas da Oficina de Turismo está en relación co novo emprazamento deste servizo de información na Praza de San Fernando xunto á Catedral e no corazón do conxunto histórico que posibilita un mellor achegamento a todos os turistas que visitan Tui. Amais onde anteriormente estivo esta Oficina foi instalado un "Punto de Información turística" que fornece información sobre o acceso ao conxunto histórico e os recursos turísticos de Tui e a comarca do Baixo Miño. Os datos pois son moderadamente satisfactorios para estes tempos de crise e evidencian a potencialidade deste sector turístico na nosa cidade.
A EUROCIDADE TUI - VALENÇA PROTAGONISTA DUNHA SERIE DO "CANAL HISTORIA"
Na xornada de seis e sete Setembro unha empresa de producción audiovisuais está gravando na nosa cidade unha reportaxe que será emitida na programación do Canal Historia. Trátase dun documental en tres capítulos sobre a vida nas localidades fronteirizas entre España e Portugal e onde a Eurocidade Tui - Valença asume un importante papel.
A seis comezaron as gravacións na nosa cidade, onde mantiveron unha entrevista con Alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, para de seguido desprazarse a Valença e culminando cunha entrevista conxunto aos rexedores de ambas cidades na fortaleza valenciana.
Ao longo destas xornadas realizaran entrevistas e reportaxes sobre a vida cotián das xentes da fronteira que ilustraran esta serie documental que será emitida no "Canal Historia" no vindeiro mes de xaneiro.
Para o Alcalde de Tui é unha grande satisfacción acoller nestes días a gravación deste programa pois favorecerá unha ampla difusión da historia e da vida das nosas cidades.
VISITA DA DIRECTORA XERAL DE FORMACIÓN E COLOCACIÓN AO CENTRO DE FORMACIÓN DO CONCELLO DE TUI
Percorreu os catro cursos de formación que se imparten actualmente
A 7 de setembro a directora Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Ana María Díaz, visitou o Centro de Formación do Concello de Tui acompañada do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, varios membros do goberno municipal e o director do Centro de Formación, César Estévez.
Nesta visita a directora Xeral percorreu os talleres onde os 60 alumnos dos catro cursos de formación ocupacional desenvolvían o seu traballo diario. Nas palabras que mantivo con estes alumnos Ana Díaz insistiu na importancia destas accións formativas que posibilitarán que os alumnos reciban ao final, en caso de superar esta formación, o correspondente certificado de profesionalidade que os habilita para o desempeño desta profesión de cara a súa inserción no mercado laboral.
Os cursos que na actualidade se imparten neste Centro e foron visitados esta mañá son:
"Operacións de montaxe de redes eléctricas" de 298 horas
"Instalación de elementos de carpintería" de 578 horas
"Montaxe de mobles e elementos de carpintería" de 538 horas
"Operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica" de 558 horas
E como lembrou a Directora Xeral supoñen un investimento de aproximadamente 260.000 euros.
Pola súa banda, o alcalde de Tui agradeceu esta visita e o apoio da Consellería ao traballo que desenvolve o Concello no ámbito do emprego e a formación. A concesión destes catro cursos posibilita que 60 desempregado, maioritariamente mozos, melloren no seu perfil profesional. Neste sentido, salientaba o Alcalde como foi mo municipio tudense o único da comarca do Baixo Miño onde o pasado mes de agosto baixou a cifra de parados, confiando que co traballo tantos dos axentes públicos como privados este descenso se manteña de cara ao futuro.
Felicitación a José Leiras, 4º en Campeonato de Europa de Esquí Náutico

O tudense José Leiras, clasificouse en cuarto lugar no Campionato de Europa de Esquí Náutico celebrado recentemente en Roma onde competiu na modalidade de slalom en sub12. Pertence á Escola de Esquí Náutico do Club Náutico San Telmo.
José Leiras proclamarase hai mes e medio Campión de España en Seseña onde foi seleccionado para participar no Europeo de Roma. Esta foi a súa primeira competición internacional da que volve moi satisfeito.
Dende a Concellería de Deportes de Tui desexan felicitar a José Leiras por esta magnífica clasificación no Campionato de Europa, pola súa gran evolución no esquí náutico, un deporte que comezou a practicar hai tres anos. O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, anima a este xoven esquiador a continuar na práctica deportiva. Ao tempo indica que o río Miño, coas súas excelentes condicións para a práctica deportiva, xunto ao esforzo dos deportistas posibilita que os deportes de auga en Tui estean dando moitas alegrías con importantes éxitos non só a nivel nacional senón tamén internacional.
|