Jornal Digital Regional
Nº 582: 7/13 Abr 12
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Freguesias Óbitos Política Pescas Roteiro

A DIRECTORA XERAL DE COMERCIO, NAVA CASTRO, VISITA A PRAZA DE ABASTOS DE TOMIÑO ACOMPAÑADA DA ALCALDESA, SANDRA GONZÁLEZ

A visita tiña como finalizadade coñecer de primeira man ás necesidades dos comerciantes da praza de abastos.

Esta mañán o Concello de Tomiño recibiu a visita da Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, que acompañada da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Martínez, achegáronse a praza de abastos municipal do Seixo.

A visita tiña como fin coñecer de primeira man as necesidades dos comerciantes da praza. A Directora Xeral e a Alcaldesa, reuníronse nas instalacións da praza onde puideron coñecer as ideas dos comerciantes respecto á dinamización do pequeno comercio.

Na súa visita a Directora Xeral recordou que "o apoio aos mercados e ás prazas de abastos é un dos obxectivos estratéxicos recollidos no Plan Ágora, Agora Re-comercia de reactivación e modernización do pequeno comercio posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, que traballa co obxectivo de consolidar os mercados como líderes na venda de produto fresco e de calidade, para o que traballamos man a man coas asociacións e cos concellos".

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou "a necesidade de traballar de xeito coordinado entre a Dirección Xeral de Comercio, o Concello e os comerciantes para así actuar de xeito efectivo sobre o mercado local e tentar acometer as melloras necesarias na praza".


REMARTARON AS OBRAS DE DEMOLICIÓN DO "PALOMAR"

As obras rematáronse dentro do prazo fixado polo Xuzgado do Contencioso Administrativo Número 3.

O Concello de Tomiño cumpre coa sentencia xudicial dictada polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 3 de Pontevedra que dictaba a demolición do "palomar" ata o 30 marzo.

Recordamos que as obras de demolición iniciáronse o pasado 12 de marzo e remataron dentro do prazo dictado do 30 do mesmo mes. As obras costáronlle ao Concello de Tomiño 13.119,96 euros que foran orzamentados nos presupostos deste ano 2012 aprobados no pasado mes de decembro.

A demolición do inmobre demoraron 15 días xa que se tiveron que facer paulatinamente debido ao lugar no que estaba situado, centro da vila, e porque o edificio compartía unha parede medianeira coa casa lindeira.

Segundo o Concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, "ao fin borramos un caso de feísmo do noso Concello e do noso casco urbano. A demolición do "palomar" supón levar a práctica dunha nova forma de urbanismo no Concello e borrar as ilegalidades do Partido Popular".


INÍCIANSE AS OBRAS DE SANEAMENTO EN VILARDEMATOS-FORCADELA

A obra supón avanzar no saeneamento da parrroquia de Forcadela.

Esta semana iniciáronse as obras de saneamento en Vilardematos, Forcadela, froito da modificación do antigo proxecto de "ampliación do edificio da Casa da Cultura". Esta modificación permitiu derivar do importe destinado nun primeiro momento para un só edificio a dúas obras de saneamento e reformar a Casa da Cultura. As dúas obras de saneamento son no Hospital e en Vilardematos.

Esta obra solicitouna o Concello de Tomiño dentro dos fondos que lle corresponden ao municipio por parte da Deputación. O importe orzamentado para Forcadela é de 149.843,26 € que supón a ampliación da rede de saneamento xa existente. Suporá, polo tanto, aumentar o número de cobertura no barrio que ascende a máis de unha treintena de vivendas.

A Alcaldesa, Sandra González, e membros do equipo de goberno así como representantes da asociación de veciños e traída de augas e o pedáneo, visitaron as obras onde comentaron a boa acollida que están a ter no barrio.

As melloras repercutirán moi positivamente nos veciños e veciñas e solucionará os problemas das fosas sépticas que lles supoñen aos usuarios un gasto costoso no seu constante vaciado.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, falou cos veciños e veciñas que se achegaron a obra e comentou que "tal e como dixemos sempre o Concello invertirán a maior parte dos fondos que veñan doutras administracións no saneamento que sigue sendo unha prioridade para o goberno municipal. E recordou que segue pendente de realizarse o Treito III do Colector Xeral como se comprometera a Xunta de Galicia para poder iniciar o saneamentos noutras parroquias."

Concelho de Tomiño

A inscrición para a Carreira de San Telmo aberta ata o mércores 11 de abril

A proba terá lugar o domingo 15 con saída e chegada na Corredoira

O domingo 15 de abril vaise celebrar a vixésimo novena Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia coa colaboración do Concello de Tui.

Este evento deportivo foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o responsable de prensa do Club Atletismo Tui-Thermalia, Justi Peixoto, e o presidente da Comisión de Festas, Francisco Javier Rodríguez.

Nicolás Lorenzo salientaba na súa intervención que a carreira de San Telmo é "un dos eventos máis importantes e máis representativo das festas". Por outra parte apuntaba que tras facerse cargo da súa organización o ano pasado o Club de Atletismo a carreira deu un salto tanto cualitativo como cuantitativo. Motivo polo que felicitaba aos organizadores, lembrándose ao tempo de quen organizou a carreira en anos precedentes.

Mencionaba o edil de Deportes o bo momento polo que pasa o atletismo local con títulos galegos e nacionais, e indicaba que esta carreira vai servir de primeiro exame para a proba de 10 mil metros que se vai celebrar o 17 de xuño entre Tui e Valença, e que no seu parecer está chamada en poucos anos a converterse nunha das máis importantes do calendario galego.

Pola súa banda Justi Peixoto desculpaba a ausencia do presidente do club por motivos laborais. Falaba a continuación da corta pero exitosa traxectoria do Atletismo Tui-Thermalia que en ano e medio reúne a máis de 60 atletas, con presenzas destacadas en carreira como a Vig-Bay, ou medallas en campionatos tanto nacionais coma galegos. Tamén salientaba a organización da Carreira popular de San Telmo o ano pasado, reto que volven asumir nesta ocasión buscando mellorar aínda máis a proba tras o impulso dado en 2011, cando contaron con 700 participantes.

Xa con respecto á carreira deste ano salientaba que se trata dun circuíto urbano que terá a liña de saída e de meta no Paseo da Corredoira. A primeira carreira, ás 10.30h, será a de xuvenís, seniors e veteranos terán que completar un percorrido de 7 mil metros. Infantís e cadetes farán 2.500 metros, alevíns 900, benxamíns 600, prebenxamíns 400 e os pitufos 200 metros, competindo ás 13h.

A inscrición é gratuíta e debe facerse ata o mércores, 11 de abril, ás doce da noite, na web www.atletismotui.es, non pudendo realizarse o mesmo día da proba en ningunha das categorías. Os participantes iso sí para recoller o dorsal deberán entregar o día da proba un quilo de calquera alimento non perecedoiro que organización doará logo a un colectivo de axuda aos necesitados.

Nestes momento contan xa con 130 inscritos, entre eles a atleta tudense subcampiona de España, Leticia Fernández, e o propio concelleiro de Deportes.

Justi Peixoto tamén se refería ao 10 mil previsto para xuño, indicando que é un gran reto, e unha proba que está a levantar moitas expectativas por ser atractiva pola distancia e por celebrarse entre dous países. Ao igual que o concelleiro tamén aposta porque nuns anos se converta nun referente.


O CONCELLO DE TUI RECEPCIONA AS OBRAS DE SANEAMENTO EN RIBADELOURO E NUN BARRIO DE REBORDÁNS

Supuxo un investimento de aproximadamente 740.000 euros

O alcalde de Tui recepcionou, o pasado venres, da empresa pública Augas de Galicia dúas importantes obras relacionadas coa rede de saneamento do noso concello e que supuxeron un investimento de aproximadamente 740.000 euros na parroquia de Ribadelouro e nun barrio de Rebordáns garantindo a conexión á rede de saneamento xeral de cerca do 99% desta parroquia tudense de Ribadelouro.

En concreto, as obras recibidas polo Concello de Tui son as comprendidas no chamado "Colector Xeral de San Simón", que supuxo a execución de colectores, bombeos e conexións á rede de saneamento xeral dos barrios de: Oia, Cotarel, San Simón, Porto de Bouzas, Gándara, Eiravella, barrio da Madalena, A Costa, Mallón, (na parroquia de Ribadelouro) e no barrio de Paredes ( na inmediata parroquia de Rebordáns) . O importe total de execución das obras foi 737.663,45€.

Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a recepción destas obras é unha magnifica noticia para o noso concello, pois avanzamos solidamente en acadar un saneamento integral do noso municipio. Unha vez recepcionadas estas obras, xa está operativa a rede de saneamento que abrangue ao 99% da zona de Ribadelouro, podendo proceder os veciños a solicitar a correspondente autorización municipal para verter na rede municipal de saneamento nas zonas indicadas anteriormente.

Deste xeito o noso municipio é un dos concellos da provincia cunha máis ampla rede de saneamento o que testemuña o importante esforzo realizado tanto polo Concello como pola Xunta de Galicia, neste caso, a través de Augas de Galicia. Moisés Rodríguez Pérez agradece especialmente a colaboración realizada por numerosos veciños destas parroquias que facilitaron a realización das obras precisas para acadar esta rede de saneamento.


A coroación da raíñas e a lectura do pregón abre a programación das Festas de San Telmo

Será o sábado ás 19h no Teatro Municipal. O domingo celébrase o Festival Folclórico

Este sábado comezan oficialmente as Festas na honra a San Pedro González Telmo en Tui. Ás sete da tarde no Teatro Municipal desenvolverase o acto solemne de proclamación e coroación das raíñas e as súas damas de honra, que ata o próximo luns 16 de abril, serán as encargadas de representar a poboación tudense nos festexos.

A raíña infantil deste ano é Blanca Alfaya Buján, que estará acompañada como damas de honra por María Rodríguez Oya e Beatriz Cerqueira de Dias e Fontes. Mentres o cargo de raíña xuvenil corresponde a Blanca Leirós Jiménez, acompañada por Nerea Míguez Viana e María González Sales.

Tras a coroación terá lugar a lectura do pregón a cargo do padeeiro tudense, Manuel Garrido Barbosa, tres veces campión do mundo de maratón en c1 sub-23. O acto contará tamén coa intervención do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e do presidente da Comisión de Festas. A Banda de Gaitas de Paramos será a encargada de abrir e pechar este acto. A entrada é gratuíta ata completar o aforamento.

Por outra parte o domingo a partir das seis da tarde o Teatro Municipal será o escenario do Festival Folclórico Festas de San Telmo. No mesmo van participar os grupos folclóricos "Santa Columba" de Ribadelouro, "Seixos Albos" de Areas, "Inquedanzas" de Pazos de Reis, "O Mosteiro" de Pexegueiro, "Xuntanza" de Randufe e "San Fins" de Rebordáns. A entrada é gratuíta.


ESTE SÁBADO INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE COLECCIONISMO "FITUI 2012"

Conmemorativa do 50 aniversario do Grupo Filatélico de Tui

Este sábado, 7 de abril, a Sala Municipal de Exposicións do Concello tudense acolle ás 20,00 horas o acto oficial de inauguración da exposición filatélica "Fitui 2012" organizada polo Grupo Filatélico e Numismático de Tui, coa colaboración da Consellería de Cultura do Concello de Tui, para conmemorar o 50 aniversario da súa fundación.

Co gallo desta efeméride haberá un mataselos oficial promovido polas entidades organizadoras que estará a disposición de todos os interesados o mesmo día da inauguración desta mostra filatélica.

Nesta mostra os visitantes poden contemplar un excepcional percorrido por diversas colección, de variada temática, de coleccionistas da nosa cidade e de Valença do Minho co que ofrece unha mostra do coleccionismo galaico-portugués.

A temática das coleccións presentadas nesta mostra filatelia, moedas, postais, billetes de banco, lotería e diversas colección de obxectos decorativos e artísticos.

Para a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pérez, esta exposición amosa o importante papel que este Grupo Filatélico posúa na visa social e cultural da nosa cidade, á que ven enriquecendo coa súa actividade ao longo deste cincuenta anos de existencia. Rodríguez Pereira congratúlase pola calidade e singular achega que supón esta mostra "Fitui 2012" que enriquece o programa das festas de San Telmo 2012.


Preto de 60 actores participan na IV Semana do teatro afeccionado de San Telmo

Celebrarase do luns 9 ao sábado 14 no Teatro Municipal

Por cuarto ano consecutivo o Teatro Municipal de Tui acolle coincidindo coas Festas de San Telmo a Semana do Teatro Afeccionado organizada pola Concellería de Cultura.

Esta IV Semana foi presentada esta mañá polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez e un representante de cada grupo teatral tudense: Mela Álvarez do grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui, José Urceira do grupo Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas, Mónica Madarnás do grupo Caldemiños de Caldelas, Miguel Pazo do grupo de Aloia de Pazos de Reis, Marita Giráldez directora do grupo infantil Garabullada de Randufe, e Cristina Fernández do grupo San Fins de Rebordáns.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacaba na súa intervención que para o concello é unha honra poder contar con estes seis grupos de teatro no municipio. Salientaba coma novidade con respecto a edicións anteriores a incorporación dun novo grupo, o de Pazos de Reis, co que as representacións serán de luns a sábado.

O alcalde de Tui pola súa parte salientaba que "é un orgullo que siga habendo novas xeracións de rapaces e rapazas que estean fomentando a canteira do teatro, porque é fundamental". Isto, engadía, é un exemplo de "cultura activa". O mandatario tudense animaba ao público a acudir á Área Panorámica durante esta IV Semana.

As representacións comezarán o próximo luns ás 21h co grupo Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui que porá en escena "Extraños hábitos". Unha obra que ten coma protagonista a un mozo que convida a unha muller a súa casa, e aí comeza un enredo moi cómico. O martes, ás 21h, actuará o grupo Mesturanzas da Asociación Seixos Albos de Areas coa obra "A pousadeira" de Carlos Goldoni e traduciza ao galego por Cándido Pazó. O mércores, ás 21h, será a quenda de Caldemiños de Caldelas con "Nin mortos nin ricos senón todo o contrario". E o xoves, tamén ás 21h, actuará o grupo Aloia de Pazos de Reis con "A avoa volve casar" que fala dunha muller que logo de enviuvar volve casar o seu amor da xuventude.

O venres a cita será ás 20h da man do grupo infantil Garabullada da Asociación Xuntanza de Randufe con "El cerco de las escobas"., Será representada por dez cativos con idades entre os 5 e os 12 anos. E por último o sábado, tamén ás 20h, o grupo San Fins de Rebordáns leva a escena "Ovellas negras", unha obra moi divertida protagonizada por unha familia moi peculiar.

As entradas sen numerar, poranse á venda media hora antes de cada función ao prezo de 1€.


DENDE O PASADO XOVES ESTÁ EN FUNCIONAMENTO A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO

Xoves Santo- iniciou de novo o seu funcionamento a Oficina Municipal de Turismo ubicada no Paseo da Corredoira de Tui e atendida por dúas bolseiras que contratadas polo Concello de Tui contan cunha subvención do Patronato de Turismo "Rías Baixas" da Deputación Provincial de Pontevedra.

Deste xeito estará diariamente a disposición de turistas e visitantes esta Oficina Municipal de Turismo que, cabe lembrar, nos oito meses de funcionamento do pasado ano 2011 atendeu a un total de 30.039 visitas, destas 24.803 foron nacionais, e 5.236 internacionais, existindo entre eles un número total de 3.036 peregrinos no seu paso polo Camiño de Santiago portugués.

A apertura deste oficina, en palabras do alcalde tudense - Moisés Rodríguez Pérez-, é un elemento imprescindible no traballo de promoción turística da nosa cidade pois ofrece aos seus usuarios non xa información sobre os recursos turísticos da nosa cidade e a súa comarca, senón que promove outras actividades de difusión e información a través das redes sociais, asesoramento a empresas e establecementos de hostalería, etc. Destaca o esforzo realizado para lograr a posta en funcionamento desta Oficina na Semana Santa e para as inmediatas Festas de San Telmo, proporcionando un lugar de atención aos visitantes que se achegan onda Tui nestas xornadas.

Moisés Rodríguez amosa, por outra banda, a súa sorpresa diante das declaracións do BNG tudense que, nunha nova oportunidade, patentiza o seu descoñecemento da realidade tudense, ao reclamar a apertura desta Oficina Municipal de Turismo na mesma xornada en que está abriu as súas portas. Descoñecemento tamén da vida municipal, pois, cun mínimo seguimento da actividade do Concello, sabería que estaba en marcha o proceso de selección de bolseiros/as para esta Oficina.

Descoñecemento, ou tentativa de engano a opinión pública, continúa o rexedor tudense, é falar de inoperancia e incapacidade en materia de turismo cando nestes meses, gracias ao traballo do goberno municipal, o Concello de Tui, conxuntamente co municipio de Valença, ten participado, por exemplo, na feira de turismo Expogalaecia, ou ten presentado, por vez primeira, a súa oferta de turismo en Fitur ou na BTL de Lisboa, as dúas feiras de turismo máis importantes que se celebran na Península Ibérica.

O Alcalde sinala tamén que o Concello de Tui está estudando unha reubicación desta Oficina Municipal de Turismo, para que poida dispoñer dunhas instalacións máis axeitadas para levar adiante as súas funcións e que se pretende ocupe un lugar emblemático da nosa cidade, confiando que en breve prazo culminen positivamente as xestións iniciadas.

Concello de Tui