Jornal Digital Regional
Nº 573: 4/10 Fev 12
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Freguesias Óbitos Política Pescas Roteiro

"II XORNADA CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA.
FUNDAMENTOS HISTÓRICOS" NO CONCELLO DA GUARDA

A Guarda xunto cos concellos galegos e portugueses apostan pola fundamentación histórica do Camiño Portugués da Costa e pola súa difusión. Deste xeito foi promovido nos últimos meses a II Xornada Camiño Portugués da Costa. Fundamentos Históricos que terá lugar o próximo sábado 4 de febreiro no concello da Guarda.

Durante a mañá as presentacións de estudosos galegos e portugueses afondarán nas cuestións históricas e culturais ligadas ó pasado do Camiño Portugués da Costa.

Pioneira no estudo e promoción do Camiño Portugués da Costa foi a Asociación Amigos dos Pazos que identificaron, sinalizaron e publicaron o libro "El Camino Portugués de la Costa", fundamental na oficialidade do Camiño. Pola importancia e coñecemento do Camiño a primeira conferencia estará a cargo de D. Grato Amor Moreno, experto no "Porqué do Camiño", título da ponencia que recolle a finalidade desta xornada.

A conferencia "O Fenómeno das Peregrinacións" do guardés e especialista en historia medieval, D. Ermelindo Portela, amosará o que supuxo no medievo as peregrinacións a Santiago e cómo mudaron e xurdiron os camiños a Santiago, sendo os únicos protagonistas os peregrinos ó camiñar.

A xornada conta con dúas conferencias de especialistas portugueses: "Peregrinos e viaxeiros no territorio portugués do Camiño da Costa" e " Travesías fluviais". Ambos estudos expoñen as experiencias dos peregrinos que no pasado recorreron a costa portuguesa dende Oporto.

Durante a xornada foron programas dúas visitas guiadas ligadas ó Camiño Portugués da Costa: Monte Santa Trega e Mosteiro de Oia na que poderán participar os inscritos á II Xornada.

A tarde foi reservada para a Mesa Redonda ca temática CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA: PRESENTE E FUTURO actuando como moderador de D. Alberto Viso Outeiriño (Xefe Dpto de Portugués do IES A Sangriña). Os convidados galegos son a Secretaria para o Turismo, Dna Carmen Pardo e D. Manuel Alonso da Asociación Amigos dos Pazos. Da marxe portuguesa participan Dr. Carlos Alberto Brochado de Almeida, profesor da Facultade de Letras da Universidade do Porto; D. Manuel Miranda, presidente da Associaçâo Via Veteris; e D. Marco Sousa, delegado do Turismo Relixioso da Entidade de Turismo Porto-Norte Portugal.

Durante a II Xornada poderá visitarse a Exposición fotográfica do I Concurso Internacional de Fotografía "Camiño Portugués da Costa". Ó remate da Xornada dará comezo o acto de entrega dos premios das fases locais e da fase final.

A clausura da II Xornada "Camiño Portugués da Costa" será a cargo da Secretaria para o Turismo, Dna Carmen Pardo.

Aqueles interesados en asistir ó Encontro poden consultar o programa previsto, informarse e inscribirse gratuitamente na oficina de turismo sita no concello da Guarda. (Tel. 986 614 546 / turismo@aguarda.es).

Concello de A Guarda

O pleno da Guarda aproba unha moción do BNG
en contra da suba do IBI

"O a suba do IBI vai supoñer
un incremento entre o 4 e o 10%"

O Bloque Nacionalista Galego presentou no pleno celebrado o pasado 27 de xaneiro unha moción en contra da suba do imposto de bens inmóbeis (IBI) decidida polo Goberno do estado. A moción foi aprobada cos votos en contra do Partido Popular.

O Goberno central do PP vén de aprobar un Real decreto, RDL 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, que inclúe o incremento do Imposto de Bens Inmóbeis de Natureza Urbana (IBI), que lle vai supoñer a moitos concellos un incremento deste imposto entre o 4 e o 10 %.

A medida adoptada polo goberno do PP no Estado, vén botar por terra as previsións que adoptaron os concellos antes do 1 de xaneiro, en canto á actualización de taxas e impostos, que se fixeron tendo en conta a situación económica municipal e dos seus habitantes, que agora veñen a sufrir este ano e o próximo unha nova e forte suba de impostos, acumulándose o incremento aprobado polo Goberno Central aos incrementos aprobados por moitos concellos.

"Resulta escandaloso que durante meses e en plena campaña electoral o PP prometera que non ía subir os impostos, agora, unha vez no Goberno central fai o contrario do que di co silencio cómplice do Goberno galego. Iso si, poñer en cintura a gran banca e as grandes fortunas e perseguir a graude fiscal non está na axenda do PP" comentou o portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba.

Para o BNG esta medida é un ataque frontal á autonomía local, por ser os concellos os que teñen a posibilidade de fixar o IBI, véndose abocados a un incremento que vai repercutir gravemente na economía das familias e constituíndo unha medida do PP que despreza a competencia municipal.

Diante desta grave medida que obriga a un incremento de impostos que vai prexudicar ao conxunto da cidadanía, correspóndelle ao Goberno galego actuar para preservar a autonomía dos concellos galegos, e non a optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central.

O BNG solicita a retirada do incremento do IBI e insta ao Goberno do Estado a proceder a unha reforma urxente do finanzamento local impulsando un Plan de Finanzamento Local, así como medidas para a mellora efectiva da loita contra a fraude fiscal.

BNG

O CONCELLO DE TOMIÑO ORGANIZA UN OBRADOIRO PARA FAMILIAS
O taller xirará en torno a adolescencia

O Concello de Tomiño organiza un obradoiro para familias no marco da Escola Municipal de Nais e Pais. Trátase dun programa de educación familiar organizado en tres sesións de hora e media. O programa leva por nome "acordos en familia con adolescentes" e iniciarase este venres día 3 de febreiro ás 20h00.

Para poder participar no taller é preciso inscribirse nas dependencias de servizos sociais ou no teléfono 986 623 211. Formarase un grupo de 25 familias que correrá a cargo do psicólogo Manuel Lloves Moratinos.


O CONCELLO DE TOMIÑO RECIBE O PREMIO A NIVEL GALEGO DA FEDERACIÓN DE TRIATLON POR FOMENTAR ESTE DEPORTE

A Alcaldesa de Tomiño recollerá o premio en representación do Concello

O Concello de Tomiño recibirá mañán sábado un premio pola promoción do triatlon e os valores do deporte e da cultura 2011 que otorga a Federación Galega de Triatlon e Pentatlon. O distintivo será entregado en Narón no auditorio municipal á Alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Os membros do xurado da Federación Galega de Triatlon e Pentatlon quixeron distinguir ao Concello de Tomiño polo seu apoio ao deporte e en concreto ao triatlon. Con este premio a Federación recoñece a laboura do Concello de Tomiño nestes cinco anos co Triatlon da Amizade. Os outorgantes do distintivo resaltaban a posta en valor do deporte e da cultura por parte do Concello de Tomiño, nun evento transfronteirizo que leva por emblema a Ponte da Amizade.

Mañán ás 17h00 na Gala do Triatlon e do Pentatlon Moderno Galego farase entrega do premio que recibirá a Alcaldesa de Tomiño en representación do Concello. A Alcaldesa, agradecía "este premio tan simbólico para o municipio xa que estamos a falar de que é o recoñecemento a un traballo conxunto que facemos con Vila Nova de Cerveira. Con eles tamén queremos compartirlo porque son a outra metade dese apoio que facemos e cremos que debemos que facer ao deporte e ao triatlon en particular. Así que é un premio que tamén recoñece o traballo dos organizadores, da Câmara de Vila Nova de Cerveira, do Concello de Tomiño e de todos os que colaboran, en especial Benito Guerreiro".


O CONCELLO DE TOMIÑO EXPERIMENTA MELLORAS NO SISTEMA ELÉCTRICO

As melloras evitarán largos periodos de tempo para as reparacións de averías

Recentemente, Unión Fenosa ten levado a cabo melloras no suministro no Concello de Tomiño. Estas melloras están dirixidas a dotar ao casco urbán de Tomiño dun sistema de "anel" que permite que as averías poidan solucionarse en menor tempo.

Nas últimas averías a media de tempo de arranxo era moi elevada porque a liña eléctrica era unidireccional. Con este sistema de anel, unha vez localizada a averías, os outros puntos poden seguir tendo electricidade mentres se arranxa o que ten problema.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, apuntaba que "agardamos que estas melloras repercutan positivamente no servizo de electricidade. É algo que levamos solicitando da empresa suministradora dende hai tempo. Agardamos que esta demanda dos veciños e veciñas ao fin se vexa solucionada e en consecuencia se reduza considerablemente as molestias aos usuarios ".

Concello de Tomiño

PLAY-DOC TRAE DE NOVO A GALICIA O MELLOR DO CINEMA DOCUMENTAL

O certame, que se celebrará en Tui (Pontevedra) entre o 21 e o 25 de marzo, chega á súa oitava edición como cita ineludible dos cinéfilos co documental de autor independente e de calidade

Os directores de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Sara García e Ángel Sánchez, anunciaron a celebración da próxima edición de Play-Doc, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo próximos na cidade de Tui. Estiveron acompañados por Moisés Rodríguez, alcalde da cidade, e pola súa concelleira de Cultura e Educación, Vanesa Rodríguez, que resaltaron a celebración de Play-Doc coma o evento cultural máis importante para Tui, cualificándoo como “a xoia da cultura tudense”.

Os organizadores lembraron que cada edición supón todo un reto. “É un festival feito desde a periferia artística e xeográfica, que defende unha proposta cultural afastada do comercial, ofrecendo un cinema ao noso parecer esencial e ao que é difícil acceder xa que fóra dos festivais e na maioría dos casos non atopa espazos para a súa exhibición”. Play-doc converteuse nunha das referencias do documental en España, un festival que trouxo a Galicia o cinema de grandes do xénero como Raymond Depardon, Rithy Pahn, Avi Mogravi ou Marcel Lozinski e que cada ano realiza ademais retrospectivas dedicadas a realizadores xa consagrados, “unha pequena selección do mellor que se produciu recentemente en todo o mundo”, explicou Sara García.

Sara García destacou que “a edición deste ano vai ser histórica, ao cristalizar todos os esforzos realizados ata o de agora”. Tamén recoñecía a co-directora do Festival galego que para chegar a esta oitava edición tiveron que facer fronte aos problemas de visibilidade e de presuposto que supoñen facer un evento destas dimensións nunha localidade pequena, polo que dicía que “están moi contentos de poder anunciar esta oitava edición”.

Ángel Sánchez explicaba que a día de hoxe, a mes e medio do comezo, faltan por pechar os últimos detalles da programación, para o que agardan que se materialice o apoio por parte da Xunta de Galicia. Os próximos días, dicía Ángel Sánchez, serán decisivos para o festival nunha edición na que o orzamento será inferior ao de 2011. Malia diso afirmou que a programación deste ano vainos “situar nun lugar privilexiado”.

Amais Ángel Sánchez apuntou que a pesar das dificultades Play-Doc foi gañando o respecto e o agarimo de profesionais de todo o mundo e foi capaz de atopar o seu lugar no circuíto internacional de festivais, cultivando á súa vez un público numeroso, fiel, heteroxéneo e entusiasta. Máis de 45.000 espectadores xa pasaron por Play-Doc ata a data.

Na sección a competición, na que se repartirán un total de 5.000 € en premios, poderase gozar dunha coidada selección das películas máis representativas do ano. Ademais, segundo os seus directores “o audiovisual galego volverá ocupar un lugar destacado no festival”. Play-Doc vén demostrando un grande apoio ao cinema feito en Galicia, a través da súa presenza na programación, nos seus obradoiros formativos e os seus programas no estranxeiro, coma o que presentou o verán pasado no prestixioso Dokufest, principal cita cinematográfica nos Balcáns.

De cara a este 2012, e como novidade, Play-Doc levará parte da súa programación ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña, e ao Instituto Valenciano do Audiovisual e a Cinematografía (IVAC), ao termo da súa edición. Play-Doc amplía así a súa visibilidade no sector nun ano marcado polas incertezas orzamentarias.

PLAY-DOC

O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA VISITOU TUI

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo na mañá de onte, mércores 1 de febreiro, unha xuntanza na cidade de Tui para tratar diversos asuntos relacionados co seu organismo.

Acompañado do alcalde de Tui e outros membros do equipo de goberno mantivo reunión cun representante da empresa que está actualmente realizado as obras de mantemento da Ponte Internacional que, acompañado do vereador da Cámara Municipal de Valença José Lopes, solicitáronlle o uso das instalacións de Portos de Galicia en Goián para a montaxe dunhas pezas, tipo abrazadeira, destinadas os piares da vella ponte metálica e dende alí serían trasladadas ata a ponte de Pelayo Mancebo Agreda. José Juan Durán Hermida amosou a súa vontade de colaborar neste tema no que tamén cómpre contar coa aprobación de Costas do Estado que posúe tamén competencias neste tema.

O presidente Portos de Galicia mantivo tamén unha xuntanza con representantes do Club Náutico "San Telmo" en relación ao novo canón establecido polo uso do porto deportivo tudense e que está causando diversos problemas cos usuarios desas instalacións. José Juan Durán manifestou que estas taxas foron establecidas con carácter xeral e que están estudando unha posible modificación das mesmas para facilitar o uso destas instalacións portuarias. Abordaron tamén outros aspectos relacionados con este porto deportivo de Tui coincidindo todos na necesidade da súa potenciación como un grande atractivo para o turismo da nosa cidade e como un dos elementos básicos para o aproveitamento do río Miño como un espazo privilexiado para o lecer e a práctica deportiva. Finalmente coincidiron en elaborar un programa para a potenciación do local que ocupa actualmente o Club Náutico como un espazo público ao servizo da valorización do río Miño e o seu aproveitamento turístico.

O alcalde de Tui agradeceulle a José Juan Durán Hermida a súa presenza na cidade para tratar estes dous asuntos de gran interese para a nosa cidade e a súa vontade de colaborar intensamente co Concello de Tui e os colectivos da nosa cidade na promoción do seu porto deportivo e o aproveitamento turístico e deportivo do río Miño. Moisés Rodríguez aproveitou para convidar ao Presidente de Portos de Galicia para que realice unha visita institucional á Tui.


O VINDEIRO VENRES, 10 DE FEBREIRO, SERÁ ASINADO O PROTOCOLO DE CREACIÓN DA EUROCIDADE

O vindeiro venres, 10 de febreiro, será asinado oficialmente o protocolo de creación da Eurocidade Tui - Valença / Valença-Tui nun acto institucional a celebrar na antiga Alfándega de Valença e no que asistiran o presidente da Cámara Municipal de Valença, o alcalde do Concello de Tui, un representante da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte e un representante da Xunta de Galicia en representación tamén da Comunidade de Traballo Galicia - Norte de Portugal, cuxa presidencia ostenta actualmente a nosa Comunidade Autónoma.

A sinatura deste protocolo culmina ao proceso iniciado coa aprobación por parte do Pleno da Assembleia Municipal valenciana e da Corporación Municipal tudense deste acordo de cooperación entre ambos municipios que buscan así promover as sinerxías mutuas e potenciar a colaboración en múltiples materias en beneficio dos cidadáns de ambos municipios.

Xa ao longo dos últimos meses Tui e Valença teñen colaborado en numerosas iniciativas de carácter conxunto. Dende a recente participación na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid ou anteriormente na Expogalaecia, á diversas competicións deportivas, actividades culturais como a Cabalgata de Reis, actuacións de caracter medioambiental como a plantación do bosque da Eurocidade, etc.. son algunhas das actividades xa desenvolvidas ao abeiro desta colaboración.


Tui é de novo o primeiro lugar de inicio da peregrinación fóra do Camiño Francés

7.720 PEREGRINOS COMEZARON A SUA PEREGRINACIÓN A COMPOSTELA EN TUI NO PASADO ANO 2011

O albergue de Tui chegou aos 5.434 peregrinos fronte aos 3.991 do Ano Santo 2010 testemuñando a vitalidade do Camiño Portugués

Os datos oficiais ofrecidos pola Arquidiocese de Santiago de Compostela confirman que no pasado ano 2011 o Camiño portugués acolleu un total de 22.062 peregrinos dos que 7.720 comezaron a súa peregrinación na cidade de Tui. Un ano máis Tui é o primeiro lugar fóra do Camiño Francés en ser escollido polos peregrinos para iniciar o seu camiñar cara a Compostela.

Tamén os datos do Albergue de peregrinos da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo na nosa cidade son significativos: no pasado ano 2011 foron acollidos nestas instalacións un total de 5.434 peregrinos case 1500 máis no ano anterior en que se celebraba o Ano Santo, onde o número de peregrinos que pernoctaron neste albergue tudense fora de 3.991.

Esta posición central da nosa cidade nos camiños portugueses de peregrinación ven confirmada pola historia e pola tradición secular de acollida aos peregrinos que posúe esta cidade que chegou a contar, nos últimos séculos da Idade Media, ata con tres hospitais para a acollida dos peregrinos no seu percorrido ao sartego apostólico.

Tamén no pasado ano 2011 esta condición xacobea da nosa cidade posibilitou un auténtico crisol de nacionalidades que achegáronse onda Tui; salientaron especialmente os peregrinos de Irlanda que medraron substancialmente respecto doutros anos xunto aos alemáns, franceses, portugueses, italianos, holandeses, eslovenos, lituanos, ingleses, etc. Resalta tamén a significativa presenza de peregrinos de Sudáfrica, Corea ou Xapón, en número crecente. Entre as Comunidades Autónomas salientan os peregrinos procedentes das Ilas Baleares, Canarias, Murcia, Andalucía, Estremadura, Valencia, Cataluña e tamén de Galicia.

Para a concelleira de Turismo, Raquel Lorenzo Pimentel, estes datos certifican, nunha nova oportunidade, a importancia que posúe o camiño portugués que discorre pola nosa cidade que é escollido pola práctica totalidade dos peregrinos que se achegan dende Portugal ata Compostela.

O Concello de Tui mantén a súa preocupación pola acollida dos peregrinos mantendo aberto o centro de interpretación do camiño portugués e o albergue temporal do Concello para os momentos no que o albergue oficial está completo, ao tempo que mantén coidado o itinerario xacobeo realizando un mantemento continuo deste roteiro e mesmo mantendo operativo o perfil de facebook "Tui camino de Santiago" para difusión desta ruta xacobea e resolver as consultas que os peregrinos ou interesados neste fenómeno prantexan a través desta rede social.

Lorenzo Pimentel conclúe que estas cifras avalan vitalidade do fenómeno da peregrinación xacobea e especialmente da camiño portugués que a través da Eurocidade Tui - Valença é un lugar central e privilexiado deste itinerario e que é escollido pola inmensa maioría das peregrinos polo seu trazado, pola súa historia e tradición e pola oferta patrimonial e turística de caracter complementario que existen neste trazado.

Concello de Tui