CURSO DE TÉCNICO/A EN COCIÑA PARA DESEMPREGADOS/AS
 |
Convocamos un Curso de Técnico/a en Cociña dirixido a persoas desempregadas e con perfil profesional dentro do ámbito da hostalería e/ou restauración. Enmárcase dentro do Programa de Formación e Inserción Social e Laboral da Asociación Érguete Baixo Miño cunha duración de 420 h.
O curso consta de dúas partes diferenciadas: unha primeira fase de formación teórico-practica e outra segunda fase de prácticas en empresas. A primeira parte do curso comezará o vindeiro 5 de setembro ata o 30 de novembro en horario de 09:00 a 14:00 h. Mentres que a segunda fase de prácticas en centros de traballo realizarase durante o mes de decembro.
Esta actividade impartirase grazas á colaboración das cotas dos/as socios/as da Asociación, a Consellería de Traballo e Benestar, o Fondo Social Europeo, a Deputación de Pontevedra e o Concello de O Rosal.
As persoas interesadas só teñen que deixarnos o seu nome e un teléfono de contacto para establecer unha cita para a entrevista. As prazas son limitadas e o curso é gratuito.
Se precisas máis información, contacta con nós na r/Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) en A Guarda, no teléfono 986 614 407 ou no email: info@erguete.org
Asociación Érguete Baixo Miño
|
O Goberno do PSOE rexeita a moción do BNG para a realización dun Plan de tráfico para A Guarda
"A máxima responsabilidade recae no propio Alcalde, X.M. Freitas, creando unha Concellaría de Tráfico con dedicación parcial pero que na práctica non é operativa"
O pasado venres 29 de xullo, o pleno do concello discutiu unha moción presentada polo BNG para a creación dun Plan de tráfico para a Guarda. A moción foi rexeitada polo Alcalde, X.M. Freitas, o seu grupo de goberno e coa abstención de Converxencia Galega.
Segundo os nacionalistas, A Guarda é un concello cunha importante actividade comercial e de ocio dentro da comarca, así como un referente turístico de primeira magnitude. Esta condición fai que se evidencien a diario problemas de tráfico que chegan a colapsar, en momentos puntuais, algunhas rúas da nosa vila. Estes problemas son máis patentes coa chegada da época estival, o que fai necesario, máis ca nunca, unha planificación do tráfico no noso concello.
Para levar adiante esta planificación, o BNG entende que se fai necesario a realización dun plan de tráfico que recolla aspectos fundamentais como a análise do tráfico actual, a saída sur do porto que faga posíbel unha comunicación máis áxil, definir futuras áreas de aparcamento, zona azul, posíbeis peonalizacións, etc. O plan de tráfico debe integrar as necesidades do concello contando, na súa elaboración, coas opinións da sociedade guardesa, a través das súas organizacións sociais e políticas, así como expertos na materia.
Segundo o portavoz nacionalista, Xan Lois Lomba, xa no ano 2008 o BNG presentou unha moción no mesmo senso que foi rexeitada por parte do Sr. Alcalde e o seu grupo de goberno, sen que se fixera absolutamente nada até o día de hoxe.
"É indecente que no mesmo pleno o Concelleiro de tráfico vote a favor da súa dedicación parcial e vote en contra da creación dun plan de tráfico que toda A Guarda espera", comentou Hortensia García, concelleira nacionalista.
Para o BNG a responsabilidade máxima recae no propio Alcalde, X.M. Freitas, dado que crea unha Concellaría de Tráfico con dedicación parcial pero que na práctica non é operativa, sabendo que o tráfico é un dos problemas máis importantes que ten o concello da Guarda. A día de hoxe, despois de 4 anos de maioría absoluta, o goberno do PSOE dedicouse a votar en contra de todas as iniciativas que presentou o BNG para intentar solucionar os problemas de tráfico.
O BNG responsabiliza ao Goberno español e ao Alcalde da Guarda actual situación do ferry"
"O BNG presentou en 2010 unha moción na que se solicitaba un compromiso firme e público do Goberno español coa continuidade do ferri A Guarda-Caminha, moción rexeitada polo Goberno municipal do PSOE"
Ante as preocupantes noticias que aparecen en distintos medios de comunicación sobre a suspresión do servizo de ferry entre A Guarda - Caminha, o Bloque Nacionalista Galego considera que existe unha responsabilidade directa por parte do Alcalde da Guarda e do Goberno español do PSOE.
O BNG leva denunciando e advertindo dende hai tempo esta situación e da falta de implicación das distintas administracións tanto local, autonómica como estatal.
O BNG presentou en febreiro do ano 2010 unha moción na que se solicitaba un compromiso firme e público do Goberno español coa continuidade do ferry A Guarda-Caminha. Asemade, solicitábase que se realizaran os estudos pertinentes para a realización dun dragado que faga compatíbel o transporte e a actividade pesqueira no río Miño.
A moción presentada polo BNG foi rexeitada polo actual Alcalde, X.M. Freitas, e o seu grupo de goberno, primando os intereses de partido sobre os do pobo da Guarda. As consecuencias, podemos velas neste momento coa posíbel supresión do servizo. Dende ese momento o Alcalde non foi capaz de conseguir nin o máis mínimo compromiso do Goberno español para solucionar o problema do ferry. Así mesmo, a deputada do BNG no Parlamento español, Olaia Fernández Davila, presentou varias iniciativas interesándose sobre o dragado do río Miño e sobre o mantemento do servizo de ferry.
O BNG tiña claro que non había ningún compromiso por parte do Goberno español no mantemento do ferry, ano e medio despois a realidade dálle a razón ao BNG.
"Dende o BNG levamos tempo denunciando esta situación diante das administracións. Xa no ano 2010 dixemos que había que acudir as administracións europeas. O Alcalde coas súas declaracións chega tarde, un ano e medio despois. En todo este tempo non hai nada", comenta Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG Goberno español non ten ningún interese nesta vía de comunicación e o Alcalde da Guarda é incapaz de conseguir un mínimo compromiso dos seus compañeiros do PSOE do Goberno central. Outra das administracións que está totalmente desaparecida é a Xunta de Galiza, que algo terá que dicir ante a supresión deste servizo no seu territorio.
O máis grave é que o Alcalde en ningún momento informou en todo este período nin fixo partícipes ás forzas políticas e sociais da preocupante situación na que estaba o servizo de ferry A Guarda - Caminha. Diante da inoperancia do Goberno municipal, dende o BNG solicitamos á sociedade guardesa que se mobilice en defensa deste servizo de suma importancia para o noso concello.
|
INSCRICIÓNS NAS ESCOLAS DEPORTIVAS DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patinaxe, Balonmán e Fútbol serán os deportes subvencionados pola Deputación Provincial
Un ano máis a Deputación Provincial de Pontevedra colaborará co Concello de Tui nas Escolas Deportivas Provinciais, que nesta tempada contará cos deportes Patinaxe, Balonmán e Fútbol.
PATINAXE
Despois do éxito de participación do ano pasado, no que máis de 100 nenos e nenas de Tui gozaron desta actividade, a Deputación Provincial e o Concello de Tui esperan ter un incremento no número de inscritos.
A actividade comezará o mércores 5 de outubro, impartíndose as clases os mércores e venres no pavillón deportivo do IES San Paio de Tui. Poderán anotarse os nenos e nenas de 5 a 15 anos. Os grupos faranse pola monitora dependendo do nivel dos nenos.
Datas de Inscrición
As inscricións realizaranse no Concello de Tui, por rigoroso orden de inscrición, dende o día 5 ao 16 de setembro, dende as 09.00 ata as 13.30 horas.
Una vez rematado o prazo de inscrición conformaranse os listados de admitidos e de reservas. Na última semana do mes de setembro publicaranse os listados na web do Concello.
Balonmán
Actividade consolidada no Concello gracias ao traballo realizado polo Club Balonmán Tui, no que o ano pasado contou con máis de 150 nenos e nenas.
A actividade comezará no mes de outubro, impartíndose nos distintos colexios de Tui, CEIP nº2, CEIP de Guillarei, CEIP de Randufe, CEIP de Caldelas, CEIP de Pazos de Reis, CPR Santa María e CEIP de Rebordáns.
Na primeira semana de clase realizarase una promoción polos monitores do Club Balonmán Tui e as inscricións cumprimentaranse nos colexios polas AMPAS, na segunda semana de clase.
Fútbol
Con máis de 100 nenos e nenas do Concello, e impartido por adestradores do TYDE C.F., a actividade impartirase no Campo de fútbol Municipal de Tui "Álvarez Durán", os luns, mércores e venres de 17.00 a 19.00 horas.
As inscricións poden facerse nas instalacións do TYDE C.F. ou chamando ao número de teléfono 617.858.623
O Club Xadrez Tui inicia as súa actividade con cen socios e escola municipal deste deporte

Terá a súa sede no novo pavillón de deporte. A súa web é www.xadreztui.org
A promoción do xadrez entre a poboación tudense é un dos obxectivos con que parte o Club Xadrez Tui, de nova creación, que foi presentado este mediodía na Casa do Concello de Tui. O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, así coma do presidente e tesoureiro do club, Luís Fernández e Emilio Pazo xunto a Roberto Páramos, promotor de Xadrez Galego.
O Club Xadrez Tui marca entre os seus obxectivos a creación dunha Escola Municipal deste deporte, que terá a súa sede no novo pavillón municipal tudense. Entre as actividades que van desenvolver figuran as partidas simultáneas os domingos de 11 a 13h no Paseo da Corredoira, que comezaron xa na fin de semana pasada, e que se van manter mentres o tempo o permita. Amais co gallo das festas de San Telmo organizarán un Torneo de Xadrez. Buscan tamén formar equipos para competir tanto na liga galega coma a nivel nacional, segundo explicaba o seu presidente Luís Fernández.
O tesoureiro do Club Xadrez Tui, Emilio Pazo, destacou que este é "un proxecto ilusionante" promovido por un grupo de xente que leva moitos anos practicando este deporte, e máis de dez anos en competición federada. Co club, explicaba que, buscan dar unha nova dimensión a un proxecto que inclúe unha escola e animar á xente a interesarse por este deporte.
Roberto Páramos, promotor de Xadrez Galego, falou dos beneficios demostrados do xadrez xa que mellora a concentración e a memoria e "axuda a crecer coma persoa". Sinalou amais que "Tui conta con máis de cen persoas que xogan ao xadrez polo que a Escola é xa unha das máis importantes de Galicia". Fixo referencia asemade ao alto nivel de xogadores que hai na cidade coma Paco Carrera, campión Galego, e David Ocampo que vén de participar no campionato de España de xuvenís Adiantou tamén que o actual campión de España, que reside en Ponteareas, amosou a súa disposición para participar nas actividades que se organicen en Tui.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, explicaba que "o de hoxe é un día importante pola presentación de novos clubs que nacen no Concello", por este motivo felicitou aos organizadores por esta iniciativa. Cualificou a idea de "fabulosa" pondo os medios ao seu alcance para que saíse adiante.
Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosouse encantado polo nacemento deste novo club, indicando que "hai que apostar polo deporte nunha cidade que xa é un referente cultural". Engadía o mandatario municipal que os éxitos deste club serán os éxitos de Tui. Mencionaba por último que "é importante que teñamos campións, que teñamos xente que vaia representando a nosa cidade. Pero sobre todo si conseguimos mellorar a calidade de vida das persoas que viven en Tui para nós tamén é algo moi importante, sobre todo que se faga ao través de algo tan divertido coma unha partida de xadrez", referíndose así aos beneficios que pode ter este deporte.
As clases do novo club impartiranse no novo pavillón deportivo tanto no nivel de iniciación coma de perfeccionamento. A inscrición ábrese a mediados de setembro.Toda a información desta nova entidade deportiva pódese consultar en www.xadreztui.org
|
O LUNS 5 DE SETEMBRO SESIÓN SOBRE CULTURA E TRADICIÓN TERMAL EN TUI E GALICIA
Co gallo da celebración na nosa cidade da exposición "O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia" o vindeiro luns, 5 de setembro, ás 20,00 horas terá lugar no edificio Área Panorámica de Tui unha sesión sobre termalismo que contará coa participación de destacados especialistas nesta materia. Esta sesión estará centrada en dous eixos, un dedicado especialmente ao balneario de Caldelas de Tui, tanto no seu aspecto histórico como termal, para abordar de seguido unha pequena mesa redonda sobre "Tradición e cultura termal en Galicia".
Estas actividades están organizadas pola Asociación de Balneario de Galicia e contan coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui. Para a súa responsable, Vanesa Rodríguez Pereira, esta sesión sobre termalismo é unha excelente oportunidade para achegarse ao coñecemento e valorización do termalismo como un elemento integrante da cultura de Galicia dende os tempos máis remotos e, especialmente, para afondar na difusión do balneario de Caldelas de Tui, un establecemento con case dous séculos de historia e que dota ao noso municipio dun valor engadido que se suma ao seu patrimonio e paisaxe. Vanesa Rodríguez agradece á Asociación de Balnearios de Galicia e ao Balneario de Caldelas o seu esforzo para a organización desta exposición na nosa cidade e desta sesión divulgativa a cargo de principais especialistas de Galicia en materia de termalismo.
O programa da sesión é o seguinte:
20:00 H. APERTURA DO ACTO.
D. Moisés Rodríguez Pérez (Alcalde Concello de Tui),
D. Juan Gestal Otero (Decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela e director da Cáteda de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia),
Dona Ana Rodriguez Ruiz (Directora do Balneario de Caldelas de Tui).
20:15 H. UN CAPITULO DA HISTORIA DO TERMALISMO GALEGO: O BALNEARIO DE CALDELAS DE TUI.
D. Luis Alonso Álvarez (Catedrático de Historia e Institucions Economicas. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Universidade da Coruña).
20:35 H. INDICACIONS SANITARIAS DAS AUGAS DO BALNEARIO DE CALDELAS DE TUI.
D. Elias Festa Cayuela, director medico do Balneario de Caldelas de Tui.
20:55 H. MESA REDONDA. "TRADICIÓN E CULTURA TERMAL EN GALICIA".
D. Luis Rodriguez Míguez (Codirector da Cátedra USC - Balnearios de Galicia).
D. Luis Alonso Álvarez (Catedrático de Historia e Institucions Economicas. Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Universidade da Coruña).
Dona Noelia Cabarcos Novás (Directora área termal Balneario de Mondariz).
Modera: D. Benigno Amor Barreiro (Xerente Asociacion de Balnearios de Galicia).
21:45 H. PECHE DA XORNADA.
A asistencia a esta sesión é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.
A exposición "O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia" articúlase nunha serie de bloques cos principais fitos históricos do termalismo e as súas particularidades, arrancando co rexurdimento dos balnearios galegos no tempo da Ilustración e continuando cos balnearios liberais (1808-1874), Restauración e Belle Époque (1875-1914), ditadura de Primo de Rivera, República e posguerra, a recuperación destes establecementos durante a transición, os principais balnearios galegos na historia, a vida cotiá dos bañistas, a arquitectura destes espazos, as augas embotelladas e outras actividades industriais e a publicidade.
A presenza desta exposición na nosa cidade pretende reivindicar a achega que na historia termal de Galicia posúe o Balneario de Caldelas, un dos exemplos máis sobranceiros da tradición termal na nosa Comunidade Autónoma. De este establecemento contaremos na exposición con diversas pezas de carácter histórico que enriquecen o contido da mostra.
Esta exposición está organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia e o Concello de Tui. Estará aberta ao público ata o vindeiro 17 de setembro na Sala Municipal de Exposicións (Edificio Área Panorámica, rúa Colón, 2).
Concellería de Educación e Cultura do Concello de Tui
|
 |
|
|