|
Esgotadas as citas para a renovación do DNI na Guarda dende setembro ata o mes de decembro
O Concello da Guarda informa que as citas para a renovación do DNI na Guarda están esgotadas dende este mes de setembro ata o mes de decembro.
Se se amplían os listados en datas futuras e se abre un novo prazo para pedir a renovación do DNI na Guarda avisarase polas canles de información habituais do Concello, como a páxina web aguarda.es.
O BNG presenta unha moción para arranxar a rúa S Caetano na Cruzada
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para ser discutida no próximo pleno ordinario de setembro para que se solicita o arranxo da rúa San Caetano no barrio da Cruzada.
Para o BNG a falta de investimentos que a Cruzada leva sufrindo durante anos pódese constatar co estado desastroso dunha das súas principais rúas, a rúa de S Caetano.
A rúa S Caetano ten o firme cheo de fochancas cunhas instalacións de saneamento e auga totalmente obsoletas que rachan cada vez que se realiza unha reparación. Esta situación está afectando a unha serie de veciños e veciñas que ven como as súas vivendas soportan filtracións coas consecuentes humidades e malos cheiros nas súas bodegas.
"O barrio da Cruzada merece mellor trato que até o de agora lle levan dado os gobernos do PSOE. O Alcalde da Guarda non pode tratar aos veciñ@s da Cruzada como se fosen de segunda, así é como se senten nestes momentos", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
O BNG adianta que esta vai ser a primeira da iniciativa que, entre outras, van presentar para a mellora esta zona tan abandonada da Guarda.
A Guarda e Caminha organizan andainas en 4 etapas de Santiago a Fisterra
O concello da Guarda organiza conxuntamente coa Cámara de Caminha as andainas de outono no mes de outubro e principios de novembro. Trátase de 4 etapas de Santiago ata Fisterra programadas da seguinte maneira.
1ª etapa: 8 de outubro
Santiago de Compostela - Negreira (21 km)
Saída da Guarda: Explanada do CEIP A Sangriña ás 07.30 h. Encontro cos participantes de Caminha e Viana do Castelo en Goián ás 8.00 h.
2ª etapa: 15 de de outubro
Negreira - Vilar do Castro (24 km)
Saída da Guarda: Explanada do CEIP A Sangriña ás 07.30 h. Encontro cos participantes de Caminha e Viana do Castelo en Goián ás 8.00 h.
3ª etapa: 29 de outubro
Vilar do Castro - Cee (25 km)
Saída da Guarda: Explanada do CEIP A Sangriña ás 07.30 h. Encontro cos participantes de Caminha e Viana do Castelo en Goián ás 8.00 h.
4ª etapa: 5 de novembro
Cee - Fisterra (15 km)
Saída da Guarda: Explanada do CEIP A Sangriña ás 07.30 h. Encontro cos participantes de Caminha e Viana do Castelo en Goián ás 8.00 h.
Inscrición na oficina de turismo ou no teléfono 986614546. Máis información en deporte@aguarda.es. O prazo de inscrición remata o martes 20 de setembro.
Horarios do ferry dende o martes 6 ao domingo 11 de setembro
A falta de calado debido ás mareas baixas provoca que o ferry non poida navegar. Por esta razón, algunhas viaxes teñen que ser canceladas.
Cada semana confírmanse as saídas garantidas segundo a previsión das mareas. Os horarios deben ser consultados na oficina do ferry ou no teléfono 986 61 15 26.
Durante esta semana, dende o martes día 6 ao domingo 11 de setembro os horarios serán os seguintes:
O horarios son definitivos excepto aquelas saídas con asterisco (*) que non están aseguradas. Ata o mesmo día o patrón do ferry non sabe se terá o suficiente calado. Para asegurarse, cómpre chamar ó número de teléfono antes citado.
Accións de cara ó outono da Concellería de Xuventude da Guarda a través da OMIX
A piques de rematar o verán, dende a Concellería de Xuventude da Guarda, a través da OMIX, lánzanse tres cursos para este outono.
CONVERSAS EN INGLÉS
Curso de idiomas práctico, de 20 horas de duración, que ten como principal obxectivo falar, recordar, aprender… un pouco máis e dunha forma práctica esta lingua.
Horario: martes e xoves de 20:00 a 22:00 horas.
Comezo: outubro
Prezo: 25 €
Inscricións: na OMIX da Guarda
XORNADA DE MICOLOXÍA
Este ano e tras a boa acollida da actividade que se fixo o ano pasado en colaboración coa Jalleira, repetiremos unha xornada formativa dedicada ás setas e ao monte.
A xornada será un sábado de finais de outubro ou comezo de novembro, previa inscrición na OMIX.
ELABORA AS TÚAS CONSERVAS
O terceiro dos cursos ofertados dende a Concellería de Xuventude durará 15 horas e será impartido de luns a venres, en horario de 18 a 20,30 horas. O prezo deste curso, no que colabora San Xerome Emiliani, é de 35€ con material incluído e comeza en outubro.
Dende o concello da Guarda animamos a todos os que o desexen a participar nestes interesantes cursos. Para calquera dúbida ou para realizar as inscricións poden poñerse en contacto coa OMIX nas súas diferentes canles de información como o Facebook, o e-mail información@aguarda.es ou chamar ao teléfono 986614546.
A Biblioteca Municipal da Guarda lanza o concurso de deseño "Mascota da Biblioteca" como parte da campaña Vive a Biblioteca
Como complemento á campaña "Vive a Bilioteca", que un ano máis se inicia na Guarda para fomentar a lectura entre os nenos, nenas e no público xuvenil e adulto, unha das novidades deste ano é o Concurso de Deseño "Mascota da Biblioteca", no que colabora a copistería "Copisterium".
Esta iniciativa busca que os rapaces e rapazas se acheguen á Biblioteca, animalos a desfrutar da lectura e concienciar sobre o coidado e o respecto das Bibliotecas. Ademais, invita ós máis cativos a desfrutar da lectura e da Biblioteca dun xeito diferente, usando a súa imaxinación a través do debuxo e da pintura, para que deste xeito entendan a Biblioteca como un espazo lúdico para o uso de todos.
Poden participar neste concurso nenos/as e xoves de idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos de idade, sempre que conten co consentimento expreso dos seus pais, nais ou titores legais; e pode ser de maneira individual ou en parella. En calquera dos casos, só se poderá presentar unha proposta, que terá que ir en papel DIN A4 (folio), constando no seu reverso o nome apelidos e teléfono de contacto, xunto a autorización segundo o modelo do ANEXO I (que se pode descargar nas bases do concurso na web aguarda.es ), ou tamén estarán dispoñibles nos puntos de entrega dos traballos.
Os deseños deberán presentarse entre o luns 12 de setembro e o 8 de outubro na Biblioteca, no Centro Cultural ou no Departamento de Cultura do Concello da Guarda. Tras rematar este prazo un xurado valorará os deseños tendo en conta a calidade técnica e artística e a adaptación da composición ós obxectivos do concurso. Este xurado escollerá cal será a mascota da Biblioteca, que se presentará en público o sábado 22 de outubro, primeira cita dos Contos Contados. O gañador ou gañadores recibirá como premio un lote de libros e un agasallo doado pola copisteria "Copisterium" da Guarda.
Ademais, ese mesmo día da presentación tamén haberá sorpresas e un Photocall para dar a benvida á que será a mascota da Biblioteca. E coa axuda do voluntariado xuvenil, se realizará un graffiti para que todos os guardeses podan coñecela e así axudar tamén, durante todo o ano, á promoción da Biblioteca.
Dende o Departamento de Cultura do Concello da Guarda anímase a todos os rapazas e rapaces a participar neste concurso, para así axudar a dar a coñecer todo o que ofrece a Biblioteca da Guarda creando unha nova amiga que fomente a lectura entre todos os veciños e veciñas da vila.
Reanúdanse os Clubes de lectura na Biblioteca Municipal da Guarda
Entre a variedade de accións que neste novo curso 2016/17 impulsa a Concellería de Cultura dentro da campaña "Vive a Biblioteca", inclúese a reanudación dos Clubes de Lectura.
Tras a boa acollida que tiveron o ano pasado, retómase unha iniciativa que busca promover a lectura entre os veciños e veciñas de tódalas idades da Guarda. Con este obxectivo se levarán a cabo tres clubes de lectura segundo o rango de idade. Un deles será o club de lectura adulto. Outro xuvenil para participantes de 12 a 16 anos, e outro infantil para nenos e nenas de 6 a 11 anos.
Para poder participar nestes clubes, poden anotarse na Biblioteca Municipal en horario de 17 a 20 horas.
Dende a Concellería de Cultura anímase a participar nestes clubes, que repiten polo éxito que tiveron no anterior curso, grazas á implicación dos guardeses e guardesas no fomento da lectura.
O teatro, a música e o cine protagonizan unha fin de semana moi cultural na Guarda
Esta vindeira fin de semana, do venres 9 ao domingo 11 de setembro, a cultura tomará as rúas da vila da Guarda, cunha máis que interesante oferta de lecer.
O venres hai unha cita co primeiro pase de "Os trillizos da Socorro", obra do Teatro Vamolandando que se representará no Centro Cultural ás 21 horas e que está organizado polo propio grupo "Vamolandando Teatro" en colaboración con concello da Guarda. A obra é unha comedia que conta a historia de Socorro e os seus tres fillos, uns trillizos ya adultos que, non obstante, están moi malcriados e só pensan en xogar e facer cousas de nenos. Isto cambiará coa chegada de Evarista, a asistenta.
O sábado volverán a representar esta obra no mesmo escenario e tamén ás 21 horas. Ademais, ese mesmo sábado 9 de setembro, é a segunda das datas do ciclo de cinema "Camposancos de cine". Nesta segunda proxección, poderase visionar no Casino de Camposancos ás 21 horas o filme "15 pesetas por Frete", dirixido por Estefanía Alonso.
Para rematar este cultural fin de semana na Guarda o Festival Espazos Sonoros ofrecerá un concerto de cantares de cego no Castelo de Santa Cruz o domingo día 11 ás 19:30 horas. Trátase dunha proposta musical diferente e orixinal que ofrece música en espazos de interese cultural. Esta iniciativa conxuga, por tanto, música, paisaxe e arquitectura. Neste caso, na Guarda, poderemos desfrutar de Cantos de Cego de Galicia e Portugal a cargo de César Prata e Ariel Ninas. Este concerto xira entorno a un personaxe singular da cultura musical universal: o invidente que canta e fai música, cun repertorio de cantos recollidos ás dúas beiras do río Miño e interpretados por músicos de Galicia e Portugal.
Sen dúbida esta é unha fin de semana ideal para achegarse ata A Guarda e os seus encantos. A punto de dar comezo o novo curso 2016/17 aínda quedan uns días de verán para desfrutar da Guarda e da ampla oferta cultural e de lecer que ofrece, como vén facendo nos último meses.
Resolución do Concurso de Selfies #Viveaguarda
A 5 de setembro, deuse resolución o Concurso de Selfies #Viveaguarda que se levou a cabo no verán guardés. Este concurso estivo en funcionamento durante o verán e se trataba de dar visibilidade ó noso pobo a través dos selfies que a mocidade guardesa colga nas redes sociais; xuntando así a cultura guardesa, as paisaxe e as novas tecnoloxías.
O xurado formado por Vladimir Brey (Foto Verano), Patricia Alvarez (Estudante de Fotografia) e Alba Barbosa (Animadora sociocultural do Concello da Guarda), despois de valorar todos os traballos recibidos, deron por gañador ó selfie feito por Alejandro Pena da Guarda, ó que se lle fará entrega dun vale por unha cea para dúas persoas no Restaurante O Forte de A Guarda, quen colabora co Concello neste concurso.
Dende a Concellería de Xuventude queremos agradecer a todos os participantes as súas instantáneas e anunciamos que se volverán a realizar concursos de fotografía durante o ano, xa que creemos firmemente no bo traballo dos nosos xoves guardeses en canto á promoción e valor do seu pobo se refire.
Tamén queremos agradecer a colaboración do Restaurante O Forte e dos membros do xurado.
O concello da Guarda atende o mantemento dos centros de ensino e as demandas dos profesores
Como en anos anteriores estes días estanse a rematar as tarefas de mantemento para poder ter os centros escolares da Guarda en bo estado para o vindeiro curso 2016-17. Dende o concello están atendéndose tódalas peticións que cada centro remitiu ao remate do curso. Os operarios levan dende xuño traballando a reo: pintando, colocando os materiais pedidos polo profesorado nas súas aulas, facendo arranxos varios como billas e persianas, limpando e desbrozando xardíns e adecentando as entradas dos centros.
Este ano cabe destacar o arranxo da cuberta do Pavillón de Solanas, do que temos o compromiso da empresa de que estará rematada antes do comezo do curso. Como é sabido esta obra tivo unha aportación municipal de 75.000€ xa que está cofinanciada ao 50 % polo concello e pola Consellería de Educación. Realmente a obra excede o simple mantemento do que se encarga o concello e por iso debería ser financiada totalmente por Educación, tal e como se está facendo en obras de envergadura similar en moitas localidades da provincia. De calquera maneira Solanas terá un pavillón renovado e o compromiso do Xefe provincial de Educación de investir no mesmo centro o sobrante da execución desta obra, tal e como llo solicitou o alcalde Antonio Lomba.
No colexio Manuel Rodríguez Sinde o concello colaborou para que se poida implantar un comedor escolar que comenzará a funcionar este curso. No centro da Sangriña levarase a cabo un pulido do chan na entrada do colexio para evitar que os alumnos esvaren os días de choiva e a unitaria da Gándara terá uns baños renovados para os nenos.
Dende o concello damos prioridade a que o alumnado da Guarda estea nas mellores condicións nos seus colexios e queremos atender as demandas dos equipos directivos e consellos escolares coa maior dilixencia, por iso dende fai anos hai un operario municipal que se encarga exclusivamente da atención e mantemento dos centros.
Este domingo, 11 de setembro, pecha a Piscina Municipal de Tui
O Concello de Tui informa que este domingo, 11 de setembro, será o último día de apertura da piscina municipal de verán, co horario normal dos domingos. As piscinas municipais de verán de Tui abriron ao público a comezos do mes de xullo cun horario de luns a venres de 13.00 a 21.00 horas, e sábados, domingos e festivos de 12.00 a 21.00 horas.
Aberta a inscrición nas Escolas Deportivas da Deputación no Concello de Tui
Patinaxe, balonmán, fútbol e piragüismo serán os deportes subvencionados pola Deputación de Pontevedra en Tui
A Deputación de Pontevedra pon en marcha DEPOrte Escolas, programa deportivo totalmente gratuíto, destinado a nenos e nenas de entre 5 e 15 anos de toda a provincia, para fomentar a práctica deportiva, que na pasada tempada contou en Tui con máis de 500 deportistas.
Así, nesta nova tempada, o Concello de Tui contará cos deportes do patinaxe, balonmán, fútbol e piragüismo, que comezarán as súas actividades no mes de outubro.
As inscricións poden realizarse ata o venres 23 de setembro, entregando cumprimentada a folla de inscrición na secretaría do Concello de Tui, a través dos clubs deportivos CPA Ribex de Tui, Club Balonmán Tui, CD Ribadelouro e Club Kayak Tudense, no enderezo electrónico deportes@depo.es ou en calquera dos rexistros da Deputación ou nos das oficinas do ORAL.
Toda a información e a folla de inscrición pode atoparse na web http://www.depo.es/deporte-escolas
Máis de 16 mil persoas pasaron en agosto pola Oficina de Turismo de Tui
Deste total 13.600 foron turistas e 2.400 peregrinos que demandaron información. A cifra duplica as 8 mil consultas rexistradas en 2015.
A Oficina Municipal de Información Turística do Concello de Tui, situada na Praza de San Fernando, e o Punto de Información Turística, na Praza da Inmaculada, recibiron durante o mes de agosto a máis 16 mil persoas que se achegaron ata este punto. Do total de 16.019 consultas realizadas 13.605 foron realizadas por turistas e 2.414 por peregrinos.
No turismo nacional destaca sobre todo a presenza de madrileños, barceloneses, valencianos e sevillanos. Mentres no internacional Portugal, Alemaña, Francia e Italia foron os principais países de orixe, aínda que houbo turistas de ata 37 nacionalidades coma Tailandia, Xapón, Lituania, ou Sudáfrica.
Este sábado e domigno celébrase o III Torneo Eurocidade de Hoquei no pavillón municipal de Valença
Mañá venres, 9 de setembro, e este sábado día 10, dentro do calendario de actividades deportivas da Eurocidade, o Valença Hoquei Club, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença, organiza o III Torneo Eurocidade de Hoquei, no que participarán equipos de primeiro nivel, como o Porto, o Club Liceo, o Barcelos, así como o propio Valença H.C., que esta tempada competirá na primeira división nacional portuguesa.
O venres 9 disputaranse os encontros de semifinais, sendo ás 21.30 horas españolas o partido entre o Liceo e o Barcelos, e ás 23.00 horas españolas o partido entre o Porto e o Valença Hoquei Club.
O sábado 10 terá lugar o encontro polo terceiro e cuarto posto, ás 18.00 horas españolas, sendo a gran final ás 19.30 horas.
Nesta mesma xornada do sábado, ás 11.00 horas españolas, disputarasa o torneio de escolares, coa presenza dos equipos do Valença, Porto, Barcelos e Cies.
O Festival Arraianos arranca en Tui con representacións históricas, mercado e gastronomía medieval
Dende primeira hora do dia 2 a cidade vive inmersa no devir medieval con espectáculos que se repetirán até a noite do domingo
Ás 11:00 horas de Venres, 2 de setembro arrancou oficialmente o "I Festival da Historia Arraiana: Arraianos 2016" cun desfile no que participou a "científica tola" que levou a Tui á Idade Media co seu erro ao construír unha máquina do tempo. A inauguración oficial rematou na Praza de San Fernando co convite a tudenses e visitantes a participar neste festival que até o domingo levará a Tui 1.000 anos atrás no tempo con representacións históricas, visitas guiadas, mercado e gastronomía medieval.
Dende essa mañá estanse a celebrar as conferencias que teñen lugar ao longo do día de hoxe na aula UNED de Tui baixo o epígrafe de "Patrimonio Medieval e Idade Media". Esta tarde os actos teatrais comezarán ás 19:00 na Praza de San Fernando coa recreación histórica da tentativa de invasión portuguesa a comezos do século XII e a posterior firma do Tratado de Tui. Á noite, o banquete medieval con espectáculo e ambientación permitirá repoñer forzas aos asistentes para rematar co espectáculo de danza "aquelarre" ás 23:00 e a exhibición de lume e bruxería "noite de curuxas" ás 0:30 horas. Ambos eventos na Praza de San Fernando, epicentro do festival.
Amais até o domingo, ao longo do núcleo histórico haberá mercado con venda de artesanía e produtos gastronómicos. Tódalas tardes a partires das 19:00 ábrense os postos das "Receitas de Poñente" con tapas inspiradas nos libros de George R. R. Martin, Xogo de Tronos.
Sábado de deporte e apocalipse
O sábado medieval comezará ás 11.00 horas coa proba da "Conquista do Miño", na que os participantes, ataviados con vestimenta de época, deberán recuperar panos de cores en diferentes zonas do Miño a bordo do seu kaiak. O percorrido irá da praia de Areeiros de Guillarei até o Centro Interfederado. A venda de entradas anticipadas e limitadas pode facerse a través de festivalarraianos@gmail.com
Xa na tarde do sábado, a Praza de San Fernando acollerá unha voda medieval co cortexo, casamento e banquete nupcial. Á noite toma a testemuña o "Survival Zombie Medieval". Trátase dun evento inédito que por primeira vez estará inspirado nun apocalipse zombi. Os máis de 1.000 participantes que se esperan deberán realizar unha xincana ou rastrexo para loitar por sobrevivir namentres seguen as pistas indicadas e logran non infectarse.
Historia e espectáculos para a última xornada
O festival remata o domingo con diferentes espectáculos, amais de mergullarse na historia medieval de Tui con diferentes recreacións históricas e visitas guiadas.
Ás 12:30 terá lugar o espectáculo de danza "campesiñas" da man da Escola de Danza Paula Cobián na Praza de San Fernando. A actividade trasladarase á Praza de San Telmo ás 14:00 coa representación dun xantar medieval animado coa música de gaitas da Asociación Cultural Arume de Malvas.
Ás 17:00 organízase unha visita guiada que comezará na igrexa de San Bartolomé e que contará con cinco paradas nas que ademais das explicacións pertinentes os actores que acompañan a ruta farán representacións dalgúns dos fitos e anécdotas mais importantes da época. Ademais da igrexa de San Bartolomé, haberá representacións na igrexa de Santo Domingo, na Praza da Estrela, na rúa das Adegas e na Catedral.
As últimas actividades do día terán lugar na Praza de San Fernando. Ás 20:00 celebrarase un espectáculo de danza, ás 21:15 terá lugar a recreación dun combate medieval e a noite rematará ás 23:30 co espectáculo "os gardiáns da mandrágora".
Receitas medievais inspiradas en Xogo de Tronos
Durante os tres días que dura Arraianos, os visitantes poderán degustar na Praza de Frómista as "receitas de Poñente" inspiradas nas novelas de George R. R. Martin, Xogo de Tronos. As receitas foron adaptadas seguindo o libro "Festín de Fogo e Xeo: O Manual de Cociña Oficial", que recrea diversos pratos descritos na saga.
Nesta proposta gastronómica participan o Hostal San Telmo cun "costelar de cordeiro", "polo á mel" e o prato "peras ao viño". O Pote elaborará "pasteis de mazá" e "boliños de pasas, piñóns e mazá", xunto con "viño quente" que precisa a Garda da Noite. Pola súa parte, Vai de Garcías preparará o "almorzo do muro", "pauciños de peixe" e "bolos de millo doce", xunto coas exóticas "pasta de garavanzo" e "follas de parra recheas".
|