|
GRAN ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NAS CONFERENCIAS
"¿PARA QUE ENFERMA O TEU CORPO?"
A RELACIÓN ENTRE AS EMOCIÓNS E AS ENFERMIDADES
Un total de 170 persoas asistiron ás Conferencias que remataron onte baixo o título "¿Para que enferma o teu corpo? A relación entre as emocións e as enfermidades" que organizou a Asociación Érguete Baixo Miño.
Dende esta Entidade queremos agradecer a Dna. Mª Jesús Alfonso Amoedo -Psicoterapeuta, coach e especialista en PNL, a súa clara exposicición sobre os diversos aspectos que abarcan esta complexa realidade.
Tamén queremos agradecer aos Concellos de Tomiño, A Guarda, Baiona e O Rosal a súa colaboración na realización destas conferencias.
Se algunha persoa precisa de máis información ou quere resolver algunha cuestión máis persoal recordamos que se pode poñer en contacto coa Asociación no local na Rúa Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda - Pontevedra, no email info@erguete.org ou nos teléfonos 986 614 407 ou 640 086 376.
A figura de Rosalía de Castro centra as actividades programadas para este sábado
Os nenos e nenas gozarán dunha sesión especial de "Contos Contados" na Biblioteca. Pola noite haberá un recital poético e musical no Centro Cultural.
Este sábado, 27 de febreiro, o Concello da Guarda ten programadas diferentes actividades, tanto para nenos coma para maiores, centrados na figura da poeta Rosalía de Castro.
Dentro do ciclo de "Contos Contados" que se celebra mensualmente na Biblioteca Municipal, este sábado haberá unha sesión centrada na escritora galega máis recoñecida. Nesta actividade os nenos e nenas participantes verán un pequeno vídeo explicativo da figura de Rosalía de Castro e despois traballarán a figura da poeta a través dun obradoiro que terminará coa lectura de varios poemas da autora.
Ás 20,30 horas, no Centro Cultural haberá un evento para por en valor tanto a biografía como a obra de Rosalía de Castro. O veciño guardés Manuel Cadilla Rey, coñecido como "Maruxo" será o encargado de recitar algún dos seus poemas e grupos coma "Carainas", "Ghaiteiros do Carreiro" e "Tremelique", da Agrupación Cultural Guardesa serán os encargados de pór a música a este acto.
O evento será presentado por Betty Rey.
O Concello da Guarda quere convidar a todos os veciños e veciñas da Guarda a acudir a este evento e gozar da obra e vida de Rosalía.
Actividades para os nenos e nenas
Por motivos meteorolóxicos o Concello da Guarda tivo que aprazar as actividades programadas cos diferentes centros escolares en honor a figura de Rosalía de Castro.
Deste modo, o luns pola mañá, os alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria, pintarán o mural deseñado na rúa San Bernardo.
A "Marcha por Rosalía" con nenos e nenas de Educación Primaria de todos os colexios guardeses aínda non ten data fixada, se celebrará dependendo das condicións climatolóxicas.
Éxito de participación na primeira das charlas do ciclo "Manual de Instrucións para educar"
Neste encontro, o terapeuta familiar, Esteban Figueirido, falou da comunicación na educación. Os participantes foron moi activos e transmitiron as súas experiencias e dúbidas.
O martes celebrouse a primeira das charlas enmarcadas dentro do ciclo "Manual de Instrucións para educar" organizadas polo Programa de Educación Familiar e a OMIX do Concello da Guarda. Este primeiro encontro, que levaba por título ""Mellorando a comunicación na familia: como falar para que os fillos escoiten e como escoitar para que os fillos falen", foi un éxito total de participación.
Máis de cincuenta persoas acudiron a esta cita que celebrouse na Casa dos Alonsos, dende ás 19,30 horas ata preto das 21 horas.
O terapeuta familiar, Esteban Figueirido, foi o encargado de guiar esta charla e animar aos participantes a contar as súas experiencias ou preguntar as súas dúbidas.
No encontro Esteban recalcou que toda persoa é educadora sempre polo que é importante coñecer como debe ser a comunicación dende o punto de vista da educación. O profesional deu pautas para poder expresarse mellor e para lograr unha escoita activa.
A charla foi moi participativa e nela houbo tanto exemplos visuais ofrecidos polo terapeuta como vivencias propias dos asistentes á actividade.
A participación nesta charla pon en relevo que a educación e a forma de educar, é un tema que interesa aos veciños e veciñas da Guarda e o formato participativo deste tipo de actividades atrae ao público polo que se espera que nas próximas charlas haxa interese.
Seguintes citas
Este ciclo está composto por catro charlas. Tras a do martes, o 29 de marzo terá lugar a charla "Ensinando a dicir non. Asertividade, normas e límites", a seguinte é o 26 de abril e levará por nome "Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas".
O ciclo de charlas se pechará o 24 de maio co tema "Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes".
O Concello da Guarda quere convidar a todos os pais e nais, educadores/as e a todos aqueles veciños e veciñas interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.
En marzo abre o prazo para pedir a cita para a renovación do DNI nos meses de abril, maio e xuño na Guarda
O Concello da Guarda informa que o martes, un de marzo, abre o prazo para que os veciños e veciñas da vila collan cita para a renovación do DNI nos meses de abril maio e xuño.
As citas poden pedirse tanto de forma presencial no Concello coma chamando ao número de teléfono 986 61 00 00.
Os días fixados para a renovación no mes de abril son o luns 18 e martes 19, sendo o xoves día 21 a data para recollelo. En maio serán o mércores 18 e o xoves 19, sendo o 23 o día para recoller o documento. Pola súa banda en xuño as citas son o mércores 15 e o xoves 16, a data para recollelo é o luns 20.
En cada mes se darán un total de 140 citas, 70 por cada día.
CAMINHA-A GUARDA CAMIÑAN A SANTIAGO
Aberto o prazo para participar nas andainas correspondentes a etapas do Camiño Portugués da Costa ofertadas polo Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha.
Aquelas persoas interesadas en participar poden facer efectiva a súa inscrición a través da dirección turismo@aguarda.es , na Oficina de Turismo do Concello da Guarda ou no teléfono 986 61 45 46. O prazo estará aberto ata o venres 26.
Esta actividade trátase da primeira das actividades organizadas conxuntamente pola Cámara de Caminha e o Concello da Guarda no marco da candidatura do Esteiro do Miño a Paisaxe Cultural da Unesco.
As etapas do Camiño da Costa non presentan dificultades orográficas de especial relevancia. Para completar sen maiores complicacións as distancias de entre 20 e 30 km é máis que aconsellable exercitarse previamente para adaptarse a estas etapas máis longas.
Os participantes deben ser responsables en todo momento de camiñar por onde corresponda segundo o tramo: por beirarrúas, pola esquerda se os tramos son compartidos coa circulación de vehículos, por zonas peonís en zonas de carril bici, cruzando por paso de peóns, en definitiva respectando en todo momento o código de circulación
Aconséllase bastón, calzado cómodo, roupa axeitada, mochila co avituallamento imprescindible (bebida, bocadillos). Fixaremos en cada etapa os lugares máis axeitados para agruparse e realizar unha parada máis longa para comer. Todos debemos respectar ó máximo os horarios marcados porque a actividade é conxunta e cada un de nós depende dos demais. Por iso que debemos de adecuarnos cada un de nós ó conxunto do grupo.
Aqueles que desexen recibir a Compostela ou a acreditación de ter realizado o Camiño deberá de selar a Credencial de Peregrino nalgúns dos lugares por onde pase (Na saída, final de etapa e algún punto intermedio é suficiente.
1ª etapa
05 de marzo: Ancora (Caminha-Portugal) - Mougás (Oia) 28 km.
Saída da Guarda: Explanada do CEIP A Sangriña ás 8.00 h.
Iremos ata Vila Praia de Ancora onde nos xuntaremos cos participantes de Caminha cara as 9 da mañá. Reagruparémonos en Caminha para cruzar todos xuntos no ferri, e continuar pola Guarda, O Rosal e Oia ata rematar en Mougás na zona onde se atopa o albergue.
2ª etapa
12 de marzo: Mougás - Vigo 28 km
Saída ás 9 da Sangriña, onde esperaremos a que cheguen os participantes de Caminha. Desde Mougás comezamos a camiñar cara Baiona, Nigrán polo núcleos da Ramallosa, Panxón e rematamos esta etapa na igrexa románica de Coruxo de Vigo.
3ª etapa
02 de abril: Vigo - Redondela: 23 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Iremos en bus ata Castrelos onde comezaremos a camiñar logo de visitar a fermosa igrexa románica. Seguimos pola senda do Lagares, cruzamos Vigo por Sárdoma, Senda da Auga, Chapela e a etapa conclúe no centro de Redondela localidade na que conflúe o Camiño Portugués da Costa e o do interior que parte de Tui.
4ª etapa
16 de abril: Redondela - Pontevedra 21 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Abandonamos pouco a pouco a ría de Vigo polo concello de Soutomaior. Cruzamos ó río Verdugo pola Ponte de Sampaio e dirixímonos por varias poboacións do concello de Vilaboa e por Tomeza entramos na cidade de Pontevedra onde nos agarda o santuario da Virxe da Peregrina.
5ª etapa
23 de abril: Pontevedra - Caldas de Reis: 22 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Cruzamos Pontevedra pola ponte do Burgo cara pequenos pobos de Barro e As Portas ata cruzar o Umia xa en Caldas de Reis onde finaliza esta etapa.
6ª etapa
07 de maio: Caldas de Reis - Padrón: 18 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha.
Iremos cara o Concello de Valga para despedir a provincia de Pontevedra cruzando o río Ulla por Pontecesures e entrando por Padrón xa na provincia da Coruña.
7ª etapa
14 de maio: Padrón - Santiago de Compostela: 25 km
Saída da Sangriña ás 8.30h. Iremos cara Goián onde nos xuntamos cos participantes procedentes de Caminha. Polos municipios de Padrón, Teo e Ames chegamos o final da viaxe, cruzando a histórica Porta Faxeira, animada rúa do franco e por fin a Catedral de Santiago.
RESUMO ETAPAS
05 de marzo: Ancora (Caminha_Portugal) - Mougás (Oia) 28 km.
12 de marzo: Mougás (Oia) - Vigo 28 km
2 de abril: Vigo - Redondela: 23 k
16 de abril: Redondela - Pontevedra 21 km
23 de abril: Pontevedra - Caldas de Reis: 22 km
7 de maio: Caldas de Reis - Padrón: 18 km
14 de maio: Padrón - Santiago de Compostela: 25 km
Máis info e inscrición en turismo@aguarda.es ou no tel. 986614546
O prazo de inscrición pecha o venres 26 de febreiro
A Guarda pecha o seu Entroido con rúas ateigadas de xente para gozar do Desfile-Concurso
Nenos, nenas e maiores vestiron a vila dun gran colorido. Na Alameda entregáronse os premios aos mellores disfraces.
O sábado, 20 de febreiro, A Guarda puido, ó fin, gozar do seu Desfile-Concurso de Entroido despois de ser aprazado con anterioridade por motivos meteorolóxicos.
Ás 17,30 horas, puntualmente e coas rúas xa ateigadas de veciños e veciñas con ganas de gozar do desfile, comezaron a saír os primeiros participantes dende a Esquina Famosa. Con música, baile e cor, os participantes pintaron as rúas guardesas no seu percorrido ata a Alameda.
Bonecos de neve, xoguetes de Lego ou todas as personaxes de Star Wars se pasearon ante a atenta mirada dos guardeses.
O desfile durou aproximadamente unha hora, momento no que o xurado deliberou as súas puntuacións para conceder os distintos premios.
Así, no palco da Alameda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba cun extravagante traxe e a Concelleira de Cultura, Elena Baz, vestida de Frida Kahlo, xunto cos membros do xurado e a técnico de Cultura, Teresa Espejo, comezaron a repartir os premios económicos aos participantes.
Na categoría "Indivisual-Infantil" o primeiro clasificado foi "El azteca del Jaguar" que presentaba un vistoso traxe. Ademais se premiou a "Cobra", á "Lavandeira", aos "Búhos", ás "Mariposas" e á "Tuna Rebeca".
No grupo de Individual "Xuvenil-Adulto" os gañadores resultaron ser en primeiro lugar "Dama de las tinieblas" e en segundo posto "Trancas e Barrancas".
Na categoría de grupos os premiados foron "Los guardianes de hielo y agua".
Entre as tres comparsas participantes o xurado tivo que quedarse con dúas. Así decidiron que o segundo premio fora para "Lego Circo", comparsa formada tanto por nenos coma por adultos disfrazados de bonecos lego. Os participantes afirmaron que con este disfrace, feito a man, o que buscaban era transmitir a infancia pasada.
Os primeiros clasificados foron "Star Wars", comparsa formada por quince nenos e nenas. Aquí estaban representados todos os protagonistas deste famoso filme de aventuras no espazo.
Por último se entregaron os premios ás carrozas. A segunda clasificada foi "El Lerere", carroza inspirada na familia Flores. Estaban representados tanto Lola Flores, coma El Pescadilla, Lolita, Rosalio y Antonio Flores. A música que acompañaba á carroza eran cancións destes artistas, abaixo bailando, numerosas rapazas vestidas de andaluzas.
E o vencedor nesta categoría foi a carroza "Habelas hailas" dos Terribles de tebra. Uns corenta participantes, entre nenos e adultos, todos vestidos de meigas percorreron as rúas da Guarda, bailando e cantando. Ademais na súa carroza un móbil facía que tres destas meigas simularan voar subindo e baixando unha plataforma.
Con esta entrega de premios A Guarda pechou un Entroido no que se levaron a cabo moitas e moi variadas actividades. Así, antes do colofón do desfile-concurso, xa se celebrara unha festa infantil, concertos para todos os públicos, contacontos e obradoiros para nenos e unha foliada da man de "Os Monifates".
O Concello da Guarda quere agradecer a todos os veciños e veciñas da vila a súa participación neste Entroido.
O BNG denuncia escurantismo do Alcalde da Guarda pola instalación dunha antena de telefonía en Camposancos
"O pobo de Camposancos ten dereito a coñecer a posíbel instalación dunha antena de 40 metros de altura"
O Bloque Nacionalista Galego presentou dous escritos sobre a instalación dunha antena de telefonía en Camposancos sen que o Alcalde da Guarda responda despois de 15 días. Os escritos solicitaban un informe sobre a situación actual desa licencia para saber se os informes requiridos son favorables ou non.
Dende o BNG lembra que se está a falar da colocación dunha antena de 40 metros de altura (o tamaño dunha cancha de balonmán) polo que non entende a opacidade coa que traballan o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, cando despois de ter recibido dous escritos solicitando información por parte do BNG, seguen agochando os pormenores desta tramitación.
O BNG lémbralle ao Alcalde da Guarda que ten obriga de facilitar toda información aos concelleiros e concelleiras que así o soliciten, polo que é inadmisíbel a tardanza en aportar a documentación.
"O que nos preguntamos é que hai que esconder para non querer dar ningunha información ao BNG cando sabemos que hai trámites en marcha", comentou Ángel Baz portavoz municipal nacionalista.
O BNG aposta por unha política transparente na que a información ao pobo sexa o habitual e non a actitude que están a levar a cabo o PSOE, tanto no Concello como na Entidade Menor, onde a día de hoxe ningún veciño ou veciña de Camposancos ten coñecemento da posibilidade da instalación de dita antena. Sobre todo ante as carencias de cobertura que hai na zona, polo que é indispensábel a máxima transparencia no tema.
Teatro do Atlántico representa este sábado en Tui "O principio de Arquímedes"
Será ás 20h no Teatro Municipal. As entradas están á venda ao prezo de 6€ e 4,5€.
Este sábado, 27 de febreiro, ás 20h o Teatro Municipal de Tui acolle a representación de "O principio de Arquímedes" da man de Teatro do Atlántico. É unha obra dirixida por Xulio Lago e interpretada por María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Vieitez.
Baseada no texto de Josep M. Miró i Corominas conta a historia dun adestrador de natación sobre o que cae a sospeita de ser un pederasta. Hai tantos argumentos que corroboran a sospeita coma que a converten en infundada. O medo fai crecer coma unha bola esta sospeita sobre un feitos que ofuscan aos pais. O monstro do medo desemboca en violencia.
"O principio de Arquímedes" foi estreada en marzo de 2015. Con esta obra Teatro do Atlántico cumpre 30 anos de actividade ininterrompida dende a súa fundación no ano 1985. Dende entón ten producido máis de trinta espectáculos. Galicia é o marco referencial da súa actividade pero teñen actuado tamén por toda España e no estranxeiro. Na súa traxectoria figura tamén numerosos premios ao mellor espectáculo, mellor actor e mellor actriz principal e secundario, mellor dirección ou mellor escenografía.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata o sábado ás 12h ou o sábado pola tarde dende ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 6€ e 4,5€.
Teatro do Atlántico con "O principio de Arquímedes"
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data: Sábado, 27 de febreiro, ás 20h
Entradas:
- Á venda ata o sábado ás 12h en www.culturatui.info
- No despacho de billetes o sábado dende ás 18.30h
Prezo: 6€ e 4,5€
www.teatrodoatlantico.com
Abre o prazo de presentación de solicitudes para postos e atraccións nas Festas de San Telmo
Os interesados teñen ata o 2 de marzo para presentar a documentación no Rexistro de Entrada
Dende 24 de febreiro, e ata o 2 de marzo o Concello de Tui abre o prazo para a presentación de solicitudes de permiso para a instalación de postos e atraccións nas Festas de San Telmo.
Os interesados deben cumprimentar o impreso de solicitude, dispoñible nas oficinas da Casa do Concello ou na web www.concellotui.org, e presentalo no Rexistro de Entrada xunto á documentación requirida. Entre os datos a aportar están as características do posto ou atracción e as súas dimensións. Unha vez finalizado o prazo o Concello de Tui procederá a cualificar a documentación presentada para a aprobación da montaxe empregando coma criterio de selección a orde de presentación da solicitude no Rexistro de Entrada, así coma no caso das atraccións a non reiteración do espectáculo ofertado, a estética do mesmo e a novidade. Tendo en conta estes criterios elaborarase unha listaxe de admitidos que se publicitará no taboleiro de anuncios e na web municipal, na que figurará o importe a aboar pola instalacións que será de 0,50 €/m2 e día, e o prazo para facer o ingreso desta taxa.
Esta semana comezan as xornadas "Educar para protexer"
Serán o último xoves de mes ás 18h na Sala Félix Rodríguez ata maio
O Concello de Tui e o Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, coa colaboración da Consellería de Sanidade, organizan as xornadas "Educar para protexer" que se van celebrar o último xoves dos meses de febreiro, marzo, abril e maio. O obxectivo desta actividade é ofrecer aos pais e nais, pero tamén a educadores e a todas aquelas persoas que se sintan implicadas, as ferramentas necesarias para evitar condutas que inflúan negativamente na educación de menores e adolescentes.
Ao longo de catro xornadas abordaranse catro temas fundamentais que hoxe en día están a carrexar diferentes problemáticas condutuais, e que axudarán a aclarar certas dúbidas sobre como actuar ou educar aos nosos menores no uso san de Internet, a educación sexual, a autonomía e os hábitos de estudo, e as normas e límites.
A primeira cita será este xoves, 25 de febreiro, ás 18h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica baixo o título "Como fomentar hábitos de autonomía dos nosos fillos. Normas e Límites". Este tema será abordado por María Ferreiro Candia, psicóloga, psicopedagoga e directora do Instituto de Tratamento da Conduta de Vigo, que abordará os "Trastornos de conduta en nenos e adolescentes: pautas, normas e límites para axudar a controlalos".
A segunda xornada celebrarase o xoves, 31 de marzo, co título "Pautas para pais, nais e educadores sobre o uso seguro de internet e móbiles". Será impartida polo Servizo Especializado da Garda Civil de Delitos Telemáticos.
O 28 de abril desenvolverase a terceira xornada titulada "Como desenvolver a autonomía e os hábitos de estudo" impartida polo Gabinete Psicolóxico Louriña.
O programa pecharase o 26 de maio con Encarnación Sueiro Domínguez, doutora en psicoloxía e licenciada en pedagoxía, e psicóloga clínica do Centro de Orientación Familiar "Nóvoa Santos" do SERGAS quen abordará "Educación sexual e a educación en igualdade".
Todas as charlas serán ás 18h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica.
"Pexegueiro, o Reino de Maléfica" gañadora do Entroido en Tui

"Funeraria Cantos Somos" foi segunda en comparsas e terceira en acompañamento musical, e "Xente Menuda, Menuda Xente" levouse o terceiro premio en comparsas e o premio especial do xurado
A comparsa da Asociación Cultural e Xuvenil "O Mosteiro" de Pexegueiro foi a gañadora do Desfile-Concurso de Entroido en Tui coa súa representación da película "Maléfica". Tras ser aprazado o pasado luns día 8 pola choiva, hoxe o sol acompañou esta celebración, o que propiciou que miles de persoas se deran cita nas rúas novas da cidade para presenciar as creacións das catorce comparsas participantes chegadas de Tui, Tomiño, Salceda, O Porriño e Gondomar.
A comparsa "Pexegueiro, o reino de Maléfica" foi a gañadora en tres das catro categorías de concurso: comparsas, carrozas e acompañamento musical. A comparsa de Pexegueiro foi a máis numerosa das participantes con 150 membros recreando aos diversos personaxes da película de Disney. A súa carroza emulando o dragón da película con movemento foi tamén a máis puntuada polo xuíces e tamén foi a mais valorada en acompañamento musical.
O segundo premio en comparsas foi para a tudense "Funeraria Cantos Somos" cunha sátira que enterraba o martes de Entroido de Tui. A Asociación Carnavales de Mañufe con "Xente menuda, menuda xente" cunha evocación do mundo da infancia levouse o terceiro, o cuarto premio foi para a Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei por "Lembranzas Mexicanas". O quinto correspondeu á Asociación Cultural e Recreativa Arume de Malvas por "Bicho Malo Pillei", o sexto premio en comparsas correspondeu á comparsas de Budiño "África Libre" cunha representación da fauna e das tribos en extinción. O último premio, o sétimo, foi para "Furancho Os Macanudos" da Asociación Cultural Grupo de Baile Balcón do Val Miño de Gondomar.
En carrozas o segundo premio corresponde a "Xente Menuda, Menuda Xente", o tereceiro foi para a comparsa de Picoña, o cuarto para "O Borralliño" de Soutelo, o quinto para "Luces de Tomiño con "A India dende Tomiño", o sexto recaeu en "Talismán África Libre".
En acompañamento musical os premios foron para "Pexegueiro, o reino de Maléfica", "Lembranzas mexicanas", "Funeraria Cantos Somos" e "Furancho Os Macanudos". O único premio establecido en Fantasía recaeu na comparsas "Talismán África Libre".
Amais o xurado decidiu establecer un Premio Especial para "Menuda Xente, Xente Menuda" da Asociación Carnavales de Mañufe polo desenvolvemento harmonioso de todos os elementos involucrados na comparsa, dende o vestiario, a posta en escena, a carroza,...
Resultado Desfile-Concurso de Entroido Tui 2016
Gañadores Comparsas
1º Pexegueiro, O Reino De Maléfica 700 €
2º Funeraria Cantos Somos 600 €
3º Xente Menuda, Menuda Xente 500 €
4º Lembranzas Mexicanas 400 €
5º Bicho Malo Pillei 300 €
6º Comparsa Talisman - "Africa Libre" 200 €
7º Furancho Os Macanudos 100 €
Gañadores Carrozas
1º Pexegueiro, O Reino De Maléfica 400 €
2º Xente Menuda, Menuda Xente 300 €
3º Comparsa De Picoña (Es Un Barco O Un Avión) 250 €
4º Comparsa Borralliño - Soutelo 200 €
5º Luces De Tomiño, A India Dende Tomiño 150 €
6º Comparsa Talisman - "Africa Libre" 100 €
7º O Mundo Disney 50 €
Gañadores Acompañamento Musical
1º Pexegueiro, O Reino De Maléfica 200 €
2º Lembranzas Mexicanas 150 €
3º Funeraria Cantos Somos 100 €
4º Furancho Os Macanudos 50 €
Gañadores Fantasia
1º Comparsa Talisman - "Africa Libre" 250 €
Premio Especial Xurado
Xente Menuda, Menuda Xente
|