|
O BNG insta ao Concello da Guarda e a Xunta a arranxar a cuberta do pavillón de Solanas
"O BNG reclama máis implicación do Alcalde da Guarda para o arranxo do pavillón de Solanas"
O Bloque Nacionalista Galego presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda instando a o goberno do PSOE a tomar as medidas urxentes necesarias para arranxar definitivamente a cuberta do pavillón do C.E.I.P de Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo.
Para o BNG o estado do pavillón de deportes é cada vez máis preocupante e os temporais que estamos a sufrir nas últimas datas están a empeorar aínda máis se cabe o estado desta infraestrutura escolar.
Dende o BNG advirten ao goberno municipal que esta situación pode desencadear en calquera momento unha desgraza tanto persoal como material. O feito de que as chapas da cuberta estean soltas non soamente pode afectar aos usuarios da infraestrutura, tanto os nenos e nenas que diariamente acoden á clase como aos colectivos que utilizan o pavillón fóra do horario escolar, se non tamén a persoas que pasen polos arredores do centro educativo.
"Resulta incríbel que o Concello e Xunta teñan coñecemento desta situación dende o 2.014 e non se fixera absolutamente nada. Parece que até que non ocorra unha desgraza persoal, non se van tomar medidas. Logo lamentarémonos", comentou Ángel Baz, portavoz municipal do BNG.
Para o BNG a degradación da estrutura pode ter como resultado ter que pechar o pavillón como medida de seguridade cos problemas que van supoñer tanto aos colectivos como ao alumnado do centro educativo.
Practica de Hatha Ioga
Dirixido a todas aquelas persoas que desexen iniciarse na practica do Ioga, abrimos o prazo de inscrición para participar neste obradoiro que dará comezo o vindeiro mes de marzo.
A duración desta practica abarca os meses de marzo, abril e maio en diferentes horarios a elexir:
Mañá de 09:30 a 11:00 h. ou
Tarde de 15:00 a 16:30 h.
Impartirase durante dúas veces á semana os martes e xoves cunha duración de hora e media cada sesión.
A actividade realizarase no local social da Asociación Érguete Baixo Miño e ten un coste mensual de 25€. As prazas están limitadas por rigorosa orde de inscrición, ata chegar a un máximo de 10 persoas.
As persoas interesadas poderán solicitar máis información e inscribirse na r/Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda (Pontevedra), no teléfono 986 614 407 ou no e-mail info@erguete.org
Visitas especiais no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega para os próximos domingos
 |
Coincidindo coa apertura do Museo Arqueolóxico e a exposición do Cabezón do Trega ofrécense os próximos catros domingos unha visita guiada para coñecer a evolución da campaña de escavación que ten lugar no sector de Mergelina.
En agosto de 2015 comezou a campaña de escavación dirixida polo arqueólogo Rafael Rodríguez no sector de Mergelina. Esta actuación foi promovida pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento dentro do protocolo da posta en valor dos xacementos Galaico-romanos de 18 castros na provincia de Pontevedra.
Despois de meses de traballo xa é visible a evolución desta campaña que permitirá coñecer unha parte deste castro que ofrece respostas e tamén algunhas incógnitas sobre este poboado.
Nestas visitas especiais organizadas polo Padroado do Monte Santa Trega e o Concello da Guarda, o guía realizará unha visita de 80 minutos de duración onde amosará o urbanismo deste sector percorrendo este espazo. Grazas a esta escavación son visibles unhas 40 estruturas, algunhas delas poderían ser espazos familiares e outras espazos de uso público, como lugares de reunión. Ó longo destes meses se recolleron unhas 40.000 pezas que están sendo estudadas e que permiten coñecer a forma de vivir dos habitantes deste castro. Ademais grazas a estes estudos das pezas e o urbanismo permite asegurar que o Castro ten unha datación anterior a considerada nas anteriores campañas.
O número de participantes será reducido porque a visita percorrerá o espazo que aínda se atopa en estudo. Así é preciso reserva praza contactando co Museo Arqueolóxico, MASAT, no tel. 690017038 en horario de 11,00 a 17,00h
Pódese escoller entre dúas quendas: ás 11.00 h e ás 12.45 h. O punto de encontro é a Casa Forestal . As datas a escoller son os catro próximos domingos: 21 e 28 de febreiro e 6 e 13 de Marzo.
Esta é unha excelente oportunidade para coñecer a evolución da escavación arqueolóxica no sector de Mergelina despois duns 30 anos sen escavacións no Castro de Santa Trega.
A poeta Rosalía de Castro protagonista na Guarda nunha semana con diferentes actividades
O Concello quere conmemorar xunto cos seus veciños e veciñas a data do seu nacemento. Os nenos e nenas dos centros escolares da vila traballan nas iniciativas.
O Concello da Guarda quere conmemorar, xunto con todos os seus veciños e veciñas da vila, o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Para iso teñen programada a "Semana por Rosalía" que será dende o 22 de febreiro ata o 28.
"Cada día un poema", será a iniciativa que abarque toda a semana. O Concello da Guarda quere que todos os veciños e veciñas da vila colguen cada día, nas súas redes sociais, imaxes, poemas ou datos da biografía de Rosalía de Castro para facer unha pequena homenaxe a súa figura e aprender máis sobre a súa vida.
Nesta iniciativa participarán os diferentes perfiles que o Concello da Guarda ten nas redes sociais.
Ademais durante toda a semana aos usuarios da Biblioteca Municipal se lle agasallará un marcapáxinas conmemorativo de Rosalía de Castro.
O mércores 24 de febreiro terá lugar a "Marcha por Rosalía", na que participarán todos os colexios de educación primaria da Guarda. Nela os participantes sairán dende o seu centro a pé portando un distintivo conmemorativo e se concentraran todos na Praza do Reló. Alí se lerá un manifesto para por en valor a figura de Rosalía de Castro e ademais se cantará a canción do poema "Adios ríos, adios fontes". Por último se lerá un poema conxunto nas voces dos rapaces e rapazas dos distintos colexios.
O obxectivo desta marcha é por en valor a figura de Rosalía no eido dos máis cativos.
O xoves, 25 de febreiro se pintará o "Mural para Rosalía". Coa colaboración dos centros de Educación Secundaria guardeses se fará un mural para que a figura desta gran poeta galega quede latente durante todo o ano na vila da Guarda.
O sábado, 27 de febreiro, haberá actividades tanto para os pequenos coma para os maiores. Así pola mañá haberá unha sesión especial de "Contos Contados". Dentro deste ciclo que se celebra cada mes na Biblioteca Municipal e que ten unha gran afluencia de público, o Concello da Guarda non quería deixar de celebrar o día de Rosalía. Así, este sábado, os nenos escoitaran verbas dos seus poemas e ademais traballarán nun obradoiro sobre a súa figura.
Pola tarde-noite, no Centro Cultural haberá un evento para por en valor tanto a biografía como a obra da nosa autora galega máis recoñecida. O veciño guardés Manuel Cadilla Rey, coñecido como "Maruxo" será o encargado de recitar algún dos seus poemas e grupos coma "Carainas", "Ghaiteiros do Carreiro" e "Tremelique", da Agrupación Cultural Guardesa serán os encargados de pór a música a este acto.
O evento será presentado por Betty Rey e comezará ás 20,30 horas.
O Concello da Guarda quere convidar a todos os veciños e veciñas da Guarda a participar nas diferentes iniciativas programadas e a conmemorar todos xuntos o nacemento de Rosalía de Castro.
Este martes celébrase a primeira charla do ciclo "Manual de Instrucións para educar" na Casa dos Alonsos
O tema a tratar será "Mellorando a comunicación na familia: coma falar para que os fillos escoiten e como escoitar para que os fillos falen". Comeza ás 19,30 horas.
Este martes, 23 de febreiro, comezará o ciclo de charlas "Manual de Instrucións para educar" organizado a través do Programa Familiar e a OMIX do Concello da Guarda. A primeira destas xuntanzas leva por título "Mellorando a comunicación na familia: como falar para que os fillos escoiten e como escoitar para que os fillos falen".
Como sucederá no resto de encontros o terapeuta familiar Esteban Figueirido será o encargado de presentar o tema aos participantes e quen ofrecerá pautas sinxelas para facilitar a convivencia familiar.
O obxectivo deste ciclo de charlas é compartir entre os participantes experiencias e ofrecer un espazo de reflexión e intercambio para axudar aos pais, nais e educadores a lograr o pleno desenvolvemento dos nenos e nenas. Nestas xuntanzas se aportarán vías para resolver conflitos de forma construtiva, reforzando a comunicación e o diálogo como claves na relación entres nais e pais con fillos e fillas. Nestes encontros falarase das normas e dos límites coma un dereito dos rapaces e rapazas ofrecendo tamén ferramentas alternativas para poder achegarse á realidade de eses nenos e nenas.
Seguintes citas
Este ciclo está composto por catro charlas. Tras a do martes, o 29 de marzo terá lugar a charla "Ensinando a dicir non. Asertividade, normas e límites", a seguinte é o 26 de abril e levará por nome "Pautas para fomentar a autoestima dos fillos e fillas".
O ciclo de charlas se pechará o 24 de maio co tema "Do berce á adolescencia. Ferramentas útiles con adolescentes".
O Concello da Guarda quere convidar a todos os pais e nais, educadores/as e a todos aqueles veciños e veciñas interesados na educación a participar nestas charlas e axudar a crear un espazo enriquecedor no que falar e contar experiencias propias.
A Guarda e a vila portuguesa de Caminha promoven andainas correspondentes ás etapas do Camiño Portugués da costa
 |
A vila da Guarda e o municipio de Caminha, en Portugal, ofertan, nos meses de marzo, abril e maio, varias andainas correspondentes a etapas do Camiño Portugués da Costa aos seus veciños e veciñas.
Esta iniciativa é a primeira das actividades organizadas en conxunto no ámbito da candidatura do Estuario do Miño como Paisaxe Cultural da UNESCO.
A inscrición para participar nesta iniciativa xa está aberta e o prazo termina o próximo venres, 26 de febreiro. Todas as persoas interesadas deben dirixirse a Oficina de Turismo do Concello da Guarda, chamar ao número 986 61 45 46 ou escribir á dirección turismo@aguarda.es, para poder anotarse. A inscrición para as sete andainas ten un custo de 55 euros.
Sete etapas
Esta iniciativa engloba as sete etapas do Camiño Portugués da costa. A primeira destas andainas é o próximo sábado, 5 de marzo, que levará aos camiñantes dende Áncora ata Mougás.
No día 12 de marzo, a andaina será dende Mougás a Vigo, no día 2 de abril a etapa unirá Vigo con Redondela e o 16 de abril o camiño entre Redondela e Pontevedra.
No día 23 de abril a andaina será dende Pontevedra ata Caldas de Reis, no día 7 de maio o camiño será de Caldas de Reis ate Padrón. A etapa que pechará esta peregrinación será o 14 de maio cando os camiñantes percorrerán o traxecto dende Padrón ata Santiago de Compostela.
Ambos municipios ofertan o transporte dos participantes ata os puntos de partida e tamén desde a chegada de novo A Guarda e a Caminha.
Aberto o prazo para participar no Programa "Benestar en Balnearios"
O Departamento de servizos sociais do concello de A Guarda informa que está aberto o prazo para as solicitudes no Programa BENESTAR EN BALNEARIOS da Xunta de Galicia ata o próximo día 7 de marzo do 2016.
Requisitos:
a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez outras pensións.
b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónomade Galicia.
c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.
d) Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou conductuais, non compensados, que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.
e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou, se fose o caso, da parella de feito ou persoa con que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do punto primeiro.
O Desfile-Concurso de Entroido celébrase este sábado
As malas condicións climatolóxicas fixeron que o Desfile-Concurso de Entroido da Guarda tivese que ser aprazado. Finalmente será celebrado este sábado, 20 de febreiro.
Como vén sendo habitual o desfile comezará na Esquina Famosa e percorrerá as rúas guardesas ata chegar á Alameda. A hora de saída será ás 17,30 horas.
A participación neste desfile será máis numerosa que en outras ocasións xa que aumentaron as inscricións na meirande parte das categorías. Así pasearán pola Guarda case 200 persoas lucindo os máis variados disfraces.
Durante o percorrido un xurado formado por representantes de diferentes asociacións guardesas irán anotando as súas preferencias para máis tarde deliberar e outorgar os diferentes premios. Serán repartidos case 4.000 euros.
Ó final do desfile todos os participantes e o público se reunirán na Alameda para asistir á entrega de premios.
O Concello da Guarda quere convidar a todos os veciños e veciñas da vila a participar deste Desfile.

O Concello da Guarda toma medidas de seguridade polo pavillón de Solanas
O pasado venres día 12 de febreiro o equipo de goberno do concello da Guarda, en vista do estado de deterioro que presenta o pavillón do CEIP As Solanas e das malas previsións meteorolóxicas, encargou a redacción dun informe urxente sobre a situación de risco que presentaba esta instalación ao aparellador municipal.
En base ao informe técnico o alcalde ordenou, na mañá do mesmo venres, o valado do pavillón por cuestións de seguridade dado que se estaban desprendendo pequenos fragmentos da cuberta. A súa vez comunicou esta situación a Dirección do Centro e a Xefatura Provincial de Educación, con quen ven tendo contactos para solicitar o arranxo do pavillón dende fai moitos meses. Na mesma comunicación o alcalde instou ao Xefe provincial a que enviara o convenio que deben asinar a Consellería de Educación e o Concello da Guarda para financiar as obras cuxo valor ascende a 150.000€, que costearán as dúas administracións ao 50%.
Como medida adicional e para minimizar a situación de risco o concello encargou a unha empresa que accedera a cuberta do pavillón para facer unha revisión do estado da cuberta e retirar aqueles fragmentos que presentan risco de desprendemento.
Para executar a obra é necesario, ademais de asinar o convenio, a redacción dun proxecto por parte da Consellería e a aprobación da proposta de investimento por parte da Deputación, dado que A Guarda obterá os fondos necesarios do Plan Concellos que a Deputación destina para investimentos nas entidades locais.
Nestes momentos aínda que o informe do técnico municipal recomenda non usar o pavillón so cando haxa algunha alerta por mal tempo, a dirección do centro de acordo coa inspección educativa tomou a decisión de impedir o seu uso a espera de que os servizos técnicos da Xefatura Provincial de Educación fagan unha valoración do risco.
Dada a incomodidade que o peche do pavillón está a provocar na comunidade educativa o alcalde ofreceuse a manter unha xuntanza coa directiva da ANPA e solicitou á dirección do centro que convoque unha reunión informativa co profesorado e pais e nais de alumnos para responder as súas dúbidas.
O equipo de goberno municipal fará todo o que estea na súa man para que a reparación da cuberta do pavillón das Solanas se faga o antes posible. Dende o concello trasladouse Xefe Provincial de Educación e aos servizos técnicos a necesidade de axilizar a tramitación para provocar o mínimo prexuízo tanto aos alumnos do colexio como as diferentes equipos deportivos que utilizan a instalación fora do horario lectivo.
Cancelado o festival en favor das Samaritanas da Guarda
A Fundación As Samaritanas da Guarda cancela o festival ao seu favor que ía celebrarse este sábado, 20 de febreiro, no Centro Cultural guardés.
Esta información ía incluída no Boletín Informativo polo que, a espera de unha nova data, pedimos desculpas polas molestias ocasionadas.
Os participantes do programa de Mentoring do Concello da Guarda realizan un vídeo para mostrar o seu traballo
O Concello da Guarda leva meses traballando nun programa de Mentoring que ten coma obxectivo axudar as persoas a mellorar tanto profesional coma persoalmente.
Dende o mes de outubro un grupo de xoves participan neste programa de asesoramento e acompañamento persoal para a posta en marcha dun novo negocio.
O camiño percorrido, os seus logros e inquedanzas e tamén os obxectivos marcados por eles mesmos e por os seus profesores, son os contidos dun vídeo onde os protagonistas son os participantes do "Mentoring".
Neste vídeo mostran, desta maneira, o resultado real desta iniciativa promovida pola OMIX e a ADEL do Concello da Guarda.
Ademais, grazas a que algúns dos participantes xa conseguiron as súas metas e na actualidade están a traballar, este vídeo sirve para animar a outros veciños e veciños da vila a participar no programa de Mentoring.
Aqueles que estean interesados poden solicitar información na OMIX e a ADEL no Concello da Guarda e no teléfono 986 61 00 00.
Neste enlace pode verse o vídeo: https://youtu.be/1FMO1hSkhDE
O Concello da Guarda ofrece asesoramento sobre a regulación catastral que está a facer a Dirección Xeral do Catastro
A Dirección Xeral do Catastro está realizando durante o período de 2013-2016 un procedemento de regulación catastral en todo o territorio nacional, incluíndo a vila da Guarda.
Este procedemento está sendo notificado ós contribuíntes que resulten afectados. Estes dispoñen dun prazo de 15 días dende a recepción da notificación para presentar as alegacións que estimen oportunas.
O Concello da Guarda ofrece asesoramento sobre esta regulación catastral aos seus veciños e veciñas. Así todas aquelas persoas que precisen algunha aclaración a maiores, poden dirixirse á Oficina de Xestión Tributaria coa notificación recibida (R/ José Mª Andreini 6 Bx). Alí o persoal explicará en que consiste a alteración levada a cabo nos inmobles e, se fose o caso, se lle asesorará nas alegacións a presentar, tanto pola alteración catastral como pola taxa administrativa ou ben para corrixir posibles erros.
Catorce comparsas participan este domingo no Desfile-Concurso de Entroido en Tui
Tivo que ser aprazado o pasado día 8 pola choiva. Sairá ás 17h das rúas novas.
Tui celebrará este domingo o seu Desfile-Concurso de Entroido logo de telo que aprazar o pasado día 8 pola choiva. Participarán 14 comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar e O Porriño, que sumarán máis de 1.100 persoas desfilando polas rúas nova da cidade. O desfile comezará ás 17h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Este ano haberá son ambiente en todas das rúas por onde pasarán os participantes.
Repartiranse preto de 12 mil euros entre premios e compensacións por participar. Hai sete premios na categoría xeral na que o xurado valorará actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. A contía dos premios oscilará entre os 700€ do primeiro clasificado e os 100 que percibirá o sétimo. En carrozas hai sete premios que oscilan entre 400€ e os 50€. Mentres en acompañamento musical establécense catro premios de 250€, 150€, 100 e 50€ e un en Fantasía dotado con 250€.
Ao finalizar o desfile e mentres o xurado delibera actuará a orquestra Terranova.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do Desfile-Concurso de Entroido este domingo dende ás 14h ás 22h non se poderá estacionar e estarán pechadas ao tráfico as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Cayetano Lledó presenta o seu espectáculo "Máxico Circus Cabaret" este sábado no Teatro Municipal de Tui
Comezará ás 18.30h dirixido a público familiar. As entradas teñen un prezo de 3,5 e 2,5€
O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado un espectáculo de maxia teatralizada titulado "Máxico Circus Cabaret" cargo de Cayetano Lledó. A partir das 18.30h o público poderá disfrutar dunha fusión entre maxia e teatro para toda a familia.
Cayetano Lledo, presidente da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, é produtor e distribuidor de teatro, ilusionista e actor de improvisación. A comedia e a máxica cómica centran as súas obras nas que mestura estilos teatrais con elementos de circo.
En "Máxico Circus Cabaret", o espectáculo que este sábado achega a Tui, conta a historia dun patrón de circo, no que xa non traballa ninguén, que para que continúe o espectáculo ten que parodiar a diversos personaxes coma Grocho Marx, a muller Barbuda, un mago chinés… Ao longo da función sucédense elementos de maxia, clown, comedia, teatro de improvisación, pantomima, hipnose, manipulación de obxectos e cartas, malabarismo… Todo nun espectáculo dirixido a público familiar.
As entradas están á venda en www.culturatui.info ata este sábado ás 12h ou o sábado pola tarde dende ás 17h no despacho de billetes da Área Panorámica ao prezo de 3,5€ e 2,5€.
Cayetano Lledó presenta "Máxico Circus Cabaret"
Lugar: Teatro Municipal de Tui
Data: Sábado, 20 de febreiro, ás 18.30h
Venda de entradas:
En en www.culturatui.info ata o sábado 20 ás 12h
No despacho de billetes o sábado dende ás 17h
Prezo: 3,5€ e 2,5€.
Trinta actividades conforman o calendario deportivo da Eurocidade para 2016

O alcalde de Tui destacou este programa é o máis importante e máis intenso de carácter transfronteirizo que existe na península ibérica
Trinta actividades a celebrar entre os meses de febreiro e decembro conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença que foi presentado esta mañá na Casa do Concello de Tui. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, e os responsables de deportes dos dous municipios, Laureano Alonso e José Monte, foron os encargados de dar a coñecer as actividades previstas xunto ao concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, o representante do equipo de veteranos do S.C. Valenciano, Antonio Oliveira, o director técnico da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, e o representante de Celtas do Minho, Bruno Gonçalves. O acto contou tamén coa asistencia de membros dos distintos clubs e entidades deportivas participantes neste calendario.
No acto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que o calendario deportivo que se presenta "é o máis importante e máis intenso de carácter transfronteirizo que existe na península ibérica, e pode que en Europa poucos exemplos similares se poden dar". Isto é así segundo o rexedor tudense por unha banda pola iniciativa social importante dedicada ao deporte, polo patrimonio cultural e natural que ten a Eurocidade e porque se dan as condicións xeopolíticas coa marca Eurocidade consolidada.
O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, destacou precisamente a "marca Eurocidade" coma marca política consolidada a piques de cumprir os seis anos da súa constitución. Sinalaba que con traballo e dedicación é posible concretar proxectos coma o da Eurocidade, e se marcan puntos na axenda deportiva, cultural, e política. Afirmaba amais que a Eurocidade en Europa é un referente en cooperación transfronteiriza.
Laureano Alonso, concelleiro de Deportes de Tui, destacou que haberá case tres eventos ao mes sumando unha trintena de actividades ao longo do ano. Afirmo que a Eurocidade é un exemplo de dinamismo e actividades deportivas agardando que teñan unha gran acollida.
José Monte, vareador de Deportes de Valença, salientaba que tras cinco anos ten crecido o número de actividades, con 14 modalidades deportivas, e o interese que esperta a oferta conxunta das dúas cidades. Engadía que estes eventos poñen en valor o territorio con espazos coma o río Miño, os montes Aloia e Faro, e os equipamentos deportivos.
Pola súa parte o representante do equipo de veteranos do S.C. Valenciano, Antonio Oliveira, agradeceu o feito de que o fútbol 11 veteranos se incorpore a este calendario coa Taça San Teotonio e a Copa San Telmo que se fan coincidir coas festas locais dos dous municipios.
O director técnico da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernández, citou que o obxectivo este ano é superar os mil participantes nesta proba que se vai celebrar o 6 de marzo. Este ano ofertan de novo dous percorrido de 45 e 69 kms con novos traxectos. Por último o representante de Celtas do Minho, Bruno Gonçalves, salientou que entre as novidades que este ano presenta o Circuíto de Andainas Saudables está por unha banda o feito de que será preciso inscribirse previamente para participar, e por outra a que haberá unha andaina ao mes, así coma en territorio tudense serán guiadas polo club AndaTui RegodaPedra. Serán un total de dez percorrido o primeiro deles o 13 de marzo polo Trihlo de Pescadores e o último o 13 de novembro polo Trilho das dúas Bandas.
O Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença comezará esta mesma fin de semana coa celebración da I Taça San Teotonio de fútbol 11 veteranos, unha competición que se incorpora as actividades conxuntas de Tui e Valença. No mes de marzo comezará a celebrarse o V Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade cunha camiñada mensual ata novembro. Tamén en marzo se vai disputar a V Eurocidade BTT e o II Torneo de Baloncesto Eurocidade. En abril a cita será de novo co fútbol veterano coa I Copa San Telmo, e en maio celebrarase o II Rallie Eurocidade e o II Big Ride Eurocidade. En xuño contémplase o a V Eurocidade 10, o II Torneo de Judo Eurocidade e o III Campionato de Kung Fu Eurocidade. A VI Travesía a Nado Eurocidade será a cita no mes de xullo, mentres que en agosto terá lugar o V Trofeo de Balonmán Eurocidade, o II Festival Aéreo e parapente Eurocidade, e coma novidade o I Descenso de Boyas Eurocidade. No mes de setembro disputarase o V Torneo de Fútbol 7, o III Trofeo de Hockey e o III Torneo de Tenis. En outubro comezará a liga de Fútbol Sala Saudable que se prolongará ata maio de 2017. Pechan este calendario o III Torneo de Baile Deportivo e o I Urban Trail Night en novembro e o II Torneo de Xadrez en decembro.
Tui contratará a 22 persoas ao abeiro do Plan de Concellos da Deputación Provincial
O Concello de Tui vai contratar a 22 persoas desempregadas ao abeiro da liña 4 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
En concreto Tui solicitou a contratación de 5 peóns varredores, 5 peóns de obras públicas, 3 albaneis oficiais de segunda, 1 carpinteiro oficial de segunda, 1 condutor de camión oficial de segunda, 1 soldador oficial de segunda e 6 auxiliares administrativos. A Oficina de Emprego de Tui será a encargada de realizar a sondaxe de candidatos entre os inscritos na mesma. Os contratos serán de 35 horas semanais e rematarán o 31 de decembro deste ano.
A Policía Local realiza esta semana inspección de furgonetas e camións
Súmase á Campaña de Especial Vixilancia da Dirección Xeral de Tráfico sobre estes vehículos.
A Policía Local de Tui súmase esta semana, dende 15 ata o domingo 21, á Campaña de Especial Vixilancia e Control de Camións e Furgonetas da Dirección Xeral de Tráfico.
En concreto os axentes realizarán inspeccións sobre os vehículos comprobando as autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade, entre outros, así coma sobre os condutores no referente ao seu permiso de condución, tempos de condución e descanso...
Os datos que a Policía Local recolla nesta campaña de vixilancia serán logo remitidos á Dirección Xeral de Tráfico.
|