|
O Portavoz Nacional do BNG-AA, Xavier Vence, participará na Festa Nacionalista do Baixo Miño
O Bloque Nacionalista Galego-Asembleas Abertas celebra o vindeiro sábado dia 11, desde ás 20:00 horas a Festa Nacionalista da Comarca na alameda de Goián en Tomiño.
Intervirá o portavoz nacional, Xavier Vence, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e, o responsábel comarcal, Xosé Manuel Méndez.
Nesta ocasión haberá comida e bebida a prezos populares, inchábeis para a rapazada e a actuación musical de "Os Palleiros"(música tradicional).
A organización convida a tódalas persoas da comarca a participar no acto, pois, é unha excelente ocasión para ter unha xornada aberta de convivencia coas veciñas e veciños da comarca.
FIN DE SEMANA REPLETO DE MÚSICA, BAILE E TEATRO NA GUARDA

O Concello da Guarda presenta unha fin de semana repleto de actividades moi diferentes para o desfrute, tanto dos veciños e veciñas da localidade, coma dos moitos visitantes que estes días pasean polas rúas desta vila.
Maña, venres, a Asociación naturalista Baixo Miño (ANABAM) celebra o seu 30 aniversario no Salón de Actos do Centro Cultural a partir das 20 horas. Tras este acto organizado pola propia asociación en colaboración co Concello, se procederá á apertura da exposición de Joel Correia "Pintura da Natureza".
Ás 22,30 a Agrupación de Música da Guarda ofrecerá un concerto de Jazz "St James Street Band" na Praza do Reló. O espectáculo está aberto a todos os públicos e é totalmente gratuíto.
Ademais, este venres tamén se celebrará a "III Festa do Mexillón" que ocupará a Alameda da Guarda ata o domingo, día 12. Esta festa gastronómica está organizada pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva "O Cancelón".
O sábado, organizado por "Sopadesobre" e coa colaboración do Concello, se celebrará no espazo do Centro Cultural da Guarda, o III Mercado da Música. Este evento, que comezará as 11 e se alongará ata as 23 horas, ofrecerá música en directo, postos de venta de discos ou roupa e moitas sorpresas máis.
Este mesmo día, organizado pola Asociación Cultural Xamaraina, no Auditorio de San Bieito terá lugar o "Festival de Baile Moderno Xamaraina" no que participarán un gran número de nenas da vila. A hora de comezo é as 20,30 horas.
Na mesma xornada se procederá á inauguración da exposición de Debuxo, Escultura e Pintura do Grupo Impás que se mostrará na Casa dos Alonso ata o próximo 28 deste mesmo mes.
O fin de semana culmina coa "Festa do Avó" organizada polo Clube da 3ª Idade e Pensionistas da Guarda. Nesta homenaxe os avós e avoas da localidade contará coa animación musical do grupo "Sabor" e coa actuación do monologuista "Pedro Brandariz". Se repartirá rosca e sidra entre todos os asistentes e haberá sorteo de agasallos.
A festa comezará as 16,30 horas.
A guinda da fin de semana a porá a obra teatral "A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres" que terá lugar no Auditorio de San Bieito o domingo ás 20,30 horas. Este espectáculo organizado polo Concello está aberto a todos os públicos e a entrada é totalmente gratuíta.
O
ALCALDE
DA GUARDA, ANTONIO LOMBA, E O CONCELLEIRO DE DEPORTE, JAVIER CRESPO REUNÍRONSE CO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE JOSÉ RAMÓN LETE LASA
O pasado venres, dia 3 , o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Deporte, Javier Crespo, reuníronse co Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa.
En dito encontro, acordouse que nos próximos días o Concello da Guarda entregaría á Xunta, un proxecto no que se especificarían todas as actuacións necesarias para dotar o pavillón das Solanas das mellores instalacións para a practica de varios deportes.
Neste proxecto estarán detalladas as actuacións relacionadas con dotar o pavillón con vestiarios e equipamento para desenrolar actividades de hockey e baloncesto. Ademais tamén teñen previsto adaptar as gradas.
Estas peticións que se entregarán na Xunta nos próximos días, trasládanse despois de que o goberno local da Guarda se fixese eco das demandas dos clubes e dos veciños e veciñas da localidade que queren, e precisan, un bo espazo para practicar este tipo de deportes.
O AUDITORIO DE SAN BIEITO ACOLLE ESTE DOMINGO A OBRA TEATRAL "A VERDADEIRA HISTORIA DE ROBISON CRUSOE E VENRES"
O concello da Guarda organiza, este domingo día 12 de xullo, unha noite de teatro coa representación de "A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres".
Esta obra, que está distribuída por "Maladombra Teatro" e protagonizada polos actores Fran Ameixeiras e Fran Campos, é unha disparatada comedia para tódolos públicos que conta a convivencia de dos personaxes, un "civilizado inglés" e un "salvaxe indíxena", nunha illa deserta.
O conflito entre ambos estala cando Robinson intenta "educar" a Venres e ensinarlle as costumes da civilización, coa intención de facer del un home e convertelo nunha especie de escravo. A historia mostrará dous xeitos de ver a vida e, ademais de provocar risa entre o público, tamén motivará a reflexión.
O espectáculo, que terá lugar no Auditorio de San Bieito, é para todos os público e totalmente gratuíto.
A hora de comezo é as 20,30 horas.
O OBRADOIRO "PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA" ESTARÁ PRESENTE NA "V MOSTRA DAS TRADICIÓNS MARIÑEIRAS" QUE SE CELEBRARÁ O 24, 25 E 26 DE XULLO NA GUARDA
Dentro das actividades da "V Mostra das Tradicións Mariñeiras" que organiza o Concello da Guarda ós próximos 24, 25 e 26 de xullo, estará presente o obradoiro "Ponlle as pilas ao teu bocata" promovido pola Xunta de Galicia.
A actividade, terá lugar o domingo 26 ás 19 horas, e nela poderán participar entre 60 e 120 rapaces e rapazas.
Un ano máis, a Consellería do Medio Rural e do Mar, pon en marcha esta actividade para por en relevo as múltiples virtudes das conservas de produtos de mar; o seu valor como fonte de enerxía asociada á forza, a vitalidade ou o crecemento. En este obradoiro os nenos e nenas participantes gozarán xogando, aprendendo e realizando o seu propio bocadillo a base de conservas.
A actividade ten unha duración aproximada de unha hora, e nela haberá tempo para unha introdución lúdica, un xogos e pos suposto, para a elaboración do bocata.
Todos aqueles rapaces e rapazas, de entre 5 a 14 anos aproximadamente, que queiran participar nesta actividade deben cubrir unha inscrición previa.
Desde hoxe, e ata o próximo día 23 de xullo, os interesados poden dirixirse a Oficina de Turismo instalada no Concello para cubrir o formulario, no que o pai/nai ou titor/titora do menor afirme que o rapaz ou a rapaza non é alérxico nin intolerante ás conservas.. Se aínda quedan prazas sen cubrir nos días que se celebre a "V Mostra das Tradicións Mariñeiras", no punto de información tamén se poderán facer efectivas as inscricións.
O CONCELLO DA GUARDA PREPARA UNHA "FESTA DO AVÓ" CON MOITO BAILE E RISAS ASEGURADAS
Este domingo día 12 de xullo, O Concello da Guarda, organiza a "Festa do Avó" para render unha pequena homenaxe ós veciños e veciñas da terceira idade da localidade.
O evento, que terá lugar, na carpa instalada no Porto da vila, comezará cunha charla de Don Jesús, párroco da Guarda e a presentación da raíña e damas do Clube da 3ª Idade.
A festa estará amenizada polo grupo "Sabor" que animará a bailar a todos os presentes. Ademais contarán coa actuación de Pedro Brandariz, un dos cómicos galegos máis emerxentes. Este actor, showman, clown, monologista ou contacontos, é unha das caras máis recoñecidas da TVG, grazás á intervención en diferentes programas e series, pero sobre todo no programa Luar, acompañando a Xosé Ramón Gayoso.
O Concello repartirá rosca e sidra entre todos os asistentes e ten programado un sorteo para que poidan levarse diferentes agasallos.
A festa comeza ás 16,30 horas.
ALFREDO CAMPOS PRESENTA A CHARLA “A IMPORTANCIA DA
MEMORIA E AS ESTRATEXIAS DE APRENDIZAXE NO ENSINO”
DENTRO DO CICLO “DIÁLOGOS DE EDUCACIÓN”
O profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Alfredo Campos García,
presentou a súa charla “A importancia da memorias e as estratexias de aprendizaxe no
ensino” dentro do ciclo organizado polo Concello da Guarda “Diálogos de Educación”.
Esta segunda conferencia enmarcada dentro de este evento, tratou os diferentes tipos de
memoria que existen e as estratexias que se poden levar a cabo para aumentala.
Ademais o profesor falará dos da importancia da memoria na aprendizaxe, e sobre todo,
como el mesmo afirma, no ensino. Unha das estratexias máis utilizadas, conta Campos,
son as imaxes mentais.
Como todas as conferencias que forman parte de este ciclo, terá lugar no colexio PP.
Xesuítas da Pasaxe, en Camposancos, e comezarás ás 21 horas.
Como sucedeu na anterior charla, espérase que sexan moitos os docentes que se
acheguen a escoitar as palabras de Alfredo Campos.
A seguinte cita será o 23 de xullo coa conferencia “De formar crentes a formar cidadáns:
unha mirada crítica dende a pedagoxía”. Despois as charlas serán o 30 de xullo, o 20 e 27
de agosto e o 3 e 10 de setembro.
A FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA DA GUARDA REPARTE UNS 500 KILOS DE ESTE PREZADO MARISCO
A cantidade de comensais superou todas as expectativas
A festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrada durante o pasado fin de semana na Guarda, foi un verdadeiro éxito. Tanto os restaurantes presentes na carpa gastronómica, como a bodega, a cafetería e a confeitería, ou os artesáns participantes na feira e o propio Concello, organizador do evento, confirman que a XXV edición desta festa superou todas as expectativas e foi moito mellor ca celebración dos anos anteriores.
En total, entre os catro restaurantes venderon 500 quilogramos de langosta, servida tanto a peza enteira como a metade e, tanto cocida coma a prancha. Ademais de este prezado marisco, os establecementos tamén ofreceron polbo, navallas, empanadas, croquetas,percebes, brochetas ou buñuelos de rape.
Toda a xente que durante todo o fin de semana se acercou á carpa fixo que algúns destes produtos o domingo xa estivesen esgotados, como por exemplo as croquetas de langosta ou os saquiños recheos de marisco.
Os comensais foron unha constante durante todo o fin de semana. O venres á noite, coincidindo coa apertura da carpa e a demostración gastronómica do chef pregoeiro da festa, Yayo Daporta, a carpa instalada no Porto da Guarda, estivo practicamente chea.
O sábado, a xente comezou a achegarse polo recinto ás 12 horas, momento no que os restaurantes xa comezaban a servir os seus pratos.
Este ano, o que máis chamou a atención, foi que os comensais foron chegando de maneira moi graduada e constante.
Entre a xente que visitou a carpa atopábanse moitos veciños e veciñas da Guarda, do Rosal ou de Tui, pero tamén xente chegadas dende outros puntos de Galicia, como Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Sanxenxo. Moitos dos visitantes eran madrileños, canarios, estremeños, cataláns ou leoneses, pero sen esquecer ós comensais internacionais chegados, por exemplo, de Portugal, Inglaterra, Francia ou Alemaña.
A pesar de que a festa principalmente baséase na gastronomía, o resto da programación tamén tivo un espectacular recibimento. Este é o caso do tren turístico que levaba de forma gratuíta ós visitantes a coñecer a localidade. A pesar de que había saídas durante toda a tarde e dous pola mañá, o volume de xente que quixo utilizalo fixo que algúns deles quedaran sen billetes.
A XX Travesía a Nado Porto da Guarda, celebrada o sábado a partir das 18 horas, tamén foi un éxito de participación xa que máis de 100 nadadores foron quen de rematar o percorrido.
Na feira de artesáns tamén houbo moitos visitantes e os inchables e obradoiros para nenos estiveron cheos de rapaces durante toda a súa duración.
Unha das actividades que máis chamou a atención e fixo que se formasen colas na carpa foi o taller de fotografías. Neste evento, todo aquel que quixese, podía facerse unha fotografía suxeitando unha langosta de xoguete na man, e con diferentes gorros e gafas, aparecer co fondo do Porto da Guarda, e levala de recordo da XXV Edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.
Por último, os concertos que se sucederon durante todo o fin de semana tamén atraeron a moita xente á carpa. O venres, tras a inauguración os encargados de poñerlle banda sonora a festa foi a orquestra "América". O sábado pola mañá actuou o acordeonista Daniel Vilanova, e pola noite soou a música dos anos 60 da man do grupo guardés "The Winning Numbers" e a dos 70 grazas a "Lou Reyes".
O domingo, os encargados de pechar esta exitosa edición, foron Claudia Madeira e Rui Teixeira, artistas chegados dende Portugal, que deslumbraron cos seus fados.
Apertura das inscricións para a terceira quenda dos Campamentos de Verán de Tui
O Concello de Tui volverá abrir as inscricións para a terceira quenda dos Campamentos de Verán 2015, que se realizarán dende o próximo luns 3 ata o venres 14 de agosto, debido á dispoñibilidade de prazas.
Así, do 20 ao 24 de xullo, poderán entregarse os formularios e a documentación na secretaría do Concello de Tui, dende as 9h ata as 14h, ata completar as prazas dispoñibles nesta terceira quenda, momento en que non se recollerán máis solicitudes.
Así mesmo, unha vez entregada a documentación, deberá facerse o abono da taxa establecida, de 30,56€ por participante nesta quenda, no departamento de tesourería do Concello de Tui.
Lembrar a todos os pais e nais, que a segunda quenda está pechada e que empezará o próximo xoves 16 de xullo, sendo o punto de entrega dos nenos e nenas, no novo pavillón deportivo municipal tudense, a partir das 9 horas.
Os padeeiros do club Kaiak Tudense triunfan no Campionato de Europa de Maratón
Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña acadaron preseas nas súas probas
A pasada fin de semana celebrouse o Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo, na localidade eslovena de Bohinj, onde os representantes do Club Kaiak Tudense acadaron uns excelentes resultados.
Así, o padeeiro tudense Iván Alonso, participou o sábado na competición K1, obtendo a medalla de prata, por detrás do seu rival portugués Luis Ramalho, nunha regata moi disputada, que se resolveu no último porteo. Na xornada do domingo, xunto ao seu compañeiro Emilio Merchán, competiu na categoría K2, revalidando o título de Campión de Europa, por diante dos húngaros Adrián Boros e Laszlo Solti, e dos españois Álvaro Fernández e Walter Bouzán.
Óscar Graña e Ramón Ferro, competiron neste campionato na modalidade C2, mantendo as opcións do ouro ata os últimos metros, no seu duelo cos húngaros Adán Dcoze e Marton Kuver, acadando na liña de meta a medalla de prata.
O tudense Manuel Garrido acadou a cuarta posición na súa proba de C1, quedando a tan só un posto de medalla, e Rubén Dasilva obtivo a sexta posición na categoría de C1 júnior.
O Concello de Tui felicita a Iván Alonso, Ramón Ferro, Óscar Graña, Manuel Garrido e Rubén Dasilva, así como aos responsables técnicos e directivos do Club Kaiak Tudense, polos magníficos resultados acadados neste Campionato de Europa.
O Concello de Tui negociará co ORAL, para dar solución a acumulación de recibos da auga que afecta a moitos veciños da cidade
Esta acumulación dos pagamentos débese a decisión tomada polo anterior goberno de xuntar os recibos pendentes nunha sola anualidade. A falta de lectura dos contadores no cuarto trimestre 2013 fixo que o consorcio facture un consumo estimativo, inxusto na maioría dos casos
O alcalde de Tui, invita a que todos os cidadáns afectados presenten reclamacións por rexistro de entrada, e logo dende o concello negociarán co ORAL a posibilidade de que poidan fraccionar o pago
O Concello de Tui negociará co ORAL para fraccionar o pago das facturas acumuladas que recibiron moitos veciños da cidade. Esta acumulación dos pagamentos débese a falta de lectura dos contadores no período do cuarto trimestre do ano 2013 e polo tanto, agora están a chegar facturas nalgúns casos desorbitadas xa que o non haber lectura o consorcio facturou un consumo estimativo.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, explica que isto ocorreu porque o anterior goberno municipal, antes de entrar o novo consorcio, decidiu xuntar os recibos e facturas pendentes nunha anualidade, para logo traspasarlle o servizo ó consorcio. Enrique Cabaleiro dá conta que para levar isto a cabo, tramitaron un procedemento que entende coma "irregular".
O rexedor de Tui deu conta do informe realizado pola tesoureira do Concello, no que fai constar que a falla da lectura dos contadores correspondentes ó cuarto trimestre do ano 2013 é debida a unha falta de responsabilidade do persoal dedicado a este traballo, e por conseguinte tamén do responsable político do mesmo. Todo isto ten como resultado un agravio a aquelas casas pechadas ou que consumen pouco, xa que se lles aplicará un consumo non real. Pola contra, aquelas vivendas que gastan moito veranse beneficiadas porque se lles aplicará un consumo mínimo.
O alcalde de Tui, invita a que todos os cidadáns afectados presenten reclamacións por rexistro de entrada, e logo dende o concello negociarán co ORAL a posibilidade de que poidan fraccionar o pago.
Para aqueles que xa pagaron o recibo, Enrique Cabaleiro insiste que presenten igualmente as reclamacións por rexistro de entrada. O rexedor tudense quixo destacar que esta decisión de acumular os pagos foi tomada o 5 de marzo do 2015, asinada polo anterior alcalde, e non é responsabilidade do seu goberno, como algunhas fontes sinalan.
Este sábado día 11 de xullo, a Eurocidade celebrará o Trilho Nocturno Cova do Lobo en Valença
Este sábado día 11 de xullo, a Eurocidade Tui-Valença organizará, dentro do IV Circuito de Andainas/Trilhos Saudables, o "Trilho Nocturno Cova do Lobo", que sairá ás 21.30 horas españolas, dende a Capela Srª do Socorro de Taião, percorrendo a freguesía de Taião.
Como en edicións anteriores, o punto de encontro alternativo para aqueles que descoñezan o punto anterior, será no aparcadoiro do Lidl de Valença, ás 21.10 horas españolas.
Esta andaina terá unha distancia a percorrer de 13 quilómetros, sendo o grado de dificultade moderado, cunha duración do percorrido de ao redor de 5 horas.
Toda a información referente ó Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade pode atoparse na páxina do Facebook, "Caminhadas Saudáveis e Andainas Saudables".
|