www.caminha2000.com - Jornal Digital Regional - - Semanário - Director: Luís Almeida

1ª Pág.
Cultura
Desporto
Óbitos
Política
Pescas
Roteiro
Ficha Técnica
Edições C@2000
Assinaturas
Email

POSPONSE A ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN, PARA O MARTES 18 DE FEBREIRO

A Asociación Érguete Baixo Miño apoia e asistirá esta tarde á Manifestación contra o Desmantelamento da Sanidade Pública que terá lugar as 20:00 h. en Vigo polo que, postergamos a convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria que tiñamos prevista para esta tarde, dirixida a todos os socios/as desta entidade, para o MARTES día 18 de febreiro de 2.014; ás 8:00 horas da tarde en primeira convocatoria e ás 8:30 horas da tarde en segunda convocatoria, no local social situado na rúa Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda e que contará co seguinte

Érguete Baixo Miño


"O BNG considera unha falta de sensibilidade cos afectad@s o retraso na convocatoria de portavoces por parte do Alcalde da Guarda"

O Bloque Nacionalista Galego apoia a proposta que a Plataforma de afectad@s polas preferentes e subordinadas do Baixo Miño presentou no pasado pleno. A plataforma solicita que o Concello da Guarda retire as contas bancarias que mantén en Novagaliciabanco se o novo dono (Escotec) non cumpre a súa pormesa de dar unha solución aos milleiros de galeg@s estafad@s, antes do 31 de marzo. Pois aínda faltan por devolver cincocentos millóns de euros a trinta e cinco mil persoas,aínda que o Presidente da Xunta se declare "tranquilo e satisfeito pola venda do banco".

A pesares de que o Alcalde da Guarda tardase máis dunha semana en convocar unha reunión urxente para tratar este asunto, e, considerando que debera ser con máis premura dado o sangrante da situación o BNG vai levar á Xunta de portavoces o apoio á iniciativa da plataforma.

"Lembramos que nos últimos meses preferentistas están sendo sancionados pola súa participación en protestas cidadáns esixindo unha solución xusta á esta estafa masiva, chegando a sumar na provincia de Pontevedra máis de 17.000 euros en sancións", comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.

Dende o BNG entendemos estas sancións coma unha medida de represión do Goberno do PP para amedrentar ás plataformas, para que deixen as súas manifestacións pacíficas.

BNG


Catorce probas conforman o Programa Deportivo da Eurocidade Tui-Valença 2014 que comeza en marzo

Catorce probas deportivas integran o Programa Deportivo da Eurocidade Tui-Valença 2014 que foi presentado esta mañá na Pousada de San Teotonio en Valença.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro foron os responsables desta presentación xunto ao secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia José Ramón Lete, un representante do Instituto Português do Desporto, Inácio dos Anjos, e os responsables de deportes das dúas cidades, Nicolás Lorenzo e Jose Monte.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, recalcaba a importancia do proxecto da Eurocidade e o efecto multiplicador que os eventos que se realizan teñen, ao producirse en dous países simultaneamente coa pertinente cobertura mediática en cada un deles. Así mesmo, aproveitaba para agradecer aos deportistas de elite alí presentes o levar o nome de Tui e da Eurocidade polo mundo adiante. Mentres o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, animaba a seguir os pasos que veñen dando as dúas cidades desde que se creou a Eurocidade hai xa dous anos. Agradecía a súa vez a presenza dos representantes dos clubs deportivos e das institucións sinalando que "facemos máis xuntos que individualmente".

Por outra banda, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia apoiaba a vontade amosada polas dúas cidades de seguir dando pasos conxuntos para fomentar a unión a través do deporte.

Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes de Tui, avanzou que ao programa de actividades desenvolvidas en 2013 se incorporan seis novas probas entre as que destacou, o I Campionato Ibérico de Triatlón, que inclúe distancia olímpica e medio Ironman, e o I Rallie Eurocidade. Mentres o vereador de Desporto de Valença, Jose Monte, destacou que o ano pasado participaron 3.500 persas nos eventos deportivos da Eurocidade.

O programa deportivo de 2014, no que figuran catorce probas comezará no mes de marzo. As primeiras actividades deportivas deste novo programa comezarán no mes de marzo co I Campionato de baile "Eurocidade" (09/03) e o III Eurocidade BTT (30/03). En maio vaise desenvolver o I Torneo de Tenis Eurocidade ( 1-4/05) e o IV Torneo de Fútbol Xuvenil (17-18/05). O III Eurocidade 10 (08/06) e a IV Travesía a Nado río Miño celebraranse en xuño mentres que o II Cuadriatlón Eurocidade está previsto para o 19 de xullo. En agosto as citas deportivas van ser o II Trofeo de Balonmán e o Campionato Ibérico de Trialtón. A Liga de fútbol Sala Eurocidade en outubro, o I Rallie da Eurocidade e o I Cross Eurocidade en novembro e un campionato de kung-fu en decembro completan o programa. Tamén están inseridas nestas programación as Andainas Saudables da Eurocidade que dende marzo se van celebrar o segundo sábado de mes en Valença e o último sábado de mes en Tui.

Municipio de Tui


Malabaranda actúa o sábado no teatro cun espectáculo de circo-clown

"Residuo" será representado ás 19h

O Teatro Municipal de Tui acolle mañá sábado, 15 de febreiro, ás 19h a representación do espectáculo de circo-clown "Residuo" por parte de Malabanda.

"Residuo" é un espectáculo didáctico e pedagóxico para todos os públicos no que se mestura o circo e o humor para crear unha conciencia social sobre o tratamento sostible do lixo. A obra está protagonizada por dous varrendeiros, aos que dan vida Manuel Lago e J.L. Rodríguez "Kote", dos que un ten ampla experiencia na recollida selectiva e outro só pensa na música e na festa.

O espectáculo, cunha duración de 55 minutos e vai dirixido a todos os públicos. As entradas están xa á venda en www.culturatui,info ata mañá sábado ás 13 ao prezo de 3,5€ e 2,5€. Tamén se poderán adquirir o sábado dende ás 17.30 no despacho de billetes na Área Panorámica.

Malabaranda con "Residuo"
Data: Sábado, 15 de febreiro, ás 19h
Lugar: No Teatro Municipal
Entradas: Á venda en www.culturatui.info ata o sábado 15 ás 13h, ou o sábado dende ás 17.30h no despacho de billetes ao prezo de 3,5€ e 2,5€.

Municipio de Tui


Teatro, danza e cinema na programación do primeiro semestre do ano no Teatro Municipal

Ten un orzamento de 26 mil euros dos que o 65% é aportado polo Concello e o 35% polo AGADIC

Teatro, danza e cinema centran a aposta da programación cultural de Tui para o primeiro semestre deste 2014 a desenvolver no Teatro Municipal. Os nove espectáculos previstos veñen recollidos no número 27 da Axenda Cultural Corredoira, na que tamén se publicitan outros eventos como o bicentario de Frei Rosendo Salvado, o Entroido, as Festas de San Telmo, e as feiras de Artesanía e do Libro, así como a programación da Sala de Exposicións e da Biblioteca Municipal.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e o director do AGADIC, Jacobo Sutil, foron esta mañá os responsables desta presentación.

Vanesa Rodríguez, destacou que a Axenda Cultural Corredoira recolle a programación prevista para os seis primeiros meses deste ano no Teatro Municipal de Tui que ten un orzamento de 26 mil euros dos que o AGADIC aporta o 35%. Salientou amais a edil de Cultura o apoio que estas actividades teñen por parte do público como reflicte o feito de acadar 272 espectadores por función de media en 2013. Explicou tamén que da Corredoira editáronse 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.

O director do AGADIC, Jacobo Sutil, que se trata dunha "variada e coidada programación cultural" indicando que "Tui é concello comprometido coa difusión cultural o que se ratifica cada nova temporada ao través dun atinado calendario de actividades que combina a oferta de ocio máis de base local, con propostas de interese xeral a través de espectáculos que están a ser distribuídos con éxito por outros puntos importantes da xeografía galega e mesmo española e portuguesa". Jacobo Sutil indicaba amais que "iso non se consegue por casualidade senón pola dedicación continuada e especial do concello pola cultura que está a facer de Tui un polo de exhibición artística de primeira orde e un destino clave no sur de Galicia dentro do eido cultural". Aludía amais á contribución que dende o primeiro momento Tui fixo ao programa de intercambio de compañías galegas e portuguesas "Troco x Troco". E concluía afirmando que esta programación consolidada fai que Tui sexa "un escenario de referencia en Galicia".

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa banda destacou que o investimento en cultura é rendible, engadindo que hai que seguir apostando pola Eurorrexión afirmando nese senso que "toda a cultura ten que pasar por Tui". Tamén fixo referencia o programa Troco x Troco no que dicía Tui tiña que estar presente e vai seguir apostando polo mesmo e por todas as iniciativas culturais. Aproveitou amais o rexedor tudense para agradecer a colaboración doutras institucións coma a Xunta ou a Deputación para facer realidade esta programación. Afirmaba amais Moisés Rodríguez que "para que Tui siga sendo un referente cultural hai que seguir investindo nunha programación de calidade" ao tempo que destacaba "o compromiso do público" cos espectáculos programados no teatro. Pero salientaba amais que Tui tamén quere ser un referente en cultura activa de aí a aposta que realiza por actividades como a Semana de Teatro Amador na que as compañías de teatro afeccionado teñen a oportunidade de actuar no Teatro Municipal nas mesmas condicións que as compañías profesionais.

Esta programación comeza precisamente mañá venres ás 21.30h da man da compañía de Coimbra A Escola da Noite que chega a Tui ao abeiro do programa Troco x Troco para pór en escena a obra "Novas diretrizes em tempos de paz". O sábado, ás 19h, terá lugar o segundo espectáculo con Malabaranda coa obra de circo clown "Residuo". Precisamente a programación no Teatro Municipal neste semestre estrutúranse con espectáculos venres e sábado. A seguinte cita será o venres 21 de febreiro con Las Grotesques de Madrid e a obra "Mucho Ruido e pocas nueces" e o sábado 22 coa proxección da película de animación "O pequeno mago" dirixida polo tudense Roque Cameselle.

En marzo o venres 14 Caramuxo Teatro achega unha proposta de teatro para bebés baixo o título de "Ñam" e tamén os máis pequenos da casa serán os destinatarios de "Babs" con Baobas Teatro o sábado 22 de marzo. Mentres o sábado 15 de marzo Abrapalabra presenta a traxicomedia "As do peixe". A danza contemporánea terá o seu oco o venres 21 de marzo con Cristina Monteiro e Rut Balbis no espectáculo "Momento Blooming". Pecha a programación en maio un novo espectáculo de Troco x Troco co Centro Dramático de Évora e obra "Autos da Revoluçao". Amais o 27 de maio do Centro Dramático Galego representará para escolares "Longa Viaxe cara a noite".

As entradas para cada espectáculo poranse á venda unha semana antes na web www.culturatui.info ou o mesmo día hora e media antes da función no despacho de billetes. Teñen desconto na adquisición das localidades os posuidores do carné xoves, carné de estudante e da Biblioteca Municipal, así coma as familias numerosa, discapacitados, desempregados e xubilados presentado o documento acreditativo.

Municipio de Tui


O Camiño Portugués a Santiago obxecto dunha xornada este sábado en Tui

Está organizada pola GNP-AECT, a Eurocidade Tui-Valença e Axencia Turismo de Galicia

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal, a Eurocidade Tui - Valença e a Axencia Turismo de Galicia organizan este sábado unha xornada sobre o Camiño Portugués a Santiago, no Salón de Actos da Aula UNED, no antigo Convento de San Domingos, en Tui. Celebrarse entre ás 9.30h e ás 14h.

Co obxectivo de potenciar o desenvolvemento do Camiño Portugués e valorar as oportunidades de dinamización dos recursos patrimoniais e turísticos da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal que o camiño ofrece, o programa da xornada abranguerá mesas redondas de debate e a presentación do libro de actas do IV Encontro sobre os Camiños Portugueses a Santiago.

O alcalde de Tui Moisés Rodríguez, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro serán os encargados, ás 10h, de abrir esta xornada xunto á directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro. Ademais. Asistirán tamén os alcaldes da Cámara Municipal de Barcelos, do Concello de Caldas de Reis, da Cámara Municipal de Ponte de Lima e do Concello de Santiago de Compostela e o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Por outra banda, o presidente do Intergrupo "Camiños de Santiago" do Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon, será o encargado de abrir a mesa redonda sobre a potenciación para o desenvolvemento do Camiño Portugués . Xunto a el participarán representantes da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e das Asociacións Portuguesa e Galega de Amigos do Camiño Portugués.

A clausura da xornada será ás 13:30h e virá da man de Emídio Gomes, Presidente da Comisião de Coordinação e Desenvolvimento Regional - Norte logo da presentación das conclusións e do libro de actas do IV Encontro sobre os Camiños Portugueses.

Municipio de Tui


Está xa en funcionamento o Consorcio de Augas do Louro do que forma parte o Concello de Tui

A tarifa de Tui foi referencia para establecer a que cobrará dende este mes o Consorcio de Augas do Louro aos seus 21.500 aboados

O Concello de Tui, ao igual que os de Mos, O Porriño, e Salceda, están integrados no Consorcio de Augas do Louro, que dende principios de ano xestiona o ciclo integral da auga, é dicir saneamento e abastecemento, nos catro termos municipais. Da servizo a 59 mil habitantes e conta con 21.500 aboados, tanto vivendas coma empresas ou establecementos comerciais. O Consorcio pasará a finais deste mes ao cobro o primeiro recibo polos servizos que presta, cunha tarifa unificada nos catro municipios e na que se tomou coma referencia a que ata o de agora viña aplicando o Concello de Tui.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os alcaldes do Porriño e Salceda, Nelson Santos e Marcos Besada, e o xerente do Consorcio, Rufino Rodríguez, compareceron esta tarde ante os medios de comunicación para explicar o funcionamento deste nova entidade supramunicipal.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou na súa intervención que este Consorcio é froito do traballo que levan realizando moitas corporacións municipais dende o ano 1994, cando se deron os primeiros pasos ao declararse o saneamento do río Louro de interese tralo acordo acadado entre o Ministerio de Medio Rural e a Xunta de Galicia. Precisamente a situación deste río, que desemboca no Miño en Tui, é radicalmente distinta á que se rexistraba hai vinte anos de tal xeito que no mesmo volve haber fauna piscícola, o que fala do seu bo estado medioambiental.

Moisés Rodríguez explicou coma ao longo dos últimos anos o concello de Tui, coa axuda doutras administracións, ten feito os deberes e conta con saneamento en máis do 90% do municipio, ao igual que unha porcentaxe similar ten abastecemento de augas da que ata o momento era a traída municipal e que agora pasa a ser xestionada polo Consorcio.

Na rúa Coruña 10 de Tui está xa aberta unha das catro oficinas de Atención ao cliente que o Consorcio de Augas do Louro abriu nos catro municipios, ao que se suma un teléfono de información ás 24 horas do día no 900 810 103

Municipio de Tui


O alcalde de Tui asistiu á presentación do libro de actas do congreso de Muiñoloxía celebrado en Tui

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, asistiu o pasado venres, na Deputación de Pontevedra, á presentación do libro "Molinos", que recompila as actas do 8º Congreso Internacional de Molinología "Innovación e Ciencia no Patrimonio Etnográfico", celebrado en Tui en 2012.

Neste evento, decenas de estudosos puxeron o seu coñecemento sobre a conservación e rehabilitación dos muíños ao servizo da opinión pública. Estas investigacións, baseadas en criterios científicos e innovadores, tratan de outorgar valor aos muíños co afán de manter o patrimonio etnográfico e cultural do país. As investigación realizadas baseáronse en criterios científicos e innovadores, tratando de outorgar valor aos muíños, co afán de manter o patrimonio etnográfico e cultural do país.

O Congreso, celebrado en abril de 2012 en Tui, estivera promovido por ACEM, Asociación para a Conservación e o Estudio dos Molinos, e organizado por ASGAMUI, Asociación Galega Amigos dos Muiños. Daquela os participantes chegados non só de distintos puntos da xeografía nacional senón tamén doutros países realizaron unha visita á senda dos muíños do Tripes en Tui. Precisamente entre os seus obxectivos estaba inventariar os elementos etnográficos, e de maneira especial os muíños, a nivel autonómico e estatal configurando un mapa muiñolóxico xeral de España. Tamén buscaban promover en Galicia a restauración dos muíños de vento, que, aínda que menos estendidos que os de auga, tiveron unha significación e importancia socioeconómica similar e divulgar as restauracións levadas a cabo en todo tipo de muíños e enxeños hidráulicos, para que se acheguen a estas manifestacións de cultura, contribuíndo ao desenvolvemento social e económico.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, co gallo da presentación deste libro de actas, lembra o esforzo que realiza o concello para seguir recuperando o patrimonio etnográfico do municipio. En concreto sinala as actuacións realizadas para recuperar máis muíños da senda do río Tripes, onde cada ano con gran éxito se celebra a festa dos Nosos Fariñeiros. Tamén recordou como a través de Obradoiro de Emprego en 2011 foi reparado e rehabilitado o Muíño do Rapado na parroquia de Baldráns e limpáronse os muíños do Pombal en Guillarei, entre outras actuacións.

Municipio de Tui


Presentado o calendario escolar da Eurocidade Tui-Valença

Os 400 exemplares publicados serán repartidos entre as familias de escolares tudenses e valencianos

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, asistiu a 12/fev á presentación do Calendario Escolar da Eurocidade que tivo lugar na Aula Ponte Internacional do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres. Estiveron tamén presentes varios concelleiros do equipo de goberno de Tui e a directora do CRA Teresa Domínguez.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou que con este calendario cúmprense varios obxectivos, entre eles seguir fomentando a unión entre valencianos e tudenses, neste caso concreto ao través dos nenos que dicía "son o futuro da Eurocidade". Tamén salientou as boas e diversas propostas que se recollen neste almanaque escolar.

Teresa Domínguez, que foi a encargada de elaborar este proxecto que conta con fotografías de Belén Sousa Valença, explicou que o obxectivo deste calendario é "pór unha pedra máis para que as familias se comprometan co desenvolvemento emocional, persoal e cognitivo dos seus fillos e fillas" engadindo que "temos claro o importante que é que as familias tomen partido e se sexan o piar fundamental na educación dos seus fillos". No mesmo recóllense unha serie de propostas de actividades para as familias das que seis meses corresponde a Tui e outros seis meses a Valença. Elaborar a lista da compra en familia, ver unha película, leer un libro ou facer unha andaina ou ruta concreta son parte das propostas recollidas.

Por último o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, agradeceu o traballo realizado neste calendario que sinalaba "é un manual de boas prácticas e convivencia" agardando que volva ser unha nova realidade en 2015. Tamén propuña a realización dun encontro entre profesores de Valença e Tui.

Do Calendario Escolar da Eurocidade foron publicados 400 exemplares que serán repartidos entre as familias dos escolares tudense e valencianos.

Municipio de Tui


Éxitos no atletismo tudense con Leticia Fernández como Subcampioa de España Promesa e Uxía Pérez como Campioa Galega Xuvenil e novo record galego

O Club Kaiak Tudense recibiu a Copa do Rei na Gala do Piragüismo Nacional

A pasada fin de semana tiveron lugar varios acontecementos deportivos nos que os deportistas tudenses acadaron excelentes resultados.

Leticia Fernández, que recentemente se proclamou campioa Galega de Pista Cuberta na distancia de 800 metros, participou no Campionato de España Promesa de Pista Cuberta, na localidade malagueña de Antequera. A atleta tudense acadou a medalla de prata na distancia de 1.500 metros lisos converténdose así en Subcampioa de España Promesa cunha marca de 4:28.25, só superada pola atleta Marta Pérez.

A atleta tudense terá dúas semanas máis de adestramentos para a súa participación no Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta, que un ano máis se disputará en Sabadell.

En canto a Uxía Pérez, que a pasada fin de semana acadaba o subcampionato Galego Absoluto, participou no Campionato Galego Xuvenil, no Palacio dos Deportes de Riazor, en A Coruña, onde acadou dúas medallas, unha de ouro, e unha de prata. A de ouro chegou ás súas mans na proba de 3.000 metros, na que ademais de converterse en campioa Galega Xuvenil, mellorou o Record Galego Xuvenil cunha marca de 9:50.60. A medalla de prata logrouna na proba dos 1.500 metros.

Pero a estes éxitos do atletismo tudense sumouse tamén a medalla de prata da atleta do Club Atletismo Tui, Aida Martínez, no Campionato Galego Cadete, disputado tamén no Pazo dos Deportes de Riazor o domingo.

No mundo do piragüismo, o Club Kaiak Tudense recibiu a Copa do Rei "División de honra" como mellor equipo nacional da categoría absoluta. A entrega tivo lugar na XXXI Gala Nacional do Piragüismo celebrada o pasado sábado no auditorio Ramos Carrión de Zamora.

O Concello de Tui desexa felicitalos, xa que, estes resultados, xunto aos acadados nas pasadas semanas polos diferentes deportistas, non fan máis que demostrar o alto nivel do noso deporte e o excelente traballo que realizan os clubs tudenses.

Municipio de Tui


Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais