Segundo os datos que ofrece a Oficina do Peregrino da Arquidiocese de Santiago de Compostela no pasado mes de maio comezaron en Tui o seu itinerario de peregrinación xacobea un total de 705 peregrinos que escolleron á nosa cidade como auténtica "porta do camiño portugués".
Pero cómpre subliñar que pola nosa cidade pasaron ata 2.995 peregrinos que foron os que realizaron o camiño portugués e recibiron a "Compostela" acreditativa á súa chegada a Compostela, segundo informa a devandita Oficina do Peregrino. Destes case tres milleiros de peregrinos destaca que a maioría deles son de procedencia extrapeninsular, especialmente salientan polo seu número os orixinarios de Alemania, Francia e Italia.
Estes datos concordan coas estatísticas da Oficina Municipal de Turismo do pasado mes de maio, onde houbo 536 consultas realizadas por peregrinos que realizan o camiño portugués destacando o feito de que os peregrinos estranxeiros triplican aos nacionais: 435 fronte 141.
Para a concelleira de turismo do Concello de Tui, Raquel Lorenzo Pimentel, asistimos neste ano a un incremento do número de peregrinos que visitan Tui no seu itinerario ao sartego apostólico, en case cincocentos peregrinos máis que no ano pasado. Estes datos confirman a consolidación do camiño portugués que historicamente transcorre pola Eurocidade Valença - Tui como punto de entrada en Galicia. Fronte a outras pretendidas alternativas carentes dunha tradición histórica documentada o camiño portugués conforma un elemento patrimonial vivo e así é recoñecido polos numerosos peregrinos que escollen, cada ano en maior número, este roteiro xacobeo.
Na mañá do martes 12 de xuño, foi asinado na Casa do Concello de Tui o Acordo Regulador e Convenio Colectivo que rexe as condicións de emprego do persoal do Concello de Tui, tanto funcionarios como persoal laboral. Neste acto foron asinados pois o Acordo regulador e o Convenio Colectivo das condicións de emprego do persoal funcionario e persoal laboral do Concello de Tui, por parte do Alcalde e Concelleiro de Persoal así como polos representantes dos traballadores.
Esta sinatura é o froito dun alongado proceso de negociación no seno da Mesa Xeral de Negociación (persoal funcionario e laboral) do Concello de Tui, coa presencia dos representantes dos traballadores e representantes do Concello que mantiveron máis de 12 xuntanzas de traballo para renovar estes instrumentos laborais que tiñan rematado no ano 2010, data dende a que foron prorrogados, e que terá vixencia ata o ano 2015, para facelos coincidir co mandato da actual Corporación Municipal.
Agora acadado e asinado o acordo definitivo, deberá ser sometido a aprobación por parte do Pleno da Corporación.
O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción pola sinatura unánime destes acordos por parte dos sindicatos con representación no Concello de Tui: CCOO, CIG e CSIF e que supoñen dar continuidade ao anterior convenio por canto xa estaba nos máximos permitidos pola lexislación, e que agora debíase adaptar ás novas normativas legais de caracter laboral. O rexedor agradece o traballo realizado na Mesa de negociación con o positivo resultado dun convenio que garante os dereitos dos traballadores municipais e testemuña o traballo que día a día realiza o goberno municipal para un máis eficaz funcionamento do Concello de Tui.
Pola súa banda, o concelleiro de persoal, José Angel Villaverde Rocha, enumerou os principais aspectos destes convenios:
-Horario de traballo garantindo o cumprimento das 37,5 horas semanais, que xa figuraban no anterior convenio.
-Nova regulación dos órganos de seguimento do Convenio e Acordo con maior presenza sindical.
-Clarificación do ámbito de aplicación persoal.
-Actualización do catálogo de dereitos (permisos, vacacións, licenzas e excedencias) dos empregados públicos, de acordo coa nova normativa vixente.
-Non alteración do sistema retributivo, na liña imposta polas Leis de Orzamentos Xerais do Estado. Actualización de grupos e niveis mínimos.
-Ampla regulación dos procedementos de consolidación de emprego temporal e interino e dos procesos de funcionarización.
-Regulación mais extensa dos dereitos sindicais.
-Regulación da xubilación (ausente no anterior convenio/acordo) incorporándose un novo capítulo regulando con detalle esta materia.
-Non recortes en incapacidade temporal (segue o 100% de retribucións nos primeiros 3 meses da baixa) A resultas das medidas do Goberno como resultado da nova reforma da función pública que se está a negociar.
Coa sinatura destes acordos, engade o concelleiro tudense, acádase no Concello de Tui un marco estable sobre as condicións de traballo dos empregados municipais, elemento básico para lograr unha maior calidade nos servizos que se prestan aos cidadáns.
O sábado 16 de xuño ás 18 horas, na Praza de María Pita, celebrarase un acto en conmemoración do cincuentenario do Día das Letras Galegas, "Cincuenta voces para o cincuenta aniversario do Día das Letras" organizado pola Real Academia Galega. No transcurso do evento, a palabra das figuras homenaxeadas ao longo destes 50 anos escoitarase na voz dos representantes dos concellos os acolleron no seu municipio os actos de celebración desta festa das Letras galega.
Así a concelleira de cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, representará á nosa cidade neste acto pois na nosa localidade tiveron lugar os actos do "Día das Letras Galegas" de 1973 no que se homenaxeaba ao arcebispo e escritor Manuel Lago González. A concelleira tudense recitará un poema de Lago González no decurso deste evento conmemorativo.
Ao remate do acto terá lugar un acto simbólico levado a cabo por escolares chegados de distintos lugares da xeografía galega.
Está previsto que a esta celebración, que pecha o programa de actos conmemorativos arredor deste aniversario do "Días das Letras Galegas", e que se celebra na cidade onde reside a Academia participen as máximas autoridades políticas e culturais do país.
O Alcalde de Tui acompañado da concelleira de servizos sociais e doutros concelleiros visitará sábado a Residencia "San Telmo" que rexentan as Hermanitas dos Ancianos Desamparados e manterá un encontro para felicitar persoalmente ás catro anciáns residentes naquel centro e que superan os cen anos de vida.
Son catro mulleres que viven na residencia San Telmo, nadas unha no ano 1907, outras dúas en 1910 e unha terceira en 1912, todas de diferentes concellos da provincia de Pontevedra: unha de Pontevedra, unha de Tomiño unha de Tui e unha de Mondaríz.
Con esta visita o Alcalde de Tui coñecerá de primeira man as necesidades desta Residencia da Terceira Idade e manterá un encontro cos residentes, moitos deles procedentes do propio concello tudense.
Esta visitar terá lugar mañá sábado ás 11,00 horas na Residencia "San Telmo" na rúa Antero Rubín nº 14 de Tui.