Jornal Digital Regional
Nº 590: 2/8 Jun 12
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Freguesias Óbitos Política Pescas Roteiro

O BNG presenta unha moción na Guarda para comunicar o Baixo Muro e a Ireira

"Esta actuación permitiría a recuperación dun espazo público que nunca se debeu perder"

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción na que se solicita que se abra a comunicación entre a rúa do Baixo Muro e a rúa Ireira.

Para o BNG a actual situación de isolamento que está a padecer a zona do Baixo Muro fai que as persoas que alí viven ou deciden estabelecerse teñan que facer fronte cada días a uns accesos nada desexábeis.

Cabe sinalar que no seu momento, o Baixo Muro comunicábase coa rúa Ireira seguindo o perímetro da antiga muralla medieval, estrutura que lle dá nome á propia rúa.

"É de vital importancia a posta en valor todo o noso patrimonio cultural, así como a potenciación de barrios e áreas que pola falta de accesos axeitados poden acabar por despoboarse" comentou Xan Lois Lomba, portavoz municipal do BNG.

Para o BNG recuperar a conexión entre a rúa Baixo Muro e a rúa Ireira suporía a posta en valor do vello muro como atractivo turístico consolidando o perímetro do núcleo urbano medieval. Permitiría a recuperación dun espazo público que nunca se debeu perder abrindo unha comunicación co resto do casco urbano.

BNG

JESÚS MONTERO VILLAR TOMOU POSESIÓN DA SÚA ACTA DE CONCELLEIRO NO PASADO PLENO DO XOVES

Jesús Montero Vilar tomou posesión de cargo de concelleiro no pasado pleno do xoves día 25 de maio. O nomeamento de Jesús Montero ver precedido da dimisión por problemas de saúde do que fora Concelleiro de Educación e Cultura, Xose María Regueiro.

Jesús Montero Vilar conta cunha longa traxectoria como concelleiro dende hai máis de 20 anos. Ata agora sempre exercera o seu cargo dende a oposición e a partires do xoves o fai xa dentro do goberno local.

Ademáis da entrada de Jesús Montero, procedeuse a remodelar varias concellería. De tal xeito que as áreas modificadas quedan así:
-Concellería de Benestar Social e Sanidade estará a cargo de Jesús Montero Vilar.
-Concellería de Cultura, Deportes e Mocidade corresponderalle a Cristina Martínez Souto.
-Concellería de Seguridade, Tráfico e Comercio estará xestionada por Eva Martínez Rodríguez.
-Concellería de Educación e Igualdade corresponderalle a Olga Orduña Pereira.

A Alcaldesa de Tomiño quixo resaltar "a valía e experiencia do novo concelleiro, Jesús Montero Vilar, que leva traballando por Tomiño dende hai moitos anos e ao que queremos felicitar".


O CONCELLO DE TOMIÑO CONSIGUE QUE SEXAN ADOPTADOS TODOS OS CANS DA CANCEIRA

Ademáis, estanse levando a cabo charlas informativas de concienciación en todos os colexios de Tomiño.

O Concello de Tomiño segue a traballar na concienciación do coidado responsable de animais de compañía. Así tras a adopción de tódolos cans que se atopaban na antiga canceira municipal, estase a levar a cabo charlas polos centros educativos co fin de erradicar o abandono de animais de compañía e de concienciar do coidado responsable das mascotas.

As charlas están sendo impartidas por Valeria Fernández Martina e Javier Fernández Frasca, voluntarios do Concello de Tomiño que ademáis foron os encargados de buscar un fogar aos cans que estaban na canceira cando esta pechou.

As charlas están dirixidas a todo o alumnado dos centro educativos e nelas a través dunha presentación e mediante preguntas aos cativos se vai informando didácticamente de como se debe coidar a unha mascota, e sobretodo que non debemos abandonala. Durante 40 minutos os nenos e nenas aprenden do perigo que supón abandonar un can, xa non ademáis de ser un mal social senón así como un delito.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mostrou a ledicia porque " se colocaron todos os cans que vivían na antiga canceira municipal e se conseguiu grazas a laboura altruista e desinteresada de Valeria, Javier e outros voluntarios. Este foi un logro que non nos debe impedir ver que se abandoando cans e que segue a ser un problema que solo se solventará coa concienciación e toma de responsabilidade da cidadanía".


O GOBERNO LOCAL DE TOMIÑO QUERE MANIFESTAR O SEU APOIO A PLATAFORMA DE AFECTADOS DAS PREFERENTES QUE SE MANISFESTARÁ O VINDEIRO SÁBADO EN A CORUÑA

O Goberno Local de Tomiño quere manisfestar o seu apoio a plataforma de afectados das participacións preferentes así como animar a todos os afectados a manifestar mañán sábado na Coruña.

O gob local entende que a única solución posible para esa estafa é a devolución total do diñeiro dos particulares que foron enganados. Fronte a isto o portavoz do BNG Uxío Benítez, aposta "por unha banca pública, galega que invista no tecido productivo do noso país e que invista na economía real e non na especulación."


O CONCELLO DE TOMIÑO ORGANIZOU UNHA VISITA GUIADA COAS ASOCIACIÓNS A OBRA DE "RECUPERACIÓN AMBIENTAL EN TORNO A FORTALEZA DE SAN LOURENZO E DA PRAIA DE GOIÁN"

Máis de 70 membros de asociacións de Tomiño coñeceron a obra que se inaugurará o vindeiro mes de xuño.

O Concello de Tomiño organizou na tarde de onte unha visita guiada a obra "Recuperación ambiental do en torno da Fortaleza de San Lourenzo e da Praia de Goián". A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, Uxío Benítez, Concelleiro de Urbanismo e o resto do equipo de goberno acompañaron e fixeron de guías ás máis das 50 asociacións de Tomiño que puideron coñecer de primeira man os resultados da obra.

A obra de "Recuperación ambiental do en torno da Fortaleza de San Lourenzo e da Praia de Goián" está financiada na súa totalidade polo Ministerio de Cultura grazas as xestións dos deputados do BNG no Congreso, Francisco Jorquera e Olaia Fernández . O seu investimento superaba o 1.474.410 euros e supón unha intervención tanto no entorno da fortaleza con construcción de plataformas que albergarán zonas de sombra e espacios públicos abertos como unha intervención na praia que inclúe recheo de area, instalación de parque infantil e campos deportivos.

Polos graderíos, polo auditorio, polo parque infantil, polo oco da futura cafetería, e mesmo polo interior da fortaleza camiñaron onte a tarde os asistentes. Curioso é que algúns ata onte descoñecían da existencia da propia fortaleza. O Concello traballa, pois, para remediar este descoñecemento e para que os tomiñeses e tomiñesas poidan sentirse orgullosos do seu patriminio.

Esta é segundo a Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, "un achegamento da obra aos veciños que quixemos facela antes da súa inauguración. Ademáis, a recuperación do entorno da fortaleza e da praia irá acompañada de futura da recuperación da ribeira, porque Tomiño tense que abrir o río que é un dos elementos identificadores do concello".


MAÍS DE 300 INSCRITOS NA IV CARREIRA POPULAR DE AMORÍN

Máis de 300 persoas se inscribiron na IV carreira popular de Amorín. Carreira que este ano se organiza baixo lema "Gotas para Níxer".

O evento está organizado polo Concello de Tomiño, a Asociación de Veciños de Amorín, Unicef e o Clube de Atletismo de Porriño.

A carreira terá lugar o domingo 3 de xuño ás 11h00 e a saída farase dende a igrexa de Amorín. A data límite de inscrición remata no día de hoxe.


A CUMBRE POLÍTICO-EMPRESARIAL POLO TREN DO MIÑO SE CONSTITÚE EN COMITÉ DE SEGUIMENTO DO CUMPRIMENTO DOS ACORDOS DA CUMBRE IBÉRICA

A Alcaldesa de Tomiño que forma parte desta cumbre político- empresarial acudiu en nome do Concello para reivindicar unha vez máis a mellora da conexión ferroviaria Porto-Vigo.

O conxunto dos dirixentes políticos, empresariais e sociais da eurorexión Galicia Norte de Portugal que fai un ano se reuniron en Viana para reclarmar a modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Porto, reuníronse hoxe de novo en Viana do Castelo e decidiron constituirse en Comité de Seguemento dos acordos alcanzados por España e Portugal na XXV Cumbre Ibérica, celebrada recentemente en Porto.

A Alcaldesa de Tomiño que forma parte desta cumbre político-empresarial acudiu en nome do Concello para reinvidicar unha vez máis a mellora da conexión ferroviaria Porto-Vigo.

Na reunión, na que se incorporaron tres novas entidades, dous empresarias e unha cívica de Portugal, recordaron que representan a unha área funcional de máis de 2 millóns de habitantes, tamaño similar a da área metropolitana de Lisboa.

A esta reunión asistiron alcaldes e representantes políticos dos Concellos de Porto, Viana do Castelo, Barcelos, Tomiño, Tui, Caminha, Vila Nova de Cerveira; a CCDR-N (Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvemento Regiâo Norte), o Director Xeral de Movilidade da Xunta de Galicia, Miguel Rodríguez Bugarín, en representación do conselleiro Agustín Hernández que non puido asistir por un problema de axenda de útlima hora, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Jose Manuel Figueiroa e as representacións empresariais da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, A Asociación Empresarial de Portugal, a Asociación de Empresrios de Viana do Castelo e representantes de AIMinho, así como do colectivo Comboios S.XXI.

Os presentes acordaron mostrar a súa satisfacción e agradecemento aos goberno s de España e Portugal porque a Cumbre Ibérica, celebrada recentemente, reflexara nas súas conclusións as propostas realizadas fai un ano pola Cumbre de Viana, impulsada polo seu alcalde e presidente do Eixo Atlántico, Jose María Costa.

O Comité de Seguemento constituido hoxe en Viana dirixierá aos Primeiros Ministros e presidente de Portugal, e de España e Galicia, así como aos ministros responsables das áreas relativas aos ferrocarrís de ámbolos países para trasmitirlles dito agradecemento, pero tamén para manifestarlle que o comunicado final da XXV Cumbre Ibérica é insuficiente na medida en que non se concretan prazos, primeira demanda do Comité, hoxe constituido.

Coa concreción da Conexión ferroviaria Porto-Viana do Castelo-Vigo, se conformaría un eixo central dunha liña troncal entre Sines e Ferrol que non solo conectaría portos e aeroportos de toda a fachada atlántica peninsular para o aproveitamento económico que suporá a ampliación do Canal de Panamá, senón tamén das tres conexións ferroviarias co centro de Europa desde Sines, Aveiro e Monforte de Lemos.

Concelho de Tomiño

Éxito de participación na I Eurocidade BTT con máis de 500 persoas

A 27 de maio, pola mañá disputouse a "I Eurocidade BTT", proba organizada pola Cámara de Valença do Minho, o Concello de Tui e o Club Ciclista Biciosos Rías Baixas.

O tempo non impediu que máis de 500 beteteros acudisen á piscina de Valença, lugar de saída da proba, onde ás 9.30 horas, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Mendes, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o vereador de Deportes de Valença, José Monte, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, que participou na proba, o concelleiro de Persoal, José Ángel Villaverde e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, cortaban a cinta que daba o inicio a un percorrido espectacular polas murallas de Valença.

Tras cruzar a Ponte Internacional, cortado ao tráfico por seguridade, o pelotón pasou polas rúas de Tui, preparándose para a ascensión ao Monte Aloia, onde tras un avituallamento rápido debido á néboa, descenderon polas trialeras que fan famosa a esta proba. Ao paso polo Paseo da Corredoira, os ciclistas recibiron os aplausos do público que se atopaba nas rúas tudenses, animándoos a facer os últimos quilómetros ata a liña de meta.

Á finalización da proba os participantes felicitaban á organización pola boa coordinación no percorrido, cousa que puido ser constatado polo concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo.

Dende o Concello de Tui e a Cámara de Valença quérese felicitar aos integrantes do Club Ciclista Biciosos Rías Baixas, en especial a Eduardo e Alberto, que traballaron durante os últimos 5 meses para que esta proba fora un éxito, non só de participación, sino de coordinación e seguridade.

Agradecer a colaboración dos Celtas do Minho que fixeron unha andaina polas rúas de Valença para os acompañantes dos ciclistas e que contaron con máis de 40 participantes.

Quérese agradecer a colaboración dos patrocinadores, como Coca-Cola, Frutas Serafín, Mar Iberica, Minipreço, BBCar, Borg Warner, Crédito Agrícola, os cales contribuíron nos avituallamentos e no regalo a cada participante.

Tamén agradecer o traballo da GNR, dos Bombeiros de Valença, da Policía Local e Protección Civil de Tui, da Cruz Vermelha Portuguesa, e dos traballadores da Cámara e do Concello, sen os cales non se poderían realizar estas actividades coa coordinación e seguridade necesaria.


O Tyde C.F. infantil acada o ascenso a primeira categoría

O equipo infantil do TYDE C.F. acadou a pasado fin de semana (27 Maio) o ascenso directo a primeira, tras proclamarse campión da segunda categoría.

Dende o Concello de Tui quérese felicitar aos xogadores do equipo infantil, e a todos os integrantes do Tyde C.F., xa que é o segundo ascenso nesta tempada, tras o do equipo sénior.


Tui acolle un curso de verán da UNED
sobre o tren o próximo mes de xullo

Tui acollerá do 4 ao 6 de xullo un curso de verán da UNED. Baixo o título de "A todo tren" abordarase a historia e a importancia do ferrocarril como motor socioeconómico tanto no ámbito nacional coma internacional. As clases terán lugar na Aula da UNED de Tui no antigo convento de San Domingos.

Esta actividade formativa foi presentada esta mañá pola directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Beatriz Rodríguez López, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e a concelleira de Educación, Vanesa Rodríguez Pereira.

O curso está dirixido por Victoria Soto Caba e coordinado por Guillermo Bas Ordóñez. No mesmo vanse analizar as repercusión do ferrocarril como medio de transporte na economía, a arquitectura e as relacións comerciais tanto nacionais coma internacionais pola condición de Galicia como territorio fronteirizo con Portugal. Na relación de poñentes está Carlos Nardiz, catedrático de urbanismo na Universidade de Coruña, Jesús Ángel Sánchez, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Xosçe Ramón Iglesias Veiga, doutor de Historia da Arte e profesor da Uned, e Miguel Múñoz, director do Museo Nacional do Ferrocarril. Amais a conferencia de clausura sobre "Fomento e o ferrocarril" correrá a cargo da ministra de Fomento, Ana Pastor.

A inauguración terá lugar o mércores 4 de xullo ás 16.45h e a clausura á unha do mediodía do venres día 6.

Na presentación desta mañá a directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Beatriz Rodríguez, destacou o activa que á Aula da UNED de Tui e o apoio que sempre atopan no concello para os distintos proxectos a levar a cabo. Salientaba que para a UNED é un luxo ter unha aula aquí e que con este curso de verán en Tui é a primeira vez que se imparte unha destas actividades formativas fóra da sede da UNED en Pontevedra. Engadía que dada a temática a tratar tiñan claro que se tiña que celebrar en Tui pola a relación entre a cidade e o ferrocarril.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa parte salientou que "a Tui hai que seguir póndoo no sitio que lle corresponde e este é o camiño a seguir". Lembrou a importancia do tren para Tui e da comunicación por este medio con Portugal, referíndose a demanda xunto con Valença da modernización da liña Vigo-Porto, algo que foi tratado no recente cumio hispano-luso.

O curso ten recoñecidos 1 crédito ECTS, 2 créditos de libre configuración e 2 créditos MECD. A inscrición pode facerse na web www.uned.es/cursos-verano, podendo beneficiarse dun desconto aqueles que se matriculen antes do 25 de xuño.

Amais da actividade académica durante os días do curso, xa que se prevé que moitos dos alumnos sexa de fóra da provincia e incluso de Galicia, haberá tamén visitas guiadas á cidade e outras actividades lúdicas.


O CONCELLO PROCEDE A LIMPEZA DUNHA PROPIEDADE NO ARRABAL CON AUTORIZACIÓN XUDICIAL

Na mañá de hoxe, luns 28 de maio, o Concello de Tui procedeu a executar a limpeza de maleza e a retirada de elementos perigosos da fachada dunha propiedade sita na rúa Bispo Maceira, da nosa cidade, no barrio do Arrabal logo de acadar a correspondente autorización xudicial.

O proceso comezou coa denuncia de particulares afectados pola perigosidade do estado do inmoble e do maleza existente na finca do mesmo que levou a que o Concello ao noso conseguir que os propietarios realizasen estes labores, procedeu a execución subsidiarias das mesmas logo de solicitar e conseguir a correspondente autorización xudicial. Remata a intervención o Concello procederá a solicitar aos propietarios o abono dos gastos ocasionados por esta actuación.

Amais, segundo indica o concelleiro responsable do conxunto histórico Nicolás Lorenzo Montes, esta propiedade está situada nun lugar moi visible da entrada a Tui e con esta intervención se logra un dobre obxectivo, garantir a seguridade dos veciños desta rúa tudense e mellorar o ornato da entrada á nosa cidade pola Avda. de Portugal e Martínez Padín.

Para o concelleiro Lorenzo Montes esta intervención municipal se enmarca dentro do traballo que o goberno municipal está a desenvolver para mellorar as condicións de vida e de conservación do conxunto histórico da nosa cidade que ten levado a realizar nos últimos tempos diversas intervencións como a limpeza de pintadas -a última realizada no Túnel das Monxas Encerradas, ou o tapiado de casas en deficiente estado de conservación, en xeral coa colaboración dos propietarios, etc. Con estas medidas o Concello de Tui continúa promovendo pequenas actuacións na zona histórica que están mellorando substancialmente o seu aspecto.

O concelleiro responsable do conxunto histórico anuncia que o Concello continuará solicitando novas autorizacións xudiciais para intervir naquelas outras propiedades cuxos propietarios non acatan as súas obrigas legais ou non son localizados.


O ALCALDE DE TUI NOMEADO MEMBRO "CONSEJO DEL AGUA DE LA DEMARCACIÓN HIDROGRÁFICA MIÑO-SIL"

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui, vén de ser designado como membro do "Consejo del Agua de la Demarcación Hidrográfica del Miño - Sil" na súa condición de Alcalde de Tui.

Este Consello é o novo órgano dentro da Demarcación Hidrográfica cun papel central en materia de participación e planificacición dentro da Confederación Hidrográfica Miño - Sil. Neste organismo están representadas as diversas administración públicas con competencias nos temas hidrográficos así como outras entidades e colectivos sociais; así as entidades locais están representadas neste órgano colexiado en función da súa extensión e da porcentaxe do seu territorio afectado pola demarcación, sen que o seu número de vocais poda ser superior a tres.

O alcalde tudense representará pois ás entidades locais a proposta do Partido Popular de Galicia. Moisés Rodríguez Pérez agradece esta nova mostra de confianza do partido na súa xestión e garante o seu traballo a prol da mellora da xestión do dominio público das augas na nosa comunidade.

Nicolás Lorenzo Montes, primeiro tenente de alcalde, ocupa o posto de suplente.


Clausura das Escolas Deportivas de Patinaxe de Tui

29 de maio de 2012. O pasado venres 25, no novo pavillón deportivo municipal, celebrouse o acto de clausura das escolas deportivas de patinaxe da Deputación de Pontevedra e do Concello de Tui.

As máis das 140 nenas e nenos das escolas de patinaxe, que levan participando na actividade dende o mes de outubro, demostraron por grupos o seu progreso, ante os aplausos do numeroso público que asistiu ao pavillón tudense.

No acto tamén participou o Club Ribex de Porriño, que presentou dous shows, un de parella e o outro, o que presentará na Copa de Europa que se celebrará no mes de xuño en Francia.

Tralas demostracións dos grupos, o Deputado provincial, Pablo Baquero, xunto cos Concelleiros de Tui, Nicolás Lorenzo, José Ángel Villaverde e Vanesa Rodríguez, entregaron a cada unha das participantes un diploma e unha medalla, así como un ramo de flores á monitora Seila Alonso, quen se despediu dos grupos tudenses tras cinco anos como responsable.


EXPOSICIÓN "MULLERES NO OBXECTIVO" ORGANIZADA POLA SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE DA XUNTA DE GALICIA NO ANEXO DA SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS

Dende onte esta aberta ao público na zona Anexa da Sala Municipal de Exposición a mostra "Mulleres no obxectivo" organizada pola Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Nesta mostra podemos ollar a mirada de 22 fotoxornalistas galegos, tanto homes como mulleres, sobre a sociedade actual e o esforzo de tantas mulleres por mudar as situacións de discriminación existentes. Complétase a exposición con 9 fotografías históricas galegas de principios e mediados do século pasado.

Mulleres no obxectivo é unha exposición colectiva de foto-xornalistas galegos que trata de sacar á luz, desde unha óptica de normalidade e respecto, as imaxes que nos achegan ao día a día das mulleres e á súa relación cotiá co traballo ao longo da historia, e á conciliación da vida laboral e familiar. Dentro da mostra, comisariada por Belén Fortes, inclúese a peza audiovisual Mulleres XX, sobre as mulleres galegas e o traballo. Esta peza, que toma o nome do cromosoma feminino, amosa ás primeiras traballadoras do sector téxtil, do conserveiro, ás primeiras redeiras, ás mestras, ás lavandeiras, ás médicas, ás xornalistas, etc… dende o pasado ata a actualidade. Unha peza audiovisual de 17 minutos que arranca coas primeiras imaxes en branco en negro, cedidas pola Filmoteca Nacional, e nos trae á actualidade, ofrecéndonos o testemuño de 5 mulleres galegas de hoxe que desempeñan as súas respectivas profesións en pé de igualdade cos homes.

Para a Secretaria Xeral da Igualdade esta exposición contribúe a visibilizar a evolución da sociedade, e en particular o traballo das mulleres, ao longo de distintas épocas, e a ver como evolucionaron os roles sociais atribuídos a homes e a mulleres, que aínda que van desaparecendo, teñen aínda a súa pegada no mercado laboral actual. Promover a plena igualdade é un dos obxectivos desta mostra itinerante

Para Belén Fortes, comisaria desta exposición "a importancia de fotografías coma as desta mostra, está en que non son imaxes idealizadas, senón que sobre todo tratan de reflectir a realidade. Para a maioría destes autores e autoras, fotografar é esencialmente un acto de non intervención. Para elas e eles a cámara é un posto de observación, aínda que esta non sexa nunca unha observación pasiva. (...) As primeiras fotografías desta mostra datan de 1909, e foron cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), outras non menos valiosas pertencen ao Museo Anfaco da Industria Conserveira. As máis recentes foron tomadas no ano 2011".


O Club Kaiak Tudense
no Campionato de Europa Absoluto en Zagreb

Do 9 ao 15 de xuño disputarase, na localidade croata de Zagreb, o Campionato de Europa Absoluto de Piragüismo, onde o Club Kayak Tudense estará representado polos seus padeeiros José Luis Bouza, no C2 1000 metros, e por Diego Piña e Víctor Rodríguez, que formarán o grupo que competirán no K4 1000 metros.

Dende o Concello de Tui quérese felicitar aos padeeiros do Club Kayak Tudense pola súa clasificación neste campionato.


Tui será sede da Big Ride powered by Cannondale

O próximo 9 e 10 de xuño, Tui acollerá unha das probas de enduro da competición de mountain bike BIG RIDE powered by CANNONDALE. Dicha competición está formada por diferentes tramos cronometrados e de enlace con tempos pechados.

Tui está considerado como un dos paraísos para a práctica deste deporte, os corredores poderán gozar duns circuítos de gran nivel e un entorno inigualable, deste modo a nosa localidade converterase no escenario perfecto onde correrán riders da talla de Jérôme Clémence, o número un do mundo da modalidade, xunto a outro francés, Greg Doucende, do top ten mundial e corredores nacionais como Pau Reixachs.

Os animamos a gozar xunto a tódolos participantes do mountain bike!


A AULA CEMIT DE TUI ACOLLE UN CURSO DE "DESEÑO GRÁFICO" DO 11 AO 14 DE XUÑO
Este aula funciona como Aula Aberta de 10,00 a 13,30

A aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Tui acolle do 11 ao 14 de xuño un novo curso de formación en materia audiovisual dirixido a todas as persoas interesadas neste novo ámbito profesional neste caso sobre "Deseño gráfico - nivel básico".

Curso: Deseño gráfico
Datos Xerais
Nivel: Básico
Prazas: 40
Número de horas: 16
Datas: 11 de xuño de 2012 - 14 de xuño de 2012
Horario: 16,00 a 20,00 h.

Descrición: A través deste microcurso de 15 horas preténdese facer comprender aos asistentes as posibilidades que se ofrecen no mundo do deseño gráfico, sobre todo no referente aos posibles enfoques profesionais dotando dun coñecemento básico das ferramentas que están a súa disposición. Esta microactividade está destinada a estudantes e profesionais do deseño gráfico, é dicir, a persoas que polos seus estudos, afeccións ou actividades profesionais, requiren dunha ferramenta de deseño tan potente e actual como Inkscape e dunha serie de coñecementos tan interesantes como son os relacionados coa evolución do deseño e a súa aplicación no mundo profesional. É conveniente ter coñecementos básicos de informática e especialmente ter utilizado algún programa de deseño.

Inscrición: O curso é gratuito. Se o interesado é usuario da Rede CeMIT, poderá inscribirse a través da web aulascemit.xunta.es/inscripcion e poderá seguir o seu proceso de reserva de praza; se aínda non é usuario da Rede CeMIT ou accede por primeira vez, debe achegarse á aula CeMIT (antigo Telecentro) de Tui, situada na rúa Colón, 2 (Edificio Área Panorámica - primeiro andar), co seu DNI e formalizar o proceso de inscrición como usuario da Rede para poder preinscribirse en calquera curso de Programa de Formación 2012.

Para o Concello de Tui esta nova actividade amplía a oferta de formación que promove o Concello de Tui coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para favorecer a formación en novas especialidades e materia que atopan demanda no mercado laboral. Así este Aula vai funcionar como "Aula Aberta" en horario (de luns a venres) de 10,00 a 13,30 horas, agás cando existan cursos en que poderá modificarse este horario en función destas actividades formativas. Deste xeito o Concello promove o funcionamento deste espazo de tecnoloxías da información e á comunicación aberta ao público en xeral.


O CONCELLO DE TUI XUNTO AS UNIVERSIDADES DE VIGO, MINHO E UNED PROMOVE O PROGRAMA "EN(RED)AMONOS" PARA A MELLORA DO ÉXITO EDUCATIVO NA EUROCIDADE TUI - VALENÇA

O Concello de Tui promove coa axuda e asesoramento de grupos de investigación e innovación educativas das Universidades de Vigo, Minho (Braga - Portugal) e a UNED así como do grupo estatal de innovación Educativa "Proyecto Atlántida" un plan para a mellora do éxito educativo na Eurocidade.

Este programa "En(red)amonos" xurde dende a necesidade de dar resposta as demandas da comunidade educativa coa finalidade de aumentar os niveis de motivación cara a aprendizaxe do alumnado da Educación Obrigatoria tanto na cidade de Tui como na de Valença.

Para informar deste plan e facer unha primeira avaliación de necesidades, que tenta involucrar a toda a comunidade local, o Concello de Tui ven de convocar unha asemblea aberta na que participarán representantes dos diversos colectivos locais do mundo do ensino, a cultura, o deporte, a vida social, etc. O deseño e implementación do proxecto farase co apoio da Consellería de Educación, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través do Instituto de Innovación e Investigación. Nel tanto os centros educativos terán un especial protagonismo xunto coas ANPAS, e outras entidades socioculturais, académicas e económicas.

Por iso o programa "En(red)amonos" na Eurocidade ten como obxectivo implicar a toda a comunidade educativa no deseño dun curriculum adaptado as características do entorno natural e social onde se desenvolve o individuo e partir dos seus recursos para solucionar as problemáticas reais dese contexto que lle é propio e inmediato.

Tui xunto con Valença están a formar a Eurocidade Tui - Valença e este é, en palabras do alcalde de Tui -Moisés Rodríguez Pérez- unha oportunidade única para traballar na escola os valores europeos da cidade e o coñecementos das institucións municipais, autonómicas, estatais e Europeas. Pero tamén para poñer en valor en toda a comunidade educativa o Patrimonio tudense e de Valença e representa una oportunidade para o desenvolvemento dende o punto de vista económico, comercial, empresarial, tecnolóxico, turístico e tamén académico. Será preciso unha concienciación sobre que as dúas cidades xuntas terán máis posibilidades e oportunidades.

Así este venres 1 de xuño ás 19,00 horas terá lugar na Aula da UNED de Tui esta reunión informativa na que trataranse os seguintes puntos:

1. Necesidades educativas, culturais, económicas e sociais da zona a partir dos proxectos e programas en marcha e posibilidades de Constitución dunha Comisión Plenaria, que promova un plan común, con obxectivos e protocolo de funcionamento.
2. Tarefas básicas que deben realizar os centros, e asesoramento para completar os seus proxectos curriculares, programacións por competencias e avaliacións, etc., para o seu apoio e integración no plan común que una os esforzos de mellora da Eurocidade.
3. Inclusión ou coordinación das accións básicas que xa realizan as diferentes institucións:
A) ANPAS e servizos sociais municipais e culturais do entorno para a súa integración no plan común.
B) Actividades que realizan as entidades promotoras do medioambiente, deporte, saúde e economía do entorno para igualmente integrar os seus esforzos no común.
C) Ideas para a coordinación da iniciativa coas organizacións veciñas (Tui o Valença)
4. Conclusións e ideas de obxectivos, calendario e estructura coordinadora do plan integral da zona

Moisés Rodríguez Pérez destaca interese que o Concello de Tui pon nesta iniciativa que pretende promover un proxecto educativo innovador nunha experiencia pioneira en Galicia e que pretende mellorar os resultados do proceso educativo nos centros escolares do noso concello para mellorar a formación académica pero tamén persoal e social dos nosos nenos e mozos, dende o convencemento que este traballo que abranguerá a toda a comunidade local redundará nunha maior calidade de vida dos nosos veciños.

O Alcalde de Tui agradece aos promotores de iniciativa, especialmente aos grupos de estudo das universidade de Vigo, Minho e UNED, así como o colectivo Atlántida o seu interese e aposta pola nosa cidade para a posta en marcha deste programa "En(red)amonos". Unha iniciativa na que se conta tamén conque axiña se incorporen a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.

Concello de Tui