Jornal Digital Regional
Nº 549: 23/29 Jul 11
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

A concelleira de Cultura deu conta pormenorizada dos espectáculos previstos Vinte e un espectáculos conforman a programación do segundo semestre do ano en Tui O alcalde cualificouna de "axeitada, equilibrada e para todos públicos e os gustos"

O Encontro Internacional de Corais do Baixo Miño abre este venres oficialmente a programación cultural do segundo semestre do ano en Tui. Son un total de oito actividades no verán e trece no outono-inverno que supoñen un investimento de 70 mil euros. Dese total o 50% é aportado polo Concello de Tui de fondos propios aos que suma 5 mil euros máis en concepto de publicidade de toda esta programación que ven recollida no número vinte e dous da Axenda Cultural Corredoira.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou esta mañá a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, na presentación destas actividades.

A edil abordou en primeiro lugar a programación de verán que comeza co Encontro de Corais que celebra as súas vodas de prata este venres en Tui coa participación de nove masa corais entre elas a Coral da S.I. Catedral, que suman máis de 360 persoas neste evento.

Referiuse amais á Noite Internacional do Miño, que ten lugar o próximo martes 26 ás 21h no Parque do Laxal en Rebordáns. Esta cita co folclore internacional, dicía a concelleira, está xa consolidada, e achega este ano grupos de Chile, Bolivia, Brasil, Arxelia e Georgia.

Destacou amais a presenza o mércores da próxima semana de Sancho Gracia en Tui, no Teatro Municipal, nun espectáculo moi persoal no que recitará e cantará. Por outra parte son tres as películas que se van proxectar este verán "Cómo adestrar ao teu dragón" o venres 30 de xullo, "Gru, o meu vilán favorito" o sábado 6 de agosto, e "Megamind" o sábado 27 de agosto. Dentro da programación de verán figura tamén o vixésimo Festival de Bandas de Música coa presenza da Banda de Música Popular de Tui e da Agrupación Musical de Goián, e a sétima edición do ciclo Música no Claustro.

Con respecto á programación de outono, Vanesa Rodríguez informaba que hai un total de trece espectáculos dos que catro son infantís, hai catro musicais con pop, rock, folk e música clásica, da man de Nadadora, Víctor Coyote, Xosé Manuel Budiño, e o concerto de Fin de Ano coa coral e a banda de Tui. A isto súmanse catro obras teatrais, entre as que salientou "O Florido Pensil" polo destacado elenco con que conta con Xosé Manuel Olveira "Pico" e Antonio Durán "Morris", entre outros. A danza terá o seu oco co espectáculo "Shoah" da man da compañía "Sine Die" de Paula Cobián.

Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, dixo sentir "sensacións extrañas" ao ser a primeira vez que participa na presentación da programación cultural sen ser o concelleiro de cultura. Insistiu na mensaxe que xa dicía cando tiña esa responsabilidade de que "a cultura é un investimento rendible". Moisés Rodríguez recoñeceu á fidelidade do público que ten convertido a Tui en referente a nivel galego e desexou que siga acudindo a estes espectáculos. Nese senso lembraba que en 2010 o Teatro Municipal tivo unha media de 300 espectadores por función, o que o sitúa entre os primeiros de Galicia da Rede de Teatros e Auditorios. Ao tempo felicitou tanto a concelleira coma ao persoal do departamento de cultura polo seu traballo, indicando que a programación lograda "é axeitada, equilibrada e para todos públicos e os gustos".

A axenda cultural "Corredoira" reúne toda esta programación do segundo semestre do ano con información pormenorizada de cada espectáculo incluíndo unha ficha técnica e un pequeno resumo do mesmo.

Na mesma tamén se plasman as exposicións que se poderán visitar na Sala Municipal na Área Panorámica coma a de Antonio Abad que está aberta ata o 30 deste mes, ou a da historia dos balnearios de Galicia que abrirá o 1 de agosto. As actividades da biblioteca municipal e a programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía e do Patrimonio veñen tamén recollidas nesta nova edición da axenda cultural "Corredoira".

Foron editados quince mil exemplares da "Corredoira", dos que cinco mil serán distribuídos en fogares de Tui, outros cinco mil en Valença do Minho, e os cinco mil restantes en establecementos comerciais e de hostalería, así coma nos propios espectáculos.

Concellería de Cultura, Persoal e Facenda do Concello de Tui.

AUGAS DE GALICIA INVESTIRÁ 1.200.00 EUROS EN TUI NESTE ANO 2011

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo, hai uns días, unha xuntanza de traballo co presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na que analizaron diversos aspectos relacionados co saneamento no municipio e o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei -Tui.

No decurso deste encontro o Presidente de Augas de Galicia confirmoulle ao alcalde tudense que este organismo ten previsto un investimento en Tui de aproximadamente 1.200.000 euros neste ano 2011. Concretamente existe unha partida de 600.000 para abordar as obras de conexións de diversos ramais no municipio tudense á rede pública de saneamento logrando así un vertido case integral á EDAR dos veciños de Tui.

Outro importante investimento previsto é a obra a efectuar no ámbito da Avenida da Concordia para proceder á separación da rede de pluviais, que recolle a auga da choiva, da rede de saneamento para deste xeito reducir os índices de vertido do municipio, pois en base a este índices está prevista a aplicación dunha taxa pública de gravame.

Nesta xuntanza estudaron tamén outros temas de importancia para Tui como é, especialmente, garantir un abastecemento de auga en condicións óptimas a unha zona da parroquia de Caldelas que sofre periodicamente dificultades neste subministro. Os técnicos da Xunta de Galicia están analizando as posibles alternativas para acadar unha solución a este tema, tal e como se comprometeu o alcalde tudense hai algunhas datas.

Moisés Rodríguez agradeceulle ao presidente de Augas de Galicia este importante investimento a realizar no municipio, que suporá unha importante mellora na rede de saneamento e na separación das redes de recollida de augas, separando pluviais de fecais.


O Concello de Tui habilita estacionamentos gratuítos os domingos coincidindo coa peonalización do Paseo da Corredoira

O Concello de Tui vai habilitar a partir deste domingo aparcamentos gratuítos coincidindo co peche dominical do Paseo da Corredoira posto en marcha o pasado día 3 deste mes.

Os lugares habilitados para estacionar son o IES San Paio, na rúa Casal Aboy, e o IES Francisco Sánchez e o Conservatorio, na Avenida da Concordia. A apertura destes espazos coma zona de estacionamento é posible tras as xestións realizadas cos responsables destes centros educativos. O aparcamento nestas zonas será gratuíto e sen límite de tempo dentro do propio domingo. A próxima semana serán sinalizados axeitadamente para que tanto os tudenses coma aqueles que visitan Tui saiban onde poden estacionar.

Lembramos que o peche do Paseo da Corredoira faise, dende o cruzamento coa Praza da Inmaculada ata os soportais, os domingos de once da mañá á doce da noite. Esta medida aplicarase ata o 28 de agosto.

Amais este luns, festividade de Santiago Apóstolo, o Paseo da Corredoira será tamén peonil ao longo de todo o día.

O concelleiro de Tráfico, Ángel Gutiérrez, lembra que con esta medida búscase facilitar o seu disfrute deste espazo por parte da cidadanía, ao tempo que redunda tamén favorablemente na hostalería e no comercio local. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa parte da conta da boa acollida que nos tres primeiros domingo tivo xa a peonalización do Paseo da Corredoira.


Play-Doc promocionará o audiovisual galego en Kosovo

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, acompañaron os directores de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, na presentación da presenza deste festival no Dokufest en Kosovo.

Play-Doc achegará ata esta cidade nos Balcáns cinco documentais galegos gañadores nas distintas edicións do festival tudense. Trátase en concreto de "Pic-Nic" de Eloy Enciso, "Manuel e Elisa" de Manuel Fernández-Valdés, así coma "Paris#1" e "Todos vos sodes capitáns" de Oliver Laxe. Play-Doc tamén achegará ata Kosovo o traballo do obradoiro "Doc in progress" de N-VI, de Pela del Álamo. Todos os directores salvo Manuel Fernández-Valdés, estarán xunto a Sara García e Ángel Sánchez en Kosovo. Amais de presentar os documentais participarán tamén en charlas e conferencias. Play-Doc aposta tamén por promocionar a gastronomía galega polo que vai ofrecer nos Balcáns unha degustación dos mellores produtos gastronómicos galegos, grazas ás achegas de Bodegas Mar de Frade, Conservas Artemar e Supermercados Haley.

Na presentación desta mañá Sara García explicaba que coa selección de documentais galegos que levan ao Dokufest amosan o seu compromiso co audiovisual galego.Pola súa parte Ángel Sánchez explicaba que os festivais de cine son coma un foro de culturas ao que eles levarán a esencia de Play-Doc pero tamén a cultura galega, sendo esta unha oportunidade única de promoción. Esta presenza agora en Kosovo, e que o ano que vén farán en festivais de Polonia, Varsovia e Colombia, en palabras de Ángel Sánchez son oportunidades que hai que aproveitar para converterse nun festival de referencia

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, amosou o seu agradecemento aos directores do festival por levar o nome da cidade a outros países, así coma o ter posto a Tui no mapa para moitas persoas grazas a Play-Doc, que se ten convertido, dicía, en todo un referente. Mentres o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, indicaba que esta viaxe ao Dokufest traerá os seus froitos e seguramente os directores de Play-Doc traeran xa algunha cousa par ao festival de 2012, no que están xa traballando. Apuntaba que Play-Doc é un festival pequeno en orzamento pero grande en resposta do público e en repercusión mediática.

O Dokufest é a principal cita cinematográfica dos Balcáns. Celébrase dende mañá e ata o domingo 31 deste mes. Play-Doc estará na sección Dox Fests, xunto aos festivais Sheffield Doc/Fest do Reino Unido e o Tempo International Film Festival de Suecia.


Tui acolle por segundo ano consecutivo o 22 Seminario de Dirección Coral

Dende o martes 26 e ata o domingo 31 de xullo Tui acolle o 22 Seminario de Dirección Coral organizado por Camerata Ad Libitum. É o segundo ano consecutivo en que a cidade se converte en sede deste curso de verán. Celebrarase no Seminario Menor e na Igrexa de Santo Domingo.

Esta actividade foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo alcalde, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e por Merchi Domínguez e Manuel Martínez de Camerata Ad Libitum.

Este curso celébrase anualmente dende 1990 en diferentes cidades da provincia de Pontevedra respondendo á demanda constante de formación para cantores e directores de coro así como para servir de punto de encontro e divulgación da música coral galega.

Segundo explicaba Merchi Dominguez teñen xa un total de 50 alumnos activos que van participar no Seminario. Mentres Manuel Martínez destacaba a importante labor realizada por Camerata Ad Libitum no canto coral, e desexaba que este seminario de siga celebrando en Tui.

A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradeceu a labor realizada por Camera Ad Libitum, e a impartición en Tui deste seminario de música coral, unha oportunidade importante de formación para as agrupacións corais da zona. Mentres o alcalde de Tui incidiu en que Tui ten que seguir apostando pola cultura tamén nestes tempos de crise que non son doados, e desexaba que Tui se poida converter nun centro coral a nivel galego.

Os profesores deste curso son a estadounidense Tamara Brooks e o galego Julio Domínguez. Do martes 26 ao domingo 31 impartirán un obradoiro de Canto Coral e do mércores 27 ao domingo 31 un seminario de Dirección Coral.

Por outra parte os concertos terán lugar na igrexa de Santo Domingo. O primeiro será o martes ás 21.30h, co concerto de apertura, a cargo do grupo Obradoiro Vocal A Vila que intepretrarán un repertorio atractivo e variado do século XX. Logo o xoves ás 22h actuará Paloma Suanzes, voz e guitarra, con música vocal con folk, reminiscencias do fado e da música tradicional. E por último o concerto de clausura será o domingo ás 20h a cargo dos alumnos e profesores do curso. Durante os días do curso como actividade complementaria haberá exposición e venda de partituras.

Colaboran nesta actividade a Concellería de Cultura de Tui, o Seminario Menor, a Igrexa de Santo Domingo, a Asociación Amigos da Catedral e o Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Concertos do 22º Seminario de Dirección Coral Lugar: Igrexa de Santo Domingo - Martes ás 21.30h Concerto de apertura a cargo do grupo Obradoiro Vocal A Vila. - Xoves ás 22h actuará Paloma Suanzes, voz e guitarra. - Domingo ás 20h a cargo dos alumnos e profesores do curso


Arxelia, Bolivia, Brasil, Chile e Georgia presentes na Noite Internacional do Miño

Celébrase o martes, 26 de xullo, ás 21.30h no Parque do Laxal en Rebordáns

A Noite Internacional do Miño celebra o próximo martes, 26 de xullo, a súa décimo segunda edición. A partir das nove e media da noite, no Parque do Laxal, en Rebordáns poderase disfrutar dunha mostra do folclore de Arxelia, Bolivia, Brasil, Chile e Georgia. Esta actividade está organizada pola Escola de Baile e Gaitas "San Fins" de Rebordáns, contando coa colaboración da Concellería de Cultura de Tui.

Dende Arxelia chega o grupo "El Ahlem" creado en 1997, que dende entón ten actuado xa en Túnez, Marrocos, Rusia ou Turquía, facéndoo agora por primeira vez en España. Nos seus bailes tradicionais están acompañados por instrumentos coma o bendir, o tam, o flute, ou o karkabou. Nesta edición da Noite o folclore de Georgia estará representado polo grupo "Sikharuli" fundado por Tengiz Sukhashvili en 1971. Está considerado un dos grupos folclórico máis antigos do país e no seu repertorio reúne bailes tradicionais de todas as rexións aunando historia, tradición cultura e o espírito da xente xeorxiana. Entre as súas actuación destacan a realizada na toma de posesión do presidente de Georgia, pero tamén teñen estado na antiga URSS, en Cuba, Romanía, e Portugal.

Dende o continente americano son tres os grupos que participan este ano neste festival. Dende Bolivia estará presente o Ballet Folklórico de la Paz. É unha institución privada fundada en 2006 cuxos obxectivos son a investigación, ensinanza e posta en escena de danzas tradicionais bolivianas. Mentres dende o Brasil chega Tradiçoes Gáuchas Lalau Miranda cuxas orixes se remontan ao ano 1952. Persegue difundir as tradicións da Pampa Río Grandense. Por último participará dende Chile o Ballet Folklórico de Temuco creado en 1992. Do mesmo destaca o seu vestiario e instrumentos, así coma a xuventude dos seus membros.

Concello de Tui