Jornal Digital Regional
Nº 516: 4/10 Dez 10
(Semanal - Sábados)






Email Assinaturas Ficha Técnica Publicidade 1ª Pág.
Cultura Desporto Óbitos Política Pescas Roteiro

NON AO PECHE DAS CASAS DE ACOLLIDA PARA AFECTADOS/AS DE VIH/SIDA DE GALICIA

No Día Mundial do VIH/Sida, 1 de decembro, a Asociación ÉRGUETE BAIXO MIÑO animou á participación cidadá amosando apoio á situación que viven algunhas das persoas afectadas por esta enfermidade na nosa comunidade. Son 15 as persoas que directamente quedan na rúa no mes de decembro (enfermos sen familia e sen ningún tipo de axuda).

Lembrou tamén, que dende esta entidade, contase cun Servizo Gratuito de Información e de Asesoramento de VIH/Sida así como de Facilitación de Preservativos e de Xiringas de xeito permanente durante todo o ano.

Asociación Érguete Baixo Miño

O próximo día 8 acenderase o alumeado de Nadal en Tui

O próximo mércores, 8 de decembro, terá lugar o acendido da iluminación de Nadal nas principais rúas de Tui. O alumeado continua a política municipal de fomento da eficiencia enerxética, e ao igual que nos últimos anos, emprega lámpadas de tecnoloxía led, co que se produce un importe aforro enerxético con respecto ás lámpadas tradicionais.

O obxectivo desta iluminación é embelecer a cidade co gallo das festas de Nadal, pero cun criterio de responsabilidade económica e medioambiental, baixo un criterio de maior eficiencia enerxética e menor contaminación lumínica.

O alumeado permanecerá acendido dende o 8 de decembro ata o 6 de xaneiro en horario de seis da tarde a dúas da madrugada. Comprenderá a iluminación con microbombillas e fio luminoso de led en máis de 130 arcos, a iluminación das arbores do Paseo da Corredoira con lámpadas, pebeteiros de led e led ball en cor branca, e a iluminación das prazas con motivos en 3D. Tamén se contempla a sonorización do Paseo da Corredoira e das dúas Augusto González Besada, Casal Aboy, Compostela, Martínez Padín, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e comezo da Avenida da Concordia. Tamén se colocará un belén iluminado na Praza da Inmaculada.

O investimento total da colocación deste alumeado de Nadal e a sonorización das rúas ascende a 49.383 euros.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, salienta a aposta que un ano máis dende o Concello se realiza polo alumeado de Nadal. Nesta ocasión e pese a crise explica que se mantén o investimento tendo en conta as boas repercusións que o alumeado ten para o comercio local tal e coma apuntan algúns estudo que falan dun incremento das vendas nun 20% nas zonas ben iluminadas. A iluminación dota á cidade dun atractivo especial e son centos as persoas que cada ano se achegan ata Tui para admirar estes motivos navideños, o que ten tamén a súa positiva repercusión no comercio e na hostalería locais.

OITO DIRECTORES DE DOCUMENTAIS DE TODO O MUNDO VIAXAN A TUI PARA FINALIZAR AS SÚAS PELÍCULAS

Oito cineastas procedentes doutros tantos países foron seleccionados para participar no novo taller de creación cinematográfica que o Festival Internacional de Documentais, Play-Doc inicia o próximo 6 de decembro.

Docs in progress é unha iniciativa coa que o festival galego pretende apoiar a novos realizadores de documentais de todo o mundo. Este taller levarase a cabo do 6 ao 19 de decembro e durante estas dúas semanas os participantes terán a oportunidade de finalizar as súas películas documentais que xa foron rodadas e actualmente atópanse en fase de montaxe.

O taller estará dirixido por Marta Andreu, produtora e coordinadora do Master en documental de creación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, e ademais contará coa visita de recoñecidos profesionais internacionais vinculados á produción e exhibición documental, que achegarán as súas visións e asesoramento sobre o estado de cada unha das películas en curso.

Yrsa Roca de Islandia, Mariana Viñoles de Uruguai, Alejandra Grinschpun e Fernando Boto de Arxentina, Thais Taverna de Brasil, Nina Bendzko de Alemaña e Víctor Hugo Seoane e Pela del Álamo de Galicia, son os realizadores seleccionados para participar nesta actividade.

Cada proxecto recibirá unha bolsa de axuda de 1.000€ e durante o desenvolvemento deste novedoso taller os participantes convivirán na casa rural O Remesal de Tui.

Ante a necesidade de xerar espazos de creación alternativos aos mecanismos de produción habitual Play-Doc, a través desta iniciativa, dá un paso máis no seu apoio aos novos talentos audiovisuais.

O taller Docs in Progress conta co apoio do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), do Concello de Tui así como doutras institucións.

Play-Doc

O BNG considera inxustificábel a suba dos prezos da piscina municipal

"A suba faise con informe desfavorábel da Intervención do Concello"

No pleno ordinario de decembro o grupo de goberno do PSOE aprobou a suba das prezos públicos da piscina municipal. A suba prevista vai dende o 4% para os socios, socias, aboados e aboadas a un 20% para o resto de usuarios que utilizan a piscina municipal.

Para o BNG non existe ningunha xustificación a unha suba de prezos, sobre todo en época de crise, sabendo que unha parte importante dos usuarios e usuarias da piscina municipal son mocidade e persoas da 3ªidade, sendo estes penalizados, unha vez máis, despois da conxelación das pensións que tiveron que soportar hai uns meses por parte do Goberno central do PSOE.

"É preocupante que esta modificación se faga co informe desfavorábel de intervención por non xustificarse o incremento do prezo público, sinal de que algo non se está a facer ben dende o grupo de goberno do PSOE" sinalou Xan Lois, portavoz municipal do BNG.

Hai que ter en conta que esta suba de prezos da piscina municipal faise en base a un informe técnico-financeiro emitido pola empresa concesionaria do mantemento das instalacións, sen ningún outro realizado desde o concello que xustifique a devandita suba.

Ante estes feitos, queda claro que tanto o Alcalde, D. X. M. Domínguez Freitas, como a Concelleira de Facenda, Dna. Montserrat Magallanes, están a facer deixación de funcións ao aprobar unha suba de prezos da piscina municipal con informes desfavorábeis da Intervención do Concello, cun informe técnico da empresa concesonaria e sen ningún informe-técnico por parte do Concello.

BNG Baixo Miño