O Concello de Tui, a través do seu concelleiro de cultura Moisés Rodríguez Pérez, expresa a súa satisfacción polo éxito acadado o pasado venres 23 de abril pola iniciativa "Agora. os libros na Praza de San Fernando" celebrada co gallo do día do libro a iniciativa da Biblioteca Pública Municipal e as bibliotecas escolares do noso municipio.
Unha participación de alumnos de todos os centros públicos tudenses que superou os 1.500 alumnos que ateigaron á Praza de San Fernando con máis de 5.000 libros vellos e usados que aportaron cada familia e os diversos centros bibliotecarios participantes neste acontecemento. Cómpre sinalar como todos os centros escolares acompañaron o depósito dos libros con diversas actuacións musicais, teatrais ou de lectura de textos ou recitado de poemas.
Pero de éxito pódese cualificar tamén a presenza na Praza de San Fernando, fronte a Catedral tudense, dun número superior de tudenses que se achegaron ata aquel lugar para contemplar o novo aspecto desta Praza e recoller algún dos libros alí depositados que fose do seu interese. O elevado número de cidadáns que acudiron a recoller libros provocou que practicamente a totalidade dos libros achegados fosen recollidos polos cidadáns.
A pretensión das bibliotecas organizadoras de achegar o libro aos cidadáns, de sacar á lectura do seu ámbito bibliotecario foi amplamente superada, confiando que os libros retirados polos cidadáns contribuían á extensión da lectura como unha ferramenta imprescindible para a formación persoal e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer.
Moisés Rodríguez Pérez agradece a participación dos centros escolares tudenses que se implicaron nesta primeira iniciativa conxunta da Biblioteca Municipal e das bibliotecas escolares, e confía que se manteña no futuro. Para vindeiros anos cumprirá modificar algúns aspectos da iniciativa para evitar os casos puntuais de abusos producidos por algúns veciños, pero certamente podemos afirmar, remata o concelleiro tudense, que esta iniciativa "Agora, os libros na praza" foi unha auténtica festa cultural que suscitou o interese dos tudenses.
Esta actividade forma parte da programación da Biblioteca Municipal tudense que baixo a denominación de "Mes do Libros" ten a súa vindeira cita mañá martes, ás 17,30 horas, na propia Biblioteca Municipal cun obradoiro onde os nenos participantes confeccionaran o seu propio libro.
A 30 de abril, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolleu a inauguración dunha exposición conxunta de dous artistas tudenses de dilatada traxectoria; por unha banda o pintor Xosé Luís Méndez "Lis" que presenta a súa mostra "A cor da música e maternidades" e doutra parte o escultor Raimundo Martínez "Rai" que exhibe as súas obras baixo o titulo de "O andar da pedra". No decurso do acto o compositor e músico Miguel de Santiago interpretará diversas obras.
Esta exposición está organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui na súa pretensión de amosar neste espazo expositivo a obra dos artistas locais. Para o seu responsable, Moisés Rodríguez Pérez, é un grande motivo de satisfacción que poidamos contemplar esta exposición que amosa o traballo realizado por dous dos artistas tudenses de máis reputada calidade. Deste xeito a Concellería de Cultura continua traballando a prol da promoción e difusión da obra dos artistas locais, ao entender este un obxectivo preferencial do seu labor.
Xosé Luís Méndez Rodríguez "Lis" (Tui, 1958) posúe unha dilatada actividade expositiva que comezou en 1975 participando en exposicións colectivas de artistas do Baixo Miño e que ten acadado importantes fitos como a exitosa exposición celebrada na Casa de Galicia en Madrid no ano 2008. Como afirma o crítico Silvestre Gómez "a pintura de Lis é unha sinfonía e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposible pentagramas, que mostra a consolidación dun estilo personal que, recollendo as aprendizaxes das súas anteriores etapas, o impulsan dende esta brillante madurez á procura de novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos." Nesta exposición Lis presenta unha coidada colección de músicos absortos na beleza harmónica do son, complementada cunha serie de maternidade.
Raimundo Martínez "Rai" (Malvas - Tui, 1940), creou aos 18 anos unha empresa de extracción de granito e pasado o tempo, xa na súa madurez, avivou a súa vocación artística e dedicouse desde entón por completo a esculpir, converténdose no artista pioneiro na utilización do canto que se achase nas ribeiras do Miño e os seus afluentes. A súa expresión artística materialízase, tanto no abstracto como no figurativo, cunha ampla traxectoria expositiva en Galicia, Norte de Portugal, Segovia ou Madrid.
Esta mostra estará aberta ao público ata o vindeiro día 22 de maio de 2010.
A Feira de Artesanía de Tui reúne 32 postos na súa décimo cuarta edición
Será inaugurada o sábado día 1 ás 12h pola Directora Xeral de Comercio
A rúa Ordóñez de Tui vai acoller esta fin de semana, sábado e domingo, a XIV Feira de Artesanía organizada pola Concellería de Cultura. Trátase dunha clara aposta pola cultura tradicional que toma forma nos obxectos elaborados con cerámica, coiro, madeira, cristal... por artesáns de toda Galicia. Nos 32 postos de artesanía que abrirán na rúa Ordóñez estarán tamén oito artesáns tudenses expondo os obxectos froito da súa creación. Non faltarán á cita a integrantes da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño que estarán toda a fin de semana amosando os seus traballos e palillando á vista do público.
Esta é unha feira plenamente consolidada que cumpre a súa décimo cuarta edición e que amais de darlle pulo á artesanía busca tamén potenciar o conxunto histórico de Tui, así se puxo de relevo esta mañá na presentación que correu a cargo do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez e unha representación dos artesáns tudenses. A feira conta cun orzamento de 4 mil euros.
A feira abrirá as súas portas de 12 a 22h tanto o sábado coma o domingo. A inauguración será o sábado ás doce do mediodía a cargo da Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, actuando a continuación o grupo folclórico "Inquedanzas" de Pazos de Reis. Pola tarde ás seis actuará a Banda de Gaitas "San Xoán" de Paramos creada hai apenas un ano. Xa o domingo ás 12h será a quenda do grupo folclórico "Xuntanza" de Randufe e ás 18h do grupo folclórico "O Mosteiro" de Pexegueiro.
Moisés Rodríguez destacaba na presentación que esta é "unha oportunidade que se lle brinda a todos os artesáns" nunha feira que dicía "é representativa de toda Galicia. Engadía que o obxectivo é crear un espazo de venda directa para os artesáns ao tempo que o público lles pode ver traballar. Refería amais o importante da feira coma atractivo turístico que fai que miles de persoas se acheguen á cidade.
O Alcalde de Tui pola súa parte facía fincapé na importancia de que todos os artesáns se concentren nunha soa rúa, xa que no seu parecer isto aumenta as posibilidades de venda por parte dos artesáns.
En representación dos artesáns tudenses estiveron na presentación Paco que realiza cestería en médula de xunco, Emilia Rosende que traballa o barro para crear pezas de cerámica e Encarnación Carnero da Asociación de Palilleiras do Baixo quen salientaba que o seu traballo non é tan difícil coma parece. Amais estaba presente Natalia unha artesá polifacética xa que traballa tanto o esmalte coma as pinturas, acrílicos, ganchillo ou calceta. E acudían asemade Vanesa, Marta e Fani que integran o colectivo Algarabía que participará por vez primeira na feira de artesanía amosando as súas creacións en textil con broches, diademas, con cristais, aneis sobre prata...
Os artesáns aproveitaron a ocasión para solicitar do Alcalde a posibilidade de unha vez ao mes poder expor e vender na Corredoira, ao que o rexedor tudense accedeu.
Restricións no tráfico
Debido á celebración da Feira de Artesanía estará prohibida a circulación e o estacionamento de vehículos na rúa Ordóñez, dende o Palco da Música ata o acceso á Porta da Pía, dende o venres ás sete da mañá ata o luns ás dúas da tarde.
XIV Feira de Artesanía
Data: Sábado 1 e domingo 2 de maio
Horario: de 12 a 22h
Lugar: Rúa Ordóñez (paralela á Corredoira)
Actividades:
- Sábado 1
o Ás 12h inauguración e actuación do grupo folclórico "Inquedanza" de Pazos de Reis
o Ás 18h Actuación do grupo de gaitas "San Xoán" de Paramos
- Domingo 2
o Ás 12h Actuación do grupo folclórico "Xuntanza de Randufe
o Ás 18h Actuación do grupo folclórico "O Mosteiro" de Pexegueiro
- Organiza: Concellería de Cultura de Tui
- Colabora: Asociación de Palilleiras do Baixo Miño