|
Goián homenaxea ás súas 'Madriñas'
Vén de editarse un catálogo para divulgar a vida e obra das mulleres que poñen nome ás aulas do centro
Reivindicar os valores que representan as mulleres exemplares para inspirar ás futuras xeracións no horizonte dunha sociedade máis libre, consciente, igualitaria e culta. É o propósito que desde o CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián tiveron desde que puxeron en marcha un proxecto de 'amadriñamento' das estancias do centro, bautizadas con nomes de mulleres destacadas pola súa traxectoria vital e profesional, moitas delas vencelladas á vila de Goián e á comarca do Baixo Miño.
A iniciativa comezou a realizarse no curso 2018-2019 e vén de culminar recentemente, coa edición e reparto dun catálogo entre o alumnado do centro -tamén entre o alumnado de primeiro e segundo da ESO que participou no proxecto- co que se pretende divulgar a modo de homenaxe a vida e obra destas mulleres, que son xa un símbolo para inspirar ás máis novas e novos.
Entre as galardoadas pódense atopar importantes personalidades da contorna:
- A pedagoga Antía Cal, educadora, defensora da cultura galega e fundadora do Centro Rosalía de Castro.
- A redeira e argaceira guardesa Mercedes Lomba dedicada á vida mariñeira durante máis de 60 anos.
- A escritora e activista agrarista Isaura Gomes, loitadora incansable pola xustiza e a igualdade.
- As mestras goianesas Eva Ozores e Idalia Sobreira, polo valor do seu incalculable traballo educativo en moitas xeracións de Goián, personificando o traballo de moitas outras docentes.
- A médica e cirurxiá África González, pola súa destacada traxectoria laboral -Recentemente galardoada co Premio Executivas 2020 por este motivo-.
- A profesora e escritora Clementina 'Tinita' Ozores, destacada veciña da vila de Goián e viaxeira empedernida.
- A música e cantante Uxía "Lambona", polo seu labor de transmisión aos máis novos e novas da lingua e a tradición galegas a través da música.
- A estudante e deportista Desirée Vila, exemplo de superación e inspiración tanto na súa traxectoria deportiva como vital.
- Á escritora e profesora Iria Misa, galardoada co premio Jules Verne pola súa obra Xa non estou aquí.
- Todas as "viúvas de vivos", loitadoras incansables que non se renderon na procura dunha vida mellor.
A idea partiu inicialmente do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro co gallo da conmemoración do 8 de Marzo, coa intención de destacar e poñer en valor a traxectoria vital as mulleres galegas, e máis concretamente aquelas vinculadas coa contorna da vila. Axiña se sumou toda a comunidade do centro, o que fixo que o proxecto non quedase limitado a un simple 'bautismo' das aulas, senón que serviu para estudar e recuperar a vida e obra das madriñas. "Os distintos grupos do alumnado implicáronse moitísimo e cada un foi elixindo quen ía ser a súa madriña. Investigaron moito sobre as súas vidas e entrevistaron ás que puideron", comenta Mirta Misa, directora do centro.
Malia que o reparto do catálogo supón unha culminación ao traballo de 'amadriñamento' e estudo biográfico feito durante os últimos anos, desde a dirección do CEIP Pintor Antonio Fernández teñen claro que o proxecto ten que continuar dun xeito aínda máis amplo, sempre fomentando a inclusión e a igualdade, seguindo a liña de outros proxectos levados a cabo na institución como a entrega dos Premios pola Diversidade a distintos colectivos, entre outras moitas actividades.
'Bernarda', a catro veces galardoada nos premios María Casares, interpretada este sábado en Tomiño
A obra estará no Auditorio de Goián o vindeiro 28 de novembro ás 20:30 horas
O vindeiro sábado 28 de novembro ás 20:30 horas representarase no Auditorio de Goián a obra teatral 'Bernarda', unha exquisita peza que vén de recibir catro galardóns nos XXIV Premios de Teatro María Casares outorgados recentemente. A obra está encadrada dentro da programación para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
"Bernarda" é unha historia próxima, comprensible e universal. Todas coñecemos a alguén como Bernarda e todos temos un pouco de Bernarda. O choque entre nais/pais e fillos/fillas é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade diferente. Cando somos fillos/as queremos romper coas normas que nos impoñen e cando nos convertemos en pais/nais vémonos na obriga de impoñer normas.
Este choque xeracional sucede na vida mesma e tamén en "Bernarda", por momentos fainos chorar, porque as situacións son tensas e duras, e outras veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa coma unha necesidade de desafogo e de liberación.
Bernarda é unha muller dura e loitadora que non entende nen de música, nen de minifaldas, nen de guateques, nen de ningunha das novas modas da mocidade da época e a súa intención é clara: "Mentres eu viva, nesta casa non vai a mudar nada e as cousas van facerse como teñen que facerse." O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.
A función terá unha duración aproximada de 70 minutos, está dirixida a un público maior de 14 anos e o prezo da entrada será de 5 euros. As entradas poden ser reservadas a través do correo cultura@tomino.gal ou chamando ao número 986 62 20 01.
Tomiño aproba no pleno municipal o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible
Entre as estratexias prioritarias estarán a mellora da eficiencia enerxética das instalacións municipais, a peonalización dos núcleos urbanos ou a implantación do sistema de compostaxe en todo o municipio
Esta semana o Concello de Tomiño aprobou co voto a favor de toda a corporación municipal o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un conxunto de accións que definirá a estratexia do municipio á hora de enfrontarse ao problema do cambio climático.
O texto aprobado presenta unha batería de medidas con fin de mitigar os efectos derivados do cambio climático, establecendo tamén liñas de acción que permitan ao municipio adaptarse ao mesmo tendo en conta os riscos e as vulnerabilidades locais. Como accións clave para este propósito, o goberno municipal priorizou a implantación de diversas medidas, algunhas delas xa aplicadas no municipio durante os últimos anos. Algunhas destas prioridades son:
A renovación das instalacións de iluminación pública, dos sistemas de calefacción e a instalación de fontes de enerxía renovables nos edificios de titularidade municipal.
Peonalización dos núcleos urbanos, potenciando a redución do uso de vehículos de combustión.
Establecemento dun sistema de préstamo de bicicletas e reducción da velocidade en vías para vehículos municipais.
Profundizar na implantación do modelo de compostaxe de resíduos orgánicos en todo o municipio, no marco do plan Revitaliza.
Tamén adquiren gran importancia medidas de adaptación á nova realidade climática, como por exemplo a mellora na rede de abastecemento, axudando e potenciando a xestión das comunidades de augas, ou a redacción dun Plan Municipal de Defensa contra os Incendios.
A redacción e elaboración do plan estivo subvencionada ao abeiro das axudas destinadas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para frear o cambio climático, cun importe de 8.712,00 €, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e dos Fondos Feder da Unión Europea, baixo o lema "Unha maneira de facer Europa".
A tomiñesa Anahí Álvarez Guerner, subcampioa galega de patinaxe artístico
A patinadora partirá a Tarragona o vindeiro día 13 para competir no Campionato de España
Os deportistas tomiñeses continúan logrando victorias. Desta vez foi a patinadora Anahí Álvarez Guerner, que a semana pasada proclamouse subcampioa galega de patinaxe artístico no campionato autonómico disputado en Ribeira na categoría de 'Free Skating Ladies Junior'.
A deportista tomiñesa ten xa os ollos postos na súa vindeira cita deportiva en Tarragona, a onde viaxará o vindeiro día 13 para participar no Campionato de España.
Desde o Concello de Tomiño queren transmitir os parabéns á patinadora polo seu recente éxito, froito dun gran esforzo e dedicación, ademais de desexarlle moita sorte na vindeira competición.
Os concellos do Grupo de Desenvolvemento Eu Rural súmanse á loita contra a violencia de xénero
Os 13 municipios publicarán este 25N nas súas redes sociais o vídeo documental 'Deixar o pasado atrás', que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano.
Deixar o pasado atrás para comezar a ser a persoa que se quere ser. Iso foi o que supuxo para as participantes desta primeira edición do obradoiro de Eu Rural aqueles días nos que compartiron alegrías, bagoas, historias…. Agora os testemuños destas mulleres aparecen recollidos nun vídeo documental que se estreará este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, de forma simultánea nas redes sociais de todos os concellos que integran o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural.
Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.
A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.
O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.
Éxito absoluto da charla-coloquio impartida por Rosa Cobo
Asistiron ao evento a través de videoconferencia preto de 50 persoas de toda Galicia
O Concello de Tomiño, dentro da súa programación para conmemorar o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizou o pasado venres unha charla-coloquio coa socióloga e teórica feminista Rosa Cobo, un evento que contou coa asistencia de preto de 50 persoas de toda Galicia, superando as expectativas dos organizadores.
O evento realizouse a través de videoconferencia debido á situación pandémica e tivo unha duración aproximada de dúas horas e media. Baixo o título 'A cuarta ola feminista: violencia sexual vs. educación igualitaria' fíxose un percorrido pola historia do pensamento feminista ata a actualidade, pondo como eixo central a loita contra a violencia sexual e animando un debate cos asistentes sobre a sociedade que queremos construír, o xeito en que educamos a mozos e mozas e a necesidade dunha educación igualitaria para garantir a fin da violencia.
Rosa Cobo é doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía, profesora titular de Socioloxía e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas na Universidade da Coruña. Directora de Atlánticas, Revista Internacional de Estudos Feministas da mesma Universidade.
No marco da programación relacionada con 25N, están previstas tamén outras actividades como a declaración institucional da corporación municipal contra a violencia de xénero, o desenvolvemento ao longo da semana da campaña 'Tomiño en Negro' xunto co comercio local ou a interpretación da obra teatral 'Bernarda' o próximo 28 de novembro no Auditorio de Goián.
|