|
O Rosal continúa dando pasos cara a reforma integral do seu mercado municipal
Luz verde este xoves á nova ordenanza fiscal e reguladora da praza de abastos
O pleno tamén levantou as mans a prol da loita contra a violencia de xénero ao abeiro do 25N e aprobou por unanimidade outras dúas mocións conxuntas sobre transporte ferroviario e sanidade
Visto e prace tamén ao Plan de Acción polo Clima do Rosal e ao regulamento do servizo de préstamo das biotrituradoras
O Rosal continúa dando pasos para a mellora da praza de abastos. Este xoves o Concello aprobaba en pleno por unanimidade a nova ordenanza fiscal e reguladora do mercado, xa que "unha reforma integral do mercado municipal require tamén unha actualización e ordenación da situación a nivel de funcionamento que reverterá nun maior beneficio social", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Deste xeito, o pleno deu luz verde á modificación das taxas de ocupación e uso do mercado municipal de abastos, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2022, e aprobou a ordenanza que regula a actividade comercial que se desenvolve na praza de abastos e a concesión da explotación dos distintos postos.
Esta nova ordenanza recolle o espírito do mercado do Rosal, que se reformará integramente para convertelo en centro de dinamización económica e social do núcleo urbano, fomentando a compra de produto local de proximidade e promovendo actuacións que fagan o comercio máis atractivo e competitivo e que sirva como motor de tracción para novas actividades comerciais na contorna. Este regulamento, que entrará en vigor aos 15 días da súa publicación no BOP, establecerá "un novo marco de relación entre o Concello e os titulares de todos os puntos de venda deste mercado municipal para facilitar a xestión deste servizo público en beneficio da veciñanza", explicou a rexedora.
Tres mocións conxuntas
O pleno aprobaba tamén por unanimidade tres mocións conxuntas, presentadas inicialmente na Comisión Informativa polo BNG, relativas ao transporte ferroviario, ao apoio ás reivindicacións da plataforma SOS Sanidade Pública e ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Así, co gallo do 25 de novembro, o pleno levantou as mans en sinal de loita contra esta lacra e aprobou tamén unha serie de acordos para dar resposta integral aos problemas xerados pola violencia de xénero, agravados en plena pandemia da COVID-19. Deste xeito, ademais de rexeitar calquera acto de violencia contra as mulleres no marco do fomento dunha cultura da igualdade e do respecto á diversidade, o Concello comprométese a traballar para incorporar a perspectiva de xénero de forma integral en todas as decisións que se adopten e a colaborar activamente na creación e dotación de medios dunha rede de entidades e comprometidas coa igualdade.
Xunto con estas medidas, o Concello do Rosal reclama ao goberno autonómico que destine como mínimo no 1% do total dos orzamentos de 2021 á loita contra a violencia e ao goberno estatal que modifique a lei actual avanzando nunha definición de violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista.
Medidas concretas e contundentes contra a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, a mellora dos puntos de encontro cando hai menores por medio ou mecanismos para manter a seguridade sanitaria son algunhas das iniciativas que reclama o Concello rosaleiro.
Ademais destas cuestións, o pleno abordou e aprobou por unanimidade o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Rosal, con medidas concretas para loitar contra o cambio climático e reducir as emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro no municipio nun 40% ata 2030. Tamén se deu o visto e prace á ordenanza que regulará o servizo de préstamo de biotrituradoras, un servizo gratuíto que se porá en marcha en vindeiras datas para fomentar a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal entre a veciñanza.
Concello de O Rosal
O Rosal aproba o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible
Será levado a pleno este xoves 26 de novembro. Co PACES, que inclúe medidas revisables cada dous anos, búscase reducir as emisións municipais nun 40% ata o 2030
O Concello do Rosal aprobará en pleno este xoves 26 de novembro (08.30 h) o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que recolle unha serie de medidas concretas coas que dar un pulo decisivo na loita municipal contra o cambio climático e continuar traballando para reducir as emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro no concello nun 40% de aquí ao ano 2030. "Queremos cambiar por completo o modelo actual e mellorar a eficiencia enerxética do municipio de forma estratéxica e planificada, tendo moi en conta criterios éticos e de compromiso co medio ambiente", sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Tendo en conta a situación basal e os sectores que máis contribúen na emisión de gases de efecto invernadoiro, o PACES propón unha serie de accións para a redución de emisións que se revisarán cada dous anos a través dun informe de seguimento no que se recollerán as medidas implementadas, o seu impacto medioambiental e as novas medidas a incorporar.
Non obstante, as achegas municipais de equivalentes de CO2 á atmosfera supoñen unha porcentaxe moi baixa das emisións totais do concello, polo que con este Plan de Acción polo Clima poranse tamén en marcha medidas que favorezan actitudes medioambientalmente máis sostibles por parte de veciñanza. Ademais das medidas previstas para limitar as emisións de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático, o Plan de Acción polo Clima do Rosal contén un inventario de referencia de emisións (IRE) e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.
A elaboración do PACES tivo un custe de 6.000 euros financiados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención para a redacción destes plans dirixida aos concellos adheridos ao 'Pacto dos alcaldes e alcaldesas para o clima e a enerxía sustentable', cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O 'Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas', ao que está adherido O Rosal, é un movemento que agrupa a milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma a sostibilidade enerxética e que pretende garantir unha contorna estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras.
Concello de O Rosal
Os concellos do Grupo de Desenvolvemento Eu Rural súmanse á loita contra a violencia de xénero
Os 13 municipios publicarán este 25N nas súas redes sociais o vídeo documental 'Deixar o pasado atrás', que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano.
Deixar o pasado atrás para comezar a ser a persoa que se quere ser. Iso foi o que supuxo para as participantes desta primeira edición do obradoiro de Eu Rural aqueles días nos que compartiron alegrías, bagoas, historias…. Agora os testemuños destas mulleres aparecen recollidos nun vídeo documental que se estreará este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, de forma simultánea nas redes sociais de todos os concellos que integran o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural.
Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.
A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.
O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.
Concello de O Rosal
O Rosal levará a pleno a ordenanza que regulará o servizo de préstamo de biotrituradoras
O Concello celebrará unha nova sesión plenaria ordinaria o vindeiro xoves 26 de novembro ás 08.30 horas
O Rosal aprobará este xoves 26 de novembro en pleno o regulamento de préstamo de biotrituradoras, a normativa que rexerá un servizo que o Concello porá en marcha en vindeiras datas ao abeiro da subvención para o fomento da compostaxe in situ outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. "O obxectivo é poñer a disposición da veciñanza un servizo gratuíto co que fomentar unha correcta xestión dos residuos de orixe vexetal xerados no ámbito municipal, animando a todas as persoas a triturar os seus propios restos vexetais", explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.
Tendo en conta que nos concellos máis rurais os residuos de orixe vexetal supoñen ata un 10% do lixo domiciliario e que no Rosal estímase que se xeran unhas 230 toneladas anuais, con este servizo evitarase que este tipo de residuos rematen no circuíto de recollida do lixo, con conseguinte custe asociado por danos materiais e pola xestión. Ademais, permitirá reducir o número de queimas, minimizando os riscos de incendio e contaminación ambiental, e servirá para obter un produto de valor engadido para o programa de compostaxe do Concello, xa que os restos de poda triturados poderán ser empregados como estruturante ou material de acolchado para hortas e xardíns.
Este regulamento permitirá ao concello establecer as normas básicas de uso das trituradoras, así como os deberes e dereitos de todas as persoas usuarias. Poderán ser solicitadas por veciños e veciñas residentes no Rosal, que só precisarán darse de alta no servizo e dispoñer dun vehículo para ir a recoller a maquinaria, que poderá usarse durante unha semana. Para garantir o seu correcto uso, no momento do préstamo ofrecerase ao usuario ou usuaria unha explicación do funcionamento da biotrituradora.
As biotrituradoras deberán ser solicitadas polas canles establecidas polo Concello polo menos cun día de antelación e comunicando o día e hora no que se efectuará a recollida da maquinaria. O servizo estará aberto ao público de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas. As datas ou horarios de préstamo poderán ser modificadas polo Concello en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.
Concello de O Rosal
|