O Concello de Oia xa conta co seu propio Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento onde se inclúen medidas para frear o cambio climático e reducir a pegada de carbono, converténdose deste xeito nun municipio respectuoso e concienciado co medio ambiente.
O PACES recibiu o visto e prace no pleno ordinario celebrado este xoves, contando co respaldo do grupo municipal do PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSdeG-PSOE. Con esta aprobación cúmprese un dos compromisos asumidos polo Concello cando ingresou, o pasado ano, no Pacto de Alcaldías para o Clima e a Enerxía.
O Plan aborda unha serie de actuacións destinadas a reducir a pegada de carbono do concello en diversos ámbitos: inmobles e instalacións municipais, edificación residencial, transporte e mobilidade, produción de enerxía e xestión de residuos, entre outros.
A Administración local contou cun total de 3.993 euros para a elaboración do antedito documento. Esta cantidade procede das axudas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e dos Fondo Feder da UE, baixo o lema "Unha maneira de facer Europa".
Compromisos
Coa adhesión ao Pacto, o Concello asume unha serie de compromisos entre os que destacan a redución das emisión de dióxido de carbono nun 40% (redución da taxa de emisións per cápita) antes de 2030, a mellora da eficiencia enerxética e o aumento do uso de enerxías renovables.
Tamén se promoverán modos de mobilidade alternativos e se desenvolverán medidas encamiñadas a aumentar a capacidade de adaptación e a resiliencia do municipio fronte ao cambio climático e os seus riscos. Así, apostarase por un uso máis racional da auga, por unha planificación adecuada do uso do solo e dos recursos naturais, por un aumento da autosuficiencia a todos os niveis e pola protección da biodiversidade.
Ademais, o proceso incorporará a visión da cidadanía, corresponsabilizándoa como parte imprescindible para o desenvolvemento das medidas e a consecución dos obxectivos do PACES.
Os 13 municipios publicarán este 25N nas súas redes sociais o vídeo documental 'Deixar o pasado atrás', que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano.
24 de novembro de 2020.-Deixar o pasado atrás para comezar a ser a persoa que se quere ser. Iso foi o que supuxo para as participantes desta primeira edición do obradoiro de Eu Rural aqueles días nos que compartiron alegrías, bagoas, historias…. Agora os testemuños destas mulleres aparecen recollidos nun vídeo documental que se estreará este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, de forma simultánea nas redes sociais de todos os concellos que integran o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural.
Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.
A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.
O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.