|
"Tui, Capital do Camiño Portugués" nova guía da ruta xacobea ao seu paso polo municipio tudense
Foi realizada polo artista tudense Andrés Lamas. Editaranse 2 mil exemplares
"Tui, Capital do Camiño Portugués" é o título da nova guía da ruta xacobea ao seu polo municipio tudense que vén de editar o Concello de Tui. Trátase dunha guía visual realizada polo artista local Andrés Lamas que recolle o percorrido do Camiño dende a vella Ponte Internacional até a Ponte de Orbenlle.
Este novo material promocional foi presentado esta mañá na Oficina de Turismo polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, e o autor Andrés Lamas.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, salientou o singular deste traballo realizado sobre o Camiño Portugués no municipio, destacando amais o feito de ser realizado por un artista tudense, co que se promocionan todas as potencialidades locais dende o patrimonio ás profesionais como neste caso con artistas tudenses.
O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, explicou as característica da guía impresa en cartón, pregable e facilmente gardable no peto da que se publicarán 2 mil exemplares que estarán dispoñibles tanto na Oficina de Turismo coma nos albergues e hoteis cando reabran as súas portas. Recolle amais un oco para ser selado ben na propia oficina ou no establecemento hostaleiro onde se aloxe a persoa que realiza o Camiño.
Andrés Lamas, que conta cunha longa traxectoria profesional de deseño, explicou o meticuloso traballo realizado cun rotring 0.05 co que debuxo con puntos toda o mapa visual da ruta xacobea tudense, destacando aqueles lugares onde os peregrinos e peregrinas poden ter dúbidas sobre por onde continuar. Pero amais na outra cara da guía recolle algúns dos elementos patrimoniais do camiño coma a Catedral, a igrexa de San Domingos, o cruceiro de San Bartolomeu ou a ponte romana da Veiga.
Tui pon en marcha unha campaña de promoción do plan de Compostaxe
Conta cun novo logotipo e o lema será "Compóstate ben, composta en Tui"
Potenciar a compostaxe é o obxectivo da campaña de promoción e información que hoxe pon en marcha o concello de Tui. A web municipal, as redes sociais municipais, xunto á emisora municipal, xunto os centros de compostaxe comunitarios serán a plataforma na que se desenvolva esta iniciativa.
A campaña comeza precisamente coa presentación do logo identitario do Plan de compostaxe e o lema da mesma que é "Compóstate ben, composta en Tui". O logotipo en cores rosa, marrón e verde, reflicte unha lombriz debuxando un sorriso e unha planta que nace do compost, destacando neste caso esa nova vida que xeran os residuos orgánicos compostados.
O deseño da campaña realizouse grazas á subvención concedida ao Concello de Tui pola Xunta de Galicia publicada no D.O.G núm.92 do 13 de maio de 2020, axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polos fondos FEDER GALICIA 2014-2020.
Grazas a esta subvención ao Plan de Compostaxe o Concello de Tui poderá ampliar e mellorar os Centros de Compostaxe Comunitaria do centro urbano, adquirir 300 composteiros individuais para repartir á cidadanía, e adquirir maquinaria para ampliar o servizo de recollida de poda e restos verdes para o seu posterior triturado conseguindo material necesario para os centros de compostaxe.
Este labores, a realizar ao longo do ano 2021, suporán unha mellora substancial na xestión dos residuos orgánicos por parte do concello, conseguindo reducir así os custes derivados da recollida de lixo do contedor verde, así como un aumentar a recollida selectiva.
Amais, a nivel medioambiental, o Plan de Compostaxe terá un impacto moi positivo xa que co mesmo lograrase reducir a pegada de carbono que o municipio deixa ao reducir os niveis de xeración de residuos e os niveis de queima de restos verdes.
Catro axentes de Tui condecorados coa Medalla ao Mérito da Policía Local
Reciben esta distinción pola súa intervención tras rexistrarse a explosión no barrio da Torre en Paramos
Catro axentes da Policía Local veñen de ser distinguidos coa Medalla ao Mérito da Policía Local. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde do 9 de novembro de 2020 pola que se determinan estas distincións. A propia xefatura da Policía Local presentou no seu día a solicitude para recoñecer o traballo realizado polos axentes na explosión rexistrada o 23 de maio de 2018 no barrio da Torre, en Paramos.
En concreto van recibir a Medalla ao Mérito da Policía Local José Ramírez Pérez, Manuel Arca Caeiro, David González Martínez e a Avelino Martínez Pérez. Na resolución publicada no DOGA indícase que se concede a medalla "pola súa intervención nun acto de servizo, ao ser de salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía".
José Ramírez Pérez formou parte da plantilla da Policía Local durante 37 anos sendo o inspector xefe até a súa xubilación o ano pasado. Manuel Arca, actualmente inspector xefe, suma 33 anos de servizo e en 1999 recibía a insignia do concello pola súa intervención na resolución dun secuestro no monte Aloia. Avelino Martínez leva 31 anos no corpo da Policía Local e David González está a piques de cumprir 17 anos coma axente.
Os catro coincidiron en sinalar aquel 23 de maio coma o día máis duro que viviron na súa carreira profesional coma membros da Policía Local. Poucos minutos despois da explosión Avelino Martínez e David González foron os primeiros en chegar ao lugar co desconcerto inicial de coñecer a orixe do suceso, e atopándose cun escenario dantesco propio dun escenario bélico. José Ramírez lembra que "foi impactante" e coma "o cheiro a pólvora te asfixiaba" e "a tristeza de ver os corpos sen vida" das dúas persoas que faleceron. Manuel Arca recorda coma os entullos o enchían todo. Agora dous anos despois amosan a súa satisfacción por ver recoñecido o seu labor coa máxima distinción que pode ser concedida a un policía local.
Comeza en Tui a campaña "En Negro" contra a violencia de xénero
Para das iniciativas previstas serán en liña na web municipal e nas redes sociais. O 25N terá lugar o acto institucional e proxectarase a película "Tódalas mulleres que coñezo" de Xiana de Teixeiro
Tui súmase un ano máis á campaña En Negro contra as Violencias con motivo do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Dende mañá venres, 20 de novembro, e até o sábado 28 deste mes o Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, súmase a esta iniciativa de sensibilización que se leva a cabo en Galicia coa participación institucións, empresas, colectivos e centros de ensino. A campaña este ano, dada a actual situación derivada da pandemia da COVID 19, terá unha importante compoñente virtual a través das redes sociais á que se anima a sumarse á cidadanía, asociacións, empresas, centro de ensino,… coa etiqueta #TuiEnNegro.
As persoas interesadas poden descargar o material da campaña en https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl e compartilo nas súas redes sociais xunto a algunhas das etiquetas #EnNegro2020, #EnNegro, #ContraAsViolencias, #NonEstásSoa, #QuerémonosVivas. Tamén se pode recoller o material impreso na casa do concello. Amais dos carteis tamén se distribuirán máscaras e chapas coa imaxe da campaña.
Nas redes sociais municipais - Facebook, Twitter e Instagram - publicarase diariamente o material da campaña dende mañá venres até o sábado 28. Amais serán tamén a plataforma na que se difundan as "Lecturas para a Igualdade" entre o luns 23 e o venres 27. Persoal das librarías tudenses, da Biblioteca Municipal, da comunidade educativa, ou escritoras achegarán a súa recomendación de libros relacionados coa igualdade e a violencia contra a muller.
Amais o propio mércores, 25 de novembro, dende a casa do concello terá lugar o acto institucional en liña coa lectura do manifesto deste 25N. Tamén o mércores, ás 18 h no Teatro Municipal proxectarase o filme "Tódalas mulleres que coñezo" de Xiana de Teixeiro, con posterior coloquio coa directora. A capacidade do teatro está limitada a 30 espectadores que deberán reservar gratuitamente a entrada en tui.gal. O coloquio poderá ser seguido a través de Zoom.
Neste programa de actividades colaboran as concellerías de Igualdade, Cultura e Servizos Sociais, deixando patente o compromiso do equipo de goberno na transversalidade das políticas de igualdade.
< div align="right">Concello Tui
Tui e a Red de Juderías de España presentan un portal de formación específico para guías turísticos
Os cursos son gratuítos para os Guías Turísticos Oficiais das cidades que integran a Red de Juderías, e necesarios para obter o carné oficial de Guía propio da Rede de Xudarías de España.
A Rede de Xudarías de España pon a disposición dos profesionais turísticos e o público xeral os seus cursos de formación online (https://redjuderias.org/los-cursos-de-formacion-online-de-la-red-de-juderias-de-espana/)
Os cursos son gratuítos para os Guías Turísticos Oficiais das cidades que integran a Rede de Xudarías como é o caso de Tui, e necesarios para obter o carné oficial de Guía propio da Rede de Xudarías de España. O obxectivo desta formación online é facilitar unha completa formación ao redor da cultura e a historia xudía de España.
Nun momento no que a actividade dos Guías de Turismo está a verse seriamente afectada pola crise sanitaria, a Rede de Xudarías de España e o Concello de Tui poñen á súa disposición unha ferramenta que habilite, recicle e complemente a súa formación ao redor dun patrimonio que está en auxe e é dos máis descoñecidos e sorprendentes da historia medieval de Galicia.
Tres cursos xenéricos e un específico para cada cidade, darán acceso a ser Guía Oficial da Rede de Xudarías de España. O acceso ao curso deben solicitarse, xunto co Carné de Guía Oficial expedido pola Comunidade Autónoma, a descubridores@redjuderias.org
"Coñecendo a cultura xudía", "A historia xudía de España" e "Sefaradíes de onte e de hoxe" son os nomes do tres cursos de 30h cada un, que contaron coa colaboración e participación de eminentes expertos na materia, o Rabino do Colexio xudeu de Madrid D. Pihas Punturelo, o catedrático emérito e Membro da de Real Academia de Historia e experto en historia medieval, D. José Hinojosa Montalvo e D. Miguel de Lucas, Director do Centro Sefarad Israel, que achegan ao final de cada un dos cursos a súa valiosa visión da materia tratada.
Estes cursos non só estarán dispoñibles para o colectivo de Guías se non que se abren a todo aquel que poida estar interesado en coñecer a historia e cultura xudía en España. Cada curso ten un prezo de 18€, e pódense contratar na web da Rede de Xudarías, www.redjuderias.org. Os participantes nesta actividade ao seu remate recibirán un diploma acreditativo de superar a formación.
Para o concelleiro de Turismo do Concello de Tui, Laureano Alonso, é unha magnífica oportunidade para realizar un achegamento a este importante legado cultural que ten en Tui un dos exemplos sobranceiros de Galicia e formarse, de cara á próxima tempada turística, os guías que acompañan a grupos na súa visita á nosa cidade. Trátase de que ofrezan unha información rigorosa, contextualizada na historia do pobo xudeu e de noso territorio... "En definitiva que os guías sexan auténticos embaixadores de Tui".
Sobre a Rede de Xudarías de España - Camiños de Sefarad
A Red de Juderías de España, Camiños de Sefarad, é unha Asociación constituída por municipios que contan, nos seus conxuntos medievais, cun patrimonio arquitectónico, histórico, ambiental e cultural, herdanza das Comunidades xudías que os habitaron. Os membros da Rede actúan de forma conxunta en defensa do patrimonio histórico e legado xudeu promovendo proxectos culturais, turísticos e académicos e realizando unha política de intercambio de experiencias nacionais e internacionais que contribúan ao coñecemento e respecto mutuo de pobos, culturas e tradicións.
Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Xaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, veñen recuperando desde hai 20 anos as súas xudarías, investindo tempo e recursos na rehabilitación de casas, rúas, palacios e cuantos edificios póidanse salvar do esquecemento e recuperar o coñecemento das vidas das familias xudías de toda procedencia e condición. Historia oculta, desvelada despois de cincocentos anos e agora recuperada. A Asociación actúa sen ánimo de lucro e con plena independencia na defensa deste legado. A Red de Juderías de España, na súa proxección internacional, é membro fundador do Itinerario Europeo do Patrimonio Xudeu, e realiza un intenso labor de difusión no estranxeiro.
Nas próximas semanas comezarán as obras do parque infantil inclusivo e biosaudable de Areas
A actuación suporá un investimento de case 54 mil euros financiado con cargo ao Plan Concellos
Nas próximas semanas comezarán as obras do parque infantil e biosaudable de Areas, que suporán un investimento de 53.495,08 €, financiados polo Plan Concellos 2018. A empresa Activa Parques e Jardines SL foi a adxudicataria dos traballos que terá un prazo dun mes para a súa execución.
A actuación realizarase nunha parcela de titularidade municipal de 6.654 metros cadrados en Areas que ampliará os usos actuais pero poderá seguir empregándose como recinto das festas parroquiais.
Para a realización destas obras dende o Concello mantiveron múltiples conversas cos representantes de distintos colectivos da parroquia para dar solución así as necesidades plantexadas. O resultado será un lugar de encontro social, para todas as idades, onde se conxugará a practica deportiva
O obxectivo é lograr un parque que poida ter un uso continuado durante todo o ano. Por unha parte construirase un parque infantil inclusivo e biosaudable baixo a carballeira, destinado a nenos de distintas idades e capacidades así como por adultos. Recuperaranse algúns dos xogos existentes coma un tobogán, un resorte e un bambán que recibirán un tratamento protector, e se instalarán outros novos coma un bambán inclusivo, unha rede tridimensional de escalada, un teléfono, unhas campás, unha casiña e pasos de pedra. Búscase estimular a imaxinación mediante o uso de xogos sinxelos con formas elementais e abstractas, construíndo espazos abertos á fantasía. Tamén se creará unha nova zona de biosaudables cun Timón ou roda de ombreiro, un elemento para exercitar a cintura, un ciclo-pedal que fai funcións de bicicleta estática.
Amais será rehabilitado o pavimento da pista polideportiva, substituiranse os taboleiros das canastras por uns novos, renovarase a estrutura metálica de canastras e porterías, e se instalarán dúas columnas de aceiro corten con catro proxectores led que permitirán a práctica deportiva ao longo de toda a xornada. Outra das actuacións contempladas é a plantación dunha fileira de árbores que proporcionarán sombra no verán, ocultarán as vistas da estrada, e mitigarán o ruído do tráfico. e suavicen a transición entre esta vía e o parque.
Tamén se colocará novo mobiliario urbano onde destacan bancos de deseño con forma de casiñas, bancos de madeira, unha papeleira ecopunto para a recollida de orgánicos, recollida selectiva e depósito de pillas, unha fonte con deseño inclusivo, e aparcamento de bicicletas
A concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, sinala nesta actuación apostouse pola inclusión "cunha nova filosofía que até agora non primaba neste tipo de proxectos en Tui, un espazo de todos e para todos". Engade que o Concello de Tui aposta por "un cambio na concepción destes espazos de esparexemento social, pretendendo converterse en espazos integradores, onde teñan cabida todos os cidadáns sen ningún tipo de distinción". Avanza que esta filosofía "vai continuar no resto de proxectos de reforma doutros parques que se irán acometendo". Por último á concelleira Yolanda Rodríguez foi un chamamento á cidadanía a "facer un uso responsable destas instalacións, isto debe ser un traballo conxunto, da cidadanía e da administración local, para que poidan manterse nas mellores condicións posibles ao longo do tempo".
|