|
A mocidade tomiñesa ergue a súa voz na política
Representantes do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia celebran o seu pleno e participan nun foro no Parlamento de Galicia
'Voces Novas', o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, volveu celebrar este 20 de novembro un novo pleno con motivo do Día Universal dos Dereitos da Infancia. Desta vez, por mor da situación pandémica, o pleno foi celebrado a través de videoconferencia.
O pleno, presidido pola alcaldesa Sandra González, contou con representantes de todos os centros educativos do municipio, así como tamén coa presenza da vicepresidenta de UNICEF en Galicia, Gloria del Río, que parabenizou a todos os presentes por participar da xornada, onde tamén estiveron concelleiras e técnicos municipais e representantes dos grupos da oposición.
Laura e Guille, representantes do colexio de Barrantes, falaron sobre a necesidade de reducir o uso de plásticos, facendo campañas de divulgación e concienciación sobre a importancia de coidar o medio ambiente. O colexio de Sobrada contou coa representación de Xabi, que propuxo pintar as medianeiras existentes no concello a través de murais temáticos sobre a natureza e a infancia. Carmen e Zuriñe, do CEIP Plurilingüe de Tebra, suxeriron seguir facendo contacontos e obradoiros de nadal vía online, e dende o primeiro curso do IES Antón Alonso Ríos, Raquel e Alfredo lanzaron a idea de facer unha competición online de videoxogos.
Un dos temas máis tratados foi a necesidade de traballar para que este nadal, probablemente un dos máis difíciles para moitas familias nos últimos anos, fose un nadal inclusivo, fraternal e que non deixase a ninguén atrás. Sira e Javi levaron a voz do CEP Pedro Caselles ao pleno, propondo a creación dun mercado solidario, mentres que Alejandra e Daniela, do colexio Pintor Antonio Fernández, acrecentaron esta proposta coa idea de crear unha árbore dos desexos que podería ser colocada no mercado municipal para que servise como punto de intercambio de pequenos agasallos. Nesta liña levaron tamén as súas propostas os representantes do segundo e terceiro curso do IES Antón Alonso Ríos, Irene, Jesús, Mayra e Antía respectivamente, que se lembraron dos maiores que viven en residencias e propuxeron transmitirlles amor e agarimo a través da creación de cartas e postais ou gravando panxoliñas de nadal. Tamén falaron sobre a posibilidade de crear concursos vía online de creación de relatos e pasteis de nadal, no que o premio fose doado a unha protectora de animais.
Levando a voz da infancia ao Parlamento de Galicia
Ademais do pleno infantil deste venres, os nenos e nenas de Tomiño tiveron a oportunidade de levar a súa voz aínda máis lonxe, concretamente ao Parlamento Galego. Nel participaron o pasado martes xunto con representantes de Consellos da Infancia e Adolescencia de toda Galicia no Foro de Participación Infantil e Adolescente, que se celebrou vía online por causa do Covid-19.
As nenas e nenos quixeron transmitir as súas preocupacións e inquedanzas sobre os retos que cómpre superar nos vindeiros anos, pondo o foco en asuntos como a necesidade de coidar o medio ambiente e levar a cabo accións contra o clima, o acceso a unha enerxía non contaminante ou o fomento do emprego de calidade.
Levando a voz de Tomiño estivo Xoel, que falou sobre a necesidade de traballar pola igualdade de xénero, acabando coa discriminación cara as mulleres e fomentando o debate para atopar solucións, algo para o que considerou intrínsecamente necesario apostar por unha educación pública e de calidade.
No acto participaron tamén representantes dos grupos políticos con representación no Parlamento, así como a presidenta de UNICEF en Galicia, Myriam Garabito Cociña, que reiterou a necesidade de que a participación infantil estea sempre no centro da política, atendendo as demandas e necesidades dos máis novos e novas.
Comezan as obras para a reforma urbana do núcleo de Goián
O proxecto procurará recuperar os espazos públicos do centro da vila para o seu uso social, da mesma forma que se fixo no Seixo
Nos próximos días porase finalmente en marcha unha nova fase das obras de reurbanización do núcleo urbano de Goián, no concello de Tomiño. A execución implicará actuacións no entorno da Praza Pintor Antonio Fernández e nun tramo da Avenida Ordóñez.
A intervención está encadrada dentro do proxecto "Máis Goián", un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos que vén impulsando nos últimos anos o Concello de Tomiño, en coordinación con outras administracións públicas. No marco deste proxecto tense actuado na recuperación da carballeira e conectando e ampliando o colexio e a alameda. "O que intentamos é apostar por crear lugares de encontro, recuperando espazos para as persoas fortalecendo e modernizando tamén o núcleo urbano de Goián, da mesma forma que fixemos no Seixo", declara a alcaldesa, Sandra González.
A finalidade do proxecto é crear un lugar de encontro que sexa o centro neurálxico da vida social de Goián e para iso, a través da reestruturación do espazo público, pretende conectar os equipamentos públicos existentes na vila: a igrexa de San Cristovo, a Aula-Museo Antonio Fernández, o Mercado de Goián, o CEIP Antonio Fernández, a escola infantil, o pavillón, a Escola de Música, o campo de fútbol do Regatiño, o Consultorio Médico ou as vivendas indianas, entre outros. Con isto preténdese facer do núcleo urbano un lugar atraente e seguro para o uso peonil e ciclable, pondo en valor a arquitectura e os elementos patrimoniais existentes e introducindo vexetación que o faga máis humano e agradable.
O ámbito de actuación será de 7.000 m2, dos cales 2.200 serán zonas verdes e arbóreas, introducindo 115 novas árbores de distintas especies. Tamén está contemplada a demolición de varias naves na contorna da praza para ampliar o espazo público e mellorar as perspectivas da Igrexa de San Cristovo. Aproveitarase a intervención para renovar tamén as instalacións urbanas, mellorando a iluminación, modificando a rede de saneamento, soterrando as canalizacións de telecomunicacións ou dotar as zonas verdes de rego automático, entre outras.
A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible por un importe total de 999.521,40 euros, adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas, SL. O obxectivo das subvencións proporcionadas polo IDAE é apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2.
Nas próximas semanas está previsto tamén que saia a licitación a o proxecto de creación dunha pista polideportiva e un 'skate park' na zona comprendida entre o auditorio e a alameda de Goián. Nas últimas actuacións realizadas habilitáronse preto da contorna do CEIP Pintor Antonio Fernández dous estacionamentos, un de 40 prazas e outro de 30, e preto da carballeira habilitarase proximamente outro con capacidade para 120 vehículos.
Tomiño organiza actividades de cara ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero
A programación inclúe obras de teatro, coloquios e campañas cos comercios entre outras actividades
Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de xénero, o Concello de Tomiño organiza actividades que dende a Cultura, a mocidade, a divulgación académica e mesmo o deporte, queren visibilizar a violencia que día a día seguen a sufrir moitas mulleres polo feito de seren mulleres.
A programación inclúe, outro ano máis, a campaña Tomiño en Negro, dende a que o Concello anima ao comercio local, tecido asociativo, organizacións, etc. a sumarse vestindo de negro os escaparates e espazos e coa utilización do material de campaña que será distribuído. Como nos últimos anos, as fotografías e iniciativas co material de campaña poden ser subidas ás redes sociais mediante a utilización dos hashtag #ENNEGRO, #CONTRAASVIOLENCIAS, #NONESTÁSSOA, #QUERÉMONOSVIVAS... calquera deles acompañados de #TOMIÑOENNEGRO.
Tamén está encadrado no conxunto de actividades a exposición 'Rompe. Xoga en Igualdade', presente no Mercado de Tomiño ata o próximo 20 de decembro, as representacións teatrais 'Sofía' e 'Bernarda' ou a charla-coloquio ofrecida por Rosa Cobo o venres 20 de novembro: 'A cuarta ola feminista: violencia sexual vs. educación igualitaria', entre outras.
Unha programación, polo tanto, que de xeito transversal abordará a violencia contra as mulleres e cun acto central o día 25 de novembro -a lectura do Manifesto institucional- que este ano, e por mor da situación sanitaria, será retransmitido online para garantir a seguridade de toda a cidadanía, sen renunciar á súa lectura como compromiso de todas as forzas políticas con representación municipal e sectores representativos da vila nesta loita que nos une: unha sociedade igualitaria e libre de violencia machista.
O Mercado de Tomiño estreita lazos coa súa clientela este outono en tempos de illamento social
Pon en marcha unha campaña para promocionar os produtos e servizos de tempada dispoñibles no mercado baseada nos novos hábitos que trouxo a era COVID-19
Potenciar a gastronomía e os produtos e servizos cos que alegrar o día a día ao tempo que se estreitan lazos coa clientela en plena época de illamento social. Ese é o obxectivo da campaña de outono que acaba de poñer en marcha o Mercado de Tomiño, unha campaña de promoción baseada nos novos hábitos que trouxo consigo a crise sanitaria e que busca manter o contacto cos usuarios e usuarias e seguir dando un servizo de calidade incluso ante a posibilidade dun novo confinamento.
Nesta nova iniciativa os praceiros e praceiras serán os protagonistas. Poranse diante das cámaras para crear unha nova canle de comunicación cos clientes e clientas coa que dar resposta ás novas inquedanzas xurdidas a raíz do confinamento:
" O crecente interese pola cociña, con moita xente que aproveitou para iniciarse nas artes culinarias e moitas persoas que melloraron as súas habilidades e queren experimentar novos retos.
" A tendencia a alimentarse mellor e o aumento da demanda de servizos de comida a domicilio.
" A disposición a coidarse máis un mesmo e a coidar o fogar, creando espazos máis agradables e cómodos para desfrutar da vida cotiá.
Para acadalo, o Mercado de Tomiño inicia unha campaña na que os praceiros e praceiras gravarán vídeos explicativos que axuden aos veciños e veciñas a cociñar produtos galegos de calidade á venda no mercado, como a costeleta de vaca vella, os cogomelos, o marisco, as fabas de Lourenzá ou o polo caseiro, produtos protagonistas durante esta tempada de outono.
Para aquelas persoas que prefiran levar os pratos preparados, a campaña dará a coñecer os servizos dispoñibles no Mercado con vídeos explicativos sobre o tempo de potaxe, os almorzos en bandexa, as hamburguesas galegas ou conservas que alimentan.
A campaña complementarase cos produtos e servizos destinados a animar o día a día, como comprar flores do Baixo Miño coas que decorar e alegrar os fogares ou dar consellos sobre o coidado das uñas en tempos tan complicados.
Tomiño aposta pola perspectiva de xénero na súa programación cultural, coa vista posta no 25N
A peza teatral 'Sofía' será a protagonista do fin de semana xunto co musical 'A casa do terror'
Con motivo da conmemoración do próximo 25 de novembro, o Concello de Tomiño apostou por unha programación cultural con perspectiva de xénero, coa presenza da peza 'Sofía' o próximo 21 de novembro e coa obra 'Bernarda', que será representada o vindeiro 28 de novembro.
'Sofía' fala sobre a estrutura da violencia de xénero. Trátase dunha peza curta e unipersoal, próxima á conferencia. Está pensada para que despois se abra un debate co público asistente. A actriz, no escenario, acompañada da súa propia máscara (Platón), fai unha chamada en torno á necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista. O espectáculo ten unha duración de 25 minutos e ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación, a xustiza patriarcal e o efecto espectador.
A singularidade desta obra vese reflexada na mistura de filosofía e denuncia dun tema tan complexo como é a violencia de xénero. A filosofía que demostra que temos a un público ávido de saber e de reflexionar; un público que precisa de crítica en tempos de crise e non só de mero espectáculo. Será representada o sábado 21 de novembro ás 19:00 horas no Mercado de Tomiño e a entrada será de balde.
O domingo 22 estará tamén no Auditorio de Goián ás 17:30 'A casa do terror' con Xoán Curiel e a banda do verán, prevista para anteriores datas pero que foi aprazada trala suspensión temporal da programación cultural. Un musical cheo de ROCK e de terror que se leva a cabo entre cancións, danzas, teatro, clown e participación do público. A perspectiva de terror, non mete medo, é moi divertida e lévase a cabo a través de personaxes como as pulghas sombis, o lobo lover, os ratatiburóns, os gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma e moitas máis!
A entrada terá un custe de 3 euros, 1,5 para menores de 12 anos.
Por último, o vindeiro 28 de novembro representarase tamén no Auditorio de Goián ás 20:30 a obra 'Bernarda', triunfadora nos premios de Teatro María Casares. "Bernarda" é unha historia próxima, comprensible e universal. Todas coñecemos a alguén como Bernarda e todos temos un pouco de Bernarda. O choque entre nais/pais e fillos/fillas é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade diferente. Cando somos fillos/as queremos romper coas normas que nos impoñen e cando nos convertemos en pais/nais vémonos na obriga de impoñer normas. Un espectáculo imperdíbel. A entrada terá un custe de 5 euros.
As entradas poden ser reservadas a través do correo cultura@tomino.gal ou chamando ao número 986622001.
A aula de estudo de Tomiño remata o seu acondicionamento e estará aberta ao público
Contará con 40 prazas, conexión a internet e será precisa unha tarxeta específica para acceder ao recinto
A aula de estudo habilitada na Casa da Cultura de Tomiño rematou esta semana o seu acondicionamento e xa está dispoñible para o seu uso. A aula dispón dun total de 40 prazas, as cales contarán na súa totalidade con conexión a internet mediante WiFi ou cable Ethernet. Haberá tamén dispoñibles catro ordenadores e unha impresora para aqueles usuarios que o precisen, e estará dividida en dous espazos, un para o estudo en silencio e outro para a realización de traballos en grupo.
Para poder empregar as instalacións será necesario contar cunha tarxeta específica da aula de estudo, necesaria para establecer un control de acceso, e será entregada a aqueles que a soliciten. Para realizar esta solicitude é necesario completar un formulario no rexistro do Concello.
Os horarios serán das 9:00 ás 21:00 horas, fins de semana incluídos. Os menores de 12 anos deberán acceder acompañados dun adulto, mentres que para os que estean en idades comprendidas entre os 12 e os 18 será necesario contar cunha autorización por parte do pai/nai ou titor/titora.
Co fin de facer da aula un entorno agradable e estimulante para os usuarios, a artista Pilar Alonso levou acabo no recinto unha montaxe formada con material doado pola veciñanza como enciclopedias, libros de estudo ou apuntes, creando unha "nube de coñecemento" de 40 metros cadrados. Un traballo laborioso e de gran valor que tornará o espazo máis acolledor e cálido.
A aula espera servir como espazo de estudo e traballo para todos os veciños e veciñas que a precisen, complementando a función da aula CeMIT, e contará con distanciamento suficiente entre cada un dos postos de estudo, mamparas e xel hidroalcohólico, cumprindo con todas as medidas de seguridade.
O alumnado tomiñés participa na vida política con voz propia
O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia prepara o seu propio pleno o vindeiro día 20, Día Internacional da Infancia
O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, nomeado como Voces Novas polos seus integrantes, continúa coa súa xeira de actividades. O pasado xoves foi aprobado no pleno municipal o novo regulamento do órgano, que contará co seu propio pleno o vindeiro día 20, en conmemoración do Día Internacional da Infancia.
Desde o Concello de Tomiño destacan a importancia deste instrumento para conseguir que os máis novos e novas se involucren na vida política do concello, de forma que poida existir unha canle de comunicación que lles sirva para defender os seus intereses, facer propostas e estar informados das cuestións que lles poidan afectar de xeito directo ou indirecto. A alcaldesa, Sandra González, remarca o "orgullo que para o goberno local representa que a infancia participe da vida política e teña unhas institucións que lles sexan útiles e defendan os seus intereses, labor pola cal UNICEF lle outorgou a Tomiño o distintivo de Cidade Amiga da Infancia no 2018".
Logo dunha parálise debido ao confinamento, o órgano mantén reunións periódicas desde o pasado mes de xullo nas que trazar as liñas de traballo e debater ideas para facer novas actividades. Unha delas é a que teñen prevista para o próximo día 17, na que participarán nun foro do Parlamento Galego xunto aos demais Consellos da Infancia e Adolescencia de Galicia, e na que a representación tomiñesa falará de temas como a igualdade de xénero ou a educación de calidade.
|