|
O Rosal toma partido en contra da violencia de xénero
A Casa do Concello acolle ata mediados de decembro a exposición 'Eu tomo partido, e ti?', protagonizada este ano por membros do Club Ciclista do Rosal
O Rosal declárase un ano máis en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de agresións. Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Casa do Concello acolle a exposición 'Eu tomo partido, e ti?', nesta ocasión protagonizada pola directiva do Club Ciclista do Rosal.
Sete persoas que dan a cara sumándose a un proxecto co que se pretende loitar contra a violencia exercida contra as mulleres: Gerardo Álvarez, presidente do club; Eva Lomba, vicepresidenta; Ramón Villa, secretario; José Carlos Fernández, tesoreiro; Alberto Rodríguez, vogal e monitor; e Salud Rodríguez e Yonhy González, membros do club. Moitas grazas a todos pola vosa colaboración neste proxecto e polo gran labor que facedes como equipo, fomentando valores entre a nosa mocidade.
Este proxecto cumpre xa cinco anos de vida, ao longo dos que se involucraron deportistas locais no 2015, profesorado dos centros educativos do Rosal no ano 2016, profesoras da escola infantil A Galiña Azul no 2017, xogadores do Acanor Novás na edición de 2018 e integrantes da Agrupación Musical do Rosal o ano pasado.
Ademais, a Praza do Calvario xa conta dende hoxe cun punto morado en conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que quedará instalado ata o vindeiro mércores 25 de novembro.
Concello de O Rosal
O Concello creará un espazo municipal de reparación, intercambio e reutilización de obxectos
Acadou unha subvención de 30.000€ cofinanciada con fondos Feder Galicia 2014-2020 para a posta en marcha do proxecto, que busca alongar a vida útil das cousas
O espazo complementarase con obradoiros de reparación, accións de sensibilización e xornadas de intercambio de obxectos
O Concello do Rosal xa está a traballar na creación dun espazo para o intercambio, reparación e reutilización de obxectos, unha instalación municipal que terá como obxectivo axudar a alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental xerado ao tiralos e aumentando os niveis de reciclaxe. Para poñelo en marcha o Concello acaba de conseguir unha subvención de 30.000 euros para residuos de competencia municipal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Soamente no ano 2019 no Rosal xestionáronse 32 toneladas de roupa e 12,4 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) a través dos distintos sistemas de recollida selectiva. "Queremos concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular", explica a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, quen salienta que con esta iniciativa búscase "crear un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental".
Con este proxecto adecuarase un espazo municipal actualmente en desuso na rúa Cumieira, a carón do CPI Manuel Suárez Marquier, e dotarase do material necesario para que nel a veciñanza poida reparar pequenos aparellos eléctricos, bicicletas e outros enseres. Búscase así dar resposta aos rosaleiros e rosaleiras que teñen nocións básicas de reparación de obxectos pero que non dispoñen do material ou do espazo necesarios para facelas.
Este espazo tamén aglutinará todas as accións de sensibilización ambiental que se leven a cabo, dende charlas de medioambiente ou campañas informativas ata obradoiros de autorreparación, xornadas periódicas de intercambio de materiais (libros, roupa, electrodomésticos...) ou de voluntariado para o intercambio de coñecementos na reparación. "Son ferramentas coas que traballaremos para acadar un modelo de consumo máis sustentable, esencial para a consecución dos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible", resalta a concelleira.
Lonxe de ser un punto de competencia, o proxecto busca ser un complemento do comercio de reparación de electrodomésticos, roupa... e de venda de obxectos de segunda man que xa hai no Rosal, así como o das asociacións sen ánimo de lucro que recollen materiais para doalos a persoas en risco de exclusión social. "Será un lugar no que aquelas persoas que xa teñan esgotada a posibilidade de reparar un obxecto por unha cuestión económica ou de vontade dispoñan dun espazo no que poder facelo antes de tiralo ao lixo. Queremos que a veciñanza adquira dinámicas de consumo que aposten polo comercio de segunda man e outras prácticas medioambientalmente máis sostibles", recalca.
A posta en marcha desta iniciativa permitirá ao concello formar parte da rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, que permitirá compartir coñecementos entre diferentes entidades, poñendo a disposición das persoas recursos en liña para a reparación de obxectos, consellos para dar novos valores a roupa e mobles...
Concello de O Rosal
Éxito rotundo do concerto en streaming de Sés no Rosal
Xa leva máis de 4.200 visualizacións na canle de Youtube da cantareira
Grande acollida do concerto da artista Sés o pasado venres no Rosal. A situación epidemiolóxica obrigou ao Concello a reinventar esta cita coa cantareira coruñesa, que finalmente se celebrou en vivo no Auditorio Municipal para un aforo reducido de persoas e vía streaming para o resto do público a través das redes sociais municipais e da canle de Youtube da cantante. Unha fórmula que acadou moito éxito: máis de 4.200 persoas xa visualizaron o concerto, que tivo momentos nos que contou con ata 360 espectadores conectados á vez.
Máis de dúas horas de concerto nas que Sés presentou dun xeito único 'Liberar as arterias', o sétimo traballo discográfico da coruñesa, un disco que segue a evolucionar o seu particular son e que presenta unha escolma de doce cancións con letra e música compostas pola propia artista.
Con alternativas como esta o Concello do Rosal quere "seguir apostando pola cultura, por unha cultura aberta pero tamén segura, porque no momento no que estamos a saúde de todos e todas é o primeiro", salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Concello de O Rosal
Parabéns para Lucinda, a persoa de maior idade do Rosal
Celebrou os seus 106 anos rodeada da súa familia. A alcaldesa entregoulle un ramo de flores como agasallo
O Concello do Rosal quere felicitar a Lucinda, a persoa de maior idade do municipio. Este luns Lucinda celebraba o seu aniversario rodeada da súa familia e soprando as 106 velas da tarta na súa casa en San Miguel de Tabagón. E é que, sendo a persoa máis lonxeva do municipio e con máis de tres díxitos ás súas costas, Lucinda atópase chea de vitalidade e coa cabeza ben posta.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, achegouse ata o domicilio de Lucinda para agasallala cun ramo de flores de parte do Concello e desexarlle que continúe coa boa saúde coa que conta ata agora. "Para min foi todo un privilexio poder visitala e compartir un anaco de tempo con esta muller tan entrañable", salientou.
Concello de O Rosal
O Concello saca a licitación as obras do ecoparque Campo Novo en Viso dos Eidos
As empresas terán ata o vindeiro 3 de decembro para presentar ofertas
O Concello do Rosal aprobou a pasada semana en Xunta de Goberno o inicio da licitación das obras do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza e que servirá para poñer en valor o patrimonio etnográfico que hai nesa contorna. As empresas interesadas xa dispoñen de toda a documentación da licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público e terán ata o vindeiro 3 de decembro para presentar ofertas.
Este proxecto, redactado pola arquitecta María Fandiño, contempla a remodelación da zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga dada a importancia que este elemento ten na zona. O período previsto de execución é de tres meses.
Para a creación deste ecoparque contarase cun orzamento total de 93.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello.
Concello de O Rosal
Novembro, mes da igualdade e da prevención da violencia de xénero no Rosal
O Concello pon en marcha unha programación con intervencións artísticas, cine, charlas e exposicións para público de todas as idades
O Rosal continuará revolucionando mentes este mes de novembro. O Concello ten preparada unha programación enfocada a traballar a igualdade e a previr a violencia de xénero, con actividades dirixidas a público de todas as idades. Dada a situación epidemiolóxica, para poder achegar estas accións ao maior número posible de persoas, as actividades serán levadas ás aulas e retransmitidas nas redes sociais do Concello.
Para os máis cativos, o LUNS 23 de novembro (11.00 horas) proxectarase de forma simultánea en todas as aulas do CRA María Zambrano e nas de 1º e 2º de educación primaria do CPI Suárez Marquier a película 'Zog, dragones y heroínas, un filme de dragóns e princesas cun aire diferente: os protagonitas, unha princesa que quere estudar medicina e un dragón que non quere raptar princesas, rachan con todos os estereotipos asociados ao seu papel habitualmente nas películas.
Este traballo pola igualdade chegará tamén de xeito directo aos centros escolares, onde nenos e nenas pintarán unhas mans que quedarán levantadas contra a violencia de xénero nas súas aulas. O público xeral poderá desfrutar desta acción a través das fotos que se compartirán nas redes sociais do Concello.
Pola súa banda, o alumnado de 1º e 2º ESO do CPI está xa participando obradoiros sobre 'Afectividade' e 'Outras formas de querer' impartidos pola educadora familiar municipal e que se desenvolverán ata o vindeiro mes de decembro. Ademais, o alumnado de 3º ESO do CPI xa está participando en diferentes obradoiros e traballando na elaboración de curtas a prol da igualdade ao abeiro do proxecto audiovisual Claqueta Violeta. Os traballos finais serán retransmitidos nas redes sociais municipais.
Dirixida a eles tamén irá a charla 'Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero', que impartirá o vindeiro 25 de novembro (12.00 horas) Txema Olleta Ormaetxebarria, membro de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Esta charla estará a disposición tamén do público xeral a través das redes sociais do Concello.
De forma complementaria a todas estas actividades realizaranse varias intervencións artísticas de diferentes tipos, como os 'Farrapos morados' pintados polo alumnado de secundaria do CPI e inaugurarase o mural 'Revolucionando Mentes', feito pola artista Tamara Baz no Campo Municipal da Mata. Na casa do Concello poderá verse a exposición fotográfica 'Eu tomo partido contra a violencia de xénero', a cargo do Club Ciclista do Rosal.
O día 25 de novembro ás 12.00 horas procederase á lectura do manifesto polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero na Praza do Calvario.
Concello de O Rosal
O Rosal xa conta cun desfibrilador no Auditorio Municipal
Financiado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das subvencións provinciais a entidades locais con poboación inferior a 20.000 habitantes
O Concello do Rosal acaba de instalar un desfibrilador semiautomático externo (DESA) no Auditorio Municipal, un dispositivo financiado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro das subvencións provinciais a entidades locais cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Este novo recurso permitirá reducir o tempo de actuación en caso de producirse un episodio de parada cardiorrespiratoria. "O tempo é un factor determinante cando ocorren estes casos, por iso achegar estes recursos á veciñanza situándoos en lugares públicos é fundamental para tentar salvar vidas", explica a concelleira Sara Vicente.
Concello de O Rosal
O Concello consegue unha subvención de case 48.000€ para o fomento da compostaxe in situ
Porase en marcha un sistema de préstamo de biotrituradoras para restos vexetais, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitarios e repartiranse composteiros individuais
O Rosal obtivo unha das mellores puntuacións na memoria do proxecto entre os presentados a esta liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciada con fondos Feder Galicia 2014-2020
O Rosal segue a dar pasos para aumentar os niveis de reciclaxe actuais e acadar as taxas establecidas na normativa europea. O Concello vén de acadar unha subvención de case 48.000 euros para poñer en marcha un programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas ao fomento da compostaxe in situ ao abeiro dunha liña de axudas posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda confinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
"Dispoñemos de fondos europeos para dotar a toda a veciñanza das ferramentas necesarias para xestionar os seus biorresiduos e reducir o impacto ambiental de todos os residuos. Con este proxecto traballaremos para potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, fomentar a trituración dos restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores de resto e tratar de reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro", salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.
O Rosal acadou, xunto á Deputación de Ourense, a mellor puntuación na memoria do proxecto entre todos presentados á liña de subvencións e desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021. Dende o Concello queren agradecer o traballo realizado polo responsable técnico da concellería de Medio Ambiente no desenvolvemento do proxecto.
Compostaxe colectivo e individual e biotrituradoras
Na actualidade, O Rosal ten unha porcentaxe de recollida selectiva do 33,2%, por riba da media estatal e autonómica pero lonxe dos obxectivos fixados nas directivas europeas e nos plans nacionais e autonómicos de residuos. Os datos amosan un estancamento nas cantidades recollidas na fracción resto e un aumento progresivo na das nas tres fraccións maioritarias: 138,7 toneladas de vidro en 2019; case 125 Tn de papel/cartón e 116 toneladas de envases. Agora, a través deste proxecto o Concello desenvolverá varias actuación "conectadas entre si coa pretensión de afrontar a xestión da materia orgánica dun xeito integrado e de achegar a compostaxe a toda a poboación".
Así, porá en marcha un sistema de préstamo de 6 biotrituradoras eléctricas para que os veciños e veciñas do Rosal poidan desfacerse dos seus propios restos vexetais. O obxectivo é establecer un modelo de préstamo semanal cómodo para as persoas usuarias co que se estima que máis de 300 fogares ao longo do ano poderán triturar os restos de poda e que permitirá obter estruturante de calidade para empregalo en todas as vivendas que teñan composteiro individual.
Trátase dunha iniciativa moi importante, xa que nos concellos rurais a porcentaxe de fracción vexetal pode acadar ata un 10% do lixo domiciliario. No caso do Rosal estímase que na actualidade estanse a xerar 230 toneladas anuais que xeralmente se queiman ou se depositan nos colectores de resto, "con todo o impacto medioambiental que iso supón".
Por outra banda, crearanse dous novos centros de compostaxe comunitaria (CCC) para ampliar a cobertura das edificacións verticais dos barrios do Calvario, Couso e unha pequena parte do Casal e A Lomba. Ademais, nesa contorna hai varios produtores singulares e edificios municipais que tamén poderían beneficiarse destes centros para a xestión dos seus restos orgánicos. Cada centro contará con 6 unidades modulares con posibilidade de ampliación en función da demanda. Así, cos tres centros operativos o Concello podería atender a unhas 600 persoas e xestionar unhas 60 toneladas de materia orgánica ao ano.
O proxecto tamén inclúe accións para potenciar a compostaxe individual para vivendas que dispoñan de espazo suficiente. Actualmente existen 408 composteiros instalados por todo o municipio con capacidade para tratar unhas 147 toneladas ao ano. O obxectivo é adquirir uns 500 composteiros que se sumarán aos 200 dos que xa dispón o Concello para ofrecer este servizo a unha poboación estimada de 1.700 persoas. Estes composteiros repartiranse por solicitude e a través de visitas porta a porta.
Todas estas iniciativas completaranse cunha campaña de sensibilización encamiñada a dar a coñecer o proxecto e a involucrar á poboación para que participe nel. Para acadalo desenvolveranse contidos dixitais que se difundirán a través da web e das redes sociais do Concello e realizaranse actividades de formación tanto en centros educativos como nos distintos barrios se a situación epidemiolóxica o permite.
Concello de O Rosal
A 'Explanada do Horizonte', xa dispoñible para desfrute da veciñanza
O Concello do Rosal xa recepcionou a obra, coa que se dotou a Portocelo dunha nova área de esparexemento
O proxecto foi distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura do Colexios de Arquitectos de Galicia
A 'Explanada do Horizonte' xa está lista para o uso e desfrute da veciñanza. O Concello do Rosal xa recepcionou a obra finalizada dun proxecto de reforma integral e mellora paisaxística que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento e acondicionar o tramo do Camiño de Santiago pola costa que pasa ao longo do municipio. O acto de inauguración oficial desta nova zona de lecer deseñada pola arquitecta rosaleira María Fandiño celebrarase en vindeiras datas.
"Para nós é un orgullo poder contar con María Fandiño neste proxecto, unha arquitecta recoñecida polo seu traballo paisaxista que está acadando numerosos premios a nivel internacional", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Como explica a rexedora, "non podemos deixar de agradecer a implicación da veciñanza de San Xian e Portecelo, da comunidade de montes do Rosal e da traída de augas, así como do dono do petróglifo do Lapón. Sen a súa colaboración non sería posible sacar este proxecto adiante".
Tras meses de intenso traballo administrativo para conseguir as autorizacións necesarias para o desenvolvemento da obra, dende esta mesma semana veciñanza pode desfrutar nesta zona dunha área de descanso, dun merendeiro, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo acondicionado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe, recuperar os ecosistemas da zona e rexenerar as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.
Neste tramo do Camiño de Santiago non existían paradas para peregrinos, polo que a 'Explanada do Horizonte', chea de escombros dende os anos 70, converterase dende agora nun punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través deste proxecto creouse un miradoiro ao mar e á Serra da Groba e mellorouse a calidade ambiental da zona, repoboándoa con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.
A 'Explanada do Horizonte' será unha ferramenta coa que potenciar tamén o Camiño de Santiago, xa que nela márcanse os puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.
Premios Gran de Area 2020
O proxecto de acondicionamento dos espazos públicos da 'Explanada do Horizonte' vén de ser distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores e construtores nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra. Estes galardóns recoñecen obras que axudan a mellorar a contorna e sexan expresión da cultura arquitectónica e dos valores colectivos desta sociedade e deste tempo. Dende o Concello quérese felicitar unha vez máis á arquitecta do proxecto, María Fandiño, polo gran traballo feito na revalorización e mellora deste espazo.
Concello de O Rosal
A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia o deterioro acelerado do servizo de atención primaria no municipio
Pide que se dote ao centro de saúde de persoal sanitario, así como de administración e servizos e que se amplíen as liñas telefónicas para atender aos pacientes
Reclama a adaptación provisional do centro para acoller á xente que precise atención presencial
A Plataforma para a defensa da Sanidade Pública do Rosal creouse para loitar contra o deterioro progresivo que desde hai anos está a sufrir o servizo de atención primaria no Rosal, consistente, entre outras eivas, na deficiente dotación de persoal sanitario, que se agravaba ao non cubrir o Sergas as vacacións do persoal ou as baixas médicas. A plataforma formouse a partir dunha ampla base de participación social, formando parte dela representantes do concello, de todos os partidos políticos con representación municipal, do persoal sanitario, do asociacionismo e da sociedade rosaleira en xeral.
Actualmente, a xestión que a Consellería de Sanidade fai da crise sanitaria provocada pola COVID-19, eliminando a asistencia médica presencial e aumentando a carga de traballo dun persoal facultativo que xa antes da pandemia resultaba claramente insuficiente para atender ao total da poboación, está a acelerar o proceso de deterioro do servizo de atención primaria, poñendo así en perigo a saúde dos rosaleiros e rosaleiras.
Co argumento de evitar contaxios por acumulación de público nunhas instalacións cun tamaño insuficiente para a situación de emerxencia sanitaria, pechouse o Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón e a consulta de pediatría centralizouse no centro de saúde da Guarda. Ao mesmo tempo substituíuse a atención sanitaria presencial pola telefónica e reduciuse o aforo das salas de espera obrigando aos pacientes a facer cola fóra do centro de saúde para recibir atención.
Aínda que nun primeiro momento a poboación entendeu a situación como algo necesario para acabar coa pandemia e se entendía que a administración sanitaria precisaba tempo para, partindo dunha situación de deterioro provocado por anos de recortes, adaptarse ás novas necesidades que se presentaban, tras a relaxación das medidas sanitarias coa chegada de verán O Rosal volveu a quedar sen persoal médico durante as vacacións, a consulta de pediatría non se recuperou e o Centro de Saúde de San Miguel continúa pechado.
A Plataforma destaca a falta de información por parte do Sergas da incidencia de casos en cada localidade, que utiliza unha escala de cores cuns rangos enormes que ocultan a situación real e que impide coñecer os contaxios en cada municipio, o que non axuda a crear unha conciencia cidadá clara á hora de tomar as debidas precaucións con responsabilidade.
En opinión da plataforma SOS Sanidade Pública, a atención primaria accesible e próxima que ofreza unha asistencia integral de saúde está en perigo de desaparición. O persoal dos centros atópase desbordado pola burocracia, os rastrexos, as probas e as demandas dunha poboación, angustiada pola pandemia e as demoras na asistencia. Como consecuencia moitas persoas están a recorrer á sanidade privada que busca facer negocio coa saúde. Ademais, o desinterese da Consellería de Sanidade e do Sergas fai que os traballadores sexan quen están soportando inxustamente as queixas e o malestar dunha poboación frustrada e preocupada polas dificultades de acceso á asistencia.
No Rosal, debido a que as consultas seguen a ser telefónicas, resulta cada vez máis difícil conseguir algo tan sinxelo como que se colla o teléfono para solicitar unha cita médica, o que fai que o malestar social sexa cada vez máis elevado e se produza unha profunda deterioración da imaxe do sistema sanitario público.
Se ben dende a Plataforma teñen en conta das dificultades que están a existir para a contratación de persoal facultativo, non atopan xustificación para que a Consellería de Sanidade non contrate persoal administrativo e de servizos que poida descargar ao persoal de medicina e enfermería de labores burocráticas, o que diminuiría a súa carga de traballo.
Por todo o antes exposto, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal:
1. Manterá en suspenso as concentracións dos mércores mentres a situación sanitaria non o permita.
2. Esixe que a Consellería de Sanidade reciba a unha representación municipal que poida expor as necesidades da atención primaria no concello.
3. Propón a creación dunha mesa institucional formada polos alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño para presentar unha fronte común para a resolución dos problemas sanitarios da comarca.
4. Esixe que se dote ao centro de saúde do Rosal de persoal de administración e servizos e que se amplíen as liñas telefónicas para que a poboación poida ser atendida convenientemente.
5. Esixe que se adapte provisionalmente o centro de saúde ou se habiliten outros espazos dispoñibles no concello para poder acoller á xente que precise de atención presencial.
6. Reivindica que se dote ao Rosal co persoal médico e de enfermería que recomenda a OMS para atender correctamente á súa poboación.
7. Esixe que se atenda convenientemente ás persoas que teñen que ser trasladadas aos hospitais de Vigo para tratamentos periódicos (diálise e outros).
8. Apoia a reivindicación da Plataforma SOS Sanidade Pública e propón que se presente no vindeiro pleno a moción que están a presentar nos concellos e que sexa apoiada por todos os grupos políticos.
Concello de O Rosal
O Rosal agradece a colaboración e compromiso amosados pola delegada territorial da Xunta
Sanidade, infraestruturas e seguridade vial, dependencia e transporte público centraron a primeira xuntanza de traballo entre a alcaldesa, Ánxela Fernández, e Luisa Piñeiro
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e membros do goberno local mantiveron a primeira visita institucional coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, na que se expuxeron as peticións e demandas da veciñanza con respecto ao executivo autonómico. Luisa Piñeiro garantiu a colaboración da Xunta co concello rosaleiro e comprometeuse a realizar de inmediato as primeiras xestións sobre os temas máis urxentes e a manter un contacto periódico coo Concello do Rosal.
Durante a reunión, o goberno local trasladou á delegada territorial as solicitudes de investimentos e actuacións relacionadas co eido sanitario, con infraestruturas e seguridade vial, con dependencia e servizos sociais e co transporte de viaxeiros.
Así, analizouse a posibilidade de acometer unha senda peonil e a mellora da estrada PO-353, xa que no seu día fíxose o primeiro treito e quedan por acometer outros dous na contorna de Novás e Fornelos. Tamén se avaliou a posibilidade de incrementar os fondos para dependencia, aínda que esa cuestión depende da transferencia de recursos do Goberno Central, e o reforzo das frecuencias de bus en quenda de mañá para a conexión coa bisbarra polas localidades da Guarda e Tomiño e tamén con Vigo por cuestións hospitalarias.
A alcaldesa agradeceu a visita da delegada territorial e valorou o seu coñecemento do mundo municipal tras ser rexedora de Moraña durante unha década e a representante autonómica anunciou un seguimento constante dos proxectos de interese para O Rosal.
Concello de O Rosal
|