|
O histórico artista Xoán Piñeiro terá unha rúa co seu nome en Goián
A proposta, realizada pola Fundación Xoán Piñeiro, aprobouse no pleno municipal e procura servir como homenaxe ao se cumpliren 100 anos do nacemento do artista
O histórico artista Xoán Piñeiro, vencellado a maior parte da súa vida a Goián, terá finalmente unha rúa dedicada como homenaxe ao se cumpriren 100 anos do seu nacemento. A rúa escollida para este recoñecemento é a que conduce ao antigo obradoiro do artista, situado no número 108 do barrio Tollo, en Goián. A iniciativa da Fundación Xoán Piñeiro contou co total respaldo do Concello de Tomiño, que tal e coma vén facendo cos seus artistas, quere valorizar a súa figura e destacar a contribución do artista á cultura galega e á identidade do concello.
A proposta foi levada ao pleno municipal celebrado este xoves, resultando aprobada co apoio unánime de todos os grupos políticos da corporación. O pleno celebrouse a porta pechada co fin de extremar as precaucións. Para manter as distancias axeitadas de separación entre persoas os concelleiros ocuparon a práctica totalidade do salón de plenos.
Xoán Piñeiro naceu en Nerga (Cangas) en 1920, mais pasou boa parte da súa vida en Goián, lugar que escolleu para instalar o seu estudo e onde o propio artista descansa. Formouse en Madrid, de onde volta en 1962 para instalarse primeiro en Vigo, onde comeza a traballar dentro das murallas do Castro. Dous anos despois trasládase definitivamente a Goián montando alí o seu obradoiro.
A pesar de que a pretensión do artista era o aillamento, o obradoiro de Piñeiro converteuse nun punto de encontro para moitos persoeiros vencellados co mundo da cultura, tales como Eliseo Alonso, Xavier Pousa, Antonio Fernández, ou artistas como Picallo, Antúnez ou Silverio Rivas, así como multitude de aprendices que querían coñecer de preto o oficio da escultura.
Piñeiro conseguiu poñer en marcha unha técnica de fundición inexistente ata o momento en Galicia, baseada na fundición en bronce á cera perdida, polo que pode decirse que é a partir dos anos 70 cando comeza a realizar gran parte da súa obra neste material, converténdose nun auténtico referente escultórico neste eido.
En 1991, unha das súas fillas, Cuqui Piñeiro, reconverte o obradoiro do artista nunha empresa de fundición profesional, perpetuando e ampliando e legado e o espíritu do escultor, con obra en tódalas cidades galegas e con encargos en toda a península.
O Concello de Tomiño aproba unha declaración institucional contra a violencia de xénero
A proposta foi levada ao pleno municipal e contou co apoio de todas forzas políticas representadas
O 25 de novembro conmemórase a nivel mundial o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e o Concello de Tomiño quixo rememorar esta data facendo unha declaración institucional condenando a violencia á que día tras día son sometidas moitas mulleres froito da desigualdade de xénero existente na nosa sociedade. A declaración acordouse previamente cos demáis grupos políticos representados na corporación municipal e foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves 12 de novembro.
Na declaración, o Concello de Tomiño comprométese a condenar a violencia contra as mulleres como manifestación máis extrema que é das desigualdades de xénero, e mostra a súa solidariedade coas mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas. Do mesmo xeito, comprométese a desenvolver as medidas contidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, pondo en disposición das mulleres vítimas desta violencia os recursos municipais necesarios, impulsando actuacións de sensibilización e prevención ou traballando coa comunidade educativa e as familias para que os mozos e mozas medren e vivan nunha sociedade plural, respectuosa, igualitaria e libre de violencias machistas. É por iso que o Concello de Tomiño declárase un concello libre de violencia machista, e non será cómplice de quen a exerzan, a acubillen ou a silencien.
No Estado Español faleceron, desde o 1 de xaneiro de 2003 no que comezaron a contabilizarse as vítimas por violencia machista, 1.071 mulleres. No que vai de ano 2020 son 38 as mulleres asasinadas, deixando 19 orfos e orfas e 3 menores. Estes datos representan ás mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas, suposto recollido pola Lei Integral contra a Violencia de Xénero, aínda que fóra das relacións de parella tamén existen mulleres asasinadas, agredidas e violentadas polo feito de seren mulleres.
O pleno celebrouse a porta pechada por motivos de seguridade e co fin de extremar as precaucións. Para manter as distancias axeitadas de separación entre persoas, os concelleiros ocuparon a práctica totalidade do salón de plenos.
A OMIX de Tomiño, un referente para o alumnado do IES 1º de Marzo de Baiona
A técnica responsable do servizo impartiu unha charla activa e participativa en formato online para o alumnado do Ciclo Superior de Animación Social e Turística
A técnica municipal responsable da OMIX de Tomiño, Elisabet Pérez de Santiago, impartiu a semana pasada unha charla en formato online co alumnado do Ciclo Superior de Animación Social e Turística do IES 1º de Marzo de Baiona. A actividade estivo orientada ao alumnado do 1º curso do módulo profesional de Información Xuvenil, que ten como obxectivo principal formar a informadores e informadoras xuvenís adquirindo os coñecementos precisos para desempeñar as funcións da intervención, execución, avaliación da intervención, promoción e difusión e xestión da calidade da información.
Na charla, Elisabet compartiu co alumnado un resumo da andadura da OMIX dende a súa posta en marcha no ano 2002 ata a actualidade, falando dos recursos humanos existentes, dos proxectos realizados, das claves dunha boa información, formación, orientación e asesoramento á mocidade. Tamén se falou sobre a financiación da oficina, da consolidación da mesma, do traballo por obxectivos, das ferramentas e habilidades necesarias para ofrecer un servizo de calidade onde a mocidade é a verdadeira protagonista.
A técnica tivo o pracer de responder en directo as variadas preguntas do docente e discentes, e aproveitou a oportunidade para falar dos novos retos e programas nestes tempos de pandemia, do seu papel como Oficina Multiplicadora Eurodesk e como Servizo de Voluntariado Local e Europeo.
En palabras do profesor desta materia, Manoel Ucha, "no módulo profesional búscase coñecer os principios teóricos fundamentais mais o fin último é a posta en práctica dun servizo de información xuvenil de calidade adecuado ás necesidades das persoas mozas mediante a construción de espazos de participación activos e abertos. A conversa coa técnica da OMIX de Tomiño buscou achegarse á mirada técnica dunha profesional que converteu a oficina de Información Xuvenil dun pobo pequeno nun referente no país galego".
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra visita Tomiño para supervisar as obras da PO-552
A alcaldesa aproveitou a visita da delegada para trasladarlle a prioridade que para o Concello representa a construcción da biblioteca e o estado do centro de saúde
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou unha visita institucional hoxe a Tomiño para supervisar o proxecto de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica PO-552, entre Tomiño e Tui, onde tamén estivo presente o xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez. A actuación atópase xa nun estado avanzado e espérase que estea finalizada nas próximas semanas.
Na súa visita a delegada mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, que aproveitou para transladarlle os investimentos que o Concello considera prioritarios. Entre estas prioridades atópanse a da creación da biblioteca municipal, onde o Concello solicita á Xunta que colabore coa financiación do proxecto.
Por outra parte a alcaldesa aproveitou para transmitir o alarmante estado no que se atopa o Centro de Saúde do Concello, onde prestan atención na actualidade tan só 6 médicos dos 10 que corresponderían ao municipio, así como tan só un dos dous pediatras necesarios. Do mesmo xeito, tamén se lle trasladou a necesidade de reabrir o consultorio de Goián, que permanece pechado desde fai meses. Tamén se incidiu na necesidade de acometer reformas integrais en centros educativos coma o Pedro Caselles ou a axilización do proxecto de ampliación do IES Alonso Ríos.
Outra das cuestións que se trataron foi a necesidade de mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar, unha financiación que o Concello considera insuficiente e onde cada vez a administración local ten que asumir un sobrecuste maior. O Concello de Tomiño dedicou a este apartado 91.000 euros no ano 2018, 106.000 no 2019 e 126.000 euros no que vai de 2020, cun total de 44 traballadoras auxiliares que prestan atención a 120 usuarios.
Tomiño retoma a programación cultural este fin de semana
As actuacións terán lugar no auditorio de Goián, cumprindo estritamente a normativa de seguridade
Tomiño retomará este fin de semana a súa programación cultural despois do parón temporal decretado trala entrada na alerta vermella durante o pasado mes para frear a expansión da COVID-19 no municipio. A programación desenvolveráse durante o fin de semana no auditorio de Goián, cumprindo estritamente a normativa de seguiridade.
O sábado 14 o público asistente poderá desfrutar do monologuista e actor Federico Pérez, ao que coñece media Galicia por Moncho (Era Visto!) ou por Josito (Padre Casares). Federicorecoñece ter aprendido todo nas tabernas e agora considera que é hora de compartir este coñecemento co gran público levando ao escenario a súa experiencia como humorista. O prezo será de 3 euros.
O domingo 15 a cousa irá de teatro. A obra "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza" fará sen dúbida as delicias dos máis pequenos. Unha obra moi participativa, simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo. As entradas terán un prezo de 3 euros para os adultos e de 1,5 euros para os nenos e nenas.
As entradas poden ser reservadas a través do mail cultura@tomino.gal ou chamando ao 986 62 20 01. Agradécese levar o importe xusto.
Tomiño ultima os pasos para o lanzamento da súa plataforma de venda online, 'Atenda.gal'
Agardan pola en marcha nas vindeiras semanas aproveitando a campaña de Nadal
O Concello de Tomiño está ultimando os últimos pasos para a posta en marcha da esperada plataforma de venda online para o comercio local, que levará o nome de 'Atenda.gal'. Nun inicio espérase que a plataforma conte coa presenza de aproximadamente 20 comercios, aínda que posteriormente poida haber máis incorporacións.
A posta en marcha da plataforma espera poder aproveitar o impulso de partida que a campaña de Nadal vai proporcionar ao comercio local, ademais de aproveitar unha fiestra comercial nun momento no que unha nova reclusión domiciliaria é unha posibilidade a ter en conta, coas repercusións que isto ocasionaría nos negocios máis pequenos.
Para conseguir que a plataforma partise dunha base o máis sólida posible, o Concello de Tomiño organizou, a través do seu Departamento de Promoción Económica e Comercio Local, un plan de formación dos seus comerciantes para dotalos de ferramentas e coñecementos nas novas tecnoloxías dixitais. O programa, iniciado en maio de forma online debido á pandemia, contou coa axuda de varios formadores que proporcionaron aos comerciantes pautas sobre o uso de redes sociais, fortalecer a presenza en Google ou realización e edición de fotografías entre outros moitos temas.
Logo de finalizar o programa nas últimas semanas, os comerciantes cubriron unha enquisa de satisfacción sobre a formación recibida cuxos resultados permiten apreciar unha satisfacción moi maioritaria: O 85,8% deles consideraron que grazas á formación están bastante ou moito máis preparados para iniciarse na venda online dos seus produtos, ademais de amosar o 92,8% un grao de satisfacción co curso notable ou excelente.
A alcaldesa, Sandra González, valorou positivamente a experiencia. "Cremos que esta formación vai dar un impulso moi importante ao comercio local á hora de adentrarse na venda a través de internet e esperamos que pouco a pouco máis comercios se dean conta da oportunidade que supón a nova plataforma e se vaian sumando tamén", afirmou.
O deputado do BNG, Manuel Lourenzo, visita Tomiño para interesarse polos problemas na atención primaria
O deputado entrevistouse coa alcaldesa, a concelleira de Benestar Social e cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde de Tomiño
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Manuel A. Lourenzo Sobral, visitou Tomiño esta mañá, onde se entrevistou coa alcaldesa Sandra González, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez Souto, e cunha representación do persoal sanitario do Centro de Saúde de Tomiño, para interesarse de primeira man polas eivas e deficiencias existentes no servizo de Atención Primaria do municipio, conformado por este centro e polo Consultorio Médico de Goián.
A visita está enmarcada dentro do conxunto de accións que o BNG local está a levar a cabo nos últimos meses para esixir ao Sergas a garantía dunha boa prestación de dito servizo neste concello, un servizo que ten recibido múltiples queixas por parte das persoas usuarias, especialmente a través das redes de información local.
Durante a visita tratouse a problemática derivada da non reposición das ausencias do persoal sanitario por parte da Consellería de Sanidade, o que leva que durante as mesmas as pacientes sexan desviadas ao resto de colegas do centro, coa conseguinte sobrecarga de traballo, que obriga ao persoal a facer horas extras que non lles son remuneradas. Tal e como recalcan os propios profesionais, isto ten acontecido durante todo o transcurso da pandemia ata agora. "Desde que chegou a pandemia non houbo ningún momento no que chegaran a estar cubertas ao mesmo tempo as 8 prazas que ten asignadas o centro médico", declarou unha das médicas presentes na reunión. Do mesmo xeito, o Consultorio de Goián permanece fechado pola falta de cobertura do persoal, tendo que derivar aos usuarios e usuarias do mesmo ao Centro de Saúde do Seixo.
O BNG de Tomiño considera que, nesta crise sanitaria que se está a vivir, a Xunta de Galicia debe poñer todo o seu esforzo en que o servizo de atención médica sexa eficiente e inmediato. Por iso desde o BNG declaran que seguirán asumindo esta reivindicación da veciñanza de Tomiño e acometendo as accións que sexan precisas para garantir este obxectivo.
|