O Concello da Guarda está a deseñar a campaña de Nadal e, dentro das accións comerciais, este ano se vai a incluír un Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente.
A finalidade é incentivar o comercio local e crear sinerxias instalando as casetas durante a campaña de nadal, é dicir, dende o acendido da iluminación de Nadal ata o 5 de xaneiro.
Ao igual que o mercado organizado como peche do verán, a participación no mercado será gratuíta a cambio do compromiso da apertura dos postos durante os días e horario establecido.
O número de postos é reducido polo que se vai establecer unhas quendas dependendo do número total de interesados. O reparto destas quendas realizarase por sorteo entre os profesionais que cumpran os requisitos solicitados.
Os interesados poden consultar as bases de participación e disporán ata o venres 20 de novembro para solicitar a súa participación mediante unha instancia xeral no rexistro municipal tal e como se define nas bases.
O pasado mércores día 4 de novembro iniciáronse as obras de mellora da Rúa Calvario entre os números 48 e 73.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o concelleiro de Vías e Servizos, Miguel Español, visitaron o arranque das obras xunto co arquitecto municipal e técnicos da empresa adxudicataria, que xa comezou os traballos de retirada do vello firme desta rúa urbana. Foi precisamente neses intres cando saíu á luz a vella capa de rodadura de pedra, pedras que se tentarán recuperar para empregalas en parte destas obras de mellora.
Esta actuación contará cunha parte central para a recollida de augas fluviais, substituíndo o pavimento existente por outro novo de pedra en continuidade cos tramos xa mellorados en fases anteriores nesta mesma rúa.
Executarase unha nova rede de abastecemento de auga, así coma a incorporación de bocas de incendios e a substitución da rede de augas pluviais e residuais, dispondo as novas acometidas a pozos e eliminado as acometidas que nestes intres non se poden controlar ou rexistrar.
O prazo de execución destas obras prolongarase ao longo duns 45 días, alternando o uso da rúa cando sexa posible, polo que se pide a máxima comprensión por parte dos veciños desta rúa.
Estas obras contan cun orzamento total 121.951,87€ IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.