JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Campo de fútbol do Alivio conta a partir de hoxe cun aparato desfibrilador

Directivos de clubs locais realizaron a formación para coñecer o funcionamento do dispositivo, adquirido con fondos da Deputación Provincial

O Campo de Fútbol do Alivio conta dende hoxe cun aparato desfibrilador para previr e tratar ataques cardíacos que puideran producirse.

O concelleiro de Deportes, Fran Campo, recibiu hoxe o dispositivo electrónico, que vén a sumarse aos que xa teñen os campos da Carballa e Regatiño (Goián), existindo unha cuarta unidade en poder da Agrupación de Protección Civil.

O novo equipo , coma os anteriores, foi adquirido grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra para este fin (60% do custe), achegando o resto o propio Concello e servirá para cubrir a actividade dos equipos que adestran nos campos deportivos.

O concelleiro de Deportes salientou tras a entrega deste último desfibrilador, que varios membros dos clubs, realizaron os cursos necesarios para saber manexar os aparatos en caso de necesidade. "Deste xeito, incrementamos a seguridade dos nosos xogadores, no fútbol base e tamén noutras categorías", comentou Fran Campo.

Concello Tomiño


A policía local de Tomiño conta dende hoxe cun novo vehículo híbrido para a protección do medio ambiente

A Alcaldesa aproveitou a visita da directora xeral de Administración Local para amosarlle o proxecto da futura biblioteca municipal

A Policía Local de Tomiño conta dende hoxe cun novo coche patrulla, que lle permitirá desenvolver tarefas de protección medio ambiental. O vehículo "Eco", cun motor híbrido (gasolina electricidade) e tracción 4 x 4, foi entregado na mañá de hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro.

No acto de entrega atopábase tamén o portavoz municipal do PP, Esteban González Miranda; o concelleiro de Tráfico, Ismael Troncoso e o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez.

A directora xeral de Administración Local, explicou que o novo vehículo destinarase especialmente a tarefas relacionadas coa protección ambiental, coma vixilancia e conservación do medio ambiente, protección da flora e da fauna, recollida de verteduras, etc. A unidade vén a complementar o parque móbil da policía local que conta con outros dous coches patrulla e unha moto.

A Alcaldesa tivo oportunidade de amosar ás mandatarias da Xunta de Galicia o proxecto da futura Biblioteca Municipal, situada a carón do mercado. A alcaldesa explicou que o edificio da futura biblioteca tamén acollerá servizos municipais como a concellería de cultura, ou a Aula Cemit, así coma o Arquivo Municipal e aulas de formación.

A concentración destes recursos nun edificio permitiría aforros a nivel enerxético e mesmo de xestión do propio edificio, que ao estar tan próximo ao Concello, facilitaría as distintas xestións que teñen que facer os veciños en dependencias municipais.

O concello de Tomiño ten neste proxecto cultural e administrativo a súa máxima prioridade, e solicita que a Xunta de Galicia, ao igual que en outros concellos, colabore a través dun convenio en varias anualidades con esta infraestrutura tan importante para a veciñanza.

Concello Tomiño


Tres mil estudantes votan esta semana para elixir a mascota do festival transfronteirizo "Aventura na Terra da Amizade"

Todos os centros de infantil, primaria e secundaria de Tomiño e Cerveira colaboran na realización da votación, promovida pola Eurocidade

"Mizi", unha londra de río típica da zona; "Pinhas", un esquío amigable e áxil ou "Minius", unha criatura que representa os elementos naturais e culturais propios da fronteira entre Tomiño e Cerveira. Son as tres mascotas entre as que terán que elixir cerca de 3000 estudantes dos centros escolares de infantil, primaria, secundaria e bacharelato dos municipios ribeireños.

Organizada pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, a votación ten por obxectivo seleccionar a mascota do festival transfronteirizo "Aventura na Terra da Amizade", cuxa segunda edición celebrarase no vindeiro verán. O profesorado dos centros educativos dun e outro lado da fronteira colaboran coa Eurocidade para levar a cabo as votacións nas distintas aulas e recoller as papeletas. O resultado coñecerase o día 30 de outubro.

A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil do Concello de Tomiño, Fátima Rodríguez, explica que o proceso se iniciou hai uns meses co convite a 13 estudos de deseño de Galicia e Portugal, para crear modelos de posibles mascotas, quedando coma as tres finalistas escollidas por un xurado as que agora se propoñen para a votación.

Trátase de "Mizi", unha londra de río típica da zona, peculiar mamífero de graciosos movementos que habita entre a auga e a terra; "Pinhas", que representa un esquío, un animal tenro, amigable e áxil que se pode avistar nas dúas localidades, cun xeito de vivir, actuar e moverse promove a curiosidade e as ganas de explorar a natureza, e "Minius", criatura que representa os elementos naturais e culturais propios da fronteira entre Tomiño e Cerveira, coma as fortalezas, a Bienal de Cultura ou a Torre de Tebra.

O 31 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira edición do festival. A xente de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, puido escoller entre decenas de xogos e actividades nun espazo natural coma o Parque de Lecer do Castelinho. "Trátase dun festival cun forte compromiso coa pegada ecolóxica a accións de concienciación ambiental, totalmente de balde e para todas as familias", explica a concelleira.

Concello Tomiño


Os gobernantes de Cerveira e Tomiño piden máis fondos para consolidar a cooperación transfronteiriza

A aposta ferroviaria entre os territorios do Norte de Portugal e Galicia foi un dos reclamos máis importantes

A necesidade de estreitar relacións con Bruxelas e de calendarizar proxectos concretos con financiación europea, foi unha das conclusións compartidas polas autoridades que asistiron ás II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño celebradas no Centro de Apoio Empresarial de Vila Nova de Cerveira.

Así o manifestaron os alcaldes de ambas vilas fronteirizas, Sandra González e Fernando Nogueira nas súas intervencións no marco do debate "Europa sen fronteiras. O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo", no que tamén participaron a comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a ministra de Coesão Territorial do Governo Português, Ana Abrunhosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Nunha mesa anterior, o deputado provincial e vice-director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, aseguraba que o devandito agrupamento é maior de idade" e está en condicións de xestionar unha estratexia 21-27. "A nosa estratexia encaixa perfectamente nas estratexias europeas, polo que solicitamos fondos para os territorios de fronteira", advertía o deputado, lembrando asemade a necesidade dunhas políticas específicas para estas zonas e rexeitando o peche de fronteiras para os cidadáns que habitan, traballan, comercian e se relacionan dun e outro lado do Miño.

Tanto a comisaria, coma a ministra de Cohesión Territorial, ambas portuguesas, salientaron a existencia de proxectos e estratexias políticas de desenvolvemento común entre os territorios fronteirizos. "Por primeira vez existen estratexias transnacionais, con infraestruturas e instrumentos e vontade política de abolir fronteiras en aras do ben común dos habitantes e de que as fronteiras no día a día, desaparezan", afirmaba Ana Abrunhosa, que postulaba ademais a necesidade dun Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos que regule a situación das persoas que desenvolven a súa actividade profesional doutro lado da fronteira.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, cualificou o día das xornadas coma "un día grande para a cooperación transfronteiriza". A rexedora admitiu que nos cinco últimos anos de traballo conxunto con Cerveira, no que se implicaron máis de 10.000 persoas nos distintos proxectos executados, houbo obstáculos e atrancos que se foron resolvendo dende o ámbito local con bastante eficacia. "Na Eurocidade felicitámonos polo impulso dado á cooperación pero solicitamos maior concreción e poder calendarizar os próximos pasos; resulta imprescindible reforzar o apoio do goberno autonómico, español e europeo, xa que somos a fronteira máis transitada de Europa, cun 47% do fluxo de vehículos que viaxan entre España e Portugal e con 6.400.000 habitantes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal", salientou a alcaldesa, asegurando que a mesma non é o final de nada, senón o centro do desenvolvemento, cunha economía e recursos moi potentes.

"Necesitamos financiamento para seguir levando a cabo esa cooperación de proximidade e precisamos tamén canles de comunicación máis directos cos entes europeos", reclamou a política, falando de dous proxectos fundamentais para a rexión, coma son a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto e a creación do futuro Parque da Amizade que unirá cunha pasarela sobre o río a Tomiño e Cerveira e as súas zonas de recreo e interese paisaxístico e ambiental.

Da teoría á práctica

O presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, foi o encargado de pechar o debate. Na súa intervención resaltou a necesidade de dar un salto cualitativo e cuantitativo na cooperación transfronteiriza, pasando da teoría á práctica, para o que pediu o apoio europeo, rexional e dos estados luso e español. Coma obxectivos próximos, citou o plan de acción conxunto aprobado no recente Cumio Ibérico celebrada na cidade lusa de Guarda, a mellora das infraestruturas ferroviarias xa existentes, e a solución dos obstáculos administrativos que obstaculizan aínda unha relación máis estreita.

Tanto a ministra portuguesa como o presidente da Xunta de Galicia, que asistiu a través de videoconferencia, amosaron a súa preferencia polo eixe atlántico ferroviario. Feijóo afirmou que se está traballando xa nunha nova estratexia de cooperación 2021-2027, baseada na convivencia dos habitantes lusos e galegos e na superación da actual pandemia.

A Eurocidade Cerveira Tomiño, celebrou as II Xornadas Amizade para e reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza, e realizar un balance dos resultados acadados na "Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño", proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño solicita a colaboración cidadá para reclamar unha mellor cobertura móbil

Nas áreas afectadas pola deficiencia do servizo viven case 7.000 veciños, a metade da poboación municipal

O Concello de Tomiño iniciou un proceso para reclamar fronte a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e fronte á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) os problemas que desde xa fai un tempo o municipio sofre en materia de cobertura móbil.

Na actualidade existen 24 zonas onde o servizo está sendo totalmente deficitario, chegando nalgunha delas a haber unha total ausencia de cobertura, o que supón grandes prexuízos tanto para a veciñanza como para as empresas instaladas, especialmente nun contexto de pandemia no que o teletraballo aumentou considerablemente. Estas zonas supoñen un total de 6.719 veciños empadroados, case a metade da poboación do concello, algo que afecta tamén a todo aquel que transite ou se desprace a estas áreas.

Ante esta situación, o Concello de Tomiño decidiu elevar unha queixa aos organismos pertinentes, para o cal solicitou a colaboración de toda a veciñanza co fin de redactar unha denuncia o máis detallada posible. Para isto habilitouse un formulario de recollida de datos a través do cal as persoas que estean experimentando problemas relacionados coa cobertura móbil poderán explicar o seu caso, especificando o operador telefónico da persoa que fixo a chamada e da que a recibiu, o lugar no que se produciu o corte ou o día e a hora no que aconteceu. Pódese acceder ao formulario a través da ligazón https://tomino.gal/cortouse/

Os problemas relacionados coas fallas no servizo de cobertura móbil veñen xa de lonxe, pero víronse agravados desde o inicio da pandemia, onde o uso de internet se fixo máis necesario. O pasado mes de setembro o Concello xa se dirixiu á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, e ao xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé, explicándolles a situación pola que o municipio atravesa, con fin de lograr unha solución a un problema que cada vez é peor.

Concello Tomiño


A OMIX Tomiño ofrece un curso de comida vegana sen glute e outros para traballar na nube

As posibilidades que ofrece Google Docs o como utilizar a Sede Electrónica do Concello, son outras das propostas da oficina xuvenil municipal

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño impartirá nos próximos meses catro cursos para os que aínda quedan prazas vacantes.

Trátase dos obradoiros (todos ONLINE) de Iniciación á cociña vegana e sen glute, Traballar na nube de Google, Aplicacións de Google: Google Docs e Cómo utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño.

Na primeira destas accións formativas (Iniciación á cociña vegana e sen glute) aprenderase a elaborar receitas veganas e sen glute dende as materias primas, como o tofu ou tempeh, por exemplo, ata a preparación dun prato final. Ao rematar, ás persoas terán un receitario saudábel e equilibrado para unha semana. Os obxectivos principais son ofrecer alternativas veganas e sen glute e amosar como se elaboran produtos básicos coma poden ser as consideradas "carnes vexetais".
https://tomino.gal/obradoiro-online-de-iniciacion-a-cocina-vegana-e-sen-glute/

Pola súa banda, o curso básico Traballar na nube de Google, ten coma obxectivo saber que significa traballar na nube; trucos para dominar as buscas en Google, xestionar a axenda con Google calendar, saber utilizar drive+photos+google alerts+notas online+, o paquete de Google Office, deseñar gráficos online, etc..
https://tomino.gal/curso-online-traballar-na-nube-de-google/

Mediante este curso básico Aplicacións de Google: Google Docs, as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a configurar unha páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, insertar imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión, etc.

O curso ten lugar a través dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe total do curso: 5€
https://tomino.gal/curso-online-de-aplicacions-de-google-google-docs/

Por último, no obradoiro online Cómo utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, as persoas aprenderán a manexar a sede electrónica municipal, para poder realizar calquera trámite as 24h dos 365 días do ano, dende a súa casa, sen necesidade de achegarse ao Concello; solicitar volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menor, solicitude de espazos públicos etc.

As tarefas faranse tamén a través dunha plataforma e-learning cun titor que atende de xeito personalizado as consultas do alumnado. Custe total do curso: 5 euros.
https://tomino.gal/curso-online-como-utilizar-a-sede-electronica-do-concello-de-tomino/

A OMIX Tomiño, por outra banda, está elaborando a programación de actividades e cursos 2021, para o que acepta, coma xa fixera outras veces, suxestións da xente moza, que poden enviarse por correo electrónico a omix@tomino.gal.

Concello Tomiño


A lontra 'Mizi', elixida mascota do Festival Infantil da Eurocidade Cerveira - Tomiño

Contou co 48'60% de preto de 2.000 votos emitidos polo alumnado

Aproximadamente 2000 estudantes de todos os centros educativos dos concellos irmandados de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, desde educación infantil ata secundaria, aceptaron o reto da Eurocidade de elixir a mascota para o Festival Infantil Transfronteirizo "Aventura na Terra da Amizade". 'Mizi', unha lontra de río típica da zona, foi a proposta gañadora.

O proceso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño comezou, hai xa uns meses, cunha invitación dirixida a 13 deseñadores de Galicia e do Norte de Portugal para crear modelos de mascotas que, logo da avaliación do xurado designado, se reduciu a tres propostas finalistas: "Mizi", "Pinhas" e "Minius".

Grazas á estreita colaboración das direccións dos centros educativos e do profesorado de cada clase, todo o alumnado de ambos concellos fronteirizos participou libremente na elección do seu deseño favorito, nunha experiencia de cidadanía activa. Despois de contabilizar os aproximadamente 2000 votos, "Mizi" foi a proposta máis votada cun 48,60%, seguida de "Pinhas" cun 32,80% e "Minius" cun 18,60%.

Nunha combinación das palabras "amizade" e "Minho", "Mizi" está inspirado nun animal típico da zona como a lontra de río, un peculiar mamífero con graciosos movementos que habita entre a auga e a terra. Para o verán de 2021, a 2a edición do Festival Infantil Transfronteirizo "Aventura na Terra da Amizade" contará xa coa presenza desta mascota que terá diversas aplicacións.

Coa 1ª edición celebrada o 31 de agosto de 2019, a "Aventura na Terra da amizade" é un evento promovido no ámbito da Eurocidade Cerveira Tomiño, co obxectivo de reunir ás familias nunha convivencia transfronteiriza nun ambiente natural, con xogos, espectáculos e animación do imaxinario dos máis pequenos. Ademais de convivencia e animación, o festival tamén ten unha forte compoñente de sensibilización ambiental.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais