|
O Rosal súmase á APLU para velar polo uso correcto do territorio e a protección da paisaxe
A alcaldesa e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinaron o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, asinou esta mañá xunto á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os rexedores dos concellos de Ames e Guitiriz a súa adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), o que garante un correcto uso do territorio e a protección da paisaxe. Nestes intres 89 municipios galegos están adheridos a esta axencia.
A APLU ten por obxectivo velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións, sendo un ente que está ao servizo dos concellos para garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente. Ángeles Vázquez explicou que, en virtude destes convenios, os concellos delegan na APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza sempre que estean en solo rústico non urbanizable e solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Por outro lado, a APLU transferirá ao concello un 10% do produto das multas coercitivas e sancións.
O obxectivo é seguir incorporando novos concellos a esta axencia e fomentar a colaboración cos concellos adheridos, xa que os resultados amosan que a actuación conxunta é sinónimo de éxito. A modo de exemplo, a conselleira argumentou que en 2019 -último balance completo dispoñible- baixaron o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación e un exercicio máis, o número de execucións subsidiarias, as realizadas polos particulares, foi dun 95%.
Concello de O Rosal
O servizo de Vías e Obras estrea vehículo
Talleres Rodosa, adxudicatario do contrato de subministro, entregou este mércores as chaves da nova furgoneta. Substituirá á empregada ata o de agora, con máis de 20 anos de antigüidade e con continuas avarías
O Concello do Rosal conta desde este mesmo mércores 28 cun novo vehículo para o servizo de Vías e Obras, unha furgoneta que se empregará para o traslado do persoal deste departamento aos lugares de actuación, principalmente daquel que desempeña tarefas de desbroce no termo municipal, así como de todo o material necesario para o desenvolvemento das súas funcións.
A adxudicataria do contrato de subministro, Talleres Rodosa, entregaba hoxe as chaves do vehículo á alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, diante das portas do Concello. A furgoneta tivo un custo de 24.350 euros subvencionados ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
O Concello sacou a concurso a adquisición dun novo vehículo para este departamento para poder dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do seu traballo, xa que a furgoneta que se estaba empregando ata o momento tiña máis de 20 anos de antigüidade e sufría avarías con frecuencia. O novo vehículo, de menos de 10 prazas e acondicionado para o transporte de material, é de cor branca e ten rotulado o nome e o escudo do Concello do Rosal e da Deputación.
Concello de O Rosal
O punto limpo adáptase ao horario de inverno
O novo horario comeza este mesmo martes 27 de outubro. O bo uso do servizo por parte da veciñanza permitiu reducir a lista de agarda e xa é posible pedir cita para o día seguinte
A partir deste mesmo martes 27 de outubro o horario de apertura do punto limpo modificarase lixeiramente para adaptarse ao horario de inverno. Deste xeito permanecerá aberto ao público:
o Martes, xoves e venres (mañá): de 08.30 a 13.30 horas
o Mércores (tarde): de 15.00 a 18.00 horas
o Sábados (mañá): de 10.00 a 13.00 horas
Dende o Concello quere agradecerse ás persoas usuarias do punto limpo os bos hábitos adquiridos durante estes últimos meses, como o de presentar os residuos ben separados e clasificados ou agrupar cantidades maiores de material para optimizar as viaxes ata estas instalacións municipais. Todo isto permitiu reducir a lista de espera para deixar residuos no punto limpo e a día de hoxe xa é posible pedir cita para o día seguinte.
Recoméndase pedir cita previa a través da web do Concello premendo aquí ou a través do apartado Medio Ambiente do menú principal da páxina, pinchando en 'Cita Previa Punto Limpo'. Soamente debe premerse o botón 'Cita previa', seleccionar o día e a hora que máis conveña para facer a entrega de residuos, cubrir os datos e indicar a tipoloxía de residuos a entregar e a cantidade en capachos que se leva de cada un deles. Neste mesmo apartado poderase atopar as indicacións para o uso das instalacións, como o límite máximo admitido para algúns dos residuos.
Tamén se pode seguir solicitando cita previa chamando ao teléfono 986 625 000 extensión 3002.
Dada a situación sanitaria é imprescindible manter a cita previa que, ademais de ser unha ferramenta para evitar o risco de contaxio para a veciñanza e o propio persoal, ao controlar a afluencia de xente ás instalacións, tamén supón unha vantaxe para as persoas usuarias deste servizo, que non teñen que facer colas nin agardar demasiado tempo no exterior das instalacións agardando a ser atendidas.
Concello de O Rosal
|