JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Eurocidade Cerveira-Tomiño avalía os seus proxectos pioneiros de cooperación

O Orzamento Participativo Transfronteirizo e as Valedoras da cidadanía son dúas das figuras creadas polos municipios para promover as relacións entre os seus habitantes

A Eurocidade Cerveira Tomiño, a partir do ano 2014, envolvendo nas súas accións a máis de 10.000 persoas, afondou e consolidou as relacións institucionais a través dunha programación e xestión conxunta e partillada de distintos servizos públicos e do envolvemento da cidadanía na formulación de solucións comúns para a resolución de problemas comúns. Ditas accións fixéronse no marco da "Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño", cofinanciada polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).

Neste camiño conxunto pódense salientar algunhas accións distintivas, nomeadamente, a nivel da participación pública e da implicación da cidadanía, que se citan a continuación:

i) Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), proxecto pioneiro que permite á cidadanía e/ou entidades presentar proxectos comúns que son posteriormente votados polos electores de ambos os dous concellos. Entre 2016 e 2019, máis de 2000 votantes escolleron 10 proxectos, dun total de 25 candidaturas presentadas, que envolveron perto de 3000 participantes, en áreas como cultura, deporte, ambiente ou accesibilidade para todas as persoas.

ii) Valedoras da Cidadanía Transfronteiriza, figura única en Europa, que ten como función dar informacións sobre dereitos e deberes da cidadanía transfronteiriza e aínda rexistrar eventuais ocorrencias que poidan contribuír para corrixir problemas e mellorar o relacionamento entre as persoas e as institucións dos dous lados da fronteira. No ámbito da súa acción destácase a recomendación para a eliminación das barreiras á mobilidade infantoxuvenil, problemática que foi albo de análise no ámbito do proxecto B- solutions da Comisión Europea.

iii) No que respecta á planificación e xestión conxunta de equipamentos e servizos de utilización colectiva, destácase a creación dunha Plataforma Tecnolóxica de Xestión de Servizos Partillados, que facilitará o acceso da veciñanza a varios servizos na Eurocidade.

Para conclusión do proxecto serán realizadas as II Xornadas Amizade Cerveira Tomiño, que terán lugar o próximo día 23 de outubro, no Centro de Apoio ás Empresas de Cerveira e que servirán tamén para facer o balance dos resultados alcanzados. As conferencias poderán seguirse en streaming na web da Eurocidade (eurocidadecerveiratomino.eu).

Concello Tomiño


O AECT RIO MINHO PON EN MARCHA UN PROXECTO PILOTO DE BICIS TRANSFRONTEIRIZAS NAS EUROCIDADES DO MIÑO

Trátase dunha iniciativa pioneira na fronteira ibérica para fomentar a mobilidade e sustentable que comezará a funcionar na primavera coa intención de extendela a outros concellos

A presidenta Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez aproveitaron a presentación para reclamar Fondos Europeos de Recuperación Económica para o territorio do Miño

O AECT Rio Minho presentou hoxe o proxecto piloto para que as Eurocidades do Miño dispoñan dun servizo de préstamo de bicicletas eléctricas que permita á cidadanía cruzar libremente a un lado e outro da fronteira. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, trátase dunha iniciativa de 'bike sharing' pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor.

Segundo explicou Benítez, este sistema de xestión compartida para bicicletas eléctricas centrarase nos seis núcleos urbanos de elevada mobilidade que son as tres eurocidades do Miño, e estará ligado á rede transfronteiriza de rutas, sendas e ecopistas do río Miño transfronteirizo. Apuntou que a iniciativa enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto 'Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño' Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

O deputado subliñou que o servizo ten un atractivo non soamente para a veciñanza galega e portuguesa, se non para as miles de persoas visitantes que percorren as vilas transfronteirizas e as sendas fluviais do Miño, moi transitadas xa a día de hoxe por bicicletas, tal e como se comprobou na propia presentación. Lembrou que, de feito, ademais da mobilidade sustentable outro dos obxectivos estratéxicos do AECT é a promoción do territorio do rio Minho transfronteirizo e a súa marca Rio Minho para atraer máis turismo.

Benítez aproveitou para facer unha reflexión sobre os Fondos de Recuperación Económica da UE e destacou que o servizo que hoxe presentou o AECT encaixa na Estratexia 2030. "Estamos a facer as cousas cun horizonte e un obxectivo claro para desenvolver este territorio. Somos maduros para acceder aos fondos dos que se está a debater. Sabemos onde queremos ir e somos maiores de idade para desenvolver un Investimento Territorial Integrado no río Miño", reivindicou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, pola súa parte, agradeceu ao AECT Río Miño e ao mundo local, ás alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras das vilas portuguesas que participan na iniciativa, pola súa "creatividade" e por ser capaces "de poñer en marcha proxectos moi novidosos que responden ás demandas da Axenda 2030 e do novo mundo que temos que construír". Así, Carmela Silva subliñou que se trata dunha iniciativa "que nos sitúa como referencia das economías máis avanzadas e como modelo innovador ligado á sustentabilidade". Tamén destacou a presidenta a importancia deste programa piloto ligado á mobilidade sostible "que sitúa a este territorio único, especial, con grandes valores culturais, históricos e medioambientais, no centro dun grande proxecto que está a impulsar como se merece a esta zona".

Amais a presidenta provincial aproveitou a ocasión para esixir "fondos europeos para o mundo local. Temos que ter a capacidade de xestionar recursos para proxectos coma este que se quedan no territorio e fan posible xerar economía". Neste eido, Carmela Silva reivindicou tamén que "os fondos europeos non estarán en mellores mans que no mundo local, onde cada proxecto xestionando é un éxito".

No acto de presentación, ademais dos representantes da Deputación estivo tamén o director do AECT Rio Minho e presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira, as alcaldesas de Tomiño e Salvaterra Sandra González e Marta Valcárcel, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, así como os presidentes das cámaras de Valença e Monçao, xunto ao representante da empresa concesionaria Nuno Oliveira.

Uso a través dunha APP

O deputado Uxío Benítez explicou que nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro e utilizar esta tanto para recados da veciñanza como para circuítos de lecer. A vontade, indicou o nacionalista, é que despois do proxecto piloto, que comezará na primavera, se amplíe a iniciativa tanto en número de vehículos como en concellos implicados. Tamén anunciou que se solicitarán máis fondos europeos para vindeiras convocatorias do Interreg.

Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida non disporán de ancoraxes físicas físicas, senón que haberá espazos (a decidir polos concellos) nos que estarán situadas para a súa utilización, podendo despois deixalas noutros espazos simplemente cancelando a sesión de uso na APP, co que as bicicletas quedarían bloqueadas.

A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do 'bike sharing' en Lisboa ou Porto.

Concello Tomiño


As II Xornadas Amizade Cerveira Tomiño servirán para avaliar o resultado da cooperación transfronteiriza

As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas por streaming a través da web da Eurocidade

A "Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño", proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP), desenvolveu, ao longo dos últimos anos, varias accións orientadas á procura dun desenvolvemento sustentábel do territorio que repercuta positivamente na melloría da calidade de vida e da cohesión social da poboación, na repartición e optimización dos equipamentos e servizos públicos de utilización colectiva e dos recursos humanos e económicos, nun programa de cooperación virado ao futuro.

Para conclusión do proxecto celébranse este venres (23 de outubro) as 2ªs Xornadas Amizade Cerveira Tomiño, que terán lugar no Fórum Cultural de Cerveira e que servirán, fundamentalmente, para facer balance dos resultados acadados.

Coma peche destas xornadas, organízase o debate "Europa sen fronteiras: o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo", onde se pretende refletir sobre os principais desafíos das políticas de cohesión europeas no período pos- COVID 19 e o papel da cooperación transfronteiriza na consolidación dun dos piares/principios fundacionais da Unión Europea: a Europa sen fronteiras.

Dado o actual contexto de pandemia por mor da COVID-19, o evento será retransmitido por streaming e só será posible o acceso presencial na sesión da tarde para ponentes, institucións, entidades convidadas e prensa acreditada.

As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas por streaming a través da web da Eurocidade (https://eurocidadecerveiratomino.eu).

Concello Tomiño


Tomiño ilumínase de rosa para visibilizar o cancro de mama

Cada ano son diagnosticados uns 4.500 casos en Galicia

Con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama o día 19 de outubro, a Asociación de Diagnosticad@s de Cáncer de Mama (ADICAM) decidiu reinventarse para poder seguir visibilizando a doenza atendendo ao cumprimento das normas derivadas da COVID-19, polo que este ano decidiu convocar ás institucións públicas para iluminar algunha estrutura arquitectónica de cor rosa.

O Concello de Tomiño decidiu sumarse a esta iniciativa iluminando a fachada da sede municipal, contribuíndo así a visibilizar unha doenza que cada ano diagnostica máis de 30.000 novos casos no conxunto do Estado, uns 4.500 deles en Galicia. Á iniciativa sumáronse tamén concellos como Pontevedra, Baiona, Vigo, Cangas, Moaña, Bueu e Vilagarcía de Arousa.

Anualmente ADICAM celebra numerosas actividades durante o mes de outubro, labor que se viu dificultado este ano debido á pandemia. Non obstante, a organización traballa nunha ampla programación atendendo a todas as medidas de seguridade precisas.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño inicia un estudo para atraer novos clientes ao mercado

O estudo iniciarase mañá coa realización de enquisas a pé de rúa

O Concello de Tomiño porá en marcha un estudo de campo co que detectar os factores que permitan achegar novos clientes ao seu mercado municipal, o único que conta actualmente co selo de excelencia concedido pola Xunta de Galicia. A realización do estudo comezará mañá 20 de outubro e consistirá na realización de enquisas a pé de rúa entre a veciñanza de Tomiño.

Malia que o período de confinamento conseguiu atraer novos clientes ao mercado, moitos destes non continuaron optando por este espazo para realizar as súas compras unha vez finalizado o estado de alarma. Ante esta situación, desde a xerencia do Mercado de Tomiño decidiu, logo de contactar e visitar de maneira periódica aos praceiros, realizar un estudo que permita coñecer os motivos da non continuidade nos hábitos de compra por parte de moitos clientes, ademais de indagar na oportunidade de atraer novos consumidores.

Espérase que o estudo sirva dea as claves que permitan orientar a formación e o asesoramento dos praceiros, así como para explorar a posibilidade de ofrecer novos servizos que permitan a compra a aqueles clientes que non poden comprar no mercado por unha incompatibilidade de horarios ou outros motivos.

O estudo será realizado pola empresa Coto Consulting S.L. e será financiado nun 50% a través da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o proxecto "Impulso Mercados Excelentes", aportando o Concello de Tomiño o outro 50%.

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais