JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Rosal reanuda a súa programación cultural de outono

Esta fin de semana poderase desfrutar de contacontos para toda a familia e continúa aberta ao público a mostra 'Auga. O sangue da terra'

Aprázanse as I Xornadas do Patrimonio debido á imposibilidade de realizar as saídas de campo na actual situación epidemiolóxica

O Rosal reanuda esta fin de semana a súa axenda cultural de outono tomando todas as medidas de prevención establecidas polo comité clínico de Sanidade da Xunta de Galicia ante a situación epidemiolóxica. A configuración da propia axenda permite que o Concello siga apostando pola cultura dun xeito seguro, limitando aforos, realizando actividades para grupos reducidos e levando a cabo todos os protocolos de seguridade establecidos.

Deste xeito, a actividade cultural botará a andar de novo este venres 23 cun espectáculo dirixido a público infantil que terá un aforo limitado a 50 persoas. Unha cita musical de formato individual na que Magín Blanco procurará descubrir 'O que levas na maleta' interpretando temas propios dun xeito moi próximo ao público e buscando a participación de nenos e nenas na interpretación das cancións e na resolución de distintas cuestións que plantexará. Será ás 17.30 horas no salón de exposicións do Concello.

Tamén continúa aberta no salón de exposicións a mostra fotográfica 'Auga. O sangue da terra', unha fascinante colección de imaxes que traslada ao público a distintos puntos do planeta na procura do ben máis prezado: a auga. Manuel Valcárcel é o autor deste coidado proxecto co que se pretende poñer o foco de atención nun factor vital para o funcionamento do mundo e que moitas veces pasa desapercibido en Occidente. A mostra, para todos os públicos, estará aberta ata o vindeiro 31 de outubro martes e xoves de 18.00 a 20.00 h e venres e sábado de 11.00 a 13.00 horas.

Por outra banda, o Concello apraza ata novo aviso as I Xornadas do Patrimonio, que tiñan previsto arrancar este mesmo venres 23 de outubro. O motivo do aprazamento é a imposibilidade de realizar as saídas de campo na actual situación epidemiolóxica.

Dende o Concello lémbrase que é o momento de ser máis responsables que nunca para tratar de evitar novos contaxios e axudar a que a situación epidemiolóxica evolucione de xeito favorable. Por este motivo non se debe acudir ás citas culturais en grupos de máis de 5 persoas, deben manterse as distancias de seguridade, empregar máscara e levar a cabo calquera outra medida de prevención, como a desinfección.

Concello de O Rosal


Arranca 'Claqueta Violeta', un proxecto para loitar contra a desigualdade de xénero e previr a violencia contra as mulleres

Alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa nas primeiras actividades do programa

Inclúe un obradoiro de creación de curtametraxes que se darán a coñecer ao público e unha conferencia sobre novas masculinidades

O Rosal é un concello comprometido coa igualdade que leva anos traballando en colaboración cos centros educativos para acabar coas desigualdades de xénero e tratar de educar a nenos e nenas para que rachen con roles e estereotipos. Con este obxectivo o Concello acaba de poñer en marcha 'Claqueta Violeta', un proxecto que se leva ás aulas esta temática para facer unha chamada á acción á mocidade; axudalos a reflexionar sobre a igualdade a mozos e mozas e á súa contorna familiar; amosarlles que existen outros tipos de masculinidade alternativos aos tradicionais máis positivos, respectuosos, igualitarios e libres; apelar á necesidade de que o home se implique como acto na loita feminista e promocionar o uso responsable das novas tecnoloxías.

Para acadalo, alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa por grupos nas primeira actividade do proxecto, un obradoiro de creación de curtametraxes no que ademais de proporcionar ás e aos participantes coñecementos sobre a creación e edición audiovisual, traballarase na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. "O obxectivo é estimular a participación do alumnado e a súa implicación, non só como espectadores e espectadoras, senón como actores e actrices no eido da igualdade. Buscamos axudar a desenvolver persoas adultas que defendan a equidade, a liberdade, a autonomía, a solidariedade e, sobre todo, a xustiza", salienta Sara Vicente, concelleira das áreas de Xuventude, Igualdade e Muller.

Buscando a participación do equipo docente para acadar o éxito das actividades, as 10 sesións de traballo terán lugar en horas lectivas coa colaboración dos profesores e profesoras das materias de Tecnoloxía, Educación Plástica, Visual e Audiovisual. O alumnado traballará empregando os seus propios dispositivos móbiles e apoiándose en programas informáticos de edición e montaxe audiovisual cos equipos informáticos da aula de Novas Tecnoloxías do centro.

O proxecto complementarase cunha conferencia sobre "Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero', na que participarán representantes de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Por último, co fin de achegar o traballo realizado á poboación xeral, iranse publicando nas redes sociais do Concello todas as curtas creadas polo alumnado.

O proxecto conta cunha subvención ao abeiro do Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, co que se busca promover actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades que fomenten a desaparición de roles e estereotipos de xénero, a violencia sexual ou o uso axeitado e crítico de internet e das novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos tanto no ámbito educativo en colaboración cos centros como coas ANPAS e coas familias. A actividade está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais