|

Horário do Ferry (9 a 25 de Outubro)
Suspéndese o mercadillo semanal dos sábados na Guarda
O Concello da Guarda, en virtude das medidas de restrición adoptadas por sanidade fronte ao coronavirus COVID-19 sobre as actividades ao aire libre acordou a suspensión do mercadillo semanal dos sábados, unha medida que será efectiva dende este sábado día 24 de outubro e que se prolongará ata próxima comunicación en función da evolución do COVID-19, polo cal o mercadillo semanal queda suspendido dende este sábado, inclusive.
Só instalaranse na Alameda da Guarda os postos habituais de froitas e verduras, prantas e embutidos.
A día de hoxe o número de casos activos na localidade é de entre 0 e 7, estando no nivel 0, seguindo os novos casos confirmados por PCR nos derradeiros 7 días.
Temos que recordar que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas controlar a situación sanitaria debida ao COVID-19. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre ou tose.
A exposición "Río Miño- Memorias transfronteirizas" amplía a súa estadía na Guarda até o 19 de novembro
" A Exposición "Río Miño- Memorias transfronteirizas" permanecerá no andar baixo da Casa dos Alonso até o 19 de novembro en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres
Dende o pasado 9 de outubro xa está na Guarda a exposición "Río Miño - memorias transfronteirizas", na que os visitantes poden contemplar as marxes do río: con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos.
Esta exposición reflicte o Miño, os seus valores ecolóxicos e patrimoniais, e as xentes que habitan nas súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos. Ademais, amosan a cultura dos Tesouros Humanos Vivos, persoas cun profundo coñecemento e prácticas locais, que esta exposición recolle.
Esta exposición itinerante do patrimonio inmaterial que leva a cabo o CIM Alto Minho, en colaboración e coordinación coa Deputación de Pontevedra, amplía a súa estadía na Guarda até o 20 de novembro na Casa dos Alonso, tamén está a disposición dos visitantes un tríptico informativo da mesma.
>Mulleres en Acción. Violencia Zero
O vindeiro luns día 26 de outubro ás 16:00h realizarase no Campo de fútbol da Sangriña, un evento de Mulleres en Acción. Violencia Zero, coa acción de Lúa Mosquetera: Poesía feminista con base musical de reguetón.
Acto: Mulleres en Acción. Violencia Zero
Día: Martes 26 de outubro de 2020
Hora: 16:00h
Lugar: Campo de fútbol da Sangriña
Interveñen:
" Carmela Silva Rego, Presidenta da Deputación de Pontevedra
" Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda
" Fátima Rodríguez, Concelleira de Igualdade
A Guarda convida a festexar o Samaín con actividades para toda a familia
" Este ano o Concello da Guarda arranca a celebración dun Samaín diferente, no que se propoñen 3 actividades que se poden realizar entre toda a familia e para os diferentes gustos de cada un.
As actividades contan con varias accións online con vídeos e a acción presencial "Contos para caghar patatillas" que terá lugar o 31 de outubro no Centro Cultural.
Facemos un trato? Con decoracións escalofriantes
Do 21 ao 29 de outubro arrancan as primeiras actividades con "Facemos un Trato? Mediante unha proposta de decoración das xanelas das vivendas das casas e coa que os máis pequenos da casa poderán levarse un pequeno agasallo.
Nesta actividade os máis pequenos coa axuda das súas familias, terán que decorar unha xanela ou porta da súa casa (visible dende a rúa). Unha vez rematada enviar unha foto da súa decoración ó mail centrocultural@aguarda.es indicando o nome e apelidos dos participantes.
Se aceptan o trato, poderán pasar a recoller unha bolsiña de lambetadas polo Centro Cultural, na hora e día que se lles indique vía e-mail.
Para completar o trato o Concello da Guarda difundirá a través das redes sociais e do canal de youtube un vídeo tutorial con ideas escalofriantes e fáciles para completar as decoracións. Ligazón: https://youtu.be/xcmLAALXR9Q
As fotografías das decoracións realizadas poderán enviarse por mail dende o luns 27 ata o xoves 29. Se as familias así o autorizan as fotos coas decoracións serán compartidas no facebook e instagram de @culturaguarda entre o 28 e o 31 de outubro.
"Cociña de medo" para as receitas máis deliciosas
Seguindo na mesma liña publicaranse vídeos de "Cociña de medo". Agora que chegou o frío e estamos máis tempo na casa, que mellor para festexar a chegada da estación escura que cunhas deliciosas sobremesas de medo.
Na semana que vai do 24 ao 31 de outubro difundiremos a través das redes sociais un par de vídeos con receitas apropiadas para estas datas.
"Contos para caghar patatillas" o 31 de outubro no Centro Cultural
Xa para rematar o Samaín 2020 na Guardao sábado 31 de outubro ás 18:00h o Centro Cultural acolle "Contos para caghar patatillas",onde Brais das Hortas - coñecido tamén como o neno imperdible que acompaña a Peter Punk, pola banda Blues do País, ou a Tropa de trapo, achegarannos unha sesión de historias que falan de pedras que se converten en xigantes, un romance galego que canta a aposta de dous amigos nun cemiterio, un león e unha elefanta no medio da noite na sabana africana, unha nena que escoita por vez primeira a tormenta…
As inscricións para esta actividade presencial, que se realizará con todos os protocolos covid-19 e medidas de seguridade e hixiene vixentes, se poden realizar a partires deste venres día 23 de outubro no centro cultural, chamando ao 986 61 1850 ou enviando un mail a centrocultural@aguarda.es.
Tala dunha palmeira na Alameda e retirada de ramas no Castelo de Santa Cruz
A Concellería de vías obras realiza intervencións en varios espazos verdes da vila.
Por un lado, levarase a cabo a tala dunha das palmeiras da Alameda por tratarse dun exemplar que, dado o seu mal estado, supón un risco para a cidadanía.
Por outra banda, revisaranse tamén as especies vexetais do Castelo de Santa Cruz para retirar aquelas polas que poidan supoñer un perigo neste entorno.
|