JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello de Tui organiza un taller de gastronomía "Sabores de Sefarad" a cargo do cociñeiro Javier Zafra

Impartirase o luns 26 de outubro dirixido a profesionais da hostalería e restauración tudense

O Concello de Tui coa integración da Red de Juderías de España está traballando na promoción turística da nosa cidade ao abeiro do importante conxunto patrimonial relacionado coa presenza xudía na nosa cidade ao longo dos séculos. Pero este labor precisa complementarse con outras medidas que consigan incrementar o atractivo da nosa cidade en torno aos recursos xudeus ou sefardís.

Neste sentido, un elemento clave é a gastronomía, pois é o complemento idóneo a unha visita á nosa cidade. Pero cómpre que esta oferta gastronómica contribúa a incrementar o valor da nosa oferta turística, cunhas propostas dos nosos restaurantes relacionadas con este patrimonio xudeu.

O Concello de Tui a través da Red de Juderías para afondar nesta liña organiza un obradoiro práctico denominado "Sabores de Sefarad" a cargo do cociñeiro Javier Zafra que estará en Tui o luns, 26 de outubro de 2020. Está dirixido exclusivamente a profesionais da hostalaría e restauración tudense. Javier Zafra é autor do libro "Sabores de Sefarad", que recolle unha escolma de receitas ou komidikas facilmente realizables, e xestiona o blog do mesmo nome que pretende ser un lugar onde compartir os pratos cociñados, experiencias culinarias e vivencias dos profesionais que traballan arredor da gastronomía sefardí.

Javier Zafra a través deste taller, dirixido a cociñeiros e chefs, pretende incentivar o mantemento desta forma de guisar que forma parte da nosa tradición culinaria e integrar estes pratos na oferta gastronómica das cidades integradas na Red de Juderias mellorando os recursos que ofrecen aos seus visitantes. Será un actividade eminentemente práctica coa mostra de materiais, condimentos, receitas en vivo, etc.

O concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, convida aos establecementos de restauración abertos na nosa cidade a este taller que considera de gran interese para coñecer esta proposta gastronómica que ten como finalidade mellorar a oferta gastronómica e turística de Tui. Unha aspiración que nestes momentos de incerteza resulta imprescindible de acometer conxuntamente.

O taller terá lugar na Aula Uned de Tui o luns 26 de outubro de 17,00 a 20,00 horas. Os interesados deben inscribirse previamente na Oficina Municipal de Turismo ou a través do correo electrónico: turismo@tui.gal.

Concello Tui


Os comerciantes de Tui e Milladoiro únense na promoción do Camiño Portugués

A asociación de comerciantes de Tui, ACITUI, e de Milladoiro, Palmira Bulevar, suman sinerxías para promocionar o Camiño Portugués a Santiago ao ser a primeira localidade en Galicia desta ruta xacobea, e a derradeira antes de chegar a Santiago, respectivamente.

Hoxe coa sinatura dun convenio entre ambos colectivos quedaron plasmados tres anos de contactos e traballo en prol do Camiño Portugués. O acto tivo lugar na casa do concello de Tui coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, e da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitou a estes colectivo por esta "magnífica iniciativa" destacando o feito de que sexan "dúas entidades privadas as que apostan e colaboran para potenciar, pór en valor e difundir os valores do camiño". Indicaba coma feito notorio que tamén "o sector privado se implique na promoción e difusión do Camiño". Destacaba coma o ano pasado pasaron por Tui máis de 83 mil peregrinos, pero este ano debido a pandemia son 8000, e indicaba que "o camiño vai volver emerxer con potencia e temos que estar preparados".

O presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, explicou que as dúas asociacións traballarán conxuntamente no fomento de eventos vinculados ao Camiño Portugués, e na súa promoción tanto a través das súas redes sociais, coma nas distintas campañas comerciais que leven a cabo pondo as dúas localidades no mapa desta vía xacobea. Tamén buscarán informar tanto ao peregrinos coma do turista dos servizos dispoñibles nestas localidades, e fomentar a cultura galega , a gastronomía e o comercio. Entre os obxectivos tamén está impulsar esta ruta de peregrinación de cara ao Ano Santo 2021.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández, explicou coma na xornada de hoxe frutifica o traballo que iniciaron hai tres anos e no que Tui e Milladoiro sumarán sinerxías.

Concello Tui


O programa Cultiva a Mente realiza a súa segunda edición en cinco parroquias tudenses

Os obradoiros comezaron esta semana coa participación de oitenta persoas

Esta semana comezou a segunda edición do programa "Cultiva a Mente" froito da colaboración entre o Concello de Tui e AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras demencias de Galicia.

Oitenta persoas asisten unha vez á semana aos obradoiros que teñen lugar en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns. Durante hora e media realizan técnicas de memoria, reciben consellos saudables ao tempo que se fomenta a socialización e as emocións positivas. Este ano amais coma novidade abordarán tamén o uso das novas tecnoloxías.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, achegáronse onte ao Centro Cultural de Areas onde tiña lugar o primeiro dos obradoiros na parroquia desta nova edición. O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou o compromiso do goberno municipal de trasladar este tipo de actividades ao rural , dando resposta á necesidade de cohesionar as parroquias e atender as necesidades das persoas que alí viven. O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou o éxito da actividade e a acollida que tivo tanto a primeira edición coma esta segunda. Pola súa parte o presidente de AFAGA, Juan Carlos Blanco, salientou que "Cultiva a mente" un proxecto innovador que apostaron por manter con todas as medidas de seguridade derivadas da actual situación de pandemia.

Os grupos en cada unha destas parroquias están completos pero estase a confeccionar lista de agarda para cubrir as prazas vacantes que se poidan rexistrar. Por iso as persoas interesadas poden cubrir o impreso de solicitude, accesible en tui.gal, e presentalo por rexistro de entrada na casa do concello.

Concello Tui


O Concello de Tui vén de rematar as obras de mellora nas canles do refuxio municipal de cans

O Concello de Tui de Tui vén de rematar as obras de mellora nas canles do refuxio municipal de cans situado en Guillarei. Os traballos consistiron no cambio da estrutura e do tellado nas doce canles máis antigas do refuxio. En concreto foron retiradas as vellas e corroídas estruturas metálicas e o tellado de uralita. Colocáronse novas estruturas e chapa de panel sándwich. Coa execución desta obra mellórase a seguridade tanto para os voluntarios que realizan alí os seus labores, coma para os cans que alí viven. Ao tempo logrouse un mellor illamento térmico o que redunda no benestar dos animais.

Concello Tui


Tui recibe 50 composteiros individuais de SOGAMA para continuar co programa municipal

O Concello de Tui recibiu hai uns días 50 composteiros individuais tras a solicitude feita dende a concellería de Medio Ambiente a SOGAMA.

Con este medio centenar de COINS continuarase o programa municipal de compostaxe individual. As persoas que desexen sumarse a este programa e recibir un destes composteiros individuais poden descargar a solicitude en tui.gal e enviala a compostaxe@tui.gal. A mestra composteira porase en contacto con eles para facer a entrega, explicar o proceso de compostaxe e realizar posteriormente un seguimento do uso. Unha vez entregados estes 50 novos composteiros serán xa preto de 200 as vivendas que contan estes dispositivos, dende que se entregaron os primeiros en agosto de 2019.

Concello Tui


A presentación de documentación para a Ventanilla Única no rexistro de entrada precisará cita previa dende o próximo luns

O Concello de Tui informa que a partir do próximo luns, 19 de outubro, para presentar documentación á Ventanilla Única no rexistro de entrada na casa do concello deberase solicitar cita previa no 687 22 71 90.

A presentación de documentación dirixida ao propio concello e de competencia municipal poderá seguir a facerse sen cita previa.

Esta medida adóptase despois de comprobar, que dende que se eliminou a cita previa, os cidadáns presentan no Rexistro do Concello de Tui documentos que van dirixidos a outras administracións que aínda solicitan cita previa, incluso veciños doutros concellos veñen ao Rexistro do Concello de Tui para evitar o trámite de cita previa nos seus propios concellos, o que está a colapsar este servicio municipal.

Concello Tui


O Concerto "Cantares.Tradición oral no Camiño Portugués" chega este sábado a Tui

Terá lugar ás 19.30 h no Cárcere Vello da man de Leni Pérez e Roberto Comesaña

A cidade de Tui, porta do Camiños Portugueses de Santiago, acollerá este sábado, 17 de outubro, un concerto a cargo Leni Pérez e Roberto Comesaña que tras unha ampla investigación sobre o patrimonio inmaterial do Camiño Portugués teñen preparado este espectáculo sobre a nosa tradición oral que veñen interpretando nas diversas localidades do Camiño Portugués e que chegan esta vindeira fin de semana á cidade de Tui. O espectáculo terá lugar no recinto do Cárcere vello o sábado 17 de outubro a partir das 19,00 horas.

"Cantares. Tradición Oral no Camiño Portugués" é un proxecto co obxectivo fundamental de ofrecer unha serie de concertos didácticos para todas as idades, de pequeno formato e en lugares do camiño Portugués, no que se interprete repertorio de tradición oral das comarcas por onde pasa. O equipo artístico seleccionado para este proxecto está formado por Leni Pérez e Roberto Comesaña. A investigación sobre o patrimonio inmaterial do Camiño portugués, a selección do material, repertorio, o equipo artístico e o deseño do evento foi realizado por Leni Pérez.

Leni Pérez, folclorista e intérprete, encargarase das explicacións e tocará percusións de man tradicionais e cantares de tradición oral recompilados no camiño. Leva recompilando nosa tradición oral dende finais dos anos 80, contando cun amplo arquivo privado, dando clases de cantares de tradición oral dende fai 30 anos, na actualidade dirixe nove escolas no sur de Pontevedra. Durante once anos traballou no programa "Luar" en apartados relacionados co folclore, na actualidade forma parte do programa "Larpeiros" onde tamén pon a nota musical. Acompañada por Roberto Comesaña, acordeonista profesional e mestre, cunha ampla traxectoria acompañando a músicos da talla de Leilía ou Cristina Pato.

O repertorio constará dunha escolma de 15 temas, cunha duración aproximada de 70 min. Na escolma do repertorio contaremos con todo tipo de cantares de tradición oral, do arquivo privado de Leni Pérez, recollidas nas comarcas por onde pasa o camiño, dende cantos de labor, a cantos de lecer, cantares do ciclos festivos anuais (Nadal, Manueles, Reis e Xaneiras), historias e romances, cantos de berce, de xogos, etc

Para o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui, Laureano Alonso, a celebración deste concerto é unha óptima oportunidade para achegármonos ao patrimonio cultural do Camiño de Santiago a través, neste caso, da música popular e tradicional de Galicia, interpretada nun espazo relacionado coa historia tudense e situado á beira do Camiño Portugués.

Concello Tui


Tui inicia o procedemento para ser declarada Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico, REXURBE

O Concello de Tui solicitará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a declaración do conxunto histórico e a súa contorna como Área REXURBE, Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico.

Nas zonas declaradas Areas REXURBE lévanse a cabo actuacións de rehabilitación ao mesmo tempo que se artellan medidas sociais, urbanísticas, ambientais e económicas, enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria. O Concello de Tui terá que dispoñer dun plan de dinamización que será o instrumento estratéxico que marcará as actuacións a realizar en materia de rehabilitación das vivendas e protección do patrimonio cultural como de todas aquelas medidas que contribúan a unha revitalización integral do ámbito.

Os técnicos municipais, xunto a un equipo multidisciplinar, liderado polo estudio de urbanismo e arquitectura MMASA, atópanse actualmente preparando a solicitude que será presentada antes de final de ano ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Esta solicitude incluirá a proposta que delimita o ámbito e comprende de forma desagregada a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica, que se pretende levar a cabo, para a recuperación e dinamización do ámbito. Posteriormente corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia acordar a declaración da Área REXURBE.

Concello Tui


Tui presenta unha programación "segura" para volver ao Teatro no outuno

Están programados oito espectáculos de música, teatro e danza contemporánea. A capacidade redúcese a 180 localidades por evento

"Volvemos ao teatro" é o lema da programación de outono que dende este venres, 16 de outubro, e até o 21 de novembro se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui.

Foi presentada esta mañá polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, e o músico Samuel Diz.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que "esta programación ambiciosa reflicte perfectamente o compromiso deste concello coa cultura, con algo que sempre nos identificou moitísimo. Non podemos olvidar que a programación cultural de Tui é recoñecida máis aló das nosas fronteiras, nos engade un selo de calidade e nos singulariza". Nese senso indicaba "o compromiso deste goberno de seguir con esa estela da nosa programación cultural, para que siga sendo dun referente máis aló do ámbito territorial que nos ocupa".

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou que con "Volvemos ao teatro" mantense a actividade no Teatro Municipal achegando espectáculos os venres e sábado para todos os públicos con teatro, música e danza. Dicía a concelleira "agardo que a xente disfute no Teatro" destacando que "a cultura é segura". Salientou que a capacidade do patio de butacas redúcese ao 33% de tal xeito que para cada evento poranse á venda 180 localidades. Contarase cun protocolo COVID 19. As entradas poranse á venda o luns da semana do espectáculo até unha hora antes do mesmo a través de tui.gal, sendo este o método preferente de compra. Tamén se poderán adquirir no despacho de butacas na Área Panorámica o propio día unha hora antes do inicio da función.

Pola súa parte Samuel Diz, lembrou coma o concerto "Memoria da Melancolía" que ofrecerá este venres estaba previsto para o mes de marzo e daquela tivo que ser adiado debido á pandemia do coronavirus. Ía ser estreado en Tui pero debido ao aprazamento foi a primeira posta en escena tivo lugar en setembro na casa de Lorca. Este venres estará acompañado no escenario por Benxamín Otero e Yolanda Castaño, e cunha réplica da guitarra de Lorca intepretará un percorrido polas músicas da Xeración do 27 e do exilio republicano español, moitas delas inéditas, atopadas en diferentes arquivos, seguindo a pegada de María Teresa León polo mundo". Agradecía Samuel Diz o compromiso do Concello de Tui por manter esta programación de outono. As entradas para este concerto poranse á venda mañá mércores ás 20 h aos prezos de 6€ e 5€ en tui.gal.

A programación está conformada por oito espectáculo de música, teatro, e danza para público infantil e adulto.

"Memoria da Melancolía" é o concerto de Samuel Diz que abre esta programación este venres, 16 de outubro, ás 21.30 h. A seguinte cita será o venres, 23 de outubro, ás 21.30h con Redrum Teatro e a comedia negra "Idiota" interpretada por Machi Salgado e Susana Sampedro. O sábado 24 de outubro, ás 18.30 h, Galeatro presenta "Carabela" unha obra para público familiar recomendada a partir dos 4 anos. "So", un espectáculo novo circo, é a proposta prevista o venres, 30 de outubro, ás 19.30 h da man de Xampatito Pato. Mentres o venres, 6 de novembro, ás 21.30 h está programada a traxicomedia "Dúas donas que bailan" de Teatro do Atlátnico. A versión teatral do libro "Esio Trot" de Roald Dahl chegará o sábado, 7 de novembro, ás 18.30 h con Pérez&Fernández e o espectáculo para público familiar "Aguratrat". Pecha esta programación o venres, 20 de novembro, ás 19.30 h Avento Produccións o espectáculo para público infantil e familiar dende os 3 anos "Ummm unha comedia musical para chupar os dedos", e o sábado 21 de novembro, ás 20.30 h La Macana achega o espectáculo de danza contemporánea "Pink Unicorns".

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais