JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Técnicos da Deputación de Pontevedra visitarán as parroquias de Tomiño para a entrega ou visita de composteiros

Espérase chegar antes de finalizar o ano á metade dos 3.000 composteiros previstos para entregar

O Concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra inician unha nova fase no sistema de entregas de composteiros individuais encadrados dentro do plan Revitaliza, que pretende establecer un novo modelo de xestión dos residuos orgánicos a través da compostaxe dos mesmos. O sistema de entrega, que ata agora se realizou a través de reunións periódicas cos veciños, pasará a ser levado a cabo por técnicos da Deputación de Pontevedra que visitarán as vivendas de todas as parroquias a partir da vindeira semana. Esta entrega realizarase porta a porta a todos os veciños e veciñas que conten cunha vivenda con terreo dispoñible para poder reciclar no seu propio domicilio os restos xerados e que aínda non conten co composteiro.

O obxectivo deste novo sistema, alén de para extremar as precaucións e o cumprimento de medidas de protección fronte á COVID-19, é o de dar un pulo ao proxecto coa intención de ter repartidos uns 1.500 composteiros antes de finalizar o ano. Ata o de agora, a través das reunións realizadas entre o 18 de agosto e o 14 de outubro, foron repartidos un total de 326 composteiros individuais entre os veciños. Estes, previa chamada dos técnicos, tamén serán visitados para ser asesorados no seu funcionamento e resolver dúbidas.

A entrega do composteiro e os seu complementos (aireador e termómetro) producirase previa a sinatura dun compromiso de que vai ser empregado para a compostaxe dos residuos orgánicos na súa vivenda. Do mesmo xeito, co fin de que toda a veciñanza saiba como realizar o proceso, desenvolveranse campañas formativas e informativas en cada parroquia, explicando tamén os beneficios ambientais, económicos e sociais que ofrece este modelo de xestión de residuos.

Os veciños que non se atopen no seu domicilio no momento da visita dos técnicos recibirán na súa caixa do correo un aviso de que esta se produciu, acompañado dun teléfono de contacto co fin de que poidan comunicar cando van estar presentes para formalizar a entrega.

Alén da entrega dos composteiros individuais, nos vindeiros días terá lugar tamén a instalación de 4 centros de compostaxe comunitario (CCC) no núcleo urbanos de Seixo, localizados no aparcadoiro da rúa Daniel Calzado, na rúa da Guarda e na rúa Tui, que darán servizo a 310 habitantes así como outro nas inmediacións do CEP Pedro Caselles, que atenderá ó comedor escolar. Pola súa banda, os técnicos xa están planificando como será a apertura destes CCC, con sendas visitas á veciñanza dos edificios usuarios de cada un.

Concello Tomiño


O sábado 24 de outubro impartirase un novo curso para obter a licencia de navegación, en Goián (Tomiño)

Organizado pola Federación Galega de Motonáutica coa colaboración do Concello de Tomiño, o sábado 24 de outubro, impartirase en Goián (Tomiño), un novo curso para a obtención da LICENCIA DE NAVEGACIÓN. As persoas que desexen participar terán que inscribirse anticipadamente. En ficheiro adxunto, enviamos a nota remitida pola Federación e a folla de inscripción.Para máis información, chamar ao teléfono: 986-222440 ou enviar un e-mail a: info@fgmotonautica.org

Este é o terceiro curso de similares características organizado en Tomiño no que vai de ano, coa colaboración da Concellería de Deportes. Está prevista a participación de persoas con discapacidade, polo que a acción se realiza no embarcadoiro adaptado de Goián. O curso comezará ás 10 da mañá e constará dunha parte teórica e outra práctica. Acompañamos fotos de cursos anteriores.

Concello Tomiño


Tomiño formará en informática ás familias para mellorar o apoio educativo dos máis cativos

O confinamento agudizou as diferenzas sociais derivadas da fenda dixital

A experiencia do confinamento derivada da situación pandémica actual serviu para evidenciar as múltiples carencias e dificultades existentes en moitos fogares para acceder á educación pola vía telemática, acentuando as desigualdades sociais entre o alumnado.

Ante esta situación, o Servizo de Axuda no Fogar (SEAF) decidiu impulsar un programa de formación en habilidades informáticas básicas que irá destinado ás familias, co obxectivo de garantir unhas aptitudes axeitadas para o apoio educativo dos nenos, nenas e adolescentes no fogar.

O programa estará orientado a formar ás familias no manexo axeitado dos recursos informáticos necesarios para apoiar aos máis novos e novas no ensino a distancia. Entre os contidos da formación atópase a instrución no manexo de entornos virtuais de aprendizaxe (Aulas Virtuais, Abalar, E-Dixgal...), o uso do correo electrónico, a organización e xestión de documentos ou a creación e o emprego da Ch@ve365 e o DNI electrónico para tramitar solicitudes de bolsas e outras xestións.

A formación levarase a cabo na Aula CemiT, situada no campo da feira, e impartirase de forma personalizada a calquera persoa que poida estar interesada nalgún dos contidos ofrecidos. Os centros de ensino tamén poderán derivar a este servizo a todas aquelas familias nas que se detecte a existencia de atrancos no seguimento das actividades.

As solicitudes poderán facerse de xeito presencial na propia aula CemiT ou chamando ao 986 62 33 04. Os horarios de atención da aula son de luns a venres de 9:15 a 13:45 en horario de mañá e de martes a venres de 18:30 a 20:30 en horario de tarde.

Concello Tomiño


Cerveira acolle o día 23 as "II Xornadas Amizade" para realizar un balance dos resultados da cooperación transfronteiriza e reflexionar sobre o futuro

Entre as autoridades convidadas están a presidenta da Deputación de Pontevedra, o presidente da CIM Alto Minho e o presidente da Xunta de Galicia; estes dous últimos aínda sen confirmar

No caso de agravamento das medidas de prevención da Covid-19, o evento poderá ser realizado exclusivamente de forma virtual

A Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal, desenvolveu ao longo dos últimos anos, varias accións para potenciar un desenvolvemento sustentábel do territorio, con repercusións positivas na mellora da calidade de vida e da cohesión social da poboación; no reparto e optimización dos equipamentos e servizos públicos de utilización colectiva e dos recursos humanos e económicos, nun programa de cooperación con vocación de futuro.

Desde 2014, a Eurocidade Cerveira-Tomiño ten vindo a afondar e a consolidar as relacións institucionais, a través dunha programación e xestión conxunta, e coa participación de máis de 10.000 persoas nas distintas accións e actividades organizadas con vista á formulación de solucións comúns para problemas comúns.

Para a conclusión do proxecto, o vindeiro 23 de outubro terán lugar as II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no Auditorio do CAE (Centro de Apoio ás Empresas en Cerveira), co propósito de realizar un balance dos resultados acadados, mais tamén reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza.

Dado o actual contexto de pandemia Covid-19, e co fin de cumprir con todas as medidas de seguridade, a realización do evento terá formato mixto, lanzando a través deste convite a posibilidade de asistir presencialmente á sesión da tarde, que empezará ás 14.15h (hora protuguesa), segundo o programa previsto. Salientamos o "Debate: Europa sen fronteiras: O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo" (17.00h).

Entre as autoridades convidadas están a presidenta da Deputación de Pontevedra (Carmela Silva), o presidente da CIM Alto Minho (José Mª Costa) e o presidente da Xunta de Galicia (Alberto Núñez Feijóo); estes dous últimos aínda sen confirmar.

Polas circunstancias excepcionais que vivimos, o Auditorio ten aforo limitado, polo que é imprescindible confirmar asistencia até o día 19 de outubro incluído, no enderezo: comunicacion@tomino.gal

*No caso de agravamento das medidas de prevención da Covid-19, o evento poderá ser realizado exclusivamente de forma virtual.

II XORNADAS AMIZADE CERVEIRA-TOMIÑO

Programa provisorio Centro de Apoio ás Empresas. Vila Nova de Cerveira 23 outubro 2020

11.00 h - Sesión de Apertura

João Fernando Brito Nogueira - Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira
Sandra González - Alcaldesa de Tomiño

11.15 h - AXENDA ESTRATÉXICA PARA A COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA AMIZADE CERVEIRA-TOMIÑO: BALANCE E RESULTADOS DO PROXECTO

Visión global: Sónia Antunes e Xabier Macías, Eurocidade Cerveira-Tomiño
Orzamento Participativo Transfronteirizo OPT: Escola Gallaecia/ANPAS
Valedoría da CidadaníaTransfronteiriza: Zara Pousa e Maria de Lurdes Cunha
Dinamización da economía local: Sector agrario, flor e planta ornamental (acuBam); Turismo (Goreti Silva IPVC)
Apoio de vídeo e pósters de actividades en exposición paralela (Deporte para todas as persoas, Benchmarking, Comunicación, Plataforma servizos).

12.45 h - Pausa

13.15 h - Presentación do intercambio entre a Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Consórcio Bidasoa Txingudi (País Basco - Espanha/Francia)

13.45 h - Xantar

15.15 h - Da Carta da Amizade á Eurocidade: revisitar a estratexia de desenvolvemento da cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño

Ruben Lois, Profesor Universidade de Santiago
Fernando Nogueira, Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira
Sandra González, alcaldesa de Tomiño

15.45 h - COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA NO HORIZONTE 2030

- A Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo Portugal - España. Isabel Ferreira, Secretaria de Estado da Valorização do Interior do Governo Português
- Plano de Investimentos Conxuntos da Euro-Rexión Galiza-Norte de Portugal (PIC), Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal. Xosé Lago, director da AECT Galicia-Norte de Portugal
- Estratexia Rio Minho Transfronteirizo 2030. Uxío Benítez, vicedirector da AECT Rio Minho

Moderador: Valerià Paül, director FCEER

16.45 h - Pausa

17.00 h - Debate: Europa sen fronteiras:

O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo
Moderadores:
Fátima Campos Ferreira, xornalista RTP
Xabier Fortes, xornalista RTVE

Autoridades convidadas:

José María Costa, Presidente CIM Alto Minho*
Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra
Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta da Galicia*
Teresa Ribera, Vice-Presidenta cuarta e Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Goberno de España*
Ana Abrunhosa, Ministra da Coesão Territorial do Governo Português
Elisa Ferreira, Comissária Europeia Coesão

*Por confirmar.

Concello Tomiño


O xurado do programa "Vilas en flor" visita Tomiño para coñecer os avances en temas paisaxísticos e medioambientais

Tras a recepción no Concello, amosóuselle novas zonas verdes e peonís recuperadas

Manuel Torres e Xurxo González, dous membros do xurado do programa "Vilas en flor", organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), visitaron novamente Tomiño (onte pola tarde), co fin de coñecer os espazos verdes de valor ambiental e paisaxístico recentemente recuperados, coma por exemplo, as novas zonas peonís arredor da Praza do Seixo, e varias melloras de axardinamento en diferentes espazos do municipio.

Acompañados polos concelleiros de Obras, Alexandre Pérez, e de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, e do técnico da Eurocidade (Xabier Macías), os membros do xurado visitaron, en primeiro lugar, as obras de recuperación do espazo urbano para a cidadanía, levadas a cabo nas rúas A Guarda, República Arxentina, Colón, etc. pechadas ao tráfico dende hai uns meses. As melloras verdes das contornas de equipamentos coma o Centro de Día, o Auditorio de Goián, Unión del Porvenir (Piñeiro), etc., foron outros lugares visitados.

Asemade, amosóuselles diferentes espazos verdes e proxectos medio ambientais do municipio, comezando pola transformación do núcleo urbano do Seixo, axardinamento de rotondas e outras superficies; dando conta tamén da importancia estratéxica do sector agrícola e viveirista na economía da vila.

Previamente ao percorrido, celebrouse unha reunión no Concello, na que se intercambiaron datos sobre as intervencións realizadas no 2020, cun incremento de máis do 50% de zonas verdes, con respecto ao 2019 (pasándose de 26.246 m2 a 40.967 m2), e unha plantación de máis de 300 árbores novas, cun investimento de máis de 45.000 euros.

Os visitantes repasaron os criterios que aplica o xurado á hora de valorar as actuacións dos concellos; entre eles, a creación e mantemento de zonas verdes, número de persoas adicadas a esta labor; promoción destas zonas a través das páxinas web municipais; sistemas de recollida de augas pluviais e rego; medidas de aforro enerxético e uso de biomasa e outras enerxías renovables; fomento da compostaxe e recollida selectiva de lixo, etc.

"Vilas en Flor" é unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, que chega este ano á súa terceira edición. O programa anual, xurdido en 2018, ten o apoio da Xunta de Galicia, pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible dos mesmos e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.

Tomiño foi distinguida coma 'Vila en Flor 2019', con dúas Flores de Honra, "polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano".

Concello Tomiño




Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais