|
O Concello de Tomiño suma catro novos traballadores a través do programa da Deputación "O teu primeiro EMPREGO"
As catro persoas terán un contrato en prácticas a xornada completa de 6 meses de duración, con posibilidade de prórroga de outros 6 meses máis
O Concello de Tomiño vén de proceder á contratación de 4 persoas mozas na modalidade de prácticas, dentro do programa "O teu primeiro EMPREGO" subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
Trátase especificamente dunha traballadora social para reforzar o Departamento de Benestar Social; unha técnica administrativa para apoio dos servizos administrativos; unha técnica de medio ambiente para o Programa Medioambiental do Concello de Tomiño 2020, e un xestor de redes sociais para o Programa de comunicación dixital municipal.
As catro persoas terán un contrato en prácticas a xornada completa de 6 meses de duración, con posibilidade de prórroga de outros 6 meses máis.
A exposición fotográfica do curso "Namórate de Ti" pode verse no mercado municipal até final de mes
O obxectivo do proxecto, promovido pola Asociación de Desenvolvemento EuRural, foi potenciar a autoestima a través da fotografía
O Mercado Municipal de Tomiño acolle a partir de hoxe e até final de mes, unha exposición fotográfica resultante do curso "Namórate de ti" organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, en Tomiño.
A mostra é o resultado do traballo realizado polas mulleres participantes no proxecto "Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía", desenvolvido o ano pasado no Centro Goianés, no que mulleres de diversas idades, traballaron intensamente cuestións relacionadas coa autoestima, o autoconcepto, a vida consciente, a cooperación, a desinhibición e o empoderamento, entre outros.
O obxectivo do proxecto, promovido polo Concello de Tomiño e Eu Rural, foi mellorar a calidade de vida das participantes, potenciando as súas calidades e capacidades, e facendo fincapé na materia da autoestima feminina. Valorarse máis, coñecerse mellor, comprenderse e aceptarse. Todo isto é o que aprenderon as usuarias do curso, dirixido principalmente a mulleres que buscaban mellorar a súa autoestima utilizando a fotografía como ferramenta.
Durante varias xornadas, dúas orientadoras ensinaron ás participantes a quererse a apreciarse; aumentar o seu amor propio e xestionar e controlar o estrés, a través da expresión corporal, verbal e escrita; dinámicas de grupo, vídeos e sesións fotográficas, con posta en escena das propias usuarias.
Agora o público poderá ver (no primeiro andar do mercado) unha selección das fotografías realizadas durante as sesións da primeira edición do taller, que contou co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, e da Xunta de Galicia.
A exposición chega ao mercado municipal precedida polo éxito obtido no Centro Goianés ao remate do curso.
Asemade, este sábado, 3 de outubro, as autoras das fotos reuniranse no mercado para gravar un documental que está elaborando Eurural, recollendo a experiencia das mulleres e que incluirá tamén a das participantes da edición deste ano, que se está a celebrar en Mos.
O BNG de Tomiño mobilízase na defensa da Atención Primaria
En tres días recolléronse máis de 600 sinaturas esixindo solucións para os problemas da atención sanitaria no municipio
O estado de saturación e desbordamento no que se atopa a Atención Sanitaria no municipio está motivando numerosas queixas por parte da veciñanza de Tomiño. Co fin de esixir á Consellería de Sanidade unha solución ao problema que se está vivindo na localidade, o BNG de Tomiño puxo esta semana en marcha unha campaña de recollida de firmas coas que dar voz a toda a cidadanía afectada pola situación actual, conseguindo máis de 600 en tan só tres días.
No caso do consultorio de Goián, a veciñanza leva meses xa sen recibir atención, tendo que desprezarse ao Centro de Saúde de Tomiño para poder ser atendida debido a que o Sergas non está cubrindo as ausencias de persoal. Malia isto, o Concello de Tomiño continúa pagando todos os meses o aluguer do local do consultorio sen que a veciñanza poida recibir atención.
Non é moito mellor a situación do Centro de Saúde, no que a maioría das queixas se deben á tardanza na atención. Esta vén tamén derivada de que o Sergas non está cubrindo as ausencias por baixas, vacacións ou permisos con persoal facultativo, sendo asumida a carga de traballo polos facultativos presentes. Isto está provocando que o persoal médico e de enfermaría chegue a ter que atender cada un a máis de 60 pacientes por día nalgúns casos, facendo que teñan que traballar máis horas das habituais sen recibir remuneración por elas.
Na presente situación de pandemia, o persoal sanitario é o que se atopa na primeira liña de batalla fronte á Covid-19, polo que dende o BNG de Tomiño esixen unha mellora nas condicións de atención sanitaria no municipio para poder afrontar os vindeiros meses da pandemia coa mellor das garantías.
Dende o Concello de Tomiño xa se teñen aprobado mocións en pleno municipal que foron remitidas ao Sergas alertando do estado da Atención Primaria no municipio, sendo totalmente desoídas pola Consellería de Sanidade. Esta situación de desleixo é a que fixo ao BNG impulsar esta campaña, tentando sumar tamén ás veciñas e veciños na reivindicación dunha solución para os problemas actuais.
Mañá venres a mesa para a recollida de firmas estará presente no mercado de Goián.
Unha viaxe teatral pola vida de María Casares inaugura a axenda cultural de outono do Concello de Tomiño
Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais. É necesario reservar praza por teléfono ou correo electrónico
A actriz e bailarina Sonsoles Cordón, de Goián (Tomiño), forma parte dun elenco que encabezan Belén Constenla e Nerea Brey
"Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares" abre o vindeiro sábado, tras o parón do Covid-19, a Axenda Cultural de Outono do Concello de Tomiño.
Nesta peza, mesturando cinema en directo, teatro e música, percorreranse os lugares e momentos da vida de María Casares, actriz coruñesa de talla internacional considerada musa do existencialismo francés, na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.
O espectáculo é unha produción da Deputación da Coruña e Butaca Zero sobre o texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O elenco, encabezado por Belén Constenla e Nerea Brey, dando vida a María Casares, conta tamén coa actriz, bailarina e coreógrafa goianesa Sonsoles Cordón, que interpreta unha ampla gama de personaxes que acompañaron á diva coruñesa na súa traxectoria vital, por exemplo, Albert Camus, o seu grande amor.
Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais, ofrecéndose as obras para público adulto en días sábado e horario nocturno, e as infantís, en domingo, en horario de tarde.
Todos os espectáculos están programados no Auditorio de Goián, aínda que o aforo verase reducido por mor do protocolo Covid-19, seguindo todas as medidas de seguridade para garantir unha cultura segura.
A segunda das citas culturais deste outono será o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 17.30 horas. O grupo Viravai, chegará coa súa obra "As viaxes de Paio e Aurelio"; unha proposta para público infantil e familiar.
As viaxes de Paio e Aurelio relatan as andanzas dun teixugo molón e un oso polar, que visitarán o Polo Norte, nun espectáculo no que se abordan temas coma a diversidade, as linguas, as culturas, a amizade, a boa alimentación, nun contexto de respecto aos valores fundamentais.
Esta actividade está destinada a familias con nenos e nenas.
A axenda continuará o sábado 17 de outubro, cun Monólogo de Federico Pérez, seguido da obra "A casa do terror", de Xoán Curiel e A Banda do verán, o domingo 18.
Ademais, é preciso reservar previamente as prazas, chamando ao teléfono 986622001 ou ben enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal
A venda e recollida de entradas será na taquilla do propio auditorio dende unha hora antes do inicio do espectáculo.
PROGRAMACIÓN:
DESPOIS DAS ONDAS, Butaca Zero.
Sábado, 3 de outubro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 7 euros.
Público adulto.
AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, Viravai.
Domingo, 4 de outubro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 5 euros (menores de 12 anos 2,5 euros)
Público infantil e familiar.
MONÓLOGO DE FEDERICO PÉREZ
Sábado, 17 de outubro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros.
Público adulto.
A CASA DO TERROR, Xoán Curiel e a A Banda do Verán.
Domingo, 18 de outubro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros)
Público infantil e familiar.
A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA, A xanela do Maxín.
Domingo, 15 de novembro ás 17.30h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 3 euros (menores de 12 anos 1,5 euros)
Público infantil e familiar.
BERNARDA, Malasombra.
Sábado, 28 de novembro ás 22h.
Auditorio de Goián.
Prezo: 5 euros.
Público adulto.
Milu Rodríguez e Eduardo García, do Club Trega de Tomiño, proclámanse campións galegos no Campionato Máster ao aire libre
Bos resultados tamén do Club Deportivo Miño-Teixugos no Campionato Galego de Promoción Slálom, no que acadaron catro medallas
Fantástica fin de semana para os deportistas tomiñeses. Os atletas da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño volveron ás pistas con grandes resultados despois de meses sen competicións pola situación sanitaria baixo as máis estritas medidas de seguridade. Foi o pasado sábado no XXXIII Campionato de Galicia Máste ao aire libre celebrado en Pontevedra, no que Milu García e Eduardo García se proclamaban campións galegos e conseguían un total de tres medallas de oro para o club tomiñés.
A guardesa Milu Rodríguez conseguía unha vez máis o título de campioa galega Máster 40 na proba de 5.000 m marcha mellorando a súa marca mínima cun crono de 28'26''72. Pola súa banda, Eduardo García conseguía proclamarse campión galego M45 por partida dobre: na proba de 800 ml, onde entrou claramente en solitario cun tempo de 2'05''04, e nos 400 ml, onde impuxo un forte ritmo de carreira dende a saída e entrando na liña de meta en solitario cun rexistro de 55''76.
Dende a directiva do club destacan que as enormes marcas establecidas por estes dous deportistas demostran "a enorme calidade que ten o Baixo Miño, porque lideran os rankings autonómicos das diferentes disciplinas".
Pola súa banda, o Club Deportivo Miño-Teixugos participou este domingo na última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom en augas do río Tea, ata onde acudiron 9 deportistas do club das categorías benxamín, alevín e infantil. O resultado foi un quinto posto por equipos e catro medallas individuais: Leila Álvarez acadou ouro en K1 Muller Benxamín; Nerea Álvarez, prata na mesma categoría; Alejandro Barreiro, bronce en K1 Home Benxamín; e Javier Llucha, bronce en K1 Home Alevín.
Uns bos resultados que foron acompañados dunha gran xornada na que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dun día de convivencia e amizade con rapaces e rapazas de toda Galicia.
A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño quere felicitar aos deportistas destes dous clubs polo gran labor que están a facer, valorando moi positivamente o seu esforzo e animándoos a seguir traballando para acadar futuros logros.
Tomiño aproba en pleno a súa conta xeral
O Concello cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria e reduce o período medio de pago a proveedores a 10 días
O Concello de Tomiño celebrou este xoves 24 un pleno ordinario no que, entre outros asuntos, se aprobou a Conta Xeral do orzamento municipal de 2019. A Conta Xeral é un trámite administrativo que rebela a boa saúde económica do Concello e que permite tanto á corporación como á cidadanía coñecer as actuacións realizadas durante todo o exercicio orzamentario, permitindo controlar o uso dos fondos públicos a xestión económica, financeira, patrimonial e orzamentaria do municipio.
Así mesmo, como confirman os datos achegado no pleno, Tomiño cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria no exercicio 2019.
Por outra banda, o Concello leva tempo traballando para axilizar a tramitación de facturas, fundamental para a reactivación económica no contexto de crise sanitaria que se está a vivir. Deste xeito, no segundo trimestre de 2020 o período medio de pago a proveedores reduciuse ata os 10,38 días.
No pleno tamén se trataron, entre outros temas a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro, martes de Carnaval, e o 13 de setembro, luns do Alivio. Ademais, aprobouse o protocolo para a posta en marcha dun proxecto piloto para compartir bicicletas eléctricas, unha iniciativa da AECT Rio Minho que busca incrementar a mobilidade transfronteiriza sustentable.
Tomiño pon en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade
O obradoiro, de balde, celebrarase do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. Prazo de inscrición aberto ata o 30 de setembro
O Concello de Tomiño pon en marcha o curso 'Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración', un obradoiro dirixido a mulleres usuarias dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral en situación desemprego, de mellora de emprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade por diversas circunstancias.
Trátase dunha medida plantexada para facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da Covid-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral.
O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe gratuíto no grupo de tarde.
As participantes recibirán formación teórico/práctica en internet básico e medio (correo electrónico, Google office…), internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a Dereitos Laborais e un módulo básico de Igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas.
Ademais de para mulleres usuarias de Benestar Social e Orientación Laboral, o Concello abre a inscrición a mulleres que aínda que non sexan usuarias destes servizos se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego e estean interesadas. Dado que, por mor das medidas de seguridade e aforo máximo o número de prazas é limitado, en caso de que exista maior demanda que as existentes darase preferencia a mulleres empadroadas en Tomiño que, polas súas circunstancias persoais e/ou familiares, se atopen en maior risco de exclusión (mulleres con cargas familiares non compartidas, desempregadas de longa duración e similares).
Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a ana.sanchez@tomino.gal, indicando no Asunto "Obradoiro competencias dixitais" e achegando os seguintes datos:
- Nome e apelidos
- DNI
- Teléfono de contacto
- Enderezo:
- Indicación de situación laboral
Prazo de inscrición aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h.
|