JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos estará no Rosal en outubro

O día 8 será para ciclomotores e os días 27 e 28 para agrícolas

A Unidade Móbil de inspección técnica de vehículos desprazarase ao concello do Rosal este mes de outubro pasos para a revisión tanto de ciclomotores como de agrícolas. Esta unidade estará:

" o luns 5 de outubro para ciclomotores diante do pavillón municipal.

" O martes 27 e mércores 28 de outubro para vehículos agrícolas na rúa Suárez Marquier. Os horarios poderán consultarse a través do servizo de atención ao cliente chamando ao 981 90 30 00.

As persoas interesadas poden solicitar cita previa:

" Por teléfono: 902 30 90 00.

" A través da páxina web www.sycitv.com - Cita previa

Dende a inspección técnica sinalan que a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentaria.

Concello de O Rosal


Unha sesión 'filipante' de contos para toda a familia, pistoletazo de saída da programación de outono do Rosal

O espectáculo 'Filipa cos contos' chega este sábado 3 de outubro (11.00 horas) ao salón de exposicións

Os contacontos serán os protagonistas da primeira cita coa programación cultural de outono do Rosal. Este sábado 3 de outubro a compañía Bandullo Azul estará no salón de exposicións con 'Filipa cos contos', unha sesión filipante de contos para toda a familia. Historias tradicionais, contos populares, contos de autoras e autores galegos, contos inventados, cancións e música en directo, humor... e moita participación do público.

Será unha sesión de narración oral a dúas mans, xa que o actor e contador Fran subirá ao escenario acompañado dunha amiga moi especial, un monicreque chamado Filipa. Música, cancións, contos cantados... que se mesturan para ir captando a atención do público familiar e animalos a participar.

O contacontos, pensado para nenos e nenas a partir dos 4 anos, comezará ás 11.00 horas. Para gañar espazo e poder manter as distancias de seguridade entre as persoas asistentes o contacontos muda da biblioteca ao salón de exposición.

'Filipa cos contos' é a primeira das actividades de lecer para todos os públicos programadas para este outono no Rosal, unha vintena de propostas moi diversas para os meses de outubro e novembro entre as que hai música, circo, exposición, charlas ou visitas guiadas. Lémbrase por exemplo que xa está aberta a reserva de prazas para o concerto de Ses o vindeiro sábado 10 de outubro (21.00 h) a través da páxina web do Concello (https://portal.concellodorosal.es/reservas/concerto-de-ses/) ou vía telefónica chamando ao 986 62 50 00 ext. 4 para aquelas persoas que teñan dificultades para acceder de xeito electrónico.

Concello de O Rosal


O Rosal dá o primeiro paso para a remodelación da Praza do Calvario

Primeira reunión entre o Concello, técnicos do plan Ágora da Deputación e a empresa que redactará o proxecto básico e de execución

Primeiros pasos para a remodelación integral da Praza do Calvario e a súa contorna. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, tres concelleiros, o arquitecto municipal e dous técnicos da área de Mobilidade da Deputación de Pontevedra pertencentes ao plan Ágora mantiveron este mércores a primeira reunión co equipo da empresa adxudicataria encargada da redacción do proxecto construtivo, básico e de execución para a transformación deste núcleo urbano, Urbin. "É un proxecto que abordamos con moitas ganas e ilusión, porque vai supoñer a unha mellora importante para o municipio. Buscamos transformar o noso concello e recuperar espazos para as persoas, sempre dun xeito ordenado e contemplando todas as variables precisas, como a reordenación do aparcamento", salienta a rexedora.

Trátase dunha remodelación integral da praza encaixada na estratexia de desenvolvemento integral do núcleo urbano do Rosal, que busca recuperar espazos públicos de calidade para a veciñanza e que servirá de modelo para o resto do municipio. Este encontro foi unha primeira toma de contacto para abordar todas as necesidades que se deben ter en conta á hora da elaboración do proxecto, así como os procedementos a seguir coas autoridades con competencias na Praza do Calvario, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e Estradas de Galicia.

Agora "quedan 5 meses de intenso traballo por diante" nos que traballar man a man, tamén coa tecido económico e social do municipio, xa que para a elaboración deste proxecto o equipo redactor contará tamén coa veciñanza, á que se lle dará voz a través dun proceso participativo para que sexa a propia sociedade a que opine, faga suxestións... sobre o futuro da praza.

O proxecto de reforma manterá o uso polivalente da praza e da súa contorna, pero cun marcado carácter peonil, servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantido o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.

Concello de O Rosal


O Rosal arranca a súa axenda cultural para este outono cunha programación diversa

A veciñanza poderá desfrutar dun completo cartel no que haberá música, teatro, contacontos, exposicións, charlas e visitas guiadas durante os meses de outubro e novembro

Celébranse ademais as I Xornadas do Patrimonio

O outono chega ao Rosal cunha axenda cargada dunha morea de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello presentou este mércores a programación cultural para os vindeiros meses de outubro e novembro, case unha vintena de propostas moi diversas entre as que haberá contacontos, circo, música, exposicións, charlas e visitas guiadas abertas a todos os públicos. Dende o Concello quérese agradecer "a colaboración da Deputación de Pontevedra e da Agrupación Musical do Rosal e a asociación A Jalleira, que participan nesta completa axenda de outono. Unha oferta cultural diversa e para todos os gustos que esperamos que teña unha grande acollida por parte da veciñanza", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Os contacontos serán os encargados de inaugurar a programación outonal esta mesma fin de semana. O sábado 3 de outubro as historias tradicionais, os contos populares e inventados, a música en directo e o humor encherán a biblioteca municipal. Será con 'Filipa cos contos', unha sesión de narración oral entre Fran e a súa amiga Filipa que fará as delicias de cativos e cativas a partir de 4 anos. Será ás 11.00 horas.

Xa o 10 de outubro (11 h) a música fará saltar ao público. Será co espectáculo 'Brinca vai! De aquí a acolá', que chegará coas cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos para percorrer un camiño no que a música soa con forma de sorriso.

O venres 16 de outubro os máis pequenos e pequenas da casa poderán combater o frío cos 'Contos de inverno' (11 h) e o venres 23 de outubro Magín Blanco trae o espectáculo musical 'O que levamos nas maletas' (11 h), unha proposta na que o público terá que participar na interpretación das cancións e na resolución das cuestións que plantexan os camiños. Aínda que a celebración de todos os contacontos está prevista na biblioteca municipal, poderá haber variación dos espazos que se comunicarán con antelación en función das condicións sanitarias.

A música será outra das protagonistas da axenda cultural. O sábado 10 de outubro Sés subirase ao escenario na Praza do Calvario para facer desfrutar da música a todos os rosaleiros e rosaleiras. Será a partir das 21.00 horas, con aforo limitado a 300 prazas e con inscrición previa a través da web do Concello (https://portal.concellodorosal.es/reservas/concerto-de-ses/) ata completar aforo. Para inscribirse será preciso facilitar nome, DNI, teléfono e email e estará restrinxido a un máximo de 4 persoas por inscrición. Aínda que a vía electrónica será a principal para a recollida de inscricións, aquelas persoas que teñan dificultades para acceder a través deste medio poden chamar ao 986 62 50 00 ext. 4.

Ese mesmo 10 de outubro de 16 a 22 horas habilitarase na Praza do Calvario un espazo lúdico de prevención das violencias.

O teatro chegará en forma de carreira o domingo 11 de outubro. Será con 'Running polo Camiño', unha suorenta comedia para todos os públicos que se poderá ver na Praza do Calvario a partir das 18.00 h. Aforo limitado a 100 prazas, polo que será necesaria inscrición previa. O sábado 17 de outubro poderase desfrutar de 'Literaria' no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas e o domingo 8 de novembro o público infantil descubrirá os 'Monstros no camiño', ás 18.00 h no auditorio municipal.

O circo tomará a Praza do Calvario o domingo 12 de outubro con 'Bambolina' (17.00 h), unha actuación dirixida a público infantil. Tras esta actividade as persoas poderán desfrutar na mesma Praza do Calvario (18.00 h) da actuación da Banda da Agrupación Musical.

'Auga. O sangue da Terra' é o título da mostra que acollerá o salón de exposicións do Rosal do 13 ao 31 de outubro, ambos os dous incluídos. Unha exposición para todos os públicos que poderá visitarse de balde de martes a xoves de 18 a 20 h e venres e sábado de 11 a 13 h.

A primeira edición das Xornadas do Patrimonio será o colofón final da programación cultural de outono, tres días "para poñer en valor o patrimonio que temos na nosa contorna" dun xeito diferente. Será para grupos reducidos e con inscrición previa. Arrancarán o venres 23 de outubro cunha charla sobre arqueoastronomía a cargo de Benito Vila ás 19.30 h no Centro Social Polivalente que se completará cunha saída para a observación de estrelas ás 21.00 h. Xa o venres 30 de outubro, Alia Vázquez descubrirá ao público os petróglifos do Baixo Miño (19.30 h, Centro Social Polivalente) para despois facer unha ruta guiada a algún dos petróglifos do Rosal (21.00 h). A última charla será o venres 6 de novembro, na que Brais Currás falará sobre minería romana no Baixo Miño (Centro Social Polivalente, 20.00 h). Ao día seguinte, sábado 7 de novembro, haberá unha visita guiada ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira.

As xornadas micolóxicas porán o punto final á programación. Celebraranse o sábado 14 de novembro no Centro Social Polivalente grazas á colaboración da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Sábado 3 de outubro
CONTACONTOS 'Filipa cos contos'
Hora: 11:00 h
Lugar: biblioteca municipal
Idades: a partir de 4 anos
Duración: 50 minutos

Sábado 10 de outubro
CONTACONTOS 'Brinca vai! De aquí a acolá'
Hora: 11:00 h
Lugar: biblioteca municipal
Idades: de 4 a 11 anos
Duración: 60 minutos

AGRESIÓNS OFF
Espazo lúdico de prevención das violencias
Hora: De 16.00 a 22.00 horas

CONCERTO de Sés
Hora: 21:00 h
Lugar: Praza do Calvario
Idades: todos os públicos
Duración: 120 minutos
Aforo: 300 prazas - inscrición previa

Domingo 11 de outubro
TEATRO 'Running polo Camiño'
Hora: 18:00 h
Lugar: Praza do Calvario
Idades: todos os públicos
Duración: 60 minutos
Aforo: 100 prazas - inscrición previa

Luns 12 de outubro
CIRCO 'Bambolina'
Hora: 17:00 h
Lugar: Praza do Calvario
Idades: público infantil
Duración: 60 minutos

MÚSICA Banda da Agrupación Musical do Rosal
Hora: 18:00 h
Lugar: Praza do Calvario
Idades: todos os públicos
Duración: 50 minutos

Martes 13 de outubro
EXPOSICIÓN 'Auga. O sangue da Terra'
Inauguración, martes 13 ás 18:00 h. Ata o 31 de outubro, ambos incluídos.
Lugar: Salón de exposicións
Idades: todos os públicos
Horarios de apertura ao público: martes e xoves de 18:00 a 20:00 h, venres e sábado de 11:00 a 13:00 h

Venres 16 de outubro
CONTACONTOS 'Contos de inverno'
Hora: 11:00 h
Lugar: biblioteca municipal
Idades: a partires dos 4 anos
Duración: 45 minutos

Sábado 17 de outubro
TEATRO 'Literaria'
Hora: 20:00 h
Lugar: Auditorio Municipal
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

Venres 23 de outubro
CONTACONTOS: 'O que levamos nas maletas'
Hora: 11:00 h
Lugar: biblioteca municipal
Idades: de 4 a 10 anos
Duración: 50 minutos

CHARLA sobre Arqueoastronomía. Por Benito
Hora: 19:30 h
Lugar: Centro Social Polivalente
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

SAÍDA para a observación de estrelas
Hora: 21:00 h
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

Venres 30 de outubro
CHARLA Petróglifos do Baixo Miño. Por Alia Vázquez
Hora: 19:30 h
Lugar: Centro Social Polivalente
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

VISITA GUIADA a petróglifos do concello
Hora: 21:00 h
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

Venres 6 de novembro:
CHARLA sobre minería romana no Baixo Miño. Por Brais Currás
Hora: 20:00 h
Lugar: Centro Social Polivalente
Idades: público adulto
Duración: 60 minutos

Sábado 7 de novembro:
VISITA GUIADA ao Montefurado de Covas, en Vila Nova de Cerveira con Brais Currás.

Domingo 8 de novembro
TEATRO: 'Monstros no camiño'
Hora: 18:00 h
Lugar: Auditorio Municipal
Idades: público infantil
Duración: 60 minutos

Sábado 14 de novembro
XORNADAS MICOLÓXICAS
Lugar: Centro Social Polivalente

Concello de O Rosal


O Rosal reinventa as súas actividades anuais para adaptalas á nova realidade

Manteranse grazas á colaboración do tecido asociativo, que se fará cargo das actividades de pilates, restauración, pintura e ioga

O Rosal continúa a traballar para que a veciñanza teña unha ampla oferta de actividades deportivas e de lecer ao alcance da man. Neste sentido, ante a limitación que supón a crise sanitaria para realizar actividades en instalacións municipais, o Concello colaborará con diferentes asociacións que se farán cargo das actividades anuais de pilates, restauración, pintura e ioga.

"Grazas á comunicación fluída co tecido asociativo puidemos buscar un novo encaixe para estas actividades en lugar de cancelalas. É esa colaboración coas asociacións as que fan posible nestes momentos manter as actividades, ao tempo que se axuda a dinamizar estas entidades", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Actividades

A Agrupación Musical do Rosal encargarase de xestionar as actividades de pilates e ioga, que se impartirán no local da Fundación O Rosal (Praza do Calvario, a carón de Correos). As persoas interesadas en participar poden informarse sen compromiso ou inscribirse achegándose ao Auditorio Municipal ou chamando aos teléfonos 986 62 63 11 ou 609 866 792. As clases comezarán en outubro e haberá varios horarios dispoñibles.

Pola súa banda, na Sociedade Recreativa e Cultural de San Miguel de Tabagón impartiránse das clases de manualidades e restauración. As clases serán martes, mércores e xoves de 19.00 a 21.00 horas e terán un custo de 15 euros ao mes. Para inscribirse é necesario chamar ao teléfono 685 67 09 79. Tamén nesta asociación serán as clases de pintura os xoves e venres. As persoas interesadas poden facer a súa inscrición no 620 87 64 81.

Concello de O Rosal


O Concello vai investir case 30.000 euros na desinfección dos centros educativos

O Rosal reclamará á Xunta que se faga cargo do custo extra desta tarefa, competencia autonómica

O Concello do Rosal asumirá o custo das tarefas de desinfección dos centros educativos do municipio por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todas e todos. Non obstante, a administración local é unicamente responsable da limpeza dos centros escolares pero non da súa desinfección. "Para nós é unha prioridade velar pola seguridade dos rosaleiros e rosaleiras, sobre todo na actual situación sanitaria, aínda que sexa unha cuestión que vai máis alá das tarefas de mantemento e que para o Concello supoña un sobrecusto importante", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello investirá case 30.000 euros nos traballos de desinfección dos centros aos que fará fronte incrementando a xornada do persoal municipal dedicado ás tarefas de limpeza. Non obstante, O Rosal reclamará á Xunta que se faga cargo do financiamento destas medidas extraordinarias provocadas pola situación excepcional da pandemia.

Dende o Concello quere agradecerse o gran labor que están a facer o equipo de limpadoras e a súa colaboración e implicación nestes momentos tan complicados. O seu traballo é fundamental para tomar medidas que axuden a ter un ano escolar máis normalizado e seguro.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais