|
O Concello de Tui condena as pintadas rexistradas no conxunto histórico nas últimas xornadas
O Concello de Tui condena as distintas pintadas rexistradas ao longo dos últimos días no conxunto histórico de Tui.
A rúa Sanz, tanto o empedrado da rúa, coma as paredes do cárcere vello e doutros inmobles situados neste emprazamento foron obxecto destes actos vandálicos. Dende o Concello de Tui faise un chamamento a respectar o noso patrimonio. As forzas e corpos de seguridade están a investigar estes feitos para poder localizar á persoa ou persoas que os cometeron.
Tui reflexiona sobre as posibilidades do territorio no futuro post-covid co gallo do Día Mundial do Turismo
O luns 28 celebrarase unha mesa redonda, e o domingo 27 terá lugar un percorrido polos muíños do Tripes
Este domingo, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo. Este ano celébrase baixo o lema "O turismo e o desenvolvemento rural" que quere expresar a capacidade excepcional do turismo para crear oportunidades no ámbito non urbano e coma instrumento eficaz para a preservación do patrimonio cultural e natural.
A celebración neste ano 2020, no que estamos vivindo un tempo de pandemia, que ten afectado de xeito excepcional ao sector turístico, é un momento para ollar ao futuro preparando as bases para que o turismo sexa un dos sectores dinámicos que impulsen a recuperación.
Coa celebración desta xornada dende o Concello de Tui preténdese promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas:
- Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas de reactivación comercial para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego.
- Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento.
- Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación.
Para debater arredor destas liñas de traballo terá lugar unha mesa redonda sobre "Turismo e desenvolvemento rural" que pretende amosar as novas posibilidades de traballo innovador e do emprendemento na nosa contorna. Terá lugar o luns, 28 de setembro, ás 19.30 h na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingo. Será presentada por Ana Mª Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade e moderada por Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago. Participarán Natalia Rodríguez, xerente da "Adega Corisca", Alicia Benade, responsable da marca "Trigo y Limpo", Ana Digón, coordinadora de Cocina Regenerativa; e Rosa Arcos, da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. O acto será clausurado por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.
Previamente este domingo, 27 de setembro, Día Mundial do Turismo, realizarase unha ruta polos muíños do río Tripes cunha duración aproximada de 2 horas. Partirá ás 10 h dende praza da Inmaculada no Tren Turístico até lavadoiro de circos, onde comezará a camiñada. Rematará no muíño Mañoco nas inmediacións do Arrabal.
Ofértanse 30 prazas para cada unha destas actividades que se cubrirán por orde de inscrición, que se debe realizar no correo turismo@tui.gal.
Esta actividade está organizada polas concellerias de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui, e da continuidade á celebrada o pasado ano e que tivo una excelente acollida.
O programa completo da xornada é o seguinte:
PROGRAMA
Domingo, 27 setembro
Percorrido polos muíños do Tripes
10,00 h. Saída no Tren Turistico dende Praza da Inmaculada.
Duración aproximada da visita: 2 horas
Finaliza no muíño Mañoco
30 prazas, cómpre inscrición previa no correo electrónico tuismo@tui.gal
Luns, 28 setembro
19,30 h. - Aula Uned de Tui
Mesa redonda: Turismo e desenvolvemento rural
Presenta: Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui
Participantes:
" Natalia Rodríguez, de Bodega Corisca
" Alicia Benade, da empresa Trigo Limpo
" Ana Digón, coordinadora de Cocina regenerativa
" Rosa Arcos, da Federación Asociacións de Mulleres Rurais
Modera: Laureano Alonso Álvarez, concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago do Concello de Tui
Clausura polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
Tui contará con 48.400€ para axudas á rehabilitación da Fase 14ª da ARI
Nos próximos meses abrirase a convocatoria para esta nova fase da Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico de Tui
O Concello de Tui recibirá 48.400€ da Xunta de Galicia correspondentes ao fondos de 2020 da Fase 14ª para a Área de Rehabilitación Integral do Conxunto Histórico de Tui.
O Concello de Tui, tras recibir a comunicación desta achega, xa trasladou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo as actuacións previstas, presentando a documentación acreditativa e a memoria do programa das actuacións. No reparto de fondos tívose en conta o grado de cumprimento dos obxectivos asignados en anteriores consignacións.
As persoas propietarias de vivendas e edificios emprazados no ámbito da Área de Rehabilitación Integral, e o propio concello, será os beneficiarios finais destes 48.400 €. As persoas particulares percibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Mentres o Concello destinará estes cartos á realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito da ARI. Dende a Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui procederase nos próximos meses á apertura dunha nova convocatoria de axudas con cargo a estes fondos.
Actualmente o Concello de Tui ten en execución convenios asinados en anos anteriores, cunha dotación total que se aproxima aos 130.000 € correspondentes á Fase 13ª. Nesta fase, que pechou o prazo de solicitude das axudas o pasado 5 de agosto, na Oficina de Rehabilitación recibiron numerosas solicitudes de propietarios para levar a cabo obras de rehabilitación nas súas vivendas. As actuación solicitadas principalmente abarcan obras de mellora de eficiencia enerxética con illamentos de cubertas e cambios de carpinterías, e tamén a restauración das fachadas. Coas actuacións presentadas cúmprense os obxectivos da fase 13ª.
A Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, interveu unha plantación de marihuana en Ribadelouro
A Policía Local de Tui, en colaboración coa Garda Civil, interveu unha plantación de marihuana en Ribadelouro, incautando 15 plantas.
Tras as investigacións realizadas polos axentes da Policía Local nos últimos días o operativo, desenvolvido coa colaboración da Garda Civil, culminou na tarde de onte ao localizar plantas de marihuana no exterior dunha propiedade privada na parroquia tudense de Ribadelouro. Esta mañá procederon a incautar 15 plantas de marihuana e realizaron unha proposta de sanción, en vía administrativa por presunta infracción á L.O. 4/2015 de protección da Seguridade Cidadá ao propietario das mesmas, por cultivo ilegal de sustancias estupefacientes. O material incautado remitirase ás instalacións de Sanidade Exterior en Vigo para o seu análise e posterior sanción en vía administrativa.
Tui celebra con actividades para todos os públicos os 50 anos de biblioteca pública
Contacontos, presentacións de libros, xornadas de bibliotecas ou unha ruta literaria forman parte do programa conmemorativo
A Biblioteca Pública Municipal de Tui cumpre 50 anos de actividade en Tui. As súas primeiras instalacións estiveron na casa do concello e dende 2003 conta con 400 m2 na Área Panorámica. Hoxe a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicentes, e o técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron en rolda de prensa o programa conmemorativo deste aniversario, que se desenvolverá até o 24 de outubro, cando precisamente se celebra o Día da Biblioteca.
Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, destacou hoxe que "as bibliotecas son espazos para interactuar, socializar e ampliar fronteiras, para crecer coma persoas". Indicou a edil coma co traslado da biblioteca ao edificio na Área Panorámica melloráronse as instalacións que contan arestora con 65 postos de lectura para adultos, e 24 na sala infantil, 6 ordenadores, acceso wifi libre e gratuíto, consulta de xornais e revistas, libros electrónicos... Apuntaba que "se guiremos facendo melloras nestas instalacións, porque para nós é fundamental, as bibliotecas teñen que estar a carón da cidadanía, e teñen que medrar coa sociedade". Tiña amais palabras de recoñecemento para Dolores Martínez Gamallo, que foi bibliotecaria tudense nas últimas décadas, e de agradecemento á cidadanía por achegarse á Biblioteca.
O técnico da Biblioteca, Rafael Sánchez Bargiela, foi o encargado de explicar o programa de actividades previsto estruturado en tres liñas. A primeira delas son actividades para rapaces e adolescentes dentro do programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, no que haberá un obradoiro de Contacontos "Dada o duente" (22/09), contacontos ilustrados "Dulcinea a nena cabaleira" con Anxo Fariña (29/09); contos para pasalo de medo con Carmen Domech (06/10) e contos para bebés con Pavís Pavós (13/10). A segunda liña son actividades para público en xeral nas que se inclúe a coa presentación dos libros "Historia militar de Tui a través de los siglos" e "Muíños do concello de Tui" de Ernesto Iglesias Almeida celebrada o pasado xoves; a presentación do libro "Memorias dun pobo, Santiago de Malvas" de Raimundo Martínez (02/10), e a exposición "Camiño do Humor" de Dávila que no mes de outubro se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal.
A terceira liña xirará entorno ao Día da Biblioteca, o 24 de outubro. Así haberá o martes 20 un encontro con escritores tudense e valencianos no que está xa confirmada a presenza de Marga do Val, Conchi Regueiro e Diego Alfonsín, pendente de sumar unha escritora valenciana. O mércores 21 no Teatro Municipal haberá un encontro con Paula Carballeira, escritora e animadora á lectura. O xoves 22 Raquel Queizás achegará o contacontos "Travesías", e o venres 23 terá lugar unha xornada entre bibliotecas municipais de Galicia e do Norte de Portugal, onde porán en presentarán as actividades de animación á lectura, entre elas os dez anos do programa "Tui Le". Na mesma xornada terá lugar unha ruta literaria por Tui. A actividade pecharase o sábado 24, Día da Biblioteca, coa entrega dos recoñecementos ao lectores da biblioteca tudense.
Todas as actividade teñen aforo limitado e precisan inscrición previa na propia Biblioteca ou no correo biblioteca@tui.gal.
|