|
Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da súa app Liña Verde
O alumeado público e o baleirado de fosas sépticas, as incidencias máis comúns. O Concello destaca os bos resultados obtidos nos seis primeiros meses de uso da aplicación
A app móbil Liña Verde de Tomiño naceu hai apenas seis meses co obxectivo de ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo co Concello usando as novas tecnoloxías. Hoxe xa se superan as 1.000 incidencias solucionadas a través desta aplicación, a maioría delas (68,7%) resoltas en poucos días.
As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relacionadas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer o 36% das incidencias resoltas. Séguelle xa de lonxe as peticións relacionadas co baleirado de fosas sépticas (13%), coas fochancas (11%) ou co lixo (10%). Neste seis meses tamén se deu solución a problemas relacionados coa limpeza de camiños (5%), coa vía pública (4%), coas escolas (3%) e coa sinalización viaria (2%), entre outros.
Este iniciativa virtual permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias da veciñanza, cun tempo de resolución que varía dependendo do problema e dos recursos dispoñibles. Así, por exemplo, as incidencias relacionadas co alumeado público resólvense nas primeiras 48 horas, mentres que no caso do baleirado de fosas sépticas pasa a ser de 3 ou 4 días e ou de entre unha e dúas semanas como máximo na limpeza de xardíns e zonas verdes.
Dende a posta en marcha desta iniciativa virtual xa se recibiron máis de 1.500 peticións por parte da veciñanza, das que arredor do 70% xa foron resoltas e outro 13% están en proceso.
Trátanse de datos moi positivos que poñen de manifesto a gran utilidade da aplicación e "a implicación e participación cidadá, o que permite á súa vez dar unha resposta rápida a calquera problemática que poida xurdir". "A app Liña Verde converteuse nunha importante ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello, o que nos permite coñecer mellor as súas necesidades e actuar dunha maneira máis eficaz, dando solución con celeridade ás incidencias", salienta a alcaldesa, Sandra González.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salienta a adaptación do persoal municipal ao novo modelo de traballo. "Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa táblet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estatísticas en tempo real dos traballos a realizar", explica.
Dende o Concello anímase a toda a cidadanía a utilizar este novo servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai anos que inclúe a tramitación dixital a través do Xestiona e a comunicación dixital, moi importante no momento de crise sanitaria no que estamos, xa que evita que a veciñanza teña que facer trámites de xeito presencial á vez que se facilita o contacto e a resolución de problemas.
Para empregar esta aplicación gratuíta 'Linea Verde' só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón "nova incidencia", escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño planta a 'Árbore da Amizade'
No Parque de Lazer do Castelinho con motivo da Semana Europea da Cooperación
Con motivo da Semana Europea da Cooperación, os alcaldes da Eurocidade Cerveira-Tomiño, Sandra González e Fernando Nogueira, participaron este venres nun acto simbólico de plantación da 'Árbore da Amizade' no Parque de Lazer de Castelinho.
O dito asegura que a amizade é como unha planta, porque o seu fortalecemento require un coidado e atención permanentes. E esa é a mensaxe que os concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño pretenden difundir e compartir, que a cooperación transfronteiriza, que aínda que é algo natural cómpre potenciala e dinamizala para constituírse como un factor de impacto positivo no benestar de ambas as dúas poboacións.
A árbore seleccionada foi un carballo, elixido polas súas características de adaptación ao terreo e ás condicións meteorolóxicas, que medrará no pano de fondo o río Minho e o Espazo Fortaleza de Goián.
O alcalde de Fernando Nogueira, subliñou que este acto é "o arraigamento dun símbolo da Amizade Cerveira-Tomiño que, baseándose nesta cooperación potenciada por Europa, permite fortalecer os lazos de amizade que hai ancestralmente entre dous pobos veciños, que hoxe son moi fortes e que queremos que sexan cada vez máis indestrutibles". Á súa vez, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, engadiu que "as árbores, que significan natureza, contribúen á posta en valor deste medio natural obxecto da cooperación transfronteiriza que existe entre Cerveira e Tomiño e que tamén se axusta á axenda europea no ámbito da protección, preservación e posta en valor do patrimonio natural".
O Día Europeo da Cooperación celébrase anualmente na semana do 25 de setembro con múltiples accións levadas a cabo en diferentes rexións europeas co obxectivo de resaltar o potencial e a riqueza cultural presentes nos diferentes países que forman parte da Unión Europea.
Tomiño reclamará á Xunta os gastos xerados pola desinfección dos centros escolares
O Concello levou a pleno unha moción similar á presentada por BNG e PSdG-PSOE e aprobada en sesión plenaria na Deputación de Pontevedra
Tomiño súmase á reivindicación para que a Xunta dote de suficiente profesorado e persoal aos centros escolares, garantindo así a actividade educativa ao longo deste curso en calquera dos escenarios posibles. O Concello aprobou este xoves unha moción similar á presentada de forma conxunta por BNG e PSdG-PSOE e aprobada en sesión plenaria na Deputación de Pontevedra, na que se solicita ao goberno autonómico que asuma a responsabilidade e adopte medidas que son da súa competencia.
Un consenso en materia educativa que tamén inclúe a reclamación para que a Xunta dote aos centros escolares doutros medios necesarios que os permitan adaptarse ao protocolo de seguridade pola COVID-19, elaborado de forma unilateral polas consellerías de Educación e Sanidade.
A crise sanitaria supuxo un reto sen precedentes para o sistema educativo. Profesorado, familias e administracións locais fixeron un grande esforzo para mitigar todos os problemas xurdidos. Por este motivo, o Concello quere tamén emprazar á Xunta a abrir un diálogo urxente coa comunidade educativa e coa FEGAMP para resolver os problemas xerados por este protocolo anti COVID-19 e que atinxe a cuestións como a posta en funcionamento de comedores, plan Madruga e actividades extraescolares.
Así mesmo, Tomiño reclamará que a Xunta leve a cabo os traballos de desinfección dos centros escolares obrigatorios por protocolo, tarefas que a pesar de ser de competencia autonómica o Concello está a asumir nestes intres por responsabilidade co ensino público e coa saúde de todos e todas. Por este motivo, Tomiño tamén se sumará a petición de que a Xunta se faga cargo dos gastos de desinfección dos centros ou que elabore de forma consensuada un Plan Extraordinario de Limpeza e Desinfección dotado do financiamento necesario e que asuma a totalidade do sobrecuste destas tarefas.
Feira de artesanía este domingo 27 en Tomiño
Os artesáns instalarán os seus postos na Praza do Seixo de 10.30 a 20.30 horas
Tomiño acolle esta fin de semana a celebración da primeira Feira de Artesanía, unha actividade organizada por Artesáns Baixo Miño coa que colabora o Concello tomiñés. O encontro terá lugar o domingo 27 de setembro na Praza do Seixo, onde o público poderá desfrutar dos postos de diferentes artesáns de 10.30 a 20.30 horas.
O obxectivo é promover a artesanía e reivindicar o papel dos artesáns como activo cultural nun momento tan complicado como o da actual crise sanitaria, coa cancelación da súa participación en numerosas actividades.
Os tomiñeses e tomiñesas poderán coñecer as creacións de arredor de 15 artesáns que traballan con distintos materiais e disciplinas, como a xoiería, a costura, a pirografía ou a cristalería, entre outros.
Durante a celebración do evento cumpriranse todas as medidas de prevención e seguridade necesarias.
Los noieses José Barrio y Pilar Sarmiento se postulan como favoritos al cetro autonómico de la categoría
Tomiño alberga la última prueba del Campeonato Gallego Inclusivo de Motonáutica
Los vigueses Álvarez y Piñeiro parten del puesto plata siendo terceros los tudenses Estévez y Davila
El Espazo Fortaleza de Goian, en el Municipio de Tomiño, alberga este sábado la quinta y última prueba del Campeonato Gallego Inclusivo de Motonáutica, recta final que tras varias jornadas de competición lideran los noieses José Barrio y Pilar Sarmiento.
Tras las citas deportivas de Tui, A Guarda, Portosín y Outes, la competición se ha ido decantando del lado coruñés, que desde el principio ha marcado el ritmo liderando el autonómico. Sin embargo la última palabra la tienen las aguas del Miño, hermanadas por España y Portugal y que este fin de semana serán testigos del desenlace final de este Campeonato Gallego Inclusivo, que organiza la Federación Gallega de Motonáutica en colaboración con el concello tomiñés.
No en vano, y a una distancia aproximada les siguen, en el cajón del podio provisional de la clasificación general, los vigueses Álvarez Camiña y Davila Piñeiro, siendo bronce los tudenses Carlos Estévez y Oswaldo Davila. Especial atención habrá que poner también en pilotos como el local Marcos Casaleiro y el sadense Calos Facal.
Con arranque programado a las 10.30 horas de la mañana, piloto y copiloto tendrán que enfrentarse a una serie de pruebas de destreza, en un circuito marcado por boyas fondeadas sobre las que tendrán que trazar un recorrido con diversas dificultades, y que serán desveladas en el último momento por el Comité de Jueces de la Federación Gallega de Motonáutica.
Tomiño participa na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega
A actividade será o vindeiro 27 de setembro en dous puntos diferentes do municipio
Como cada ano o Concello de Tomiño colaborará coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro 27 de setembro voluntarios e voluntarias participarán nesta actividade que, baixo o lema de 'Móllate polos ríos', promove a retirada de lixo da beira dos ríos, coa que se busca achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas fluviais e concienciar á veciñanza.
A Concellería de Medio Ambiente e a OMIX de Tomiño coordinarán a limpeza e participación de, aparte dos voluntarios e voluntarias inscritos, da Asociación A Taíña de Goián e o Centro terapéutico Alborada, de Piñeiro. Os e as participantes dividirante en dous grupos, un que sairá do antigo embarcadoiro do ferry en Goián, mentres que outro partirá da Praza do Seixo de Tomiño, fronte ao Concello. A actividade será de 10.00 a 13.00 horas.
A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas máscaras co lema da limpeza. Ademais, respectaranse as indicacións pertinentes en relación á crise sanitaria provocada pola COVID-19 dependendo da situación de cada municipio. Dende o Proxecto Ríos lémbrase que o uso de máscara é obrigatorio e recoméndase manter sempre que sexa posible unha distancia de 1,5 m e que cada persoa voluntaria levar as súas propias luvas.
Dende a organización aconsellan tamén non arriscar a integridade física para coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles; pedir axuda a outros participantes para recoller as cousas máis pesadas; extremar as precaucións para retirar vidro, ferralla ou materiais cortantes; non traballar de costas ao río sobre todo se se está arrincando algo que está enterrado para evitar o risco de caer ao auga e ter coidado coas zonas de corrente forte e profunda.
Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A XIII Limpeza Simultánea "Móllate polos ríos" celebrarase este ano en 49 concellos de toda Galiza, e participarán máis de 58 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…). Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta duodécima edición. A limpeza do vindeiro 27 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 49 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
O programa EncaixaT preséntase á comunidade educativa no Consello Escolar Municipal
Trátase dun proxecto innovador de formación socio-educativa e de apoio psicolóxico dirixido á nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, especialmente a aqueles en risco de vulnerabilidade
O Consello Escolar Municipal de Tomiño celebrou o pasado 18 de setembro a súa primeira reunión deste novo curso para abordar todas as novidades do vindeiro ano escolar. Durante este encontro, os e as integrantes do consello, composto por representantes de todo o tecido educativo, económico, social... tomiñés, coñeceron de primeira man o programa EncaixaT, un proxecto pioneiro co que se busca dar apoio ás familias que máis o necesitan dende un enfoque integral, positivo e participativo ofrecendo á mocidade un espazo onde o tempo de estudo se conxuga co traballo a nivel emocional e social e co fomento de hábitos saudables. Unha ferramenta innovadora que sitúa a Tomiño nunha referencia en políticas de infancia e adolescencia.
O programa, posto en marcha a través so Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), arrancará este mes de outubro e estará dirixido a escolares de primaria e secundaria, especialmente a aqueles que se atopan en situación de vulnerabilidade. Dúas veces á semana reuniranse na Aula CEMIT para traballar en grupo, prestando tamén atención á diversidade e apoio individual a cada participantes.
Estas sesións estarán centradas en dúas áreas de intervención. Por un lado, traballarase a formación socio-educativa a través de obradoiros específicos e actividades, cun programa enfocado a crear hábitos de estudo e outro ao tempo de lecer e a participación comunitaria. Por outra banda, darase ás e aos participantes apoio psicolóxico centrado na proxección de futuro, na resolución de problemas ou na autonomía persoal.
Segundo os últimos datos do SEAF no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.
Outros temas
Neste Consello Escolar Municipal o goberno local tamén deu conta de todas as obras de mellora realizadas nos centros escolares durante o verán, nas que se investiron máis de 60.000 euros. Traballos en 6 aulas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, en cinco centros de educación primaria, nas dúas Galiña Azul e no IES Antón Alonso Ríos aos que se suman os labores de mantemento en todos os centros. Tamén se explicaron todas aquelas obras que se levarán a cabo no vindeiro período vacacional, no Nadal.
Os centros escolares aproveitaron a xuntanza para explicar o protocolo que se está a aplicar como medidas preventivas pola COVID-19. Pola súa parte, o Concello explicou que está a asumir as tarefas de desinfección de todos os colexios, poñendo persoal polas mañás a disposición dos centros para poder desenvolvelas. O Concello reclamará á Xunta o enorme gasto que estes traballos supoñen para a partida destinada a Educación.
Tomiño leva a pleno un proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza para compartir bicicletas eléctricas
Trátase dunha iniciativa da AECT Río Miño coa que se busca incrementar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia. O pleno celebrarase este xoves 24 ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello
O Concello de Tomiño celebrará este xoves 24 de setembro un pleno ordinario ao que se levará, entre outros temas, a aprobación dun proxecto piloto de mobilidade transfronteiriza suave no que as bicicletas serán as protagonistas. Deste xeito, a través dun protocolo de colaboración, o Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) quere implantar un sistema para compartir bicicletas eléctricas co que fomentar a mobilidade sustentable entre os concellos da raia.
O proxecto contará coa instalación dunha estación de aparcamento virtual en Tomiño e Cerveira e un total de entre 10 e 15 bicis eléctricas con GPS incorporado que se poderán usar de forma compartida para circular exclusivamente no territorio da Eurocidade. Esta iniciativa lévase a cabo ao abeiro do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo programa INTERREG VA.
O Concello investirá nesta iniciativa piloto un total de 7.500 euros.
Por outra banda tamén se levarán a pleno a aprobación das contas xerais e a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021.
"ARELA" busca en Tomiño persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia
Unha técnica da asociación mantivo unha xuntanza coa concelleira de Benestar Social para a presentación do programa CONVIVE.COMigo
A Asociación Arela e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias que desexen convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia por orde xudicial.
A técnica da Asociación Arela, Eva Piñeiro, mantivo en días pasados unha xuntanza de traballo coa concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez Souto, e con persoal técnico, para a presentación do programa.
A finalidade do mesmo é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Polo mesmo, as entidades están a solicitar o apoio dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e conseguir un banco de persoas ou familias na provincia.
A concelleira de Benestar Social e mesmo o Equipo de Servizos Sociais e a técnica da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), amosaron gran sensibilidade con esta iniciativa e comprometéronse na difusión entre a veciñanza. Tan e así que e a día de hoxe xa hai algunhas familias interesadas en participar.
A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade e sentido do compromiso cara á adolescencia, que estean dispostas a facer unha aposta temporal por un moco ou moza con dificultades. Un ambiente socializador e positivo permitiralles modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada e de estabilidade emocional; comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, e non buscar satisfacer un desexo de paternidade.
Valorarase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, a predisposición a ser formado/a en diferentes temáticas como adolescencia e coñecementos de carácter xurídico .
ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento con acompañamento de profesionais, ademais dun financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.
Dende a Páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como chamando ao teléfono da súa sede central, 986 21 25 37, ou enviando un correo electrónico a convive@arela.org
Asociación ARELA
Persoa de contacto: Julio Barreiro González (Director de ARELA)
Teléfonos de contacto: 986 21 25 37 ou 639 86 29 44
Correo electrónico: arela@arela.org
O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ NOS EUROPEOS DE PRAGA COA SELECCIÓN ESPAÑOLA
O deportista de Salceda, membro do Club Deportivo Miño, Luís Fernández, foi convocado pola federación española de piragüismo para formar parte do equipo nacional de C1 que acudiu ao Campionato Europeo de Slálom celebrado na cidade de Praga. Esta é a primeira competición relevante que se celebra neste 2020, no que se cancelaron xa as Copas internacionais e as competicións restantes da Liga Española.
Luís comezou a súa participación o venres 18, na modalidade individual. O circuíto para a proba foi considerado polos participantes como longo e duro. Na súa primeira baixada o teixugo fixo un bo tempo, pero con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na segunda baixada, para repesca de semifinais, tampouco Luís foi quen de facer un bo tempo, quedando definitivamente fóra das semifinais, rematando o campionato no posto vixésimo cuarto.
O domingo, Luís participou na modalidade de equipos ou patrullas, cos outros dous integrantes do equipo de canoa, o catalá Miquel Travé, e, o tamén galego, Daniel Pérez. A baixada foi un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, no sétimo lugar.
Acompañando a Luís no equipo nacional estaban outros dous galegos, Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo PenedoTe Importa. Daniel, tampouco foi quen de acceder a semifinais, mentres que Ainhoa fixo unha boa baixada e si deu acadado semifinais, aínda que non as finais, rematando o campionato décimo sexta.
Esta participación pon de relevo, unha vez máis, o bo momento do slálom galego, ata non fai moito dominado por deportistas vascos e catalás.
Cativos e cativas de Tomiño dobran a canción "Héroes" de Kiko Bea, con lingua de signos
A Concellería de Mocidade organiza unha exposición cos traballos realizados durante o curso impartido por Miriam Aller durante o confinamento
"Co obxectivo de conseguir que o alumnado do curso se sinta "protagonista", organizamos unha exposición no Mercado Municipal onde poden verse as esculturas e na que se proxectarán os vídeos dos que eles/as foron partícipes", explica a responsable municipal de Mocidade, Fátima Rodríguez.
A concelleira refírese á exposición sobre o curso de lingua de signos impartido a través da Oficina de Información Xuvenil (OMIX), durante o confinamento.
A mostra poderá visitarse ata o 30 de setembro no 1º andar do mercado, e haberá un acto coas familias (doblada na lingua de signos) o 26 de setembro, na que participará a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a docente que impartiu o curso, Miriam Aller.
Cando comezou a actividade extraescolar de lingua de signos organizada polo Concello de Tomiño, a profesora Miriam Aller da empresa "Entresignos", pediulle aos cativos/as que fixeran un debuxo sobre que significaba a lingua de signos para eles/as, co obxectivo de ir facendo actividades de cara ao día da lingua de signos (14 de xuño).
Por mor do confinamento, non foi posible seguir facendo nada máis de xeito presencial, pero os grupos seguiron aprendendo e participando; durante os días da corentena a docente pediulle ao alumnado que fixera un debuxo sobre a situación actual e todas as aportacións recollidas foron incluídas nun vídeo dunha canción que se adaptou á lingua de signos. Tamén se realizou algunha escultura ou manualidade para conmemorar o día de lingua de signos.
O vídeo da canción adaptada ("Heroes"), onde saen os debuxos e os seus autores/as foille enviado ao autor e cantante da mesma, Kiko Bea, que lles felicitou polo traballo realizado.
Outro dos proxectos levados a cabo foi facer unha canción en lingua de signos co alumnado e coas familias. A profesora gravou a canción por partes, envioulla ás familias, estas practicaron primeiro e gravaron despois. A montaxe foi realizada con todos os vídeos recibidos.
"Todo o feito durante o confinamento foi moi gratificante porque participaron a maioría das familias, a implicación foi marabillosa", comenta Rodríguez.
A Eurocidade e o Consorcio de Bidasoa Txingudi comparten experiencias sobre cooperación transfronteiriza
As sesións de traballo virtuais culminarán cun encontro institucional a finais de outubro
A cooperación entre territorios xoga un papel crucial como instrumento potenciador do desenvolvemento. Conscientes desta realidade, a Eurocidade Cerveira-Tomiño participa nun intercambio co Consorcio transfronteirizo de Bidasoa Txingudi, integrado polos municipios vascos de Hondarribia, Irun e Hendaye, este último no País Vasco francés.
Ambos territorios comparten agora a súa experiencia en colaboración transfronteiriza, especialmente no relacionado cos servizos e axendas compartidas, a gobernanza ou a dinamización de sectores relevantes para a economía local.
Ao longo do mes de setembro, responsables técnicos dos cinco municipios implicados comparten documentación e sesións virtuais para intercambiar experiencias e coñecementos. Así, o pasado 10 de setembro abordáronse aspectos relacionados coa mobilidade e a participación cidadá e o 16 intercambiáronse experiencias nos ámbitos da cultura, o turismo e o deporte. Nestas videoconferencias participaron tamén representantes da AECT Rio Minho presentando a Axenda estratéxica 2030 e o proxecto Visit Rio Minho.
A terceira sesión, adicada ao emprego e a colaboración empresarial, está prevista para o vindeiro día 24 coa presenza, entre outros axentes económicos, de acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e a Axencia de Desenvolvemento do Bidasoa.
O intercambio realízase ao abeiro do Programa de Capacitación e Participación en Redes de Cooperación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE, e busca o coñecemento doutras experiencias, innovacións e boas prácticas no ámbito europeo.
O proceso culminará no outono cun encontro institucional entre os alcaldes dos concellos participantes.
|