JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello presenta á veciñanza o proxecto do Ecoparque Viso dos Eidos

Será o vindeiro martes 29 de setembro ás 21.00 horas na Praza de Martín

O Concello do Rosal convoca á veciñanza para coñecer os detalles do proxecto do Ecoparque Viso dos Eidos. A presentación e exposición pública realizarase o vindeiro martes 29 de setembro na Praza de Martín, onde a alcaldesa, Ánxela Fernández, e a arquitecta María Fandiño explicarán o que se realizará na contorna e na que os veciños e veciñas poderán achegar as súas suxestións ou resolver dúbidas.

A creación deste ecoparque suporá a transformación dun ámbito de propiedade municipal nun espazo de convivencia para a veciñanza e a posta en valor do patrimonio etnográfico que hai nesa contorna. Todo o proceso realizarase empregando técnicas naturais e tradicionais, con especies autóctonas relacionadas coa auga dada a importancia que este elemento ten na contorna.

O proxecto contará cun orzamento total de 93.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.

Concello de O Rosal


Homenaxe ao D. Isaac polos seus 50 anos no Rosal

O Concello agasallouno cun Castelao de Sargadelos por este medio século, no que se converteu en figura fundamental do desenvolvemento social rosaleiro

D. Isaac Penelas cumpre 50 anos ao fronte da parroquia de Santa Mariña do Rosal, medio século de vida no que o crego converteuse nun piar do desenvolvemento do municipio. Por este motivo, o Concello rendeulle este venres unha homenaxe agasallándoo cunha figura de Castelao de Sargadelos gravado coa frase 'Grazas D. Isaac por estes 50 anos no Rosal'.

Comprometido socialmente, durante estas cinco décadas D. Isaac foi alén das súas obrigas eclesiásticas ata ser un persoeiro fundamental do desenvolvemento social do Rosal, tendo un papel relevante na defensa dos intereses da veciñanza e protagonizando momento relevantes da historia rosaleira dos últimos anos.

Basta lembrar a súa decisiva achega na defensa dos intereses agrarios na loita dos anos 70 do pasado século por impedir que as augas do río Tamuxe remataran en usos alleos fóra do concello. Tamén o seu desinteresado traballo durante décadas, primeiro na creación da cooperativa agraria do Pilar e despois no desenvolvemento e xerencia da mesma, tempos nos que acadou os seus mellores resultados.

Moitas grazas D. Isaac por este medio século de dedicación, pola súa proximidade, humildade e implicación.

Concello de O Rosal


O Rosal aprobas as bases para a concesión de subvencións para actividades sociais

Forma parte do Plan Estratéxico elaborado para unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas

Por primeira vez na súa historia, O Rosal conta cun Plan Estratéxico de Subvencións, unha ferramenta a través da que realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas ao tecido asociativo. Neste marco, o Concello aprobou este xoves 24 en pleno as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais durante 2020. A estas axudas destinarase un orzamento de 5.000 euros.

O obxectivo desta convocatoria é apoiar e promover en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións entre as entidades de carácter social que desenvolvan actividades que redunden no benestar social da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou fomento e sensibilización da participación cidadá definidas como prioritarias dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. A maioría das asociacións que realizan este tipo de actividades teñen un ámbito de actuación supramunicipal.

As axudas irán destinadas a financiar proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas ou que se executen directamente con persoas en situación de vulnerabilidade; de intervención con persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; de atención no ámbito das drogodependencias ou para a realización de actividades socioculturais destinadas á poboación xeral.

"Deste xeito buscamos apoiar na medida do posible o traballo que desenvolven as asociacións coa implicación da veciñanza, que contribúe á mellora da realidade do noso concello. Queremos darlle máis liberdade ao tecido asociativo para que poidan facer con eses fondos o traballo que xa veñen desenvolvendo, aínda que máis alá de axudas económicas seguiremos traballando man a man con eles en proxectos e actividades en común para poñer en valor e visibilizar o traballo do asociacionismo", resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Por outra banda, neste pleno tamén se procedeu á aprobación inicial para a actualización do inventario de Bens Inmobles municipais, no que se atopan dende todo tipo de terreos, parcelas ou prazas ata parques, escolas, lavadoiros, fontes ou bombeos. O último reconto destes bens municipais realizouse en 2006 e dende entón procedeuse á adquisición de novas parcelas e inmobles que non están rexistrados como propiedade municipal. Xunto a esta iniciativa tamén se trataron, xunto a outros temas, a aprobación dos festivos de carácter local para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro e o 26 de xullo.

Concello de O Rosal


O Rosal adapta o seu auditorio municipal á nova realidade

Ampliouse o escenario para garantir as distancias de seguridade necesarias para manter a Escola de Música e os ensaios da Agrupación Musical do Rosal

O Concello do Rosal vén de levar a cabo os traballos de modificación do auditorio municipal para adaptar estas instalacións á nova realidade. Deste xeito, nos últimos días retiráronse varias filas de butacas e procedeuse á ampliación do escenario para poder garantir o mantemento das distancias de seguridade durante o seu uso tanto por parte da Escola de Música como durante os ensaios da Agrupación Musical do Rosal, con máis de 80 integrantes.

Con estes cambios na distribución do auditorio municipal búscase "manter viva a actividade cultural, algo que non sería posible sen a colaboración e o apoio que estamos tendo do tecido asociativo. Estas modificacións son un exemplo de todo o que se está a facer para adaptarse ás circunstancias e seguir mellorando e avanzando", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Dende o Concello quérese agradecer o traballo desenvolvido pola Agrupación Musical do Rosal, que fixo un grande esforzo colectivo por continuar coa súa actividade de forma ininterrompida durante esta crise sanitaria e manter viva a cultura. Por suposto, tamén o recoñecemento a todos os operarios municipais, que levaron a cabo todos os traballos de adaptación con rapidez e axilidade para que a actividade continuara na maior brevidade de tempo posible.

Concello de O Rosal


O Concello reúnese coa Xunta para falar do desenvolvemento da área industrial do Rosal

A alcaldesa, Ánxela Fernández, acudiu co equipo técnico redactor do PXOM ao encontro co director xeral do Instituto de Vivenda e Solo, Heriberto García

O Concello do Rosal mantivo este mércores 23 de setembro unha reunión con responsables do Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) para abordar a situación na que se atopa na actualidade o parque empresarial supramunicipal A Guarda-O Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, acudiu ao encontro co director xeral do IGVS, Heriberto García, acompañada polo equipo técnico redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Rosal, que se atopa nestes intres en pleno desenvolvemento.

A execución deste parque empresarial, de máis de 272.000 metros cadrados de superficie situados en terreos do barrio de O Viso e de A Gándara, foi aprazada hai unha década pola Xunta de Galicia. Para o equipo técnico coñecer o plan previsto para esta zona é fundamental, xa que influirá directamente na redacción do novo PXOM do Rosal.

Para o Concello a posta en marcha deste parque empresarial de competencia autonómica é unha prioridade, xa que "o polígono supón unha aposta de futuro para o desenvolvemento do municipio". "A área sur do Baixo Miño é unha zona moi activa cun marcado carácter transfronteirizo na que é esencial que haxa un asentamento industrial estable", explica a rexedora. A creación dese solo industrial non soamente "permitiría xerar dinamismo económico na zona, senón que axudaría de forma importante por exemplo a fixar poboación".

O Concello seguirá insistindo, traballando e colaborando para que o órgano competente, que é a Xunta de Galicia, priorice e desenvolva este parque empresarial.

Concello de O Rosal


Evolución positiva da situación epidemiolóxica no Rosal, con só 10 casos activos

Sanidade suspende as reunións semanais ao levantarse as medidas restritivas. O Concello seguirá trasladando calquera información oficial da que dispoña

O Concello do Rosal destaca a evolución positiva da situación epidemiolóxica do municipio, que nos últimos días como descendía paulatinamente o número de casos activos de COVID-19. Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, nestes intres só quedan 10 casos positivos no concello. Recordamos que se consideran casos activos o de aquelas persoas que tendo o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal deran positivo na proba PCR e aínda non recibiron a alta médica.

Esta evolución positiva permitiu que Sanidade levantara o pasado sábado 19 de setembro no Rosal as medidas restritivas decretadas para frear a expansión da COVID-19. Ao saír da zona de restricións a Consellería suspende as reunións semanais programadas co Rosal para facilitar información actualizada da situación no municipio. Non obstante, dende o Concello seguirase trasladando á veciñanza calquera información oficial que transmitan as autoridades sanitarias.

Pola súa banda, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia da rápida mellora dos datos no Rosal e da redución de casos positivos, pero fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as medidas "de xeito tan exemplar como ata o de agora". "Debemos ser conscientes da nosa vulnerabilidade e de que estes brotes e contaxios puntuais forman xa parte da nosa vida cotiá. Por iso, pola saúde de todos e todas, é momento de redobrar esforzos e extremar as medidas de precaución", salienta.

Concello de O Rosal


María Fandiño, premio Simonetta Bastelli de arquitectura pola Explanada do Horizonte do Rosal

O Concello quere felicitar á arquitecta por este galardón, que recoñece a nova identidade que o proxecto dá ao territorio empregando técnicas e materiais propios da zona

A arquitecta María Fandiño acaba de gañar o premio internacional de arquitectura e natureza Simonetta Bastelli na categoría xove polo seu proxecto para a Explanada do Horizonte do Rosal. O xurado destacou o traballo feito por Fandiño nesta obra na que, tras un "atento e minucioso análise de coñecemento do lugar e da súa historia evolutiva, propón un novo capítulo para o seu desenvolvemento, cun deseño mínimo pero eficaz, utilizando técnicas e materiais que aínda sendo propios do sitio constrúen a súa nova identidade".

Dende o Concello queremos felicitar a arquitecta por este galardón, que recoñece a nivel internacional o gran labor feito por María Fandiño no proxecto de revalorización e mellora deste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo Rosal, co que tamén se dotará a Portocelo dunha nova área de esparexemento para os veciños. "O obxectivo do proxecto é recuperar a memoria do sitio, restaurar o ecosistema costeiro e devolver un lugar para quedarse cara o horizonte", recolle a arquitecta na presentación do proxecto. Trátase de remodelar "o tramo da costa, mirando a estrutura, a topografía, analizando as súas proporcións, redibuxando o tramo cun vocabulario propio: as terrazas".

A este galardón preséntanse propostas de proxectos europeos de intervencións arquitectónicas en catro categorías diferentes (profesional, xove, estudante e tese de doutoramento) que se dan a coñecer nun congreso internacional en Italia no que se tratan temas sobre accións no territorio e cambio climático. Este ano, debido á crise sanitaria, os proxectos presentáronse en formato virtual.

Fandiño tamén recibiu unha Mención de Honra na categoría senior pola súa iniciativa 'Marxes Líquidas: proxecto de acondicionamento do Río Miño ao seu paso pola cidade de Tui', que fixo xunto con Miriam García.

Concello de O Rosal




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais