|
A homenaxe aos heroes e heroínas da crise sanitaria pecha O Alivio 2020
As festas rematarán este sábado na Praza do Seixo co acto cívico (20h) e co concerto da Banda de Música de Goián (22.30 h)
O Alivio chega á súa recta final. Este sábado 12 de setembro a Praza do Seixo acollera o peche das festas co tradicional acto cívico e cun concerto da Banda de Música de Goián. A tarde arrancará ás 20.00 horas cunha sentida homenaxe a todas as persoas que durante a crise sanitaria colaboraron de forma activa na loita contra a COVID-19, a todos os colectivos e a toda a veciñanza que converteron o municipio nun exemplo de unidade e solidariedade durante unha situación excepcional.
O acto cívico, que por primeira vez non protagoniza unha persoa individual, centrará o seu recoñecemento no persoal sanitario, que estará representado por Ana María Fonterosa, enfermeira do centro de saúde tomiñés con máis de 32 anos de experiencia.
Tras esta homenaxe, chegará a quenda da música. A Agrupación Musical de Goián non faltará á súa cita co Alivio e porá punto e final co seu concerto a unhas festas diferentes e marcadas por todas as medidas de prevención tomadas para que o público puidera desfrutar de música, contos, teatro ou maxia con total seguridade.
A Banda de Música de Goián subirase ao escenario ás 22.30 horas. O concerto será de balde, pero será necesario reservar entrada chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal.
Tomiño investiu máis de 60.000 euros en melloras nos centros escolares
As reformas de maior envergadura realizáronse nas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés
Os centros escolares de Tomiño xa están para a volta ao cole. O Concello investiu máis de 60.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros educativos de Infantil e Primaria que se levaron a cabo durante os meses de verán. Estas obras foron xestionadas de maneira coordinada pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, e responden a actuacións solicitadas e consensuadas previamente coas direccións de todos os centros escolares. Estas obras "van encamiñadas a colaborar nunha progresiva modernización tecnolóxica das aulas a un maior benestar do alumnado".
Nesta ocasión, os traballos de maior envergadura realizáronse nas unitarias do CRA Manuel Mestre Garcés, onde se investiron máis de 20.000 euros. Así, en Vilachán arranxouse a Aula de Psicomotricidade, reparouse a estrutura metálica e pintado exterior, reformáronse os baños da planta baixa, pintáronse o interior das aulas e cambiouse a iluminación para seguir camiñando cara un maior aforro enerxético.
Mentras, na unitaria de Barro pintouse o interior, arranxouse o teito da galería de entrada e cambiouse a iluminación; na de Carregal arranxouse o piso de entrada exterior da saída traseira; en Estás arranxouse o parque de xogos; en Figueiró pintouse o interior e cambiouse a iluminación e en Vilameán remodelouse a zona de lecer, co arranxo das instalacións xa existentes e a colocación de novos xogos. Ademais dotuse de deshumidificadores a todas as unitarias do CRA.
O Concello tamén realizou importantes reformas este verán nos centros de Primaria, como o arranxo de canlóns e cubertas en todos eles, obras nas que se investiron máis de 24.000 euros. No CEP Pedro Caselles arranxáronse chan dos baños do ximnasio e modificouse a altura dos urinarios; amañáronse as tubaxes dos baños, revisáronse billas, duchas...; instalouse aula de informática, con mobiliario, pintado e cambio de iluminación; mellorouse a aula matinal con armarios, pintado, iluminación, mobiliario e outros; e fixéronse varias reparacións na cuberta e no canlón.
Pola súa banda, no CEIP de Barrantes camboiuse o chan na aula de música, en Sobrada instalouse unha zona de xogos e en Tebra arranxáronse os baños do pavillón, pintouse biblioteca e dirección e creouse unha zona de xogos exterior. No CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián cambiáronse as cisternas en Infantil e estanse a levar a cabo os traballos de acondicionamento interior e da ampliación do patio en 1.000 metros, xunto co posterior peche. Con estas obras incorpórase ao patio un fermoso bosque de carballos do que poderán desfrutar os nenos e nenas.
Os dous centros da Galiña Azul do municipio tamén foros reformados. Ademais da protección de madeira exterior nas dúas escolas, na de Goián reparouse o lavalouzas e instalouse un timbre e na de Tomiño colocáronse andeis de almacén; pintáronse aulas, oficina e portas; colocáronse cadeiras de oficina e para atención ao público; e instaláronse fontanería, desaugadoiros e electricidade para a colocación dunha lavadora e secadora, entre outros traballos. O investimento total en todas estas obras de mellora ascendeu a arredor de 6.000 euros.
Por outro lado, o Concello colocou andeis para a ANPA do IES Antón Alonso Ríos.
En todos estes centros revisáronse as instalacións de electricidade, fontanería e carpintería; limpáronse e desbrozáronse patios, hortas e areeiros e limpáronse canlóns e cubertas.
A Eurocidade, nunha publicación internacional sobre a contribución dos orzamentos participativos á redución dos efectos do cambio climático
Trátase dun estudo do International Observatory on Participatory Democracy (OIDP) realizado polo experto Yves Cabannes coa colaboración de 15 rexións e cidades de todo o mundo
A Eurocidade Cerveira Tomiño segue a achegar o seu gran de area en temas de vital importancia para a poboación, como o cambio climático. Nesta ocasión fíxoo colaborando co International Observatory on Participatory Democracy (OIDP) na elaboración dunha publicación internacional sobre as contribucións dos procesos de orzamento participativo á adaptación e mitigación dos efectos do quecemento global, unha valiosa ferramenta de análise e coñecemento para mellorar a forma na que os gobernos locais enfrontan o desafío do cambio climático.
O estudo foi realizado por Yves Cabannes, activista especializado en gobernanza urbana e municipal e profesor emérito de Planificación do Desenvolvemento no University College London (UCL), coa colaboración de 15 rexións e cidades de todo o mundo. O resultado é unha das poucas investigacións que explora a relación entre a redución dos efectos do quecemento global e os orzamentos participativos, unha forma de toma de decisións que involucra activamente á cidadanía.
Cabannes baseouse nos resumos, intercambios e contribucións de dúas sesións internacionais celebradas en México e Abu Dhabi e nas iniciativas de orzamento participativos da Eurocidade Cerveira-Tomiño xunto con outras iniciativas de España, Portugal, Rusia, Francia, Ecuador, Senegal, Congo, Taiwán, Mozambique, México, Indonesia e Camerún, que documentaron as súas respectivas experiencias.
O obxectivo principal do informe é amosar o que está a suceder actualmente nas cidades participantes, recompilar e presentar datos sólidos e dar pé a reflexionar sobre o grao no que os orzamentos participativos contribúen a esa loita contra o cambio climático, como o fan e os desafíos actuais aos que se enfrontan. Tamén busca avaliar a natureza e a importancia desas contribucións, destacar as innovacións realizadas, crear e fortalecer unha comunidade que comparta o coñecemento xerado e avogar pola elaboración de presupostos participativos relacionados co clima e concienciar sobre o seu enorme potencial para axudar os dramáticos impactos que o cambio climático ten na vida de millóns de persoas.
Para este estudo, Cabannes analizou arredor de 4.400 proxectos de orzamentos participativos desenvolvidos ao longo dos tres últimos anos, entre os que se identificaron 923 proxectos enfocados á mitigación dos efectos do cambio climático. Tendo en conta a diferenza de cifras entre unha rexión e outra dependendo do seu tamaño, o experto dividiunas en catro grupos en función do número de proxectos financiados polos orzamentos participativos.
Nesta realidade, a Eurocidade aparece coa implementación de 4 proxectos en 2018 e 2019 nos que, malia traballar comparativamente cun orzamento moi pequeno e cun número limitado de proxectos, o experto destaca as iniciativas enmarcadas na categoría de sensibilización e educación sobre o cambio climático, que no caso de Cerveira e Tomiño estaban centradas en actividades artísticas e medioambientais para a poboación infantil de ambos municipios.
O documento, actualmente soamente dispoñible en inglés, foi publicado polo OIDP-UCLG xunto con Enda ECOPOP, FMDV, o Fondo Mundial para o Desenvolvemento das Cidades, a Fundación Kota Kita e o University College of London.
O Consello da Infancia traballará para visibilizar datas importantes relacionadas coa igualdade e os dereitos humanos
Celebrou esta semana unha reunión no salón de plenos do Concello e mantivo un encontro cos arquitectos para achegar as ideas sobre as obras no parque da Feira ou a placa de Cidade Amiga da Infancia
O Consello da Infancia e Adolescencia, 'Voces Novas', xa ten marcado o seu calendario de traballo ata final de ano. A vintena de novos e novas integrantes do consello reuníronse esta semana no salón de plenos do Concello para falar sobre os proxectos a abordar neste último trimestre do ano, como o da posta en marcha de diferentes accións para visibilizar datas importantes relacionadas con aspectos como a igualdade ou os dereitos humanos.
Tras estudar o calendario de datas a conmemorar establecidas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, os rapaces e rapazas escolleron por votación levar a cabo diferentes actividades de dinamización o:
- Día Internacional da Nena, que se celebra o 11 de outubro e busca o empoderamento das nenas no mundo.
- Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), co que se procura sensibilizar e denunciar a violencia exercida contra as mulleres.
- Día Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebra o 10 de decembro.
Na vindeira reunión, o Consello da Infancia reunirase para traballar xa nas accións a realizar o vindeiro 11 de outubro, buscando actividades participativas abertas a todo o público e que involucren a todos os tomiñeses e tomiñesas.
Acompañados pola concelleira de Participación Infantil e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinados por Karina Bouzada, as e os integrantes de 'Voces Novas' tamén mantiveron un encontro cos arquitectos responsables das obras do parque da Feira, que lles presentaron a evolución do proxecto de remodelación da zona. O Consello da Infancia e da Adolescencia comprometeuse a recoller ideas para o deseño do interior do parque e trasladarllas aos arquitectos en vindeiros encontros.
Asemade, os rapaces e rapazas tamén debateron sobre a placa que sinala a Tomiño como Cidade Amiga da Infancia, que se colocará nunha zona verde próxima á Casa do Concello. 'Voces Novas' achegará o seu gran de area no deseño do espazo no que se colocará, xa que queren crear unha composición na que esta placa estea acompañada por outros elementos sinalados.
Entre outros temas que trataron tamén estiveron a xestión do Instagram, cuestións de funcionamento ou acordos do novo regulamento.
Tomiño, terra de centenari@s
No municipio viven 13 persoas que roldan ou superan os 100 anos. A concelleira de Benestar visitou estes días a Sara Portas, Sara Rodríguez e Olga Ruggiero polo seu aniversario
Tomiño nada ten que envexar a Okinawa, a cidade do mundo con máis persoas maiores de 100 anos. O microclima, as súas boas augas, os aires do Miño, a calidade de vida, o agarimo e coidado das familias... son algúns dos factores que poden agocharse tras o segredo da lonxevidade neste recuncho do mundo. E é que na actualidade viven en Tomiño 13 persoas que roldan ou superan o século de vida.
Once mulleres e dous homes que van dende os 99 anos das máis novas ata os 106 acabados de cumprir da maior e que elixiron terras tomiñesas para desfrutar da etapa final das súas vidas. Unha idade que aparece reflectida nos seus documentos de identidade pero que en moitas ocasións nada ten que ver coa idade que teñen en espírito.
É o que lle pasa a Sara Rodríguez Salvador, a 'avoa' de Tomiño. Con 106 anos cumpridos o pasado 31 de agosto, esta centenaria afronta con boa saúde e mellor humor o reto de ser a persoa máis lonxeva do municipio. Gústalle ler revistas, ver a televisión e o fútbol, tanto que ata fai apenas unha década ía ao campo a ver ao Tomiño FC. Sen apenas problemas médicos, cunha memoria envexable e un carácter pícaro, Sara ademais é toda unha experta xogando ás cartas, sobre todo cando se trata da brisca, onde aposta con galletas de chocolate.
Este anos Sara festexaba o seu aniversario rodeada da súa familia máis próxima, os seus sobriños netos e sobriños bisnetos, xa que non tivo descendentes directos: a pesar de ter moitos pretendentes na súa mocidade, Sara foi en contra do establecido na súa época e decidiu non casar, o que a levou a non ter fillos e a "vivir con menos preocupacións". Unha muller de carácter que amosa cada día ter folgos suficientes para chegar aos 107.
Outra das que celebrou o seu aniversario este mes de agosto foi Sara Portas Besada, que sopraba as 100 velas o pasado día 5. Nacida en Barrantes hai un século, a Sara gústalle desfrutar do sol no patio da súa casa, onde vive coa súa única filla, Olivia, quen asegura que a centenaria "é boa de levar". E sempre está de bo humor, aínda nos momentos máis complicados, como durante o confinamento, que para ela foi duro a pesar de non acostumar a saír moito da casa. Apoiada no seu bastón, Sara camiña con bastante axilidade e pode presumir de non ter problemas graves de saúde. A centenaria recoñece que a televisión lle aburre un pouco e confesa tomar un chupito de licor café de vez en cando.
Traballadora incansable durante moitos anos no campo, a vida levouna tamén a criar aos seus dous netos mentres a súa filla e o seu marido traballaban en Holanda. Agora desfruta tamén dos seus catro bisnetos, todos presentes na gran festa familiar para festexar o seu aniversario.
A última en cumprir anos foi Olga Ruggiero Cordero, que o pasado 6 de setembro chegaba ao século de vida arroupada pola súa familia, un piar fundamental para ela: tivo tres fill@s, 15 net@s e 45 bisnet@s que lle deron moitas alegrías ao longo da súa vida. Aínda que ten unha boa saúde, un accidente hai uns anos limita a súa mobilidade, pero non as súas ganas de seguir desfrutando da vida e deses xogos que tanto lle gustan e que lle axudan a manter unha mente áxil e esperta: as cartas, o bingo... Uruguaia de nacemento, onte festexaba os seus cen anos rodeada dos seus achegados e cantando tangos típicos da súa terra, algo que, xunto aos retallos da súa nenez e mocidade, nunca esquece.
A concelleira de Benestar, Cristina Martínez, quixo felicitar a todas estas 'avoas' tomiñesas visitándoas o día do seu aniversario e agasallándoas cun ramo de flores, unha tarxeta cuns versos de Rosalía de Castro e un marco de fotos feito a man pola artesá Lupe Barreiro. Olga xa ten a súa foto lista para colocar.
O Alivio arrancou o luns coa música e os contos de Migallas Teatro
Estarán cos seus 'Cantacontos' ás 19.00 horas na Praza do Seixo. Actividade de balde, pero é necesario facer reserva previa chamando ao 986 622 001 ou en cultura@tomino.gal
Tomiño arrancou este luns a súa programación especial do Alivio, que chega cunha semana cargada de música, maxia, contacontos ou teatro de balde e para toda a familia. A compañía Migallas Teatro será a encargada de dar o pistoletazo a estas actividades co seu 'Cantacontos', contos tradicionais e de creación propia que son arrequentados con cancións, música e sons que contribúen a espertar as emocións de todos os nenos e nenas que se acheguen.
María Campos e Carlos Yus crearán un espectáculo moi entretido para todo o público con diferentes contos como fío condutor, contos que tratan cuestións próximas a todos os nenos e nenas e que os convidan a participar dun xeito activo no seu desenlace. Unha hora de música e contos que deixará con ganas de máis.
O espectáculo celebrarase na Praza do Seixo ás 19.00 horas con todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de todos e todas. A actividade é de balde pero é necesario reservar entrada previamente chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal.
|