|
O Concello adxudica a elaboración dun plan de acción para o clima e a enerxía sostible
Dáse así un paso máis na aposta pola eficiencia enerxética no municipio. O proxecto, cun custe de 6.000 euros, conta cunha subvención da Xunta
O Concello continúa no seu camiño para implantar no Rosal un modelo de consumo enerxético sostible, eficiente e comprometido co medio ambiente. Despois de realizar unha auditoría enerxética na que se avaliou tanto o consumo da iluminación pública exterior como do conxunto de instalacións municipais, o Concello vén de adxudicar o contrato para a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O obxectivo deste documento é identificar oportunidades e ámbitos sobre os que actuar para conseguir unha redución do CO2 no municipio.
"Non se trata de facer cousas puntuais, senón de mudar por completo o modelo actual de forma estratéxica e planificada, centrándonos en criterios económicos pero tamén éticos e de compromiso co medio ambiente", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Para a rexedora este proxecto é "unha aposta decisiva para ter un plan de futuro que nos sirva para mellorar a eficiencia enerxética do concello".
Para a elaboración deste plan, realizarase un inventario das emisións de C02 equivalentes derivadas dos consumos enerxéticos do municipio que serva para facer unha diagnose do estado actual no que se atopa O Rosal, con medidas implantadas ata a data para a redución de gases de efecto invernadoiro, sectores nos que se debería actuar de xeito máis inmediato e prioridades de actuación. A través do PACES proporanse tamén medidas destinada a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir a dependencia dos combustibles fósiles empregando enerxías renovables.
O proxecto terá un custe de 6.000 euros que serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención para a elaboración dos PACES dirixida a concellos adheridos ao 'Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía', cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O 'Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas', ao que está adherido O Rosal, é un movemento que agrupa a milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma a sostibilidade enerxética e que pretende garantir unha contorna estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras.
As actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Concello de O Rosal
O CRA, listo para a volta ás aulas
O Concello realizou traballos de mellora nos distintos centros e está a acondicionar os espazos para acoller ao alumnado con seguridade
Unha das obras máis destacadas foi a construción dunha rampla para persoas de mobilidade reducida en Pancenteo
O Concello do Rosal traballa co CRA María Zambrano para unha volta ás aulas segura. Atendendo ao novo protocolo pola COVID-19, os operarios municipais remataron estes días os traballos de mellora e preparación das distintas unitarias, nas que se acondicionaron os espazos para poder acoller a todo o alumnado con seguridade e con todas as medidas de prevención necesarias. Por este motivo, retirouse unha parte do mobiliario e procedeuse á renovación de parte do material escolar. Ademais, colocáronse dispensadores de xabón e papel de man en todas as aulas.
Xunto con estes traballos, o Concello tamén levou a cabo durante o verán diferentes obras de mellora. Unha das máis destacadas é a construción dunha rampla para persoas de mobilidade reducida en Pancenteo e estase rematando o peche do espazo exterior do centro. Aquí tamén se procedeu a acondicionar o baño para nenos e nenas que hai no comedor, puxéronse extintores e preparouse a instalación para unha pantalla de televisión. Ademais, os traballadores municipais arranxaron o cuarto do colgadoiro.
Pola súa banda, no CRA en Fornelos pintouse a aula de Primaria e en Novás arranxouse a cancela de acceso á vivenda e reparouse o chan da aula de infantil.
O Concello quere agradecer unha vez máis a implicación e colaboración da dirección e do persoal do CRA, que están a traballar para garantir a seguridade de nenos e nenas na volta ao cole. Fundamental tamén o labor realizado polos operarios municipais que nas últimas semanas acondicionaron todos os centros do municipio para que comezaran o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias.
Concello de O Rosal
O Concello ultima as obras de acondicionamento para o comezo do curso en colaboración co CPI
Traballou en estreita colaboración coa dirección do centro para mellorar e adaptar as instalacións ao protocolo por COVID-19
Co inicio do novo curso escolar á volta da esquina, operarios municipais e profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier traballan man a man para preparar os espazos interiores e exteriores do centro e adaptalos ás medidas de precaución e aos protocolos de prevención de contaxios por COVID-19 marcados nos últimos días pola Consellería de Sanidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse nos últimos días no Concello coa dirección do CPI para ultimar as necesidades do centro e coñecer como abordará os retos para este curso escolar somerxidos nesta nova realidade. Este mesmo martes ademais visitou as instalacións para coñecer de primeira man as melloras realizadas.
Traballadores municipais están estes días rematando as obras de delimitación dos patios mediante o pintado do solo e a colocación de cordas no chan, unha división en 22 espazos que servirá para manter separados aos diferentes grupos burbulla. Dende a dirección do centro tamén se realizaron todos os cambios necesarios para o acondicionamento dos espazos interiores e a reorganización de entradas e saídas e do tránsito polo centro educativo.
Pola súa banda, durante os meses de verán o Concello do Rosal tamén se encargou de realizar diferentes traballos de mellora e mantemento no CPI, como o pintado do centro, a reparación de fachadas ou o acondicionamento de espazos para almacenamento.
Dende o Concello quere agradecerse a implicación de todo o persoal do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron arreo para cumprir con todos os protocolos de seguridade. Dende o centro lembran a todos os pais e nais que se dispoñen de instalacións axeitadas, con aulas e espazos bastante amplos que permitirán por exemplo ter ao alumnado a máis distancia da que marca estritamente o protocolo.
A alcaldesa tamén quere poñer en valor o labor realizado polos operarios municipais, que están a traballar contrarreloxo estes días acondicionando os diferentes centros educativos do concello para que comecen o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias.
Concello de O Rosal
|