|
O Concello de Tui terá un servizo de atención e asesoramento psicolóxico
Contará cunha psicóloga e unha traballadora social
O Concello de Tui asinou está mañá un convenio de colaboración coa Asociación Avelaíña da Guarda, para a posta en marcha do servizo de atención e asesoramento psicolóxico de persoas con problemas de saúde mental, en Tui.
Estará composto por unha psicóloga e unha traballadora social que, proporcionarán apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar aos veciños e veciñas que o precisen.
O alcalde de Tui mostrouse satisfeito por esta colaboración que "cubre unha das grandes carencias de Tui", a inexistencia dunha Unidade de Saúde Mental próxima así coma non contar cunha atención específica e continuada de saúde mental.
A atención psicolóxica é unha necesidade para o Concello de Tui para mellorar o benestar dos seus veciños e veciñas, afectados recentemente tanto pola catástrofe acontecida en Paramos o pasado maio de 2019, como pola situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19.
Grazas ao convenio, este servizo servirá apoio para as persoas que sofren enfermidades mentais e, que actualmente, precisan unha maior atención debido á situación actual provocada pola COVID-19, segundo sinalou o concelleiro de Servizos Sociais do Concello de Tui, Ismael Diz.
A entidade sen ánimo de lucro, leva colaborando con varios concellos para brindar axuda a este "colectivo tan desfavorecido", dicía María Fernanda Orduna presidenta de Avelaíña quen, destacou o logro que supón esta colaboración co Concello Tui.
A Eurocidade Tui - Valença participa nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía
Dende o 5 ao 18 de setembro haberá visitas guiadas, gastronomía, talleres e música sefardí nas dúas cidades transfronteirizas
A programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía da Rede de Xuderías de España, inclúe actividades e eventos para todos os públicos, que se desenvolverán en Tui e Valença, baixo a denominación de: "Rutas Serfardís".
Esta mañá a Sala de Concelleiros da Casa do Concello de Tui acolleu a presentación das "Rutas Sefardís". Un programa de actividades para conmemorar as Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Laureano Alonso xunto co vereador de Cultura da Cámara de Valença, José Monte.
As actividades se realizarán dende o 5 ate o 18 de setembro na Eurocidade Tui - Valença. Por primeira vez haberá eventos no que participen "dous Concellos de dous países distintos". Eran as palabras do concelleiro de Turismo e Patrimonio Laureano Alonso, quen apuntou que a finalidade é por en valor o patrimonio xudeu destas dúas vilas. Na presentación, o edil amosou o seu interese porque nun futuro, Valença poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal.
O concelleiro Laureano Alonso fixo mención especial á guía turística das rutas polas xuderías de Tui. Un traballo realizado pola xornalista Alejandra Abulafia, e editado pola Rede de Xudarías de España, que xa está dispoñible para a súa descarga.
As Rutas Sefardís por Tui e Valença arrancarán este sábado ás 12:30 h dende o Museo Diocesano de Tui e se levarán a cabo tanto en Tui coma en Valença, até o domingo 13 de setembro.
A cociña xudía tamén estará representada nestas xornadas. Será coas rutas Gastronómicas Sefardís. Poderase degustar o bacallau, alimento moi apreciado na cociña sefardí e que ten gran presenza actualmente tanto na cociña portuguesa coma galega. Participarán un total de 21 restaurantes de Tui e 9 de Valença.
Ademais destas rutas e visitas, están programados dous concertos de música sefardí a cargo de Carmen Penín e Maurizio Polsinelli. Un deles será en Tui o sábado 5 de setembro no conxunto histórico da cidade e o outro na Fortaleza de Valença.
Para calquera destes eventos o aforo está limitado até completar as prazas, co fin de cumprir coas medidas e protocolos COVID-19.
O programa inclúe unha exposición de paneis no Museo diocesano, que se poderá visitar dende o 5 até 20 de setembro.
O taller de repostería sefardí do 18 de setembro, dirixido exclusivamente as profesionais da hostalería das dúas cidades. Será impartido por Abigail Cohen de Hervás. O curso terá lugar na aula da UNED de Tui, no Convento de San Domingos. Neste caso, os profesionais interesados deben inscribirse na Oficina de Turismo de Tui.
Na presentación destas xornadas participou tamén o vereador de cultura de Valença José Monte. Salientou que este é un primeiro paso para dar a coñecer un patrimonio que posúe Valença, ademais de destacar a unha oportunidade que teñen para promocionarse xunto a Tui.
Por último, lembrou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro na súa intervención, a importancia da entrada de Tui na Rede de Xuderías de España, así coma a posibilidade que brinda de pór en valor un legado cultural e patrimonial de primeira orde. Resaltou o rexedor o carácter transfronteirizo destes eventos, que supoñen un valor engadido á importancia deste evento. Apostou porque nun futuro estas xornadas sexan os da Eurocidade Tui - Valença, como un único organizador, e destino común das persoas interesadas en coñecer o seu patrimonio xudeu.
O programa completo é o seguinte:
RUTAS SEFARDÍS POR TUI E VALENÇA
Sábado 5
" Ás 12.30 H Colección de Sambenitos da Catedral no Museo Diocesano de Tui
" Ás 18 h hora española: Patrimonio judaico en Valença no Largo Sta. María dos Anjos en Valença
Domingo 6
" Ás 12.30 h "O Tui de Francisco Sánchez" no Cárcere Vello de Tui.
" Do luns 7 ao venres 11
" Ás 12 h e ás 18 h Introdución ao patrimonio xudeu en Tui. No Museo Diocesano de Tui
Sábado 12
" Ás 12.30 h no Museo Catedralicio: Os prateiros xudeus e criptoxudeus na Catedral de Tui
" Ás 18 hora española no Largo Sta. María dos Anjos: Patrimonio judaico en Valença
Domingo 13
" Ás 12.30 h no Museo Diocesano: Colección de Sambenitos da Catedral
CONCERTO DE MÚSICA SEFARDÍ CON 2NAFRONTEIRA: CARMEN PENIM (VOZ) E MAURIZIO POLSINELLI (PIANO E HARMONIO)
" Sábado 5 ás 20 h na praza de Frómista en Tui. Prazas limitadas até completar aforo
" Sábado 12 ás 19 hora portuguesa no Largo de Santa Mª dos Anxos. Prazas limitadas até completar aforo
RUTAS GASTRONÓMICAS SEFARDÍS: BACALLAU NOS RESTAURANTES DE TUI E VALENÇA. DO 5 AO 18 DE SETEMBRO
Valença
" Churrasqueira Valenciana
" Baluarte
" Bom Jesus
" Fatum - Casa de Fados
" Portas da Coroada - Fortaleza
" Fortaleza I
" Fortaleza II
" Muralha
" Pousada S. Teotónio
" Limoeiro
Tui
" Alboio: en empanada
" Ideas peregrinas: tosta con bacallau
" Parador de Tui: bacallau con broa
" El Niño Trasto: á brasa con barbur e melocotón caramelizado
" Jaqueyvi: á brasa
" Tapas e viños: ensalada con bacallau
" La de José Luís: encebolado
" El Molino: á portuguesa e tamén empanada
" Puro Sabor: ó forno e empanada
" Novo Cabalo Furado: á prancha, á galega, ó forno, boliños e tamén empanada
" Vello Cabalo Furado: á portuguesa, empanada e boliños
" Santiamén: asado con cebola
" A Macoca: ó forno
" Pote: ensalada de bacallau e á galega
" Happy Restaurant: lascas de bacallau, empanada
" Monte Aloia: á brasa e ó forno
" Cruceiro do Monte: á portuguesa
" A vaca tola: tosta de bacallau
" Época: á prancha estilo Época e ensalada templada de bacallau afumado
" Arrayal 39: á brasa e á galega
" Asador Paulo: á brasa
EXPOSICIÓN: AS RUTAS SEFARDÍS - FRANCISCO SÁNCHEZ
" Do 5 ao 20 de setembro no Museo Diocesano:Exposición de paneis no Museo Diocesano de Tui
TALLER DE INMERSIÓN Á REPOSTERÍA SEFARDÍ
" Venres, 18 de setembro, ás 19 h
" A cargo de Abigail Cohen, da pastelaría La Candela de Hervás.
" Lugar: Convento de San Domingos (Aula Uned)
" Inscrición unicamente para profesionais na Oficina de Turismo (677.418405)
VINDEIRO EVENTO
" Luns 26 de outubro
" Jornadas Gastronómicas "Sabores de Sefarad" con Javier Zafra (autor do libro "Sabores de Sefarad: los secretos de la gastronomía judeoespañola").
" Este libro á venda en "Alimentación Alonso" e Librerías Iris e Nobel.
Unha vintena de postos participarán na Feira de Oportunidades ACITUI esta fin de semana
O evento será no Paseo da Corredoira e contará coas medidas e protocolos de seguridade fronte á COVID-19
Esta mañá (3/9) presentouse na casa do Concello de Tui a Feira de Oportunidades, que organiza ACITUI en colaboración co Concello de Tui. No acto estiveron presentes alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a Concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez e o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, Juan Carlos Blanco.
Haberá 20 postos de téxtil, calzado, complementos e xoguetes distribuídos polo Paseo da Corredoira este sábado e domingo, en horario de 11 h a 21 h. Ademais en ambas xornadas contarase con diversas actuacións musicais. O sábado actuará a banda Lembranzas da Terra e Carmen Penin na Praza da Fromista. Pola noite as Lagharteiras, serán as protagonistas, no Palco da Música. O domingo haberá pasarrúas da mán do Grupo Xuntanza de Randufe e a visita de Mickey e Minnie.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro apuntou na súa intervención a necesidade de apoiar ao comercio local, un dos sectores máis castigados pola actual crise sanitaria. Un evento "compatible e necesario" que pode desenvolverse con seguridade na cidade. Tamén, recordou que o Concello de Tui mobilizou 1 millón de euros para tratar de paliar precisamente os efectos económicos da pandemia da COVID-19.
A concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez sinalou esta Feira de oportunidades coma un evento de vital importancia para que o comercio local poida dar saída ao seu stock.
Mentres, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco aproveitou para convidar á cidadanía a visitar a Feira, que contará coas medidas necesarias para garantir a seguridade dos asistentes e suporá un "impulso ao comercio local".
A Feira de Oportunidades tivo que aprazarse en marzo debido ao estado de alarma. Esta fin de semana celebrarase cumprindo os protocolos sanitarios. Haberá control de aforo e de temperatura, os postos estarán delimitados e diferenciarase os accesos e as saídas, para evitar aglomeracións. Ademais, os asistentes deberán levar a máscara e terán a súa disposición xel desinfectante.
A Policía Local interveu nunha festa privada na madrugada do sábado, rexistrou unha alcoholemia positiva e propuxo dúas sancións polo non uso da máscara
Unha intervención nunha festa privada de madrugada 1/8, unha alcoholemia positiva e dúas propostas de sanción por non usar a mácara foron as principais actuacións da Policía Local de Tui na fin de semana.
A Policía Local de Tui deu o alto na madrugada do venres ao sábado, ás 00.45 h, a un vehículo cuxos ocupantes non facían uso do cinto de seguridade. Deuse a circunstancia que o condutor tiña retirado o permiso de conducir polo xulgado, amais deu positivo na proba de alcoholemia. Os axentes tramitaron o correspondente atestado.
Tamén o sábado de madrugada, á 1.39 h, efectivos da Policía Local foron alertados da celebración dunha festa privada nun recinto privado de uso público. Os axentes comprobaron coma case a totalidade dos asistentes eran menores polo que deron aviso aos seus pais.
Durante a fin de semana a Policía Local realizou dúas propostas de sanción polo non uso da mascarilla, e colaboraron en distintas alertas co 112.
Dende mañá 1 de setembro non será preciso solicitar cita previa no rexistro de entrada no Concello de Tui
Mantense a cita previa para a atención presencial nos outros departamentos
Dende mañá, 1 de setembro, non será preciso solicitar previa no rexistro de entrada na casa do concello de Tui. As persoas que precisen presentar documentación por rexistro de entrada só terán que achegarse á casa do concello onde serán atendidos na entrada habilitada dende a fachada principal.
Si continuará a ser preciso a cita previa para a atención presencial no resto de departamentos municipais.
A posta en valor dos petróglifos de Randufe permitiu descubrir novos gravados
Catorce rochas conta con elementos datados dende o Neolítico á época moderna
Un total de catorce rochas con petróglifos realizados dende o Neolítico á época moderna conforman o conxunto situado no Alto do Coello, Fontiñas e Rozacús, en Randufe. Nun proxecto do Concello de Tui, financiado pola Deputación de Pontevedra, e coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe, a empresa Árbore Arqueoloxía e Restauración levou a cabo a súa limpeza a posta en valor.
No dia 28/8 tivo lugar unha visita inauguración desta actuación levada a cabo e que permitiu descubrir novos petróglifos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, xunto a outros membros da corporación, o presidente da Comunidade de Montes de Randufe, Ramón Martínez, e persoas interesadas en xeral asistiron onte á esta visita.
A actuación consistiu na limpeza, tala e roza da zona e na eliminación da vexetación superficial nas rochas. Isto permitiu descubrir novos gravados, xa que antes da intervención só se coñecían os existentes en cinco rochas, e na actualidade o número elevouse até 14 pedras que contan con petróglifos. Foron colocados tres paneis indicativos realizados en aceiro corten coa información sobre o conxunto e, realizado con corte por laser, a representación dos cabalos que aparecen nun dos petróglifos de Fontiñas. A carón de cada pedra colocouse un calco dos petróglifos existentes realizado con fotogrametría, o que permite ao visitante a súa mellor localización. O mellor momento para observalos é ao amencer ou ao atardecer, xa que neses momentos a luz existente fai destacar os sucos do gravado. Tamén se aconsella a visita de noite con lanternas.
Así neste conxunto podemos atopar muíños sedentes do Neolítico que poderían estar relacionados coa evidencia dun poboado prehistórico no Alto do Coello. Aparecen noutras rochas animais coma cabalos asociados á Idade de Bronce. Da mesma época poderían ser outros dos motivos representados coma círculos ou coviñas. Amais na práctica totalidade das rochas , posiblemente froito dun proceso de cristianización da zona, hai gravadas cruces, e mesmo nunha das rochas aparece un cáliz, que poderían corresponder á época medieval-moderna. A actuación realizada tamén permitiu recuperar a toponimia local coma é o caso do nome de Fontiñas.
As instalación municipais de tenis en Areas contan agora con tres pistas dobres
Esta mañá tivo lugar a reapertura oficial das instalacións tras as obras realizadas
A 27/8 tivo lugar a reapertura oficial das pistas municipais de Tenis situadas en Areas tras as obras de remodelación realizadas, que supuxeron un investimento de 53.095,22€ con cargo ao Plan Concellos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que con esta actuación dáse cumprimento a unha vella demanda do Club Tenis Tui en canto á mellora das instalacións. Avanzou tamén que o gran reto de cara ao futuro é a execución dunha área multideporte nun emprazamento axeitado.
O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, destacou a actuación realizada nestas pistas empregadas polo Club Tenis que desenvolve a súa actividade dende 2012 e que conta na actualidade con 60 deportistas federados. Referiuse amais as obras que se están a executar tamén nos pavillóns municipais, no centro municipal de Remo, ou no Campo de Fútbol Álvarez Durán, dentro do obxectivo xeral de reformar as instalacións deportivas municipais.
O presidente do Club Tenis Tui, Pablo García, agradeceu a intervención realizada destacando as características das pistas das que dicía "teñen un bote perfecto", e engadindo que son "o acicate que nos faltaba". Ao tempo convidou a practicar esta disciplina deportiva.
A actuación realizada consistiu na ampliación das instalacións co que se pasa a contar con tres pistas dobres, que foron pintadas en resina especial deportiva de 5 capas. Para posibilitar a ampliación foi preciso o traslado dos báculos de iluminación, e está previsto o cambio das luminarias a tecnoloxía led. Amais foi colocado un novo valado perimetral, e reubicouse a caseta destinada a vestiarios. Nun futuro próximo está prevista a colocación dun novo módulo para ser empregado coma oficina e almacén.
O Concello de Tui acredita as súas instalación para impartir cinco novos certificados de profesionalidade
Tamén obtivo a validación para impartir cinco novas competencias clave
O Concello de Tui vén de recibir a acreditación, por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción laboral para poder impartir nas súas instalacións, no Centro Municipal de Formación, cinco novos certificados de profesionalidade.
En concreto trátase de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais; Docencia de formación profesional para o Emprego; Operacións Auxiliares de servizos Administrativos e Xerais e Organización e Xestión de Almacéns.
Amais o Centro Municipal de Formación recibiu tamén a validación para impartir as competencias claves de Alfabetización Informática: Informática e internet; Competencia Matemática N2; Comunicación en Lingua Castelá N2; Comunicación en Lingua Galega N2; Competencias Clave N2 Sen Idiomas: Comunicación en Lingua Castelá e Competencia Matemática.
Estas novas homologacións súmanse ás xa existentes de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas; Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas; Montaxe de mobles e elementos de carpintería; Instalación de elementos de carpintería; Operacións de fontanería e calefacción climatización doméstica; Axudante de documentación de medios de comunicación; Venda de servizos e produtos turísticos; Azafata auxiliar de congresos; Colocador de prefabricados lixeiros e Colocador de paneis de cartón xeso e similares.
Dende o Concello de Tui, a través da Concellería de Formación e Emprego, apóstase por ampliar a oferta formativa do Centro Municipal de Formación coa finalidade de impulsar e estender entre as empresas e os traballadores ocupados e desempregados unha formación que mellore a empregabilidade e o desenvolvemento persoal e profesional das persoas traballadoras e que responda as necesidades actuais do mercado laboral.
Rematadas as obras executadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 e 2019
Amais con fondos propios estase a construír un muro no campo de fútbol de Ribadelouro e a cambiar as luminarias dos pavillóns por tecnoloxía led
O Concello de Tui ten rematadas ou a piques de facelo as obras executadas ao abeiro do Plan Concellos 2018 e 2019 da Deputación de Pontevedra.
Así por unha parte o Concello de Tui ven de rematar as obras de asfaltado no barrio da Malladoura en Baldráns, actuación que contou cun importe de 49.476,68 euros e que estaba incluída no Plan Concellos do ano 2018. Tamén formaba parte do Plan Concellos do 2018 o acondicionamento das pistas de tenis de Areas por importe de 64.245,22 euros que veñen de ser recepcionadas.
Outra das obras rematadas é a substitución da cuberta da nave de maquinaria que o Concello de Tui ten en Guillarei , que supuxo un investimento de 63.120,32.
Por outra parte está próxima a finalización a adecuación da área lúdico recreativa do CEIP de Rebordáns por importe de 42.442,18 euros e a elaboración da cartografía six, ortodixital e rede topográfica do Concello de Tui por importe de 90.000 euros.
Todos estes proxectos forman parte do Plan Concellos da Deputación do ano 2018, onde restan por executar unha área recreativa na aula das Bornetas do CRA Mestra Clara Torres, así coma a obra con maior orzamento que é a humanización da rúa Colón que suporá un investimento de 314.000 euros e cuxo contrato se acaba de asinar.
Con respecto as obras do Plan Concellos do ano 2019 están todas adxudicadas e algunhas rematadas, coma a renovación de equipos da radio municipal e o Deporemse que está tamén a piques de concluírse.
Ao marxe da financiación do Plan Concellos, o Goberno Municipal tamén está a executar, neste caso con fondos propios a construción dun novo muro no campo de fútbol de Ribadelouro ante o risco de derrube que presentaba a anterior estrutura. E está a proceder ao cambio das luminarias dos pavillóns municipais por tecnoloxía led, o que permitirá mellora a eficiencia enerxética nestas dúas instalacións co conseguinte aforro económico.
Do 1 ao 9 de setembro celebrarase o programa de conciliación Igual É + dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos
A inscrición está aberta até este venres. Haberá 7 grupos, 2 no centro urbano e en 5 parroquias
Do 1 ao 9 de setembro vaise desenvolver o Programa de Conciliación "IGUAL É +" dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos empadroados no concello de Tui. A Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade pon en marcha esta actividade para promover a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. O obxectivo é fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares incorporando a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas que participen neles.
Este programa de fomento da Conciliación "IGUAL É +" foi concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Concello de Tui.
Ofértanse 70 prazas para nenos e nenas distribuídos en 7 grupos de 10 integrantes a realizar tanto no centro urbano coma nas parroquias de forma simultánea.
Cada grupo traballará sobre unha temática específica tendo en conta o principio de igualdade e aplicando a perspectiva de xénero:
1. Tui Urbano 1: Temática. Mulleres Senlleiras Galegas
2. Tui Urbano 2: Temática. As Profesións
3. Caldelas De Tui: Temática. Educación Emocional
4. Guillarei: Temática. Artes Escénicas
5. Rebordáns: Temática Descubre O Teu Talento
6. Randufe: Temática Música E Baile
7. Areas.: Temática. A Natureza
Así do 1 ao 9 de setembro, en horario de 9 a 14 h, os nenos e nenas participantes en Igual É + realizarán actividades coma Mirando con lentes de xénero; Coñecendo os nosos dereitos humanos; Uso do tempo e división do traballo dentro das familias; Obradoiro de análise de actividades e roles; Treatrévete (teatro para traballar os estereotipos de xénero); Contos ao revés; Eu son e podo; Xincana non sexista; Cancións pola igualdade; Xogos tradicionais galegos; Xogos deportivos para traballar os roles de xénero; Xincanas temáticas e Actividade de orientación e xincana medioambiental. Contará cun estrito protocolo COVID de medidas hixiénico sanitarias.
As persoas interesadas teñen que cubrir o formulario de inscrición, dispoñible en tui.gal e presentalo por rexistro de entrada ou na sede electrónica até este venres, 28 de agosto, xunto coa documentación requirida nas bases da convocatoria (fotocopia do Libro de familia, declaración da renda de 2019, certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente da/o menor, certificado de familia monoparental, sentenza de separación ou divorcio ou convenio regulador e acreditación da necesidade de conciliación).
As prazas ofertadas cubriranse por rigoroso orde de inscrición tendo prioridade os/as nenos/as empadroados/as no Concello de Tui, e seguindo os criterios establecidos nas bases do programa, entre eles o nivel de renda da unidade familiar.
A información sobre este programa Igual É + pódese ampliar no 986 60 36 25 ext. 54.
|