|
Pilar Alonso comeza a montaxe da súa intervención artística na Aula COVID de Tomiño
O Concello transformará a Casa da Cultura nunha aula de estudo con acceso a internet para que a mocidade teña un lugar ao que acudir en caso de posibles rebrotes
O proxecto 'Súbeo á nube' busca dar calidez a ese espazo creando unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel que foi dixitalizado
A artista Pilar Alonso xa comezou a montaxe de 'Súbeo á nube', un proxecto de intervención que busca facer máis acolledora e cálida a futura Aula COVID de Tomiño. O Concello transformará a Casa da Cultura nun aula de estudo con acceso a internet para que os e as estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos en caso de posibles rebrotes de coronavirus ou un novo confinamento. O edificio, usado antigamente como cine, ten uns teitos de máis de 6 metros de altura, espazo no que Alonso creará unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel e que foi dixitalizado e subido á nube virtual nalgún momento.
Tras un chamamento á veciñanza a que doara as enciclopedias, libros de estudo, apuntes... que tiveran na casa, a artista comezou a fiar cada folla "para tecer esa nube que vai ser como un tornado de papel que sube, rizando cada papel para que a estrutura tivese un efecto de subida e fora máis aéreo". Un traballo laborioso que permitirá crear unha nube de 40 metros cadrados por riba das bateas de iluminación do que será un espazo de encontro para a mocidade.
Tanto a artista como o Concello agradecen a gran resposta dada pola veciñanza, que doou numeroso material para poder levar adiante o proxecto, xa que nesta nube estarán subidas enciclopedias publicadas dende os anos 60 ata o 2005.
O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros na adecuación deste espazo en Aula COVID, que complementará o servizo de medios informáticos que presta a Aula CeMit. Ademais, para garantir a saúde de todas e todos os usuarios, a aula contará con distintas medidas de seguridade, como distancia mínima entre persoas, mamparas e xel hidroalcohólico.
Tomiño pide axuda ao Goberno e á Xunta para solucionar o tema da falta de cobertura telefónica
A alcaldesa enviou escritos ás compañías que operan na zona e solicitou o apoio da subdelegada do Goberno e do xefe territorial da Consellería de Economía e Industria
O Concello de Tomiño vén de pedir axuda ás administracións autonómica e central para lograr unha solución ao tema da falta de cobertura de telefonía móbil e internet en distintas zonas do municipio, que cada vez é peor.
A alcaldesa Sandra González dirixiuse, concretamente, á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, e ao xefe territorial da Consellería de Economía e Indistria, Ignacio Rial Santomé, explicándolles en sendas cartas a situación que vive a veciñanza de moitas zonas do municipio, ás que non chega a cobertura prometida no seu momento polas compañías de telefonía.
A rexedora explica nas misivas os trazos característicos da vila, con 14.000 habitantes, dos cales un 60% ten menos de 60 anos; cunha economía que se asenta nun sector agrario importante, coa planta ornamental á cabeza da produción e exportación, e tamén pequenas empresas e autónomos que traballan dende as súas vivendas, sobre todo, na situación sanitaria pola que estamos pasando.
"A cobertura de telefonía móbil está sendo un lastre para os veciños e veciñas, que ven entorpecida a súa vida diaria, e tamén para o sector empresarial, que non pode desenvolver ben a súa actividade... núcleos con alta densidade de poboación onde non hai cobertura con ningunha compañía", explica a alcaldesa. Trátase de "zonas escuras" coma, por exemplo, a estrada PO-552 no treito Carregal-Torrón, ao longo de case 10 km. Polo mesmo, as queixas da veciñanza que, por mor do Covid-19, traballa máis dende a casa que antes, son continuas no Concello.
A ambos mandatarios a alcaldesa pide que demanden ante as compañías unha mellora do servizo de telefonía móbil e que tomen as medidas para facer que se estendan as coberturas de internet que estaban previstas.
Asemade, a rexedora local dirixiuse de forma simultánea a cada unha das compañías que operan na zona, explicando que no novo contexto de crise, o traballo remoto ten sido e segue a ser de vital importancia para boa parte da poboación, polo que se precisa un bo funcionamento das novas tecnoloxías. "Actualmente, os veciños e veciñas teñen trasladado a este Concello múltiples queixas pola deficiente cobertura, sobre todo, nas horas punta; un malestar que compartimos e do que deixamos constancia a través dos escritos enviados, agardando que se leven a cabo as melloras precisas para solucionar esta situación coa maior présa posible", advirte.
A OMIX de Tomiño súmase á formación online
Os catro cursos organizados para este mes de setembro impartiranse a través dunha plataforma e-learning. Xa está aberto o prazo de inscrición
A OMIX de Tomiño adáptase aos novos tempos para seguir ofertando á mocidade da vila cursos formativos atractivos e adaptados á demanda formativa dos máis novos e novas. Deste xeito, a OMIX organiza para este mes de setembro catro cursos que se impartirán a través dunha plataforma e-learning cun titor que atenderá de xeito personalizado todas as consultas do alumnado. Unha das grandes vantaxes deste sistema é que permitirá a cada participante escoller o seu propio horario e facer o curso cando queira ao longo de todo o mes.
Xa está aberto o prazo de inscrición en calquera dos catro cursos a través da páxina web do Concello. Cada curso terá un custe de 5 euros.
No curso básico de correo electrónico as persoas participantes aprenderán a crear unha conta en Google, a redactar correos electrónicos, a facer filtrado e clasificación de correos, a manexar programas de xestión de e-mails e a saber utilizados de xeito efectivo e produtivo. Para inscribirse hai que encher o seguinte formulario.
Durante este mes tamén poderá aprenderse a traballar na nube de Google. O obxectivo deste curso básico é aprender que significa traballar na nube, coñecer os pros e contras desta forma de traballo, coñecer programas de navegadores, trucos para dominar as buscas en Google, deseñar gráficos online ou saber xestionar a axenda con Google Calendar e outros servizos de Google como Drive, Photos, Google Alertes, as notas online ou o paquete de Google Office. Inscricións aquí.
Por outra banda, as persoas interesadas tamén poderán aprender a como utilizar a sede electrónica do Concello de Tomiño, onde descubrir máis sobre esta ferramenta que permite realizar calquera trámite administrativo as 24 horas os 365 días do ano dende casa, sen necesidade de achegarse ao concello. Dende volantes ou certificados de empadronamento, licencias de obras menores, solicitude de espazos públicos... todo a un sinxelo golpe de clic. As inscricións poden facerse aquí.
Por último, este mes a mocidade tamén poderá facer un curso de aplicacións de Google: Google DOCS. Mediante este curso básico as persoas inscritas coñecerán todas as posibilidades que lles ofrece esta aplicación e aprenderán a preparar a páxina, formatos de texto, viñetas e numeracións, encabezados e pé de páxina, táboas, inxerir imaxes e/ou gráficos, índices e tabuladores, ferramentas básicas (tradución, corrección ortográfica), descargas e impresión ou complementos, entre outras cousas. As persoas interesadas nesta acción formativa poden inscribirse aquí.
Alberto Vilas sorprenderá ao público co seu concerto de piano no Espazo Fortaleza de Goián
O recoñecido músico e compositor conquistará aos tomiñeses e tomiñesas con 'Naialma'. Será o sábado 5 de setembro (20h) nun escenario privilexiado marcado polo silencio natural
Un marco incomparable para un concerto único. O recoñecido músico e compositor Alberto Vilas levará o seu piano ao Espazo Fortaleza de Goián o vindeiro sábado 5 de setembro para sorprender ao público cun concerto íntimo e persoal nunha contorna privilexiada, un auditorio natural ao aire libre no que o silencio é a nota predominante.
O artista redondelán achegarase a este espazo único á beira do río Miño para presentar 'Naialma', un proxecto musical con temas que foron crecendo ao longo do tempo ata encher toda unha mochila de vivencias persoais e profesionais e concibido para amosarse ao mundo en espazos onde o silencio natural enmarque a obra. Así, soamente co acompañamento do piano, Vilas conseguirá transmitir neste concerto moitos anos de memoria persoal que deron como resultado unha música evocadora capaz de levar a cada persoa do público a un recuncho distinto. Deste xeito, tras unha longa traxectoria e profesional, Vilas presenta ao público en Tomiño o seu primeiro traballo en solitario.
O concerto será ás 20.00 horas no Espazo Fortaleza, xunto á praia fluvial de Goián, a carón do río e preto da antiga fortificación de San Lourenzo. A entrada será de balde pero para acudir é preciso reservar con antelación chamando ao teléfono 986 622 001.
Toda unha vida na música
Alberto Vilas estudou piano no Conservatorio Profesional de Vigo con Chan-Rok Moon, composición con Carlos Cambeiro Alís e perfeccionou a técnica con María Jesús Crespo e Luiz de Moura. Entregado á música dende os 15 anos, vai aderezando tramas e texturas, color e harmonías e ata o de agora gravara a súa obra dentro de diferentes formacións de jazz, xénero ao que dedicou varios anos de aprendizaxe no Seminario de Jazz de Pontevedra e en numerosos cursos de especialización.
En 2011 publica 'Experienza', en 2014 'Crónica Cromática' e dous anos despois 'Ubuntu'. Ademais, dende 1988 forma parte do grupo Tangata, fundado polo bandoneonísta Artigas Anelo, integrado polo violinista David Veiga e o contrabaixista Gustavo A. Barcia e do que formou parte durante 25 anos a violinista Laura Quintillán. Con eles Vilas gravou catro traballos musicais, o último en 2018, '30 años', un longo percorrido pola historia do tango. Pola súa banda, co tubista Eduardo Nogueroles gravou obras clásicas de P. Hindemith, B. Broughton, A. Plog e E. Crespo.
Alberto Vilas tamén é autor das bandas sonoras de documentais como 'O Imperio Téxtil', de Fernando Carreira; 'Un Rebelde de Aceiro', de Manolo Barros; 'Ángel', dedicado ao pintor e restaurador redondelán Ángel Barros; e 'Semitonos', de Pancho Salmerón, sobre a obra do pintor Fernando Morales.
Colaborou en discos de artistas moi diversos como a cantante Uxía, a quen tamén acompaña moitas veces en vivo; a cantante Sonia Lebedinsky; Magín Blanco; o polifacético actor Tatán; o gaiteiro Xulio Lorenzo e o cantautor galego Tino Baz. Ultimamente, puxo o seu piano ao servizo do mito portugués Vitorino.
Tomiño acolle a exposición 'Río Miño. Memorias transfronteirizas'
A mostra estará aberta ao público do 29 de agosto ao 13 de setembro no Mercado de Tomiño. Está organizada pola AECT Río Minho e a CIM Alto Minho ao abeiro do programa SmartMinho
Tomiño é a nova parada da exposición itinerante 'Río Miño. Memorias transfronteirizas', unha mostra que transportará ao público as dúas marxes do río con quioscos interactivos, filmes e paneis interpretativos e que poderá visitarse dende o 29 de agosto ata o 13 de setembro no Mercado de Tomiño.
Esta exposición procura achegar ao público ás augas frías do Miño, un río que divide dous países e une unha cultura con técnicas de pesca e memorias en común, con lugares marabillosos e chea de tesouros vivos, de persoas cun profundo coñecemento e práctica local que agora se descobren. A través de todo o percorrido, as persoas visitantes mergullaranse nas dúas marxes do río e no mundo das persoas que habitan as súas ribeiras: as súas técnicas, música, gastronomía, lingua e xogos.
Tomiño e Cerveira, unidas como Eurocidade, son un claro exemplo de que o río Miño lonxe de separar territorios os une. O río é unha fronteira que une a ambos concellos nun proxecto de cooperación transfronteiriza e xestión compartida, de colaboración institucional e de valorización do patrimonio natural e cultural. Un símbolo das relacións entre Galicia e Portugal que agora recolle esta exposición.
A mostra está promovida pola AECT Rio Minho e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho) en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Agrupamento Europeu de Cooperação Territorial do Rio Minho e o Centro de Estudos Euro-Regionais da Galiza/Norte de Portugal.
A exposición amosa unha compilación dos contidos desenvolvidos ao abeiro de dúas accións do proxecto SmartMinho, cofinanciado polo programa Interreg VA, centradas na recuperación e promoción do patrimonio inmaterial transfronteirizo: un estudo das pesqueiras do Río Miño como exemplo do patrimonio cultural herdado polas comunidades ribeiregas do río e o proxecto Tesouros Vivos, que recolle o testemuño de persoas que posúen un profundo coñecemento ou habilidade que remite a unha práctica cultural inmaterial.
Tomiño porá en marcha o "Programa EncaixaT", pioneiro na promoción de valores e aptitudes sociais en menores
Traballarase, en principio, con dos grupos dirixidos por persoal cualificado e coordinados polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF)
O Concello de Tomiño, a través do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), porá en marcha este curso un programa pioneiro na zona, co obxectivo a acadar é promover actitudes, aptitudes, coñecementos, pautas e habilidades que favorezan o desenvolvemento autónomo e grupal de menores, especialmente, dos que se atopan en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
O Programa de Intervención Socio-educativa coa infancia e adolescencia do Concello de Tomiño, estará dirixido á poboación comprendida prioritariamente entre os 8 e os 14 anos, sen prexuízo de poder ampliarse por causas motivadas, até os 6 e os 16 anos.
No programa diferenciaranse dúas áreas de intervención: unha de formación socio-educativa e outra de apoio psicolóxico a menores.
A primeira, desenvolverase a través de obradoiros específicos e actividades. Concretamente, constará dun programa de hábitos de estudo centrado no apoio das tarefas derivadas dos centros escolares, e outro de tempo de lecer e participación comunitaria. Crearanse en principio dous grupos de 8 menores cada un, que recibirán atención dous días á semana, a razón de hora e media cada día. Ao fronte dos grupos, estará persoal cualificado coordinado polo SEAF e a Concellería de Benestar Social, á que pertence dito servizo.
Pola súa banda, a área de apoio psicolóxico, terá como eixes vertebradores "a competencia social, a capacidade para a resolución de problemas, a autonomía e o sentido de propósito e de futuro", segundo explica a responsable de Benestar, Cristina Martínez.
Explica a concelleira que a creación dun espazo socio-comunitario dedicado á infancia e á adolescencia en situación de vulnerabilidade, é unha aposta do goberno local por seguir sendo referencia en políticas de infancia e ofertar un apoio educativo e psicolóxico que sirva coma axuda ás familias con menos recursos, dotando aos seus fillos e fillas de competencias socio-educativas e favorecendo a súa inclusión social".
O programa procura ofrecer un espazo onde o tempo de estudo se conxugue co traballo a nivel emocional, social e fomento dos hábitos saudables. Centrado en valores de tolerancia, igualdade, consumo responsable, etc., dende un marco grupal reducido, o programa abrangue a atención á diversidade e o apoio individualizado.
Son obxectivos concretos traballar a intelixencia emocional, interiorizar hábitos saudables e favorecer un modelo de crianza con apego, dende o apoio ás familias.
Datos de interese
A nivel poboacional o concello de Tomiño conta con máis de 14.000 habitantes na actualidade, dos que máis de 2000 son menores de idade, o que representa o 15% da poboación.
Segundo datos proporcionados polo SEAF, no intervalo de idade de 6 a 18 anos, atópase o 22% da poboación vulnerable que require de mecanismos de apoio, orientación e supervisión no seu desenvolvemento persoal, educativo e social.
Tomiño participa nun proxecto europeo para promover a formación en valores, a través da música
O proxecto "Play2 Grow!" pretende incentivar o respecto, a creatividade, a comunicación e o traballo en equipo, intercambiando experiencias e boas prácticas entre a Escola de Música de Goián e a Escola de Rock de Paredes de Coura
"Play2 Grow!" é o nome que agrupa aos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño, e ás respectivas Escola de Rock e Escola de Música de Goián, coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), nun proxecto Erasmus que pretende xerar un conxunto de actividades formativas, que permitan a mozos e mozas adquirir unha serie de valores e habilidades a través da música.
O proxecto, iniciado a finais de 2019, desenvolverá unha serie de recursos de formación innovadores dirixidos a traballadores xuvenís e formadores de escolas de música, para que poidan mellorar a provisión de habilidades e valores chave como o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo nas súas respectivas aulas.
O desenvolvemento da iniciativa, previsto ata o verán de 2021, irá proporcionando achegas en canto a metodoloxía e formación curricular, e unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe dinámica e a interacción en habilidades chave a través da música: Play2 Grow HUB.
Toda a información está dispoñible en: https://play2grow.eu e as canles do proxecto en Youtube, Facebook e Instagram. En https://play2grow.eu/project-outputs están xa publicadas algunhas das boas prácticas identificada ata agora, entre as que se inclúen os campamentos e concertos didácticos da Escola de Música de Goián e a súa práctica solidaria de intercambio de instrumentos musicais.
Antecedentes:
En decembro de 2019, celebrouse en Paredes de Coura a primeira xuntanza dos socios. Foi unha reunión moi produtiva na cal as 5 entidades representadas no proxecto, tiveron a ocasión para coñecerse e compartir as súas ideas do proxecto.
< /i>Ademais, tiveron a oportunidade de visitar Escola de Rock de Paredes de Coura (unha residencia curta que tiña lugar aquela semana), e coñecer os aspectos principais desta interesante iniciativa con mozos e mozas, a cal de feito foi a semente do proxecto.
|