|
Continúa a posta en marcha do proxecto da 'Explanada do Horizonte'
Despois de varios meses de traballo por parte do goberno municipal do Rosal, iniciáronse xa as obras para a transformación do lugar
Logo dun intenso período de tramitacións burocráticas e consecución de permisos, as obras de adecuación e remodelación do lugar continúan avanzando. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, estivo facendo unha visita de seguimento das obras do proxecto levado a cabo pola arquitecta e paisaxista María Fandiño. Na área foron feitas xa varias actuacións como a colocación do pavimento, a instalación de mobiliario urbano ou a creación da área de xogos infantís. Tamén se procedeu á plantación de vexetación autóctona seguindo os criterios da administración autonómica.
A execución das obras foi posible grazas a moitos meses de intenso traballo por parte do goberno municipal á hora de conseguir acordos cos distintos entes sociais implicados na realización das mesmas. Para isto foi preciso traballar coa propietaria dos terreos nos que se están desenvolvendo as actuacións para conseguir a súa cesión, a Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal, así como coa traída de augas, as percebeiras ou o veciño propietario da parcela na que está situado o petroglifo 'Laxe do Lapón', de gran valor cultural, onde tamén se pensa realizar unha actuación.
Do mesmo xeito tamén foi preciso tramitar os permisos coas sectoriais de Augas de Galicia, Estradas de Galicia, Patrimonio Cultural e Costas. Neste sentido a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quixo agradecer "a implicación e a boa disposición dos veciños e veciñas, que colaboraron en todo o posible para que este proxecto poida ser unha realidade".
O proxecto da explanada constitúe unha obra emblemática de gran valor pola súa posición xeográfica e o seu valor simbólico para o Concello do Rosal, ao estar encadrada nun tramo do Camiño de Santiago Portugués pola Costa. A remodelación, que parte da arquitectura paisaxista, pretende remodelar a preexistente explanada de formigón buscando a integración medioambiental e evitando o "feísmo" coa posta en valor do potencial paisaxístico do emprazamento e a recuperación dos ecosistemas da área.
Concello de O Rosal
O Rosal aplica o desbroce selectivo para a recuperación dos bosques de ribeira
Este método permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies e minimiza o avance de invasoras
O Concello do Rosal aposta por un novo modelo de desbroce máis ecolóxico e sostible que permita diferenciar a vexetación que se debe eliminar da que non. A través deste desbroce selectivo búscase a recuperación do bosque de ribeira no río Carballas, minimizando o avance de especies invasoras e permitindo o aniñamento de diversos animais, o que permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies.
Dende a Concellería de Medio Ambiente estanse dando pasos para garantir a conservación destes bosques de ribeira "e a rexeneración da vexetación actual, xa que de continuar cos desbroces de toda a zona en poucos anos a actual arboreda desaparecerá", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Este tipo de desbroce permite a conservación dunha vexetación fundamental para o equilibrio ecolóxico da zona, xa que os bosques de ribeira funcionan como protectores de solo e auga, reducindo a sedimentación, mantendo a calidade da auga e impedindo a entrada de contaminantes. Forman ademais corredoiros que contribúen á conservación da biodiversidades, subministran alimento e refuxio á fauna ou absorben e fixan o dióxido de carbono.
Concello de O Rosal
A Galiña Azul do Rosal, lista para o comezo do novo curso
Concello e profesorado traballaron man a man para mellorar e adaptar as instalacións ás necesidades provocadas pola COVID-19
A Galiña Azul do Rosal comezou o venres 4 o novo curso coas súas instalacións adaptadas ás novas necesidades provocadas pola COVID-19. Concello e dirección do centro están a traballar man a man para iniciar o curso escolar da forma máis normalizada posible, garantindo a saúde de nenos e nenas e trasladando aos pais e nais unha mensaxe de tranquilidade.
Ao longo do verán, leváronse a cabo diferentes traballos de mellora nesta escola infantil enfocados a paliar a situación provocada polo coronavirus e axeitar as instalacións ás medidas de prevención establecidas para evitar contaxios. Así, dotouse ao centro de vallas de tipo New Jersey, un material orixinariamente ideado para a separación de espazos nas obras que resulta o máis axeitado para separar aos grupos de nenos e nenas de distintas idades, xa que os cativos e cativas non poden tiralas nin mancarse con elas. Ademais, ao ser móbiles permite cambiar facilmente a disposición de espazos en caso de necesitalo.
Xunto con estas vallas, tamén se delimitou o areeiro da Galiña Azul cun valado de madeira que permita controlar ao grupo burbulla que está no seu interior e evitar que se mesturen con outro. Tamén se está traballando no cambio do fregadeiro por un máis grande que facilite o traballo de lavado e desinfección de xoguetes, na colocación de dispensadores de papel e xabón nos baños e na instalación dunha mampara de ducha ou dun timbre inalámbrico que permita a entrada a persoas alleas ao centro por portas diferentes a das do alumnado.
Ademais destas melloras, o Concello realizou nestes meses outras tarefas de mantemento, como o tratamento das baldosas do comedor cun produto antideslizante, a a limpeza das cristaleiras exteriores ou a posta a punto do céspede e do areeiro.
Dende o Concello quere poñerse en valor a implicación e o traballo realizado por todo o persoal desta escola infantil para establecer todos os protocolos de seguridade necesarios para garantir a saúde do alumnado e para que o arranque do curso transcorra coa maior normalidade. Tamén quérese agradecer o labor dos operarios municipais que traballaron nas diversas tarefas de acondicionamento do centro.
Antes do remate do curso a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, mantivo unha reunión co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, do que dependen todas as escolas Galiña Azul, para tratar entre outros asuntos a dotación de material para os centros. Deste xeito, o Consorcio colaborará tamén coa compra de mesas abatibles e das taquillas que precisa o persoal da escola.
Concello de O Rosal
O Concello do Rosal e SOS Tomiño continúan a estreitar lazos
É a primeira reunión con esta entidade tras poñerse a alcaldesa Ánxela Fernández ao fronte do departamento de Servizos Sociais
O Concello do Rosal e a asociación asistencial SOS Tomiño continúan a estreitar os seus lazos de cooperación. Este martes, a alcaldesa Ánxela Fernández reuniuse co presidente e vicepresidente desta entidade, José Quinteiro e José Gómez, para falar da situación actual que se está a vivir no municipio e na comarca do Baixo Miño a consecuencia da COVID-19. Fernández, Quinteiro e Gómez aproveitaron a xuntanza para analizar as novas necesidades e situacións xurdidas a raíz da crise sanitaria e da nova realidade. Soamente durante o pasado mes de xullo SOS Tomiño entregou máis de 1.000 quilos de alimentos a persoas do Rosal, o dobre do que habitualmente repartían mensualmente a principios de ano.
Durante a reunión, alcaldesa e membros de SOS Tomiño tamén revisaron o balance de actuacións de 2019 na comarca, onde entregaron 150 toneladas de alimentos. Trátase do primeiro encontro entre Concello e SOS Tomiño dende que a rexedora situouse ao fronte do Departamento de Servizos Sociais.
A asociación SOS Tomiño dispón dunha nova páxina web (sostomino.org), un espazo que serve non soamente para dar a coñecer todo o que están a facer senón tamén como ferramenta para contactar coa xente. Así, por exemplo, durante o estado de alarma a entidade creou unha nova forma de colaborar ou de pedir axuda a través desta nova web.
Dende o Concello do Rosal quérese poñer en valor o gran labor que SOS Tomiño está a desenvolver de forma desinteresada a prol das familias máis necesitadas do Baixo Miño, polo que seguirá tendendo pontes para unha colaboración constante e efectiva. Tamén quérese agradecer a súa boa disposición e a coordinación cos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que colaboran nas tarefas de reparto de alimentos e que cada día traballan arreo para dar resposta a todas as necesidades do municipio.
Concello de O Rosal
O Concello arranxa a ponte do Urgal tras obter os permisos da Confederación Hidrográfica
Persoal municipal repuxo as pedras caídas dende hai tempo tras salvar todos os trámites burocráticos da autoridade competente
A ponte está catalogada como un ben protexido por Patrimonio
O Concello do Rosal rematouo arranxo da ponte do Urgal, unha ponte situada no río Carballas que amosaba un importante deterioro dende hai tempo e que estaba pendente de recuperación tras solicitar os permisos necesarios á autoridade competente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Despois da mediación do Goberno e ao estar a ponte considerada como un ben protexido por parte de Patrimonio, a semana pasada a Confederación Hidrográfica concedeu a autorización soamente para a reposición das pedras caídas, xa que ao considerarse zona inundable non se obtén permiso nin para a remodelación nin para a mellora da zona.
Con esta actuación dáse solución a un problema que afectaba dende hai tempo a esta ponte, cada vez máis deteriorada ao non poder acometer obras de mellora ou reposición. Dende o Concello quérese poñer en valor o traballo dos operarios municipais, que están a facer un gran labor tamén non ámbito de vías e obras.
Concello de O Rosal
Comezan as obras de acondicionamento do acceso ao aparcamento Xulio Sexto
Pavimentarase un acceso rodado e outro peonil, executaranse as canalizacións de augas pluviais e as conducións eléctricas para dotar de iluminación a zona
O acceso a este aparcamento estivo pechado nas últimas datas debido a problemas técnicos na súa formulación inicial
O Concello do Rosal comezou as obras de acondicionamento e urbanización do acceso ao aparcamento Xulio Sexto, situado no núcleo urbano da vila. Trátanse de obras para a mellora da zona de entrada ao recinto, que permaneceu pechado nas últimas datas debido aos problemas técnicos derivados da formulación inicial do proxecto, creado no pasado mandato.
Durante os vindeiros días desenvolveranse os traballos para a pavimentación da entrada, creando un acceso rodado e outro peonil, ademais de executarse a canalización de augas pluviais e as condicións eléctricas necesarias para dotar de iluminación a zona. Todas estas actuacións teñen por obxectivo corrixir as deficiencias técnicas do proxecto inicial e paliar a problemática derivada do acondicionamento do aparcamento para que poida empregarse de forma normalizada, xa que ata o de agora non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao aparcamento.
O uso habitual do aparcamento Xulio Sexto permitirá ademais dotar as inmediacións da Praza do Calvario de maior espazo para o estacionamento de vehículos.
Este proxecto, elaborado pola área de Urbanismo do Concello do Rosal, conta con financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e coa autorización da sectorial de Estradas de Galicia.
Concello de O Rosal
|