|
Entra en funcionamento a área de preferencia peonil do concello de Tomiño
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas adxacentes á Praza do Seixo, o Concello contará cun sistema de cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico
O día 1 de agosto de 2020 entra en funcionamento a Área de Preferencia Peonil nas rúas do núcleo urbano do Seixo, con total prioridade para os peóns, e na que non se permitirá a circulación de vehículos, salvo os debidamente autorizados.
Tras as obras de recuperación do espazo público levadas a cabo nas rúas A Guarda e Avenida República Arxentina, o Concello contará cun sistema de cámaras de vídeo-vixilancia, con recoñecemento de matrículas, para o control do tráfico nas vías urbanas. Este sistema funcionará de forma centralizada, enviando todas as matrículas detectadas a un servidor central, que comprobará cada acceso na lista de vehículos autorizados, e xerará as infraccións correspondentes, en caso de non dispor de permiso.
Dentro das excepcións, atópanse as persoas residentes, propietarias de comercios ou usuarias de garaxes; vehículos de carga e descarga de mercadorías e gasoil; servizos de emerxencias, ambulancias, bombeiros, policía, taxis e bicicletas, entres outros.
Asemade, non se poderá estacionar na zona, salvo as persoas residentes, que disporán de 10 minutos para carga e descarga doméstica (carga e descarga de mercadorías, até 30 minutos).
Asemade, reforzarase a vixilancia das zonas azuis co obxecto de garantir a mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria.
O concelleiro de Tráfico e Seguridade, Ismael Troncoso, lembra que a cidadanía conta con tres estacionamentos municipais gratuítos, situados nas zonas próximas ao Seixo.
Tanto residentes como comerciantes, continúan tendo á súa disposición no Concello ou na da sede electrónica (tomino.gal), un modelo de solicitude para a autorización de acceso á zona restrinxida.
As obras de recuperación do espazo público levadas a cabo no núcleo do Seixo, cun investimento total de 670.000 euros (500.000 do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra), estanse a rematar nestas semanas na rúa Colón, que tamén será peonil.
Tomiño investe 205.000 euros na mellora do campo de fútbol do Regatiño
Instalarase un céspede artificial de nova xeración que ofrece unha maior resistencia ao desgaste e reduce custes de mantemento
Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, que reducirá o impacto e dará unha vida útil máis longa á herba artificial
O Concello de Tomiño levará a cabo obras de mellora no Campo de Fútbol O Regatiño, de Goián, por valor de 205.000 euros.
O investimento foi aprobado no último pleno ordinario, celebrado o 23 de xullo, coma unha das partidas principais do Expediente de modificación de créditos Nº 05/20.
A Concellaría de Deportes, que dirixe Fran Campo, planea a reforma do campo co fin de dotar á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para a práctica do fútbol e ademais, que posibilite o emprego intensivo da cancha e cun fácil mantemento. O concelleiro estivo en contacto coa directiva do club dende hai tempo co fin de que as obras respondesen ás necesidades do colectivo.
O campo do Regatiño, localizado na Avenida Brasil esquina Avenida Pío Troncoso na parroquia de Goián, ten unha superficie de 9.600 m² dotada de céspede artificial, que na actualidade presenta un importante deterioro, coa existencia de amplas zonas nas que a fibra ten unha lonxitude mínima ou se atopa totalmente esmagada.
Esta situación produce un deficiente uso da instalación, xa que se produce un bote irregular da pelota, e afecta a evolución dos xogadores, modificando as condicións de agarre ao terreo do calzado deportivo, o que pode provocarlles lesións musculares e articulares.
Por outra parte, nas gradas existen dúas fileiras de bancos plásticos para uso dos afeccionados, nas que é necesario repoñer ou substituír algúns elementos.
A finalidade dos traballos é mellorar o equipamento deportivo municipal coa instalación dun céspede artificial de nova xeración, acorde coa evolución técnica deste tipo de produtos deportivos, que ofrecen unha maior resistencia ao desgaste e reducen custes de mantemento.
Asemade, colocarase unha capa amortiguadora de caucho, o que reducirá o impacto dos xogadores e xogadoras ao caer ao solo, e fará que a herba artificial teña unha vida útil máis longa.
Por outra banda, procederase á reposición dos bancos ausentes e a substitución dos que se atopan deteriorados, o que repercutirá na comodidade dos afeccionados.
A Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso aberto para obter ou renovar a licencia de navegación
A acción formativa terá unha parte teórica e outra práctica, que se impartirán no Espazo Fortaleza de Goián e río Miño, contando cun pantalán e unha embarcación adaptada para as persoas con problemas de mobilidade
O sábado, 1 de agosto, pola mañá, a Federación Galega de Motonáutica, impartirá coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación.
Carlos Estévez, vocal da federación, e Marcos Casaleiro, colaborador, mantiveron este mediodía unha reunión co concelleiro de Deportes, Fran Campo, para ultimar os detalles da acción formativa teórico-práctica, que terá lugar na contorna do Espazo Fortaleza, de Goián, e no río Miño, utilizando para as prácticas o pantalán adaptado existente na zona.
Ata o momento hai unhas vinte persoas apuntadas, e mañá (30 de xullo) é o último día para inscribirse, podendo participar tamén persoas con dificultades de mobilidade, xa que se contará cunha embarcación adaptada.
O pasado día 4 de xullo, impartiuse outro curso das mesmas características en Goián, coa participación de 27 persoas.
Para máis información e inscricións, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org
Tomiño esixirá á Consellería de sanidade que repoña o médico do consultorio de Goián
No último pleno o Grupo Local do BNG presentou unha moción sobre o tema, que foi aprobada por unanimidade
O Concello de Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que, de xeito inmediato, repoña o servizo médico do consultorio de Goián, suspendido por mor da pandemia do coronavirus, sen que se repuxera despois do levantamento do Estado de Alarma.
Aclaran os nacionalistas que durante a crise do COVID, "a Xunta decidiu pechar o consultorio de Goián e trasladar o seu servizo ao Centro de Saúde, e ata o día de hoxe non foi reposto o servizo, e a única comunicación realizada ao Concello é que están á espera de cubrir a praza do médico de Goián (o anterior xubilouse) en setembro para retomar o servizo, o que está a xerar certas dúbidas entre a veciñanza".
No referido á localización do servizo, a moción explica que en 2008 o consultorio mudouse, con autorización do Sergas, á casa reitoral, para o cal foi necesario asinar un contrato co Bispado Tui-Vigo; e aclara que a superficie era maior que a do anterior local e melloraba as condicións para a permanencia do servizo.
Asemade, Tomiño esixirá á Xunta de Galicia que garanta a substitución en vacacións do persoal médico e administrativo do Centro de Saúde de Tomiño. O goberno local está convencido -tal coma manifesta a moción do BNG- de que os únicos responsables desta situación son o PP e a Xunta, que fan o mesmo cada verán. Esixirá polo mesmo, que o conselleiro de Sanidade reciba aos alcaldes e alcaldesas da comarca, para xuntos analizar a situación actual, trasladando ao mesmo tempo a moción aprobada en pleno por unanimidade, á Consellería de Sanidade, ao SERGAS e ao Parlamento de Galiza.
Por outra banda, para o BNG a falta de persoal carrexa enormes problemas aos usuarios e usuarias, que ven minguado un servizo tan importante coma a atención primaria, "xa que a actual situación supón o incremento do número de pacientes por médico, sobrecargando o servizo e atrasando a concesión das citas para consulta".
Aclaran na moción que a situación non é algo illado, senón que se repite nos municipios da comarca, polo que con data 9 de outubro do ano pasado, os rexedores solicitaron cita co conselleiro de Sanidade, que aínda non foi concedida.
Tomiño adhírese á rede Ágora de Concellos polo Espazo Público
A decisión tomouse por unanimidade durante o último pleno ordinario
A iniciativa promovida pola Deputación, é unha acción xurdida do departamento de Mobilidade, que dirixe Uxío Benítez
O goberno local de Tomiño adherirase á Rede Ágora, da que forman parte unha serie de concellos que teñen entre as súas prioridades a revalorización do espazo público para disfrute da veciñanza.
A decisión tomouse durante o último pleno de carácter ordinario, celebrado o día 23 de xullo pasado.
Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.
Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.
Os concellos que formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais.
O obxectivo é que de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclabeis.
Ágora está promovido e coordinado pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos, dirixida por Uxío Benítez, tamén membro do goberno de Tomiño.
Todos os concellos da provincia de Pontevedra que o desexen, poden sumarse a Ágora, formando parte dunha rede de traballo, intercambio de experiencias e información, e liñas de acción común cara á revalorización dos espazos público. A participación é totalmente gratuíta.
A Deputación de Pontevedra vén destacándose coma unha administración referente a nivel estatal, no que respecta á recuperación do espazo público nas súas actuacións na rede viaria provincial.
Iniciativas coma o Decálogo de Criterios de Intervencións nas Estradas Provinciais, o Plan Movese, a Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, as subvencións aos concellos para elaboración de Camiños Escolares, etc., conforman as liñas de traballo previo, que agora queren consolidarse exportándose aos concellos, a través dunha rede estable de traballo municipal.
Cerveira e Tomiño presentan unha guía para a promoción conxunta do sector da flor e planta ornamental
A alcaldesa de Tomiño e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira mantiveron esta mañá unha reunión de traballo con representantes das asociacións profesionais acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN), na que se presentou a publicación
Os rexedores locais dos concellos de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente, aproveitaron unha reunión de traballo con representantes de asociacións do sector da agricultura de ambos países, para presentar a Guía para a Promoción do Sector Agrario: Flor e planta ornamental", un dos resultados do traballo de dinamización económica transfronteiriza impulsado pola Axenda Estratéxica de Cooperación da Eurocidade.
A edición da devandita guía culmina varias iniciativas de traballo conxunto dos dous concellos, con participación de empresas e centros educativos de ambos os dous lados da fronteira galego-portuguesa do Río Miño. Así, na Mostra de Cultivos do Baixo Miño de 2019 celebrouse un encontro transfronteirizo sobre formación e emprego que reuniu, canda socios de acuBam e APPPFN, o IES Antón Alonso Ríos e a Escola Agraria de Ponte de Lima. Posteriormente, o pasado mes de Setembro, 30 empresas da península e doutros tres países europeos (Reino Unido, Bélxica e Franza) participaron dunha Misión Comercial inversa que explorou posibilidades de negocio e de proxección exterior co tecido produtivo transfronteirizo.
A publicación (cuxa publicación estaba prevista inicialmente para a Mostra de Cultivos 2020, que por mor da crise do coronavirus tivo que suspenderse), recolle as conclusións destas actividades e información básica tanto sobre a dimensión do sector no Baixo Miño e no norte de Portugal como sobre os centros educativos e titulacións relacionados coa agricultura no territorio da Eurorrexión. A guía, dispoñible para descarga en https://eurocidadecerveiratomino.eu/economia, informa tamén de eventos como a Mostra de Cultivos do Baixo Miño ou a Lusoflora e dá conta dos esforzos pola innovación das empresas implicadas neste sector produtivo.
Finalmente, un capítulo resume retos e compromisos do sector agrario para un desenvolvemento sostible en base aos 17 Obxectivos establecidos pola ONU neste ámbito. A Guía péchase cun directorio de empresas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a colaboración das asociacións profesionais e expresou o seu desexo de que nas actuais circunstancias de crise sociosanitaria, a guía poida ser útil para impulsar a recuperación da economía na que o sector agrícola vencellado ao viveirismo, a hortofroticultura e a flor cortada ocupa un lugar primordial. " É importantísima a labor que estades desempeñando para xerar esa sinerxia de coñecemento mutuo tan necesaria para mellorar, sobre todo, neste momento fundamental para o desenvolvemento sostible do sector".
Fernando Nogueira, pola súa banda, felicitou tamén ás dúas asociacións implicadas no proxecto, salientando a importancia do mantemento e ornamentación dos espazos verdes. "Para nós, o desenvolvemento económico debe basearse na complementariedade e non se pode entender sen a colaboración entre institucións públicas, axentes económicos e sociais. Por iso, contar con asociacións profesionais activas e eficaces, como acuBam (Asociacións de Cultivos do Baixo Miño) ou a Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) é unha garantía para o futuro económico da Eurocidade", explicou.
O proxecto Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño está cofinanciada ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Dato do sector, incluídos na guía:
Sector da planta ornamental e flor cortada no Baixo Miño:
Existen 1.103 explotacións dedicadas á produción de horta e flor cortada no Baixo Miño, cunha superficie mínima de 500m2 cada unha. Delas, 721 son hortícolas, 244 producen flor cortada; 72 son mixtas e 37 producen planta ornamental.
O 53% das explotacións hortícolas e o 21% das de flor cortada, declaran superficies de cultivo ao aire libre. A asociación de produtores é a canle de comercialización máis empregada e abarca o 23%.
Séguenlle en importancia as cadeas de distribución (18%) e a venda directa (17%).
Segundo o Mapa de Cultivos, o sector da flor e da planta ornamental en Galicia, representa o 8,41% da produción final agraria, e está especialmente concentrado nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Máis do 30% dos produtores de planta ornamental dedícanse á exportación a fóra de Galicia.
Máis datos, na propia guía, que enviamos en formato pdf.
|