|
O Rosal aproba a licitación do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución para a remodelación da Praza do Calvario
Primeiros pasos para a reforma integral do núcleo urbano
As empresas interesadas terán 15 días naturais para presentar as súas propostas desde a súa publicación. O proxecto redactarase tendo en conta a participación veciñal
O Concello do Rosal aprobou este xoves en xunta de goberno a licitación do contrato para a redacción do proxecto construtivo, básico e de execución para a remodelación da Praza do Calvario. Danse así os primeiros pasos para unha remodelación integral deste núcleo urbano coa que se busca recuperar espazos públicos de calidade para veciñanza.
As empresas interesadas terán 15 días naturais para presentar as súas propostas desde a súa publicación este mesmo venres. Pasado este prazo, e tras a adxudicación, a empresa elixida terá cinco meses para a redacción do proxecto básico. Para a elaboración deste proxecto o equipo de Goberno vai contar coa veciñanza, ás que se lle dará voz a través dun proceso participativo para que sexa a propia sociedade civil a que opine, faga suxestións... sobre o futuro da praza.
A Praza do Calvario representa o centro social e administrativo do Rosal e está baixo afectación e protección da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que calquera actuación debe contar co seu visto e prace. Ademais, no proxecto de reforma debe conservarse o uso polivalente da praza, pero cun marcado carácter peonil servindo de espazo de convivencia e lecer da veciñanza, incrementando o dinamismo comercial da zona e garantindo o acceso a residentes e carga e descarga dos establecementos comerciais.
O proxecto final presentado deberá de dotar de identidade a zona, reforzando o espazo como punto de revitalización urbana e comercial da contorna, propoñer novos usos e actividades que dinamicen a zona. Na reurbanización deberanse usar materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e melloraranse as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da Praza e a súa contorna.
Concello de O Rosal
O Rosal súmase á Rede de Concellos Ágora polo espazo público
Aprobouse no pleno celebrado este xoves no Centro Social Polivalente
Tamén se deu luz verde á modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal que permitirá afrontar novos retos de futuro
O Rosal aprobou este xoves en pleno ordinario a súa adhesión á Rede de Concellos Ágora, unha rede de acción institucional entre concellos e Deputación de Pontevedra que ten como prioridade a revalorización do espazo público e a súa recuperación para o desfrute da veciñanza. O obxectivo desta rede é que, de aquí a xuño de 2023, os Concellos Ágora incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclables. "Continuamos a dar pasos cara unha transformación do Rosal en termos de mobilidade, implicándonos en proxectos que buscan devolverlle a prioridade á veciñanza e recuperar espazos para as persoas", salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Trátase dunha rede estable de traballo promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra, a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos. Baséase no principio de considerar o espazo público de calidade como un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación que as administracións deben garantir, colocando ás persoas primeiro e avogando por unha mobilidade inclusiva na que nenos e nenas, persoas maiores e persoas con diversidade funcional teñan prioridade.
Os Concellos Ágora tamén se comprometen a promover a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais e itinerarios peonís e ciclables no ámbito rururbano e interurbano, incentivando políticas de calmado de tráfico, reducindo a presenza de vehículos e creando espazos públicos amables e de calidade. Estes espazos servirán ao mesmo tempo para o fomento do comercio local e os concellos deberán promover nestes espazos recuperados actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer que sirvan tamén como recurso turístico.
Durante este pleno tamén se aprobou unha modificación de crédito para a reestruturación do orzamento municipal co obxectivo de afrontar novos proxectos de futuro, como o ecoparque de Viso dos Eidos e Martín. Con esta reestruturación o Concello do Rosal contará co financiamento para poder licitar este proxecto. O equipo de Goberno fomentará a participación cidadá presentando o proxecto en exposición pública á veciñanza de Viso dos Eidos e Martín para recoller as súas apreciacións, suxestións... Na orde do día do pleno tamén se incluía a modificación de representantes do goberno municipal.
Concello de O Rosal
A unidade móbil de doazóns de sangue estará no Rosal o vindeiro xoves 6 de agosto
Atenderá na Praza do Calvario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. As persoas interesadas en doar deberán pedir cita previa no 900 100 828
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal o vindeiro xoves 6 de agosto. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para preservar a saúde de todos e todas e garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.
En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos...
Concello de O Rosal
'Ponte na súa pel' para concienciar sobre igualdade e prevención de violencia de xénero
O Concello do Rosal pon en marcha este ciclo con cinco charlas dirixidas a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de pais e nais, familias, asociacións culturais e público en xeral
As charlas serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo
O Concello do Rosal pon en marcha unha nova campaña para concienciar aos rosaleiros e rosaleiras sobre igualdade e violencia de xénero. Trátase do ciclo de charlas formativas 'Ponte na súa pel', cinco conferencias impartidas por persoal cualificado en violencia de xénero coas que concienciar, asesorar e informar sobre cuestións de igualdade a comerciantes, clubs deportivos, profesorado, alumnado, asociacións de nais e pais, familias ou asociacións culturais, así como ao público xeral. Esta actividade conta co financiamento do Ministerio de la Presidencia, Relacións con las Cortes e Igualdad a través da Secretaría de Estado de Igualdad para el Fondo de Estado contra la Violencia de Género.
As charlas celebraranse os vindeiros 3, 4, 5 e 6 de agosto a partir das 20.30 horas no xardín posterior do Concello ou no salón de plenos, xa que unha das xornadas celebraranse dúas conferencias de forma simultánea. Todas as conferencias serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
Programa
A actividade comezará o vindeiro luns 3 de agosto coa charla dirixida a profesorado e profesionais da educación, na que se abordarán aspectos como a inclusión da igualdade no proxecto educativo dos centros, nas programacións curriculares e na asignación de responsabilidades e espazos. Nela axudarase ao profesorado a seleccionar materiais, libros, recursos e proxectos educativos non sexistas e daranse as chaves para fomentar na aula e fóra dela xogos e xoguetes neutros, cooperativos e compartidos, así como para establecer patios coeducativos. Tamén se falará sobre a identificación e comunicación de situacións de risco, da actuación inmediata, das medidas de urxencia e da comunicación á familia e traslado a profesionais especializados.
O martes 4 de agosto o público serán familias, asociacións de nais e pais e alumnado, cos que se falará de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista, do fomento do respecto e bo trato ou das redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se lles darán ferramentas para como actuar en caso de ser conscientes dun caso de violencia de xénero e se lles achegará aos servizo de seguridade e asistencia aos que poder acudir.
O mércores 5 de agosto haberá charla dobre. Por un lado unha dirixida a asociacións culturais e veciñais na que se informará a todas as persoas asistentes de campañas libres de discriminación, do uso de linguaxe non sexista en cartelería e folletos ou do uso de redes sociais concienciadas coa igualdade, entre outros aspectos. Tamén se formará en como actuar se son conscientes dun caso de violencia de xénero nas súas instalacións ou no ámbito veciñal.
Na actividade dirixida a clubs e asociacións deportivas abordaranse aspectos como o respecto e o bo trato a adestradoras e arbitraxe e daranse as ferramentas necesarias para actuar en caso de detectar un caso de violencia nas súas instalacións.
A derradeira charla será o xoves 6 de agosto e estará dirixida ao comercio e á empresa. Coas persoas participantes falarase das campañas de comercio local libres de discriminación, da linguaxe non sexista en cartelería e folletos, de certames e premios igualitarias ou de redes sociais concienciadas coa igualdade. Tamén se formará as persoas de comercio e hostalaría en como actuar ao detectar un caso de violencia nos seus establecementos, dando a coñecer os servizos de seguridade e asistenciais aos que poden acudir.
Concello de O Rosal
O Rosal reformará integramente o seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro
A renovación terá un custe de máis de 207.000€ que irán a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de Agader e de financiamento propio
O mercado contará con carnicería, peixaría, dúas froiterías e novos espazos para a venda e promoción de produtos locais
O Concello do Rosal iniciará este ano a reforma íntegra do seu mercado para convertelo nun espazo vivo e con futuro co que fomentar a compra de produto local de proximidade, promover actuacións que fagan o comercio local máis atractivo e competitivo e dinamizar o núcleo urbano económica e socialmente. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, presentou este martes á veciñanza o proxecto de renovación da praza de abastos, que na primeira fase terá un custe de máis de 207.000 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e financiamento propio.
"Este novo proxecto, enmarcado no plan de desenvolvemento local, é unha aposta do Concello polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do núcleo urbano. Queremos que o Mercado se converta nun polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza", explicou a rexedora.
As obras desta primeira fase incluirán a reforma do actual edificio do mercado, construído en 1954. A renovación exterior consistirá na reparación de deficiencias e de elementos deteriorados na cuberta, mentres que no interior farase unha reforma xeral para dar unha nova vida ao mercado, reciclar o seu interior e adaptado ás necesidades actuais, humanizando o espazo, facéndoo máis confortable e atractivo tanto para os comerciantes que vexan nel un recinto de oportunidade como para as persoas usuarias.
O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e despacho de pan. Tamén se engadirán novos espazos para venda e promoción de produtos locais.
Esta reforma íntegra do mercado non se limitará a unha mellora arquitectónica do edificio, senón que irá acompañada dun traballo de formación e apoio aos actuais praceiros e praceiras para adaptarse ás novas demandas dos clientes. Buscarase ademais un cambio de concepción do mercado para transformalo en punto de encontro da poboación e de distribución dos produtos de calidade e da zona pero tamén nun lugar no que teñan cabida actividades como degustacións, formación gastronómica e actividades culturais e sociais.
Proceso participativ o
Para a reforma da praza de abastos a empresa Rural Consulting elaborou un Plan de usos a través dun proceso participativo no que se realizaron diferentes entrevistas e xuntanzas con praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e persoas usuarias do mercado. Danse así os primeiros pasos para converter a praza nun mercado de excelencia, un selo posto en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia que busca a modernización dos mercados galegos e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade á veciñanza e o trato personalizado.
Chao Quintana, de Rural Consulting, expuxo á veciñanza un resumo do deseño realizado para a renovación do mercado a partir das necesidades detectadas na actual praza de abastos e das suxestións recollidas nas diferentes entrevistas e xuntanzas. Cada vez son máis as persoas que buscan unha alimentación saudable, natural, próxima, sostible e fácil de consumir e, segundo esta experta, os mercados municipais deben aproveitar estas novas tendencias e convertelas en oportunidades de negocio, ofrecendo calidade e proximidade, dúas das razóns que a clientela valora máis á hora de decidirse por este tipo de establecementos. "A situación central do edificio, a súa arquitectura e a identidade do Rosal como territorio de produción e transformación agroalimentaria fan da praza de abastos unha candidata ideal para converterse nun escaparate dos produtos locais", sinalou.
Concello de O Rosal
|